Conclusións do III Congreso Internacional Historia
a Debate (14-18 de xullo de 2004)*
Carlos
Barros
Universidade
de Santiago de Compostela
Boas noites. Quero comezar
saudando a vosa presencia aquí, nesta Biblioteca Provincial, así como ós que
van escoitar esta conferencia a través da nosa rede dixital, e agradecer a
Carlos Pereira, colega e comisario do V
Premio Manuel Murguía, e por extensión á Deputación de A Coruña, esta invitación
que obrigoume a poñer negro sobre branco unhas primeiras reflexións sobre o encontro
internacional de historiadores que vimos de celebrar en Compostela hai catro
meses.
O comisario puxo atinadamente
o título desta conferencia en plural. Cadra ben coa tradición de pluralismo e discusión
de HaD: a posible conclusión poscongresual nin é “unha” nin é “única”. Cada
quén dos que seguiron o congreso presencial ou dixitalmente terán os seus matices, acordos e discrepancias que
aportar. Os debates e reflexións sobre o III Congreso, incluindo estas notas, ficarán permanente abertas, como é habitual, tanto
en Internet como nas nosas actividades presenciais.
Congreso diferente
Imos falar algo logo dos
froitos do III Congreso dende o punto de vista do seu coordenador. Non serán máis
cuns apuntes de traballo, que teñen ademáis carácter provisorio, por dúas
razóns: a) consideraremos máis ben o congreso-acontecemento que o
congreso-actas; b) concedémonos a nos mesmos a liberdade de variar, modular ou
completar as propias conclusións logo dunha (re) lectura detallada das 120
ponencias, da transcripción das mesas
redondas, materiais cuxa publicación está prevista en 2005, das reseñas que
están a facerse por parte dos congresistas máis dinámicos. Haberá entón máis adiante conclusións menos
impresionistas, aínda que sempre inacabadas e abertas a novas (re) lecturas, como
parte que é dun novo consenso historiográfico en construcción.
Debemos informar primeiro,
para quen aínda non o saiba, que cada Ano Xubilar celebramos en Santiago de
Compostela, desde o primeiro Xacobeo en 1993, unha sorte de peregrinación
mundial de historiadores para debater e reflexionar sobre o estado da nosa
disciplina. Nesta terceira edición colaboraron 430 entidades de máis de trinta
países, multiplicouse por 10 la lista de colaboracións académicas que tivemos
no I Congreso. Houbo nesta terceira
edición 150 poñentes que chegaron dos cinco continentes. Durante 5 días e 3 sesións
simultáneas, desenvolveronse 13 seccións temáticas e 17 mesas redondas. Un
tercio aproximado do congreso, as catro conferencias
plenarias e unha amplia selección das ponencias e mesas redondas de maior
interese público (elemento diferenciador respecto do congreso-actas), foi
transmitido en directo a través da nosa páxina web (www.h-debate.com), desde o Auditorio da
Facultade de Xornalismo de Universidade de Santiago de Compostela, gracias
ó Centro de Supercomputación de Galicia
(CESGA), creado pola Xunta, o CSIC e as universidades galegas, que dispón un
dos principais ordenadores europeos para estes servicios que combinan
multimedia con Internet. Unhos mil profesores e investigadores de historia seguiron
en tempo real as diferentes intervencións en español, inglés e francés[1].
Que nos saibamos é a primeira vez que se trasmite así a todo o mundo un
congreso de historia por Internet, demos polo tanto un salto cualitativo no uso
académico das novas tecnoloxías de comunicación, ata o presente restrixido á
videoconferencias puntuais: un paso adiante logo (tamén respecto a outras
disciplinas académicas) para a nova historiografía dixital e global que estamos
a construir desde o espacio académico latino.
Os congresos de Historia
a Debate son, desde logo, internacionalmente únicos na temática de metodoloxía
histórica, historiografía, teoría da historia, historia e sociedad, problemas
laborais e profesionais dos historiadores, historia inmediata[2]...
Certamente cada cinco anos celébranse felizmente os congresos de ámbito asimesmo
mundial organizados polo Comité Internacional de Ciencias Históricas (nacido en
1926, vincula institucionalmente a uns 2.000 ou 3.000 historiadores), se ben responden
a un enfoque máis tradicional, no sentido de empírico, e heteroxéneo, reflexo
da atomización da disciplina, agravada por unha estructura fragmentada en
comisións nacionais que multiplican a proposición de temas especializados,
malia as intencions homoxenizadoras das últimas directivas que se renovan cada
congreso, dificultandose así una orientación xeral a diferencia da rede
tamática Historia a Debate, cuxa dirección está vencellada a un proxecto de investigación
e recostrucción historiográfica actual. Doutra banda, os temas metodolóxicos,
historiográficos, teóricos, profesionais ou de historia inmediata non se
abordan usualmente nos congresos clásicos do CISH-ISCH[3],
que veñen celebrandose un ano despois dos nosos encontros mundiais en
Compostela, de factura máis recente e cunha temática e orientación complementarias.
As diferencias deste congreso cos que o
precederon residen en que hoxe sabemos máis da enredada situación da historiografía
internacional. HaD ten ademáis maior poder de convocatoria académica, dispoñendo
de ferramentas máis axeitadas, inéditas, organizadas a partir do II Congreso
con fin de articular globalmente o debate e o consenso dos historiadores:
1) Enquisa Internacional
“O estado da historia”, dirixida entre 1999 e
2) Nos anteriores congresos
non existía HaD como comunidade académica de novo tipo, foi creada en Internet a
partir de 1999 por medio de dúas listas de correo electrónico (HaD e HI) que vencellan
diariamente a máis de 3.000 colegas, e unha páxina web trilingüe (español,
francés e inglés) que recibiu nestes primeiros cinco anos máis dun millón de
visitas de historiadores, profesores e tamén estudiantes de historia. Cantidade
considerable se temos en conta que ós historiadores profesionais interesados polos
debates e as reflexións sobre o oficio de historiador somos unha ampla minoría,
se ben decisiva nesta temática. É difícil hoxe que calquera colega que teña
algunha inquietude sobre o método, a historiografía e a teoría da historia, non
estea xa conectado coa nosa red historiográfica ou mantivera nalgún momento
relación con ela, non soamente no ámbito latino.
3) En terceiro lugar, a
explicitación dunha plataforma historiográfica, o Manifesto historiográfico de Historia
a Debate, que saíu á luz xustamente o 11 de Setembro de 2001 con 18 proposicións
para a escritura da historia no século que comeza, asinado ata febreiro de 2005
por 387 profesores e investigadores de historia de 34 países. Estamos á espera
da selección, transcrición e publicación das Actas do III Congreso para facermos
unha revisión e actualización, global e colectiva, deste Manifesto académico,
cuxo texto foi redactado xa hai tres anos
contribeendo notoriamente a evitar que o temario do noso último encontro
adolecese da dispersión habitual nos congresos de historia ou historiografía.
Dez conclusións
provisorias
Tentaréi logo adiantar os
avances, problemas, ensinanzas para min máis
significativos do congreso de xullo de 2004, sabedores polas experiencias
anteriores de que os Congresos Internacionais de HaD son un excelente barómetro
para medir a coyuntura historiográfica internacional, nun contexto incluso máis
“académico” que os debates cotidiáns na rede –a miúdo irreverentes- e cada vez
máis europeo e máis americano, alén do vello eurocentrismo pero aínda pouco representativo
dos outros continentes.
O carácter aberto dos
nosos congresos[5] ben producindo, no tocante
a espontaneidade e representatividade, un resultado que nos sorprende desde o mesmo
momento de facer as consultas previas para decidir a temática congresual, nesta
ocasión sobre unha base moito máis extensa pola existencia da nosa comunidade / rede
internacional, o que nos leva á primeira das nosas conclusións.
1) A rampante fragmentación da historia que se
escribe. En flagrante contradicción coa globalización histórica e
historiográfica que estamos a vivir, observamos con inquietude que, desde 1993,
non deixou de medrar o número de especialidades e microespecialidades académicas,
temáticas e cronolóxicas[6],
polo efecto negativo da proliferación das vellas, novas e novísimas “formas” da
historia, o que levou a un grande valeiro historiográfico de comunicación e
proposición que explica, no seu anverso, a paralela e fulgurante expansión de
HaD como rede global, e doutras iniciativas historiográficas de vocación global.
A estas alturas temos para nós que a hiperespecialización é o meirande poblema colectivo
que temos que afrontar os historiadores neste novo século, ó tempo que a maior
oportunidade para alternativas historiográficas realmente novas, cuxas perspectivas
dependen xa da súa contribución á resolución deste grave problema.
A globalización e a fragmentación
van tan xuntas nesta transición
historiográfica e histórica que, estando no primeiro dos casos, extrañounos[7]
o número de suscritos da nosa rede temática –comprendidos membros activos e
asinantes do Manifesto- que demandaron, no proceso preparatorio do III Congreso,
a “inclusión” de “o seu” tema ou especialidade no programa[8],
que respondeu finalmente como é habitual en HaD –máis aínda nesta fase de maduración
como tendencia- a unha temática global, xeral e transversal. A excelente
resposta recibida[9]
desde as diversos países e sobre todo especialidades, tocante a globalidade, novedade
e calidade das contribucións, participación física e seguimento por
videoconferencia, contribuiu a unha xeralizada percepción de éxito[10],
mesmo superior a que tivemos no congreso
de 1993, beneficiado por ser o primeiro,
a falla de precedentes[11]
e a presencia naquel entón posible de
“grandes figuras”[12]
de Annales e Past and Present[13]. Obtivemos xa que
logo unha resposta global e innovadora a unha proposta global e renovadora que abre
un camiño de esperanza no proceso emprendido, individual e colectivamente, de
reconstrucción paradigmática desde ámbito académico latino.
O bon resultado do III
Congreso alcanza toda a súa estatura se consideramos as crecentes dificultades que
pode ter un historiador profesional, aínda que o desexe, para tomar parte activa
como ponente nos congresos internacionais de HaD. Desde o I Congreso exclúense as
ponencias puramente empíricas, independientemente da súa calidade, tendo que
versar as propostas principalmente sobre
o método, a historia da historia, a teoría, o ofico... Desde o II Congreso obrigámonos
ademáis a non repetir temas xa tratados, a fin de recoller as verdadeiras novas
de congreso a congreso. Desde o III Congreso, xunto co anterior, autoesiximonos
trascender as puras especializacións históricas e historiográficas, intervendo
desde elas nas temáticas xerais. Autoimpoñéndonos así unha dinámica de
renovación permanente, reclamada pola transición historiográfica que estamos a
vivir, que non todos os colegas –novos e vellos- poden seguir cun grado de
protagonismo continuado: a segunda sorpresa é, xustamente, atopar tantos historiadores dispostos
a retomar a innovación historiográfica, incluso tantos colegas dispostos a
seguir tirando do carro renovador tres décadas despois.
Todos nós somos
historiadores que facemos traballo empírico, frecuentamos unha ou varias liñas
de investigación, pertencemos a áreas académicas cronóloxicaso ou temáticas (Historia
Medieval, no meu caso, segundo se dixo na presentación), participamos nos
habituais congresos especializados..., e converxemos en HaD para estudiar asuntos
actuais de metodoloxía, historiografía, teoría, relación historia / sociedade,
historia inmediata e outros relativos ó oficio de historiador e a escritura da
historia. Estamos empeñados pois, desde hai unha década, en proseguir a renovación,
reestructurando no que seña preciso os paradigmas herdados da vella, nova e
nóvisima historia, polo que non ten sentido –nin compensa ós organizadores o
esforzo- vernos físicamente cada 5 ou 6 anos para repetirmos o xa dito
anteriormente[14], ignorando os avances diarios
nos debates e nas reflexións na rede de centos de colegas. Houbera sido un
grande retroceso na globalización historiográfica que nós representados
“adaptarnos” á inercia e fragmentacion académicas reinantes, os logros obtidos
na reconstrucción historiográfica han de
progresar ata 2010 para facermosdo IV Congreso un novo fito historiográfico,
así será coa axuda de Clio.
2) A segunda reflexión serían,
polo tanto, estes avances na reconstrucción da alternativa historiográfica,
que analizaremos nos restantes puntos. Sabendo que o salto que demos en xullo
do 2004 verémolo máis claro cando analicemos polo miudo ponencias e debates congresuais
e revisitemos o Manifesto-plataforma de 2001. Dicir de entrada que, con
diferencia respecto das edicións anteriores, o temario do congreso tivo como
guía un programa global de investigación e intervención historiográficas. De
xeito que as aportacións recibidas serven directa e/ou indirectamente, desde o
acordo ou a discrepancia[15],
a nosa intención previa de reconstrucción paradigmática. Directamente, contribúen
aquelas ponencias que respostaron nunha medida apreciable –para ser a primeira vez- a nosa “convocatoria
específica” a desenvolvermos as 18
proposicións historiográficas do Manifesto de HaD e investigarmos a propia experiencia de HAD
entre 1993 e 2004 como comunidade académica, rede temática e/ou movemento
historiográfico. Indirectamente, aportan tamén o resto de textos e
intervencións orales, toda vez que o programa do congreso, é consecuencias dunha
estratexia orientada á reconstrucción plural do consenso historiográfico na
nosa disciplina no século que comeza.
3) Unha parte importante desta reconstrucción
alternativa reside nos adiantos feitos na definición e práctica plural dunha
nova historia global. Cada vez se fala e se fai máis, desde lugares e
posicións diversas pero converxentes[16],
dunha “nova historia global”. Urxida pola globalización, o concepto de “historia
total” do materialismo histórico, asumido por Annales e outras correntes renovadoras nos anos 60 e 70, segue
estando vixente xustamente polos seus fracasos nos ámbitos metodolóxico,
historiográfico e epistemolóxico, e as súas incapacidades para evitar, ou cando
menos frenar, a intensa fragmentación disciplinar nas décadas finais do século
XX[17].
No congreso de xullo de 2004 fixemos o esforzo de recoller novas iniciativas que
tratan de investigar, e ofrecer ó público lector, enfoques globais dos feitos
pasados, en lugar de fragmentos de historia especializada. Polo de agora, son tres as vías historiográficas
-complementarias- que veñen reclamando a denominación “nova historia global”[18]:
A) A historia mixta como historia
global, xurdida como desenvolvemento do punto V do Manifesto de HaD “contra
a fragmentación” da historia, en proceso de experimentación, foi un dos temas
de congreso, implica mextura de temas, métodos, liñas de investigación e especializacións académicas[19],
coa intención de facer de novo unha historia total ou global. Non se busca polo
tanto unha converxencia casual, circunstancial, nunha investigación concreta como
unha estratexia de investigación que, desde a hipótese ata a conclusión, procure
manifestamente un resultado global, non parcial, rebasando as especializacións,
mexturando subxectos, obxectos, enfoques... B) A historia mundial como
historia global. Xerminada en América nos anos 70 foi desenvolvida entre os
historiadores –tamén en Europa- nos anos 90 ó calor da globalización. Estivo
prácticamente allea ata hoxe[20]
á historiografía española e latina. Coidamos que a World History é unha verdadeira nova historiográfica. A importante e
diversa representación que tivo no Congreso de Compostela axudará a darlle unha
dimensión máis latina e global, alén do ámbito angloamericano. Hai que incitar a
historiadores españoles e latinos a levar a cabo investigacións e reflexións históricas
de ámbito máis internacional, seguindo o propio
de HaD no eido das investigacións
e reflexións historiográficas. A propia experiencia e proposta de HaD como
historiografía mundial habería de servir para que esta historia mundial-global
de base empírica, definida tradicionalmente polo seu ámbito espacio-temporal,
non fique reducida a un episodio máis dos “retornos”, a un simple cambio de etiqueta
para resucitar á historia positivista e descriptivista de sempre, a vella “historia
das civilizacións” ou “historia universal”.
O “perigo” que lle vemos á nova “historia mundial”, compartido con outras novas
e novísimas historias, é a súa desvinculación co cambio global de paradigmas no
que estamos insertos, voluntariamente restrinxidas a unha nova especialización
académica que neutraliza o se futuro. ¿É menester cambiar de base os conceptos
de historia e historiografía herdados, para pasar da historia nacional do
positivismo (en pleno retorno), ou da historia rexional dos “novos historiadores”
(con incursións macrorexionais), a unha historia de ámbito mundial? Pensamos
que sí[21].
C) A terceira variante destas novas
historias globais emerxentes é, por descontado, a historia dixital como
historia global, efecto da globalización
sobre a historiografía pola vía da informática e da revolución das
comunicacións. O exemplo de Historia a Debate entre 1999 e 2005 é posiblemente
único na historiografía internacional. A nosa perspectiva agora é levar este novo
e consolidado ámbito mundial de sociabibilidade académica da historiografía á historia empírica, animando “grupos internacionais
de investigación en rede” ó redor de enfoques de investigación histórica e
historiográfica que nos permitan seguir avanzando na definición, e posta en
práctica, dunha escritura da historia afeita ó século da globalización,
sen abandonar por suposto o debate e o consenso sobre o
método e a teoría como orientación fundamental da nosa acción historiográfica[22].
4) A cuarta conclusión que
tiraríamos sería a consolidación do que vimos chamando Historia Inmediata.
Espacio historiográfico de debate sobre feitos actuais, cunha importante aportación
latinoamericana, nado na nosa rede dixital en xaneiro de
Temos por costume plantexar
o problema epistemolóxico de forma inquisitiva: ¿É posible unha Historia Inmediata? ¿É posible
tratar cun mínimo de rigor histórico acontecementos actuais? O historiador
venezolano José Luis Monzant emplazábanos pública e personalmente no Auditorio
da Facultade de Xornalismo a sustituir xa a interrogación por un enunciado
positivo. Estaríamos de acordo, desde logo, no tocante ó espacio de debate
conseguido -de opinións máis o menos baseadas na historia, pero sempre
académicamente siñificativas- a través de mensaxes cortos, o que non é pouca
cousa, pero se falamos de investigacións históricas sobre o presente debemos recoñecer
que aínda estamos nos inicios, mesmo valorando o importante paso adiante dado no
III Congreso. O 26 % do programa refirese por vez primeira –nos nosos congresos, máis
aínda noutros máis clásico- a temas de actualidade. Certamente o 74 % restante corresponde
a ponencias e mesas redondas de metodoloxía, historiografía e teoría de interese
para colegas de historia (mediata) antiga,
medieval, moderna, contemporánea, colonial, independencia, etc. Non é mala
proporción, o historiador de oficio ha de seguir concentrando o seu esforzo no
pasado-pasado, polo interese que ten en si mesmo, sinon pouco poderíamos aportar
á comprensión do pasado-presente e o pasado-futuro.
O máis salientable durante
as xornadas de xullo para os medios de comunicación social foi o Congreso-acontecemento
que nós diferenciamos do Congreso-Actas, ou sexa o 11S, o 11M, a globalización,
a relación Oriente-Occidente, democracia e
dereitos humanos..., temás de
hoxe enfocados desde o punto de vista histórico e historiográfico. Escollimos desta
maneira, segundo criterios de actualidade, boa parte das conferencias, ponencias
e mesas redondas para a transmisión en directo a través de Internet. Tanto
acertamos que se xeneraron expectativas de máis: os medios pedíannos con
urxencia claves non só históricas para entender os fitos do presente, tamén
políticas, económicas, filosóficas ou sociolóxicas. Decatámonos que non
soamente faltan congresos de historiadores –en España pero tamén fóra- para analizarmos
en tempo real o acelerado acontecer histórico que estamos a vivir, deixase notar tamén
a ausencia daquelas ciencias humanas de entrada máis centradas no presente, o
que coloca ós historiadores de HaD, neste e noutros aspectos como o uso académico
de Internet, na vangarda das ciencias sociais.
Coido que estamos no camiño
de demostrar que se poden estudiar os feitos recentes co mesmo grado de rigor,
honestidade e pluralidade que os feitos do pasado remoto, contribuindo a desmentir
así o mito positivista[25]
que “asegura” que é preciso que pasen 50 anos para que podamos afrontar con “imparcialidade”
un feito histórico. Temos en España, por desgracia, o claro exemplo no sentido contrario
cunha guerra givil que aconteceu hai máis de cincuenta anos, e outros feitos
aínda máis lonxanos da historia de España -ou da historia das nacionalidades e rexións-
aínda hoxe moi polémicos. Por outra banda hai acontecementos próximos que non
suscitan pola súa natureza semellante polarización ou pluralidade de enfoques e
interpretacións, entre os historiadores e na opinión pública (unha cousa ben
coa outra, como sabemos).
5) A quinta conclusión refírese
á crecente aceptación no ámbito
académico internacional do liderazgo
latino que HaD representa, unha década despois do inicio das nosas
actividades, nos debates e propostas sobre cuestións actuais de metodoloxía,
historiografía, teoría da historia, relación historia-sociedade, etc. Na
terceira edición dos nosos congresos houbo un incremento cuantitativo e
cualitativo[26] dos ponentes de fala non
hispana, especialmente chegados doutros países
europeos, en menor medida doutros continentes, salvo América. A traducción
simultánea español-inglés-francés permitiunos organizar interesantes debates comúns, ó igual que nos anteriores
congresos, cousa polo de agora menos fácil nas listas de debate en Internet[27].
Una boa demostración do presente
poder de convocatoria da nosa iniciativa
historiográfica, española e latina, na América
anglosaxona, maís alá das nosas relacións estreitas desde sempre con académicos
hispanos das universidades norteamericanas, é a entusiasta recepción que está
tendo alí –e por extensión no ámbito académico anglófono- a edición en inglés
dunha selección de ponencias do II Congreso de 1999, por parte da editorial The Haworth Press de Nova Iork co título
History under Debate. International
Reflection on the Discipline[28],
cuxa saída a luz fixemola cadrar coa realización do III Congreso. As reseñas de
historiadores norteamericanos -ou de fala inglesa- solicitadas pola casa
editorial foron unánimes o avaliaren History under Debate como un libro important, stimulating and highly provocative, valuable and revealing... Tamén para os autores é “importante”, “estimulante”,
“altamente provocativo”, “valioso” e ante todo “revelador” que na
historiografía norteamericana haxa sectores que acepten que se pode “aprender”
algo[29]
duna iniciativa académica que vén de Galicia, de España, do mundo académico
latino[30].
A globalización
historiográfica está a favorecer dúas novidades interrelacionadas, minoritarias
sen dúbida pero preñadas de futuro: 1) unha historiografía norteamericana
aberta e plural disposta a certo bilateralismo
nas súas relacións internacionais, con todo o valor que isto pode ter hoxe
visto o lugar prominente dos EE.UU. hoxe; 2) a ruptura da tradicional
dependencia das historiografías españolas e latinas, por parte dos seus
sectores máis creativas, respecto das
historiografías de países política e económicamente máis potentes. Entre
nós a novidade historiográfica estivo sempre vencellada ó que viña do
extranxeiro, as veces con razón (auténticas innovacións), outras sen ela (esnobismo académico) e
aqueloutras ámbalas dúas cousas. A situación está cambiado radicalmente, desde
hai unha década -ou máis- os antiguos focos deixaron de irradiar novedades e os tempos
revoltos da globalización fan posibles e necesarias outras relacións
internacionais, máis doadas no eido académico que noutros[31].
6) O III Congreso Internacional de HaD vén a confirmar,
pois, o dinamismo e a autonomía da historiografía española nesta última década.
Non o dicimos só por Historia a Debate, foro e movemento historiográfico nado
en 1993, xurdiron cando menos despois outras dúas importantes iniciativas españolas
sobre a escritura da historia que apuntan na mesma dirección, cuxos
representantes máis cualificados foron invitados, lóxicamente, ó macrocongreso
de Compostela en xullo[32].
Referímonos ós promotores e practicantes -desde 1996- da “Idea Histórica de
España”, e mailos promotores e prácticantes -desde 2000- da “Recuperación da
Memoria Historica”. Tres proxectos historiográficos tan distintos como complementarios
nos contidos, intereses, medios de comunicación e dimensións. Desde esta
diversidade, antitética nalgúns aspectos, comparten os tres novedades no panorama
historiográfico español, incluso internacional: a) desbordan a dimensión de equipa,
grupo ou colectivo, constituindo correntes historiográficas onde participan, en
diverso grado, historiadores e historiadoras de áreas e especialidades asimesmo
diferentes, xenerando auténticas “tendencias historiográficas actuais” (con peculiaridades
especiais no caso da RMH en canto a composición); b) responden a acciones
académicas españolas ou de orixe español con perfiles propios, autocentrados, non
miméticos ainda que conectados se queira ou no con tendencias larvadas –organizada
no caso de HaD- do panorama mundial; c) constitúen tres formas diferentes da
recuperación actualizada da vella idea
do compromiso ético, social e político do historiador co seu tempo (precisaremos
máis logo), a través dunha investigación participativa que permite avanzar desde unha memoria pasiva, obxecto
lonxano de estudio, á unha memoria activa, actual, contribuindo a amosar así a
utilidade cultural, social e política da investigación histórica e
historiográfica.
7) No III Congreso visibilizouse
por conseguinte algo que xa agromara no
II Congreso, para desconcerto dalgúns: o retorno do compromiso
historiográfico, se ben con novos xeitos, o que non estaba tan claro en
1999, de aí algunhas rasgaduras de vestiduras (académicas). Cando se fala, para
ben ou para mal, de “compromiso” tense na mente o concepto e a experiencia militantes
vividos nos anos 60 e 70. O caso é que a historia e a historiografía cambearon enormemente
nestes últimos 30 ou 40 anos, tendo abandonado a maioría dos historiadores as “absorventes”
militancias ou simpatías, historiográficas e políticas, daquel entón. O compromiso dos
historiadores rexurde por tanto con renovados rasgos que cómpre recoñecer: A) O novo
compromiso do historiador tende a realizarse desde a profesión, incluso entre os
historiadores cunha práctica máis politizada, sexa coas instutucións sexa coa
sociedade civil. A separación esquizofrénica -por irreal e inútil- entre
prácticas historiográficas e inquietudes extraacadémicas, que seguiu a crise
nas novas historias, está sendo sustituida[33]
por novos xeitos de facer historia que demostran a compatibilidade (diversa) entre
o rigor profesional e a utilidade pública da historia investigada e ensinada. B)
O compromiso que se impón entre os
historiadores máis avanzados é democrático, pluralista, tolerante co “outro”
historiográfico, máis interesado en convencer que en “vencer”, en contraste co compromiso
a miúdo sectario, pola vía das tendencias historiográficas, políticas ou de ambas,
herdado das pasadas vanguardias. É da meirande
importancia para o presente e o futuro da historia, que precisa da
reconstrucción dos seus paradigmas
compartidos, aceptar dun xeito natural a lexítima multiplicidade de enfoques
historiográficos e ideolóxicos, do debate e do consenso, sen renunciarmos á
propia posición, individual ou colectiva, polo xeral nada neutral pero desvencellada
dunha disciplina “blindada” cun partido ou tendencia. Falamos sempre desde a
nosa propia experiencia como red tematica “especializada” no debate e na
reflexión historiográfica. Máis de 6.000 historiadores conectados connosco diariamente,
a través da web e das nosas listas, evidencian a posibilidade hoxe de normalizar
o respeto mutuo os interlocutores nos debates historiográficos, mesmo ideolóxicos,
máis comprometidos, sen menoscabo dos consensos productivos. C) Nas súas
versións máis adiantadas esta nova forma de entender o compromiso historiográfico
tende a ser solidaria seguindo o signo dos tempos. Os que non queremos -nin debemos
facelo, por cuestión de rigor- exercermos
o oficio de historiador á marxe da realidade histórica vivida, temos que asumir
activamente a globalización ou universalización hoxe dos grandes valores da paz
e da xusticia, da igualdade e da democracia, escribindo unha “historia con
valores” (punto XVI do Manifesto de HaD).
Desde unha aportacíón fundamentalmente profesional e académica, a universidade
está a colaborar en España (voluntariado, Prestige, guerra do Irak, etc.), e
noutros lugares do mundo, coas grandes causas humanitarias. A aportación
específica de HaD, como se poido ver con último congreso e de cotío na rede, consiste
en operar como unha sorte de “historiadores sen fronteiras”, o que case non ten
precedentes, priorizando a solidariedade colectiva cos colegas historiadores que
poidan sofrir persecución en calquera parte do mundo no exercicio da súa profesión, o que vimos
chamando e practicando como Academia
Solidaria.
Nas Actas do III Congreso
que sairán a luz neste ano de 2005 atoparemos máis elementos, que en calquera
outro congreso nacional ou internacional de historiadores, menos que nos
anteriores congresos de HaD, sobre estas novas maneiras de levar a cabo o de
compromiso historiográfico[34],
reactivadas e redefinidas polo novo presentismo da globalizadora sociedade da información
e o dinamismo dun oficio centenario. Un dos grandes logros de HaD está sendo investigar
e dar a coñecer as comunidades de historiadores como realmente son, non soamente
como din ser segundo discursos historiográficos que forman asimesmo parte
importante das nosas realidades académicas.
8) Nos cinco días de
xullo que compartimos en Compostela evidenciouse un adianto, insuficiente pero
significativo, sobre todo no plano da miña consciencia historiográfica e
doutros colegas, na tarefa urxente de ampliarmos a comunidade e
historiadores á investigación histórica non universitaria. Unha das señas
de identidade de HaD en Internet é a participación activa de historiadores non
vinculados a institucións superiores de ensino e de investigación -que conforman, en todo caso, a maior parte da nosa comunidade
académica internacional-. Participarción extrauniversitaria sempre máis sinxela
na redes dixitais que nos congresos, aínda sendo tan pouco convencionais como
os nosos. De congreso a congreso estamos acadado algunhas participacións, cada
vez máis, dos investigadores que traballan no ensino medio ou noutros lugares. A
clara insuficiencia desta incorporación activa, que diferenciamos da simple asistencia,
anímanos a elevar esta necesidade á conclusión pos-congresual co fin de ir estirando o concepto de
historiador máis alá do profesorado universitario, achegando paseniñamente a
historiografía oficial á historiografía real. Unha parte nada despreciable da investigación
histórica –ademáis da didáctica e da divulgación- faise xa fóra das plantillas
docentas das universidades e dos escasos centros de investigación[35].
En moitos casos estes historiadores non profesionais –no sentido da que gañan a
vida con outra profesión- teñan unha cualificada formación universitaria e
historiográfica, ademáis dun acusado carácter vocacional e comprometido[36],
algo do que estamos moi precisados. Historia
a Debate non é o unico exemplo de apertura, compartimos con outros grupos,
redes e movementos historiográficos esta
nova experiencia de abrirnos desde a universidade a outros historiadores,
profesores ou “aficionados” pola historia. A diferencia reside en que, a partir
do III Congreso, queremos transformar esta práctica espontánea en teoría
conscente, reinvindicando a (re) inclusión da historiografía non universitaria
nas novas comunidades e paradigmas que estamos a precisar nas universidades, nos
institutos e nas múltiples asociacións, fundacións, webs, listas e outras
organizacións ou redes de historia -con ningunha ou escasa relación coa
academia- que xurdiron como fungos nos últimos anos en España e noutros países.
9) A penúltima ensinanza
que inferimos do noso encontro internacional é a demostración, por terceira vez
no tocante a congresos, da nosa vontade de non facer táboa rasa do que foron
as vangardas do século XX, nin de
ningunha outra tradición historiográfica que aportara algo á definición -sempre
en construcción, aínda que algúns non o saiban- do oficio de historiador desde
os remotos tempos de Leopold von Ranke. De aí que a conferencia inaugural fose
encomendada a Etienne Bloch, xuíz retirado, historiógrafo non profesional, fillo
do cofundador de Annales, grande
coñecedor e albacea da súa obra. Na
recepción oficial da Universidade de Santiago de Compostela no Pazo de Fonseca,
berce da nosa universidade hai cincocentos anos, puxémonos en pé para cantarmos
a Marsellesa un 14 de xullo, cando os franceses celebran a toma da Bastilla, en
homaxe a Marc Bloch, exemplo imperecedero de historiador innovador e asemade comprometido
co seu tempo, xustamente no sesenta cabodano da seu fusilamento polos nazis en
Lyon. Outras dúas conferencias plenarias foron impartidas por André Gunder
Frank e Ciro Flamarión Cardoso, inesquecibles representantes latinos –o
primeiro por adopción- dese materialismo histórico que tanto nos aportou nos
anos 60 e 70, referente historiográfico hoxe para afrontar os retos do presente
e do futuro da historia, sobre todo da man dos escasos colegas daquela xeración
que seguen a interesarse polos cambios e o porvir. É complicado, xa o dixemos[37],
atopar personalidades das correntes da época dourada que estean aínda disponibles na procura de máis renovacións
e compromisos. Unha das excepcións é André Gunder Frank, historiador e teórico,
sociólogo e politólogo, profesor emérito de universidades de varios países, que
amósanos coa súa proposta ReOrient (1998)
tanto a necesidade de reorientar a escrita da historia e das ciencias sociais,
como o papel sobranceiro que vai a xogar Oriente na historia do século XXI, nun
exercicio de historia inmediata e prospectiva, de historia e historiografía
mundiais, de orde diversa á súa aportación
antolóxica á teoría da dependencia nos militantes anos 70. Evolución exemplar
logo que xustifica a súa relevante participación no III Congreso de HaD,
incluidos naqueles debates nos puido intervir. Nada máis ilustrativo logo da forza
colectiva das tendencias que fixeron posible no século pasado estas “grandes
figuras”, está por ver se no século que estamos seremos capaces de repetir a
experiencia, desde HaD estamos por suposto a facer o posible por xerar esos novos
movementos historiográficos de base o que fagan realidade.
Sen embargo, estamos
noutro tempo, noutra tesitura historiográfica. Precisamos unha “nova nova
historia” que, sen deixar de asumir (auto)críticamente as incapacidades pasadas
e os retos presentes, reivindique o que tiña de xusto e necesario aquela “revolución
historiográfica do século XX”. É por iso que procuramos no noso último congreso
ir recuperando e actualizando debates e reflexiones sobre historia total,
formacións sociais e transicións, estado e sociedade civil, “grandes homes” e suxeitos
colectivos na historia, “grandes
historiadores” e tendencias colectivas, compromisos historiográficos e fins da
historia.... De primeiras, tal como esperábamos o resultado desigual, pero signficativo.
Cómpre deixarmos claro que os historiadores marxistas e annalistes non se trabucaron tanto hai 30, 40 ou máis anos, como se
pretende hoxe desde posicions extremas neorankeanas ou posmodernas. Temos para
nós que a recuperación da memoria histórica non será eficaz nin completa[38]
ata que sexamos quén de recobrarmos tamén a memoria historiográfica, sabendo como
sabemos que non se trata, por suposto, nin de “repetir” a historia nin de “repetir”
a historiografía, senón de implementar unha memoria historiográfica e
históricas activas, integradas nas tarefas do presente e alumbradores dun futuro
simplemente mellor.
10) Termino por facer unha
reflexión pensando non soamente que participaron no evento de 2004, presencial
ou dixitalmente, sin tamén nos que esteades a seguir este analise provisorio escoitando
a conferencia ou lendo este texto, visualizando o video gardado na web ou estudiando
as súas Actas: ¿qué interese teñen os nosos traballos congresuais cara a
sociedade? Cuestión pertinente precisamente agora que se está ampliando
enormemente a nómina dos interesados pola historia en España e noutros países.
Veño de dicir nunha emisora de radio, que pediume un adianto do que íamos
departir aquí, que unha cousa son os “veraneantes” da historia e outra os que
nos quedamos nela todo o ano. Se cadra fun un pouco lixeiro, pero hai no dito algo de verdade, é preciso distinguir.
Para a nosa disciplina, teóricamente sen saídas profesionais, é moi bo que desde
gobernos é outras institucións, políticos, auténticos aficionados e outros
profesionais se interesen, falen e escriban sobre la historia, que non é nin
debe ser monopolio de ninguén, tampouco dos historiadores. É ben positivo que
determinados medios de comunicación social[39]
estean dispostos a publicar cousas de historia[40].
É moi bo que as grandes editoriais, e tamén algunhas pequenas, debezan polas
biografías dos “grandes persoeiros” da historia, novelas históricas e outras
demandas do mercado máis o menos reais. Toda esta recente atención pública sobre
a historia[41], non exenta de
pluralidade e novidade serve desde logo, como pasou noutros períodos
históricos, para formar a ciudadanía –outra cuestión e o debate dos contidos- e
xenerar vocacións de historiadores[42],
pero tamén hai que denunciar os seus efectos perversos ó “obrigar” ó historiador a traballar “por encargo”,
condicionando sen disimulo non soamente os temas históricos a escribir, senón
tamén os enfoques historiográficos, cando non as interpretacións históricas[43].
A pasada crise das novas historias, e a subseguinte aceleración fragmentadora, levounos
a historia a unha situación de debilidade que fixo posible que os poderes externos
exerzan unha influencia sobre unha parte sustancial da historia académica que
non coñecíamos desde o século XIX[44].
Debater e consensuar entre historiadores o perfil do noso oficio neste novo
século é capital para restaurar a nosa
autonomía, decidindo libre e colectivamente o que, o como e o porque da nosa aportación desde a historia á historia que
estamos a vivir, tentando desenvolver motu
propio iniciativas académicas e públicas que máis conveñan á historia como
disciplina. Non foi eso o que pasou cando o “debate das humanidades” que seguíu
a victoria do Partido Popular nas eleccións de 1996, produxo centos de artigos
de prensa, tamén de historiadores, xulgando a intención gubernamental de
incrementar a presencia da historia, a filosofía e as línguas clásicas, no
ensino medio. Iniciativa política institucional que tivo os seus mellores resultados
atraendo a importantes historiadores –marxistas, annalistes
e neopositivistas-, editoriais e media,
á tarefa de recuperar a “idea histórica de España” e as súas “grandes figuras”, sen lograr claramente potenciar o ensino e menos
aínda a investigación da historia en España, fóra das citadas “grande figuras”.
Gustaríanos que este remozado
interese público pola historia se mantivera co cambio de goberno do 14 de marzo
de 2004[45] de xeito menos instrumental, pero esto esixe por
moito máis da nosa parte: utilizar a liberdade de cátedra para decidir o que
debe ser hoxe en día a responsabilidade cultural, social e política do
historiador, nos diferentes ámbitos territoriais e sociaiis. O III Congreso vai
axudar, sen dúbida, para que escritura académica
da historia sirva mellor ó conxunto da sociedade, que financia cos seus
impostos a maior parte da historia investigada e ensinada. Sobre unha base común
deontolóxica os enfoques han de ser plurais e heteroxéneos, tamén na súa
relación política, institucional e social,
pero tamén dicimos que é preciso unha “discriminación
positiva” a favor la relación da historia académica e a sociedade civil, pois
está manfiestamente desiquilibrada en favor das institucións políticas, mediáticas
e editoriais, o que se traduce historiograficamente nun abandono dos suxeitos
colectivos en favor das “grandes figuras”. Repondendo, en resume, a pregunta
que encabezaba esta décima conclusión final sobre HaD III, dicir que o que nós
podemos ofrecer, reflexionando e actuando colectivamente, cara afóra é o rigor
e a honestidade no tratamento dos datos
dunha vella profesión con vocación de servicio social e (re)asunción de
valores, no cadro da autonomía que lle é
propia a universidade –institución aínda máis vella que o Estado (moderno)- respecto
dos diferentes poderes, a fin de que a historia, e os seus practicantes e
actores, disfrute neste novo seculo dunha nova primavera. Moitas gracias.
*
Conferencia
dictada as 20 horas do 17 de novembro de 2004 na Biblioteca da Deputación
Provincial de A Coruña (Galicia, España) no cadro dos actos do V Premio de
Ensaio “Manuel Murguía”.
[1] Coidamos que no momento en que esto se difunda o CESGA haberá colocado xa de xeito permanente o video do congreso na nosa páxina web.
[2] Escribimos “historia inmediata” no sentido máis
riguroso: toda investigación e interpretación que trate de xeito
histórico ou
historiográfico relevantes feitos ou procesos contemporáneos ó propio
historiador.
[3]
O actual presidente do CISH-ISCH (www.cish.org), Jürgen
Kocka, foi membro do Comité Científico do I e do II Congreso Internacional Historia
a Debate (1993 e 1999), está a continuar os esforzos de actualización
emprendidos polo seu predecesor, François Bédarida, engadindo algúns “grandes temas”
históricos de interés actual, sen que as análisis polo de agora cheguen ata o
presente.
[4] Ó longo da pasada década fumos elaborando unha base
de datos coas direccións postales e electrónicas de decenas de miles de
colegas, que vén funcionando ó xeito dunha vasta lista de distribución (coa
posibilidade individual e continua de se borrar dela) con varios mensaxes ó ano para difundirmos as
nosas grandes iniciativas.
[5] A partir do II Congreso a presentación de ponencias
está aberta a calquera colega, con independencia do seu estatus académico ou
nacionalidade, en igualdade de condicións polo tanto cos restantes relatores,
sempre e cando naturalmente a proposta se adapte o noso temario.
[6] A cuestión non é tanto de fragmentación académica
como de fragmentación mental, coidamos que pódese –mesmo débese- “estar” nunha
especialidade historiográfica pensando e traballando globalmente.
[7] A toma de conciencia da gravidade deste atranco
historiográfico determinou o contido da nosa conferencia plenaria: Historia a Debate, un paradigma global para
la escritura de la historia (no
prelo nas Actas do III Congreso).
[8] A razón académica –promoción curricular- que se pode
aducir para comprender a agudización da tendencia (posmoderna) ó individualismo
historiográfico, logo da “caída” das “grandes
escolas” do século XX, semellanos
así e todo insuficiente, cando máis se falamos dunha comunidade
académica tan socializada como HaD: o problema de fondo é metodolóxico,
historiográfico e -antes que nada- epistemolóxico.
[9] A elevada cantidade de ponentes inscritos
permitiunos una escolleita
coherente coa pertinencia temática e asemade co nivel das propostas.
[10] Confirmando ampliamente a nosa percepción, un ano
antes da realización do congreso, de que
íamos levar a cabo “el congreso más importante” (vexase a “Preconvocatoria” do
31 de xullo de 2003, no apartado adicado o III Congreso na nosa web).
[11]
Fallaron tamén
outros continuadores de certa entidade, por causa da concentración do interese
pola historiografía en HaD e pola cativez e discontinuidade dalgunha que outra
tentativa, por ausencia sempre de proxecto historiográfico, global e teórico.
[12] Once anos despois a meirande parte das figuras
representativas das vangardias xa pasadas no están entre nós, teñan problemas para
viaxar e participar en grandes eventos
ou, no peor dos casos, perderon logo de tantos anos o interese polo presente e
o futuro da innovación, salvo excepcións como os conferenciantes plenarios do
III Congreso ou Eric J. Hobsbawm (1917) encarnación viva da historiografía
marxista occidental.
[13] Hobsbawm vén de criticar en novembro de 2004, na
clausura dun congreso británico sobre a historiografía marxista, á escola de Annales por teren renunciado (os seus herdeiros institucionais) á
“reconstrucción da razón” historiográfica e histórica, nunha sorte de Manifiesto
individual pola renovación da historia (publicado en “Mensaxes Listas” 4/1/05),
que tantas semellanzas ten co noso
Manifesto colectivo de 2001: ogallá atope (Hobsbawm) seguidores pola renovación entre os herdeiros actuais de
Past and Present.
[14] Temos xa nove volumes publicados de actas de congresos
sobre investigaciones e reflexións historiográficas, que pronto serán doce,
segundo os esquemas positivistas resucitados, estaría todo dito, demostrar
congreso a congreso que non é así forma parte da revolución historiográfica que
HaD está a implementar conscientemente (cando menos desde a súa dirección).
[15]
Dícimolo así para sermos pedagóxicos,
en realidade para nós é o
mesmo o acordo e o desacordo, nutríimos o consenso do debate e o disenso,
practicamos de xeito cotidiá o que en galego se chama ‘trasacordo’.
[16] Cómpre insistir que interésannos tanto neste tema e
neutros as ideas “propias” como as ideas “alleas”, susceptibles de aportar algo
–malia as acostumadas deficiencias teóricas derivadas da especialización- ó
novo consenso (paradigma) que pretendemos.
[17] Cómpre recordar que a “historia total como horizonte
utópico” valeu sobre todo de coartada teórica para justificar o fraccionamento estructural dos
novos historiadores.
[18] O problema non é tanto de palabras como de contidos,
reemplazamos usualmente “total” por “global” pola finitude, realismo e
actualidade do segundo término, cuxos diversos usos dilucídanse doadamente
segundo o contexto, o mesmo que calquera outra entrada do diccionario.
[19] A proposta é asimismo consecuencia da miña
experiencia personal, véxase
“Historia social y mentalidades: nuevas perspectivas”, Medievalisme:
noves perspectives, Lleida, 2003, pp. 81-108
[20] O 12 de xaneiro de 2000 abrimos un debate “Historia
mundial / historia global” que se pode consultar na nosa web, case non tivo
seguimento, agardamos que o III Congreso o reanime.
[21] O mesmo acontece coa historia inmediata, coa recuperación da memoria histórica ou -retrocedendo máis no tempo - coa historia
oral, a historia das mulleres ou a historia ecolóxica: encerradas nas
especilizacións empíricas, academicistas, van perdendo pouco a pouco a súas
potencialidades innovadoras.
[22]
HaD é ante
todo un proxecto metóloxico e historiográfico, o que nos distingue dos
partidarios do retorno a Ranke que camuflan a súa aposta epistemolóxica
“asegurando” que o “único que vale” na investigación histórica é a empiria;
vontade teórica que nos achega ós historiadores posmodernos consecuentes, por
muito que non coincidamos coa súa proposta filosófica (fin da “idea de
progreso”), epistemolóxica (xiro lingüístico, narrativismo) e historiográfica
(paradigma fragmentario).
[23] A “historia do tempo presente” é
máis unha ampliación ó
século XX da área de Historia Contemporánea, que unha historia realmente
actual, sempre algo máis comprometido, un motivo máis por tanto para empregar
un término académicamente menos ambiguo como Historia Inmediata, tamén
susceptible naturalmente dun uso espurio.
[24] A falta de tolerancia e de respeto ó interlocutor no debates de actualidade, amparada as veces no anonimato, é un problema constante en Internet, outros foros de historia tiveron pechar por este problema ou renunciar á polémica reducindo as “listas de debate” a simples canles de disfusión da información académica, asimismo necesaria e que nos vimos publicando no tablón de anuncios da web.
[25]
O mito da
“neutralidade” do historiador, teórico “notario” perante unhas fontes teóricamente
“inocentes”, foi nun principio –hai máis de 100 anos- positivo na loita contra a historia-ficción,
pero hai moito que está a obstaculizar a adaptación da nosa disciplina a
evolución histórica, historiográfica,
científica, arriscando con facernos retroceder á marxinalidade “erudita” nestes
tempos de globalización presentista.
[26] A mengua da presencia de “grandes figuras” que imos
detectando de congreso a congreso (véxase a nota 12), veuse compensada en 2004
por unha mayor participación historiadores máis xóves e representativos das
historiografías emerxentes, o que resulta vital cara o futuro de HaD.
[27] Co tempo o obstáculo lingüístico desaparecerá tamén
en Internet.
[28] Os editores do libro fumos o profesor Lawrence J. McCrank e máis eu, pero xusto é recoñecer que o mérito principal da súa publicación e do editor nortemericano (hispanista, medievalista, especialista en bibliografía e información histórica dixital), da propia editorial e dos informantes do libro profesores Georg G. Iggers (Universidade de Buffalo), Ronald W. Davis (Universidade de Michigan), David E. Thornton (Universidade de Bilkent, Turquía), a todos eles os noso agradecemento público en nome dos autores e do conxunto de HaD.
[29]
Para atopar formas de intercambio igual non nos sirven
as vangardas do século XX: historiografías
tan avanzadas como a francesa de Annales
ou a inglesa de Past and Present,
ensinaban máis que aprendían (no sentido que tén o verbo na língua castelá) das
consideradas “periferias”, países latinos e americanos, incluidos os EE. UU., o que creou malos hábitos (“colonialistas”)
entre os emisores e os receptores daquel entón.
[30] Outra evidencia máis
dos efectos positivos,
democráticos, igualadores, da globalización das comunicacións, no ámbito das
relacións académicas internacionais, que tan ben coñecemos:
véxase “Historia a Debate, tendencia historiográfica
latina y global”, Aula-Historia Social,
Valencia, nº 13, primavera 2004, pp. 84-90.
[31] Vese mellor a excepcionalidade da experiencia de HaD,
se a comparamos –fóra do ámbito académico- co intercambio desigual e unilateral existente entre El País, La Republica, Le Monde e
outros xornáis europeos co The New York
Times: os primeiros están a publicar semanalmente un suplemento cunha
selección de antigos do NYT que para nada corresponde dando a coñecer nos EE. UU. as novas e
opinións da prensa europea.
[32]
Véxase a nota 16.
[33] Os bós
historiadores saben, como M. Bloch, que o profesional da historia, queiramos ou non,
parécese máis o seu tempo que ós seus
pais.
[34]
Xunto con outras formas de
compromiso menos novas, ubicadas a ambos lados do espectro historiográfico e
político, que teñen dereito a expresarse e son ademáis parte esencial do
debate.
[35] É unha
consecuencia da falla de prazas, situación que vaise
aliviar na próxima década coa xubilación
do profesorado da xeneración baby boom,
fenómeno sinalado que afectará escasamente ós actuais historiadores non
universitarios.
[36]
De seguro que
non podemos decir o mesmo do espírito renovador nos métodos e nos enfoques,
pero tampouco andamos moi sobrados diso agora nas universidades.
[37] Véxase a nota 12.
[38]
Eficaz no
sentido de implicar máis á academia historiográfica; completa no sentido de abranguer
toda a historia, non soamente o século XX.
[39] Os media tradicionais pasaron dunha función
crítica como cuarto estado nos anos
do Watergate á formar parte nos anos 90 do poder establecido, aínda que non
todos os medios escritos e televisivos sufriron a mesma evolución,
naturalmente.
[40] Sobre
todo se están enfocados ó seu gusto historiográfico e/ou ideolóxico, o dirixismo
dos medios máis influentes está cambiando -para mal- o sentido do que Gramsci
chamou os “intelectuais orgánicos”.
[41]
Auxe
relacionado entre nós por el retorno da historia de España, dúas décadas
despois de que floreceran pendularmente as historias das nacionalidades e rexións,
quedando para un futuro (inexorable) a historia mundial.
[42]
Formacións e
vocacións con certa tendencia ó conservadurismo historiográfico que debemos
combater non soamente entre os alumnos.
[43]
Non o foi o
caso da Xunta de Galicia que financiou os nosos Congresos de Historia a Debate
nos Xacobeos 1993, 1999 e 2004, sen condicionamento algún en canto a temas,
enfoques, invitados, etc., como temos posto de releve en varias ocasións.
[44] Esta influencia política, mediática e editorial sobre determinda historiografía veu reemplazar á influencia doutras ciencias e movementos sociais, características do século XX, reflejando un novo presentismo institucional, que naturalmente ten outras lecturas e influencias compensatorias desde a sociedade civil e a globalización alternativa.
[45]
Con todo, o
novo goberno do PSOE non semella ter entre as súas prioridades a historia, a
diferencia do goberno anterior, coa salvedade relativa do Centenario do
Quixote, non desenvolvendo ata o momento ningunha iniciativa a favor dunha
historia plural de España, o que se corresponderia en apariencia co seu proxecto
político, onde si cabe o seu apoio loable, non dirixista, ás asociacións pola recuperación
da memoria histórica da guerra civil e do franquismo.