Grupo Manifiesto Historia a Debate


 Manifiesto de Historia a Debate


MANIFESTO DE HISTORIA A DEBATE *

Logo de oito anos de contactos, reflexións e debates, a través de congresos, enquisas e ultimamente Internet, sentimos a urxencia de explicitar e actualizar a nosa posición en diálogo crítico con outras correntes historiográficas, así mesmo, desenvolvidas na derradeira década do seculo XX: (1) o continuismo dos anos 60-70, (2) o posmodernismo, e (3) o retorno á vella historia, a última “novidade” historiográfica.

Estamos vivindo unha transición histórica e historiográfica de resultados aínda incertos. Historia a Debate como tendencia historiográfica quere contribuír á configuración dun paradigma común e plural dos historiadores do século XXI  que asegure para a historia e a súa escritura unha nova primavera. A tal fin elaboramos dezaoito propostas metodolóxicas, historiográficas e epistemolóxicas, que presentamos ós historiadores e ás historiadoras do mundo para o seu debate e, no seu caso, adhesión crítica e posterior desenvolvemento.       

METODOLOXÍA

I
Ciencia con suxeito

Nin a historia obxectivista de Ranke, nin a historia subxectivista da posmodernidade: unha ciencia con suxeito humano que descobre o pasado conforme o constrúe.

Tomar en consideración as dúas subxectividades que inflúen no noso proceso de coñecemento, axentes históricos e historiadores, é a mellor garantía da obxectividade dos seus resultados, necesariamente relativos e plurais, polo tanto rigurosos.

Chegou a hora de que a historia poña ó día o su concepto de ciencia, abandonando o obxectivismo inxenuo herdado do positivismo do século XIX, sen caer no radical subxectivismo resucitado pola corrente posmoderna a finais do século XX.

A crecente confluencia entre as “dúas culturas”, científica e humanística, facilitará no século que comeza a doble redefinición da historia, como ciencia social e como parte das humanidades, que precisamos. 

II
Nova erudición       

Somos partidarios dunha nova erudición que amplíe o concepto de fonte histórica á documentación non estatal, ós restos non escritos de tipo material, oral ou iconográfico, ás non-fontes: silencios, erros e lagoas que o historiador e a historiadora han valorar procurando tamén a obxectividade na pluralidade das fontes.

Unha nova erudición que se apoie con decisión no coñecemento non baseado en fontes que achegue o investigador. A historia faise con ideas, hipóteses, explicacións e interpretacións, que nos axudan ademais a construír/descubrir as fontes.

Unha nova erudición que vaia alén da historiografia renovadora dos anos 60 e 70 incorporando a nova relación coas fontes achegadas pola historia das mulleres, a historia oral, a historia ecolóxica, a historia mundial/global e outras novidades productivas xurdidas ou desenvolvidas nos anos 80 e 90, así coma a “nova historiografía” que está nacendo en Internet e da que formamos parte.

Unha nova erudición que, recoñecendo que o necesario traballo empírico non decide a verdade histórica máis que a través das comunidades de historiadores, desenvolva o debate e o consenso en ámbitos colectivos.

Unha nova erudición, en suma, que nos permita vencer o “xiro positivista” e conservador ó que nos conduciu, recentemente, a crise das grandes escolas historiográficas do pasado século, e que ameaza con devolver a nosa disciplina ó século XIX.

III
Recuperar a innovación     

Urxe un novo paradigma que recobre o prestixio académico e social da innovación nos métodos e dos temas, nas preguntas e nas respostas, en resumo, na orixinalidade das investigacións históricas. Unha nova historiografía que mire cara adiante e que lle devolva ó oficio de historiador o entusiasmo pola renovación e polos compromisos historiográficos.

Agromarán novas liñas de investigación se pensamos coa nosa propia cabeza: considerando que nada histórico é alleo a nós; avanzando mediante a mestizaxe e a converxencia dos métodos e dos xéneros; enchendo os odres vellos con viño novo, desde a biografía ata a microhistoria; prestando atención ás necesidades científicas e culturais, sociais e políticas, dunha sociedade suxeita a unha profunda transformación.

A historiografía do século XXI precisa da ilusión e da realidade de enfoques autenticamente innovadores se non quere quedar convertida, como a muller de Lot, nunha estatua de sal.

IV
Interdisciplina

A nova historiografía que propoñemos ten que acrecentar a interdisciplinariedade da historia, pero de maneira equilibrada: cara dentro da ampla e diversa comunidade de historiadores, reforzando a unidade disciplinar e científica da historia profesional; e cara fóra, extendendo o campo das alianzas máis acá e más alá das ciencias sociais clásicas.

É preciso tender pontes que comuniquen o vasto arquipélago en que se convertíu a nosa disciplina nas últimas décadas. Ó mesmo tempo, a historia ten que intercambiar métodos,  técnicas e enfoques, ademais de coas ciencias sociais, coa literatura e coa filosofía (da historia e da ciencia, sobre todo), polo lado das humanidades, e coas ciencias da natureza, polo lado das ciencias. Sen esquecer as disciplinas emerxentes que tratan das novas tecnoloxías e do seu impacto transformador na sociedade, a cultura, a política e a comunicación.

Aprendendo de experiencias pasadas, tres son os camiños que hai que eludir, na nosa opinión, para que a interdisciplinariedade enriqueza á historia: 1) perseguir unha imposible “ciencia social unificada” arrededor de calquera outra disciplina, sen menoscabo do máximo desenvolvemento interdisciplinar tanto individual como colectivo; 2) facer do diálogo historia-ciencias sociais a receita máxica da “crise da historia”, que nós entendemos como cambio de paradigmas; 3) diluír a historia en tal ou cal disciplina exitosa, como propoñen hoxe en día os narrativistas extremos en relación coa literatura.

V
Contra a fragmentación

O fracaso da “historia total” dos anos 60 e 70 abríu a vía a unha fulgurante fragmentación de temas, métodos e escolas, acompañada de crecemento e caos epistemolóxico, que pareceu deterse nos anos 90 e resulta cada vez más anacrónica no mundo que vén, baseado na interrelación e a comunicación global.

A nosa alternativa é avanzar, na práctica historiográfica, novas formas de globalidade que fagan converxer a investigación histórica atravesando espacios, xéneros e niveis de análise.

Para facer posible unha historia a secas, integral, hai que experimentar, pois, iniciativas de investigación que adopten o global coma punto de partida, e non coma “horizonte utópico”: liñas mixtas de estudio en canto a fontes e temas, métodos e especialidades; incorporación á historia xeral dos paradigmas especializados máis innovadores; combinar enfoques cualitativos e cuantitativos; artellar temporalidades (que engloben presente e futuro) e escalas diversas; pescudar a globalidade a través de conceptos e métodos, aínda potencialmente achegadores, coma mentalidade e civilización, sociedade, rede e cambio social, narración e comparación, e crear outros novos; esculcar na historia mundial coma nunha nova fronte da historia global; servirse das novas tecnoloxías para traballar á vez con escritos, voces e imaxes, xuntando investigación e divulgación; impulsar a reflexión e o debate, a metodoloxía e a historiografía, como terreo común a tódalas especialidades históricas e punto de contacto con outras disciplinas. 

HISTORIOGRAFÍA

VI
Tarefa historiográfica

Sabendo como sabemos que o suxeito inflúe nos resultados da investigación, plantéxase a necesidade de indagar ó propio historiador en pro da obxectividade histórica. ¿Como? Procurando integrar os individuos en grupos, escolas e tendencias historiográficas, implícitas e explícitas, que condicionan, quéirase ou non, a evolución interna da historia escrita. Estudiando ós historiadores e ás historiadoras polo que fan, non só polo que din; pola súa producción, non só polo seu discurso. Aplicando, con matices, tres conceptos clave da historia da ciencia pospositivista: o ‘paradigma’ coma conxunto de valores compartidos; a “revolución científica” como ruptura e continuidade disciplinar; a ‘comunidade de especialistas’ polo seu poder decisorio, a súa vez condicionada polo entorno social, mental e político. Practicando, en conclusión, unha historiografía inmediata que procure ir por diante dos acontecementos históricos que inciden nos cambios historiográficos que estamos vivindo.

VII
Historiografía global

O esgotamento dos focos nacionais de renovación do século XX deu un paso a unha descentralización historiográfica inédita, impulsada pola globalización da información e o saber académico e superadora do vello eurocentrismo. A iniciativa historiográfica está hoxe máis o alcance de todos. O auxe, por exemplo, dunha historiografía latina crítica e dunha historiografía poscolonial, demóstrano. As comunidades transnacionais de historiadores, organizadas en Internet, xogan a un papel importante na formación de novos consensos en detrimento do anterior sistema de dependencia dunhas historiografías nacionais doutras e de intercambios académicos elitistas, xerárquicos e lentos.

Non entendemos a globalización historiográfica como un proceso uniformador, pensamos e exercemos a historia, e a historia da historia, como docentes e investigadores, en diferentes ámbitos superpostos e interrelacionados: local, rexional, nacional, continental e internacional/global. 

VIII
Autonomía do historiador

Conforme os proxectos colectivos do século XX foron entrando en decadencia, sen ser aínda reemprazados por un novo paradigma común, medrando de maneira esaxerada a influencia do mercado editorial, dos grandes medios de comunicación e das institucións políticas, na escritura da historia, na elección de temas e métodos, na formulación de hipóteses e conclusións, cun sentido cada vez máis evidente de promoción da vella historia dos “grandes homes”.

Recuperar a autonomía crítica dos historiadores e das historiadoras respecto dos poderes establecidos para decidir o cómo, o qué e o por qué da investigación histórica, esíxenos: reconstruír tendencias, asociacións e comunidades que xiren sobre proxectos historiográficos, máis alá das convencionais áreas académicas; utilizar Internet como medio democrático e alternativo de comunicación, publicación e difusión de propostas e investigacións; observar a evolución da historia inmediata, sen caer no presentismo, para captar as necesidades historiográficas, presentes e futuras, da sociedade civil local e global. 

IX
Recoñecer tendencias

A vía máis nociva para impor a propia tendencia historiográfica, normalmente conservadora, é negar que existan ou que deban existir tendencias historiográficas. O imaxinario individualista, os compartimentos académicos e as fronteiras nacionais, ocultan o que temos de común, moitas veces sen sabelo ou sen dicilo: por formación, lecturas, filiacións e actitudes. Somos partidarios e partidarias, en consecuencia, de sacar á luz as tendencias actuantes, máis ou menos latexantes, máis ou menos organizadas, para clarexar posicións, delimitar debates e facilitar consensos. Unha disciplina académica sen tendencias, discusión e autoreflexión, está suxeita a presións extra-académicas, con frecuencia negativas para o seu desenvolvemento. O compromiso historiográfico consciente fainos, polo tanto, libres fronte a terceiros, rompe o illamento persoal, corporativo e local, favorece o recoñecemento público e a utilidade científica e social do noso traballo profesional.

X
Herencia recibida
         

 Opoñémonos a facer tabula rasa da historia e da historiografía do século XX. O recente retorno da historia do século XIX fai útil e conveniente rememorar a crítica de que foi obxecto por parte de Annales, o marxismo e o neopositivismo, aínda xusto é recoñecer tamén que dito “gran retorno” pón en evidencia o fracaso parcial da revolución historiográfica do século XX que ditas tendencias protagonizaron. O imprescindible balance, crítico e autocrítico, das vangardas historiográficas non anula, por conseguinte, a súa actualidade como tradicións necesarias para a construcción do novo paradigma. Porque simbolizan o “espírito de escola” e a militancia historiográfica, así como o exemplo dunha historia profesional aberta ó novo e ó compromiso social, trazos primordiais que haberemos recuperar agora noutro contexto académico, social e político, cuns medios de comunicación moi superiores ós existentes nos anos 60 e 70 do xa pasado século. 

XI
Historiografía dixital

As novas tecnoloxías están revolucionando o acceso á bibliografía e ás fontes da historia; rebordando as limitacións do papel para a investigación e a publicación; posibilitando novas comunidades globais de historiadores. Internet é unha poderosa ferramenta contra a fragmentación o saber histórico se se utiliza de acordo coa súa identidade e posibilidades, isto é, coma unha forma interactiva de transmitir información instantánea de maneira horizontal a unha grande parte do mundo.

Segundo o noso criterio, a historiografía dixital debe seguir sendo complementada con libros e demais formas convencionais de investigación, difusión e intercambio académico, e viceversa. Este novo paradigma da comunicación social non vai reemplazar, en consecuencia, as actividades presenciais e as súas institucións seculares, pero formará parte dun xeito crecente da vida académica e social real.

A xeneralización de Internet no mundo universitario, e no conxunto da sociedade, así como a educación informática dos máis mozos irán impondo esta nova historiografía como factor relevante da inacabada transición paradigmática entre o século XX e o século XXI. 

XII
Relevo xeneracional

Na segunda década deste século terá lugar un considerable relevo xeracional no cadro de profesores e investigadores a causa da xubilación dos nacidos logo da II Guerra Mundial. ¿Suporá esta transición demográfica a consolidación dun cambio avanzado de paradigmas?  Non o podemos asegurar.

A xeración do 68 foi máis ben unha excepción. Entre os estudiantes universitarios actuais contemplamos parecida heteroxeneidade historiográfica e ideolóxica ca no resto da academia e da sociedade. Podemos atoparnos con  historiadores e historiadoras vellos que seguen a ser renovadores, e mozos con conceptos decimonónicos do oficio de historiador e da súa relación coa sociedade. A nosa responsabilidade como formadores de estudiantes que serán mañá profesores e investigadores é, a este respecto, capital. Nunca foi tan crucial continuar explicando a historia con enfoques avanzados -tamén pola súa autocrítica- desde o ensino primario e secundario ata os cursos de posgrao. A historia futura estará condicionada pola educación que reciben aquí e agora os historiadores futuros: os nosos alumnos. 

TEORÍA

XIII
Historia pensada

É esencial para o historiador pensar o tema, as fontes e os métodos, as preguntas e as respostas, o interese social e as implicacións teóricas, as conclusións e as consecuencias, dunha investigación.

Somos contrarios a unha “división do traballo” segundo a que a historia provee de datos e outras disciplinas reflexionan sobre eles (ou escriben relatos de ampla difusión). As comunidades de historiadores profesionais teñen que asumir a súa responsabilidade intelectual tratando de completar o ciclo dos estudios históricos, desde o traballo de arquivo ata a valoración e reivindicación do seu impacto nas ciencias sociais e humanas, na sociedade e na política.

A aprendizaxe dos estudiantes universitarios de historia en cuestións de metodoloxía, historiografía, filosofía da historia e outras disciplinas con base teórica, é o camiño para elevar a creatividade futura das investigacións históricas, subliñar o lugar da historia no sistema científico e cultural e fomentar novas e boas vocacións historiográficas.

A nosa meta é que o historiador que reflexione intelectualmente faga traballo empírico, e que o historiador que investiga con datos concretos pense con algunha profundidade sobre o que fai, obviando así a fatal disxuntiva dunha práctica (positivista) sen teoría ou dunha teoría (especulativa) sen práctica. Unha maior unidade da teoría e da práctica fará factible, polo demais, unha maior coherencia dos historiadores e das historiadoras, individual e colectivamente, entre o que se di, historiográficamente, e o que se fai, empiricamente.

XIV
Fins da historia

A aceleración histórica da última década reemplazou o debate sobre a “fin de a historia” polo debate sobre as “fins da historia”.

Asumindo que a historia non ten metas pre-establecidas e que, en 1989, deu comezo unha profunda viraxe histórica, cabe preguntarse, tamén desde a historia académica, a onde nos leva éste, quén o conduce, en favor de qué intereses e cáles son as alternativas.

O futuro está aberto. É responsabilidade dos historiadores e das historiadoras axudar a que os suxeitos da historia constrúan mundos futuros que garantan unha vida libre e pacífica, plena e creativa, ós homes e mulleres de tódalas razas e nacións.

As comunidades de historiadores han contribuír pois a construír unha “nova Ilustración” que, aprendendo dos erros da historia e da filosofía, pense teoricamente sobre o sentido do progreso que hoxe demanda a sociedade, asegurando ás grandes maiorías do Norte e do Sur, o Leste e Oeste, o disfrute humano e ecolóxico dos avances revolucionarios da medicina, a bioloxía, a tecnoloxía e as comunicacións.

 

SOCIEDADE

XV
Reivindicar a historia

O primeiro compromiso político dos historiadores debería ser reivindicar, ante a sociedade e o poder, a función ética da historia, das humanidades e das ciencias sociais, na educación dos cidadáns e na formación das conciencias comunitarias.

A historia profesional ha de combatir aquelas concepcións provincianas e neoliberais que aínda pretenden confrontar técnica con cultura, economía con sociedade, presente con pasado, pasado con futuro.

Os efectos máis notorios das políticas públicas de desvaloración social da historia son a falta de saídas profesionais, o descenso das vocacións e os obstáculos á continuidade xeracional. As comunidades de historiadores debemos aceptar como propios os problemas laborais dos mozos que estudian e queren ser historiadores, cooperando na busca dunhas solucións que pasan pola revalorización do oficio de historiador e das súas condicións de traballo e de vida, no marco da defensa e desenvolvemento da función pública da educación, a universidade e a investigación.

 

XVI
Compromiso


En tempos de paradóxicos “retornos”, queremos constatar e alentar a “volta ó compromiso” de numerosos académicos, tamén historiadores, en diversos lugares do mundo coas causas sociais e políticas vencelladas á defensa de valores universais de educación e saúde, xustiza e igualdade, paz e democracia. Actitudes solidarias indispensables para contrarrestar outros compromisos académicos cos grandes poderes económicos e políticos, mediáticos e editoriais. Contrapeso vital, polo tanto, para conxurar unha virtual escisión da escritura académica da historia respecto das maiorías sociais que financian coas súas taxas a nosa actividade docente e investigadora.

O novo compromiso que preconizamos é diverso, crítico e con arelas de futuro. O historiador e a historiadora deben combatir, desde a verdade que coñecemos, aqueles mitos que manipulan a historia e fomentan o racismo, a intolerancia e a explotación de clase, xénero, etnia.  Resistindo, desde o coñecemento o pasado, os futuros indesexables. Cooperando, e rivalizando, con outros científicos sociais e humanistas, na construcción de mundos historicamente mellores, coma profesionais da historia, pero tamén coma ciudadáns.

A relación do historiador coa realidade que nos rodea pasa pola súa análise nun contexto temporal continuo. Se se acepta que a obxectividade da ciencia da historia é inseparable da subxectividade (plural) do historiador, debemos concluír que non existen grandes diferencias cualitativas entre unha historia inmediata e unha historia mediata, entre unha historia máis contemporánea e unha historia más antiga. Todo é historia, se ben cando máis nos distanciamos do actual maior é a carga que recae sobre nós, historiadores, por ausencia das disciplinas máis presentistas.

 XVII
Presente e futuro

O noso obxecto de estudio (homes, mulleres e medio natural humanizado) está evidentemente no pasado, pero nós estamos no presente, e estes presentes están preñados de futuros. O historiador non pode escribir con rigor a historia á marxe do tempo vivido, e do seu fluír permanente.

Contemplamos varios niveis na relación do historiador coa inmediatez histórica: compromiso social e político, tema de investigación, historiografía de intervención ou criterio metodolóxico xeral para a investigación. Hai medio século que os fundadores da escola de Annales o formularon: “comprender o pasado polo presente, comprender o presente polo pasado”. Hoxe é preciso, ademais, poñer o mesmo énfase na interrelación pasado/futuro.

A caída das filosofías finalistas da historia, sexan socialistas sexan capitalistas, puxo de relevo un futuro máis aberto que nunca. O historiador debe asumir un papel na súa definición coas súas experiencias e argumentos históricos, con hipóteses e apostas desde a historia. Edificar o futuro sen contar coa historia condenariamonos a repetir os seus erros, a resignarnos co mal menor ou a edificar castelos no ar. 

XVIII
Novo paradigma

A historiografía depende dos historiadores e da historia inmediata. O cambio de paradigmas historiográficos que vimos propondo, desde 1993, cabalga sobre os cambios históricos acelerados iniciados en 1989. Entre decembro de 1999 (Seattle) e xullo de 2001 (Xénova) observado os comezos dun movemento global sen precedentes, contra os estragos da globalización, que busca xa alternativas de sociedade: o pensamento único é agora menos único. Son moitos os que califican de cambio de civilización a globalización e os seus críticos, a sociedade da información, a nova revolución científico-tecnológica e o movemento social global: non é fácil entrever o que nos depara o mañá pero hai razóns para a esperanza. Todos debemos colaborar.

Historia a Debate é parte activa deste proceso transformador: queremos cambiar a historia que se escribe e axudar a cambiar a historia humana. Segundo evolucione o debate historiográfico, e a historia máis inmediata, as nosas propostas recibirán máis ou menos consenso académico, variaremolas ou non segundo interese, se ben hai plantexamentos que, aínda sendo polo momento minoritarios, parécennos ineludibles para condicionar criticamente o novo paradigma en formación: o conxunto plural de valores e crenzas que vai regular a nosa profesión de historiador no novo século. Por todo isto, a historia absolveranos, esperemos. 

Na Rede, a 11 de setembro de 2001  

_______________

Para máis información podedes escribir a h-debate@cesga.es

* Traducido ó galego por Pablo Chaves

Elaboraron este Manifiesto historiográfico e son os seus primeiros asinantes

Si, coincido co esencial do Manifesto e desexo subscribilo  

Si, desexo colaborar na promoción e desenvolvemento do Manifesto  

Si, desexo opinar sobre o contido do Manifesto

Máis información en Grupo Manifiesto