Prólogo
É
moi posible que o lector deste libro nunca teña oído falar de Manuel Barros
Fernández. E non é estraño: Manuel Barros foi, coma millóns de persoas, alguén
que non apareceu con nomes e apelidos nos libros de historia. Quen é, xa que
logo, o autor destas memorias?
Manuel
Barros Fernández naceu en 1918 na aldea de Coruxo, nas proximidades de Vigo.
Morreu oitenta anos despois, en
Casou
con Carmen Guimeráns e tiveron un fillo. Ao longo dos corenta anos que viviu
baixo o franquismo, loitou por conseguir un salario —mellor dito, varios,
porque unha única fonte de ingresos non abondaba para cubrir as necesidades
vitais—; ao longo dos corenta anos que viviu baixo o franquismo loitou por ter
un teito baixo o que acubillarse; ao longo deses corenta anos loitou contra as
enfermidades, pois padeceu tuberculose. Durante as catro décadas que viviu
baixo o franquismo loitou pola vida, parafraseando o título baroxiano.
Pois ben, como o lector
pode deducir deste rápido resumo, non hai nada extraordinario na vida de Manuel
Barros. A vida do noso autor é moi semellante á das xentes da súa xeración, os
millóns de traballadores —pois como traballador se autodefine Barros no seu
manuscrito— aos que lles tocou vivir a España do século xx.
Queremos
destacar, en primeiro lugar, o interese da Fundación 10 de Marzo en recuperar a
memoria da xente traballadora —a clase obreira, se se me permite empregar este
concepto—, un colectivo formado por persoas que tiveron e teñen nome e
apelidos. Para facer realidade ese obxectivo estatutario da Fundación, o seu
primeiro director, José Gómez Alén, comezou a recollida de testemuños orais de
traballadoras e traballadores. Posteriormente, outros cooperamos nese eido e
achegamos tamén testemuños escritos de xentes anónimas —pero, repetimos, con
nome e apelidos—, conscientes de que a historia intenta, tal e como afirma o
profesor Fontana, «mostrar la multitud y cada hombre en detalle, con lo que
anima y lo que desespera». Eses e outros documentos, que englobamos dentro da
etiqueta de documentos persoais (epistolarios, memorias, diarios…), permiten
unha aproximación a aspectos aos que con moita dificultade se chega coas fontes
escritas custodiadas nos arquivos tradicionais: a vida cotiá, as mentalidades,
as identidades ou, por exemplo, os procesos de socialización das persoas que
conforman a maioría silenciosa e silenciada, as súas experiencias, as súas
percepcións...[1]. Os documentos persoais —e
este libro así pode ser clasificado— permiten que o historiador se achegue a
algúns aspectos necesarios para a construción dunha historia máis social, dunha
historia total.
O
que o lector vai atopar ao longo das moitas páxinas destas memorias é a vida
normal dunha persoa normal da Galicia do século xx, da España do século xx.
Son anacos da memoria que falan da vida cotiá dun rapas da aldea. O
autor cóntanos da súa aldea natal, dos seus pais, das non sempre fáciles
relacións familiares. O autor cóntanos da súa escola e do absentismo escolar
tantas veces ligado ao traballo infantil, pero tamén da vida de barrio, das
festas, da súa iniciación sexual. Manuel Barros fala das dificultades para
atopar os seus primeiros traballos. O autor tamén lembra o pouco que lle faltou
para coller un barco con destino ás Américas, onde xa marchara algún membro da
súa familia, por exemplo as mulleres que emigraron porque cun traballo no
servizo doméstico melloraban as expectativas vitais que lles ofrecía a terra
que as vira nacer.
Barros
lembra como foi o advento da Segunda República e os primeiros días da
sublevación militar en Vigo, cidade á que estivo ligada toda a súa existencia.
Como xa dixemos, estivo mobilizado durante varios anos ata que regresou á
Cidade Olívica. Vigo, que nos tempos republicanos coñecera un importante
desenvolvemento do movemento obreiro, sufriu a represión franquista dende os
primeiros momentos do Movimiento Nacional. Foi unha represión que
condenou ao medo e ao silencio os que tiveron fortuna, porque os que non a
tiveron quedaron tirados nas gabias. Ese rapaz de aldea que foi Manuel Barros
foi un deses afortunados. A fin de contas, dos oitenta anos que viviu, soamente
corenta corresponden á ditadura franquista.
Un
dos máis graves problemas aos que o noso protagonista e a súa familia tiveron
que se enfrontar foi o da vivenda. Vigo-Lavadores tiña en 1940 unha poboación
de 134.000 persoas que irían en constante aumento nas décadas seguintes
(Giráldez, 2002: 21). O Fuero del Trabajo recollía que o Estado asumiría
«la tarea de multiplicar y hacer asequibles a todos los españoles las formas de
propiedad ligadas vitalmente a la persona humana: el hogar familiar». Porén, o
réxime foi incapaz de satisfacer a demanda de vivenda. Despois da súa voda,
Barros compartiu o espazo vital coa familia da súa muller. Cando a situación o
permitiu, construíron eles mesmos unha casa, aínda que carente de servizos.
«Viviamos cunhas condicións... Bo, sen auga corrente […] Viviamos nunhas
condicións, dun fogar obreiro daquela época, nunhas condicións de hixiene moi
relativa. Miña nai levantábase ás cinco da mañá todos os días para ir buscar
auga ao río, que lle chamaba, que é un lavadeiro público que aínda, me parece,
existe en Coia».[2] Non foi ata finais da
década dos sesenta, cando o réxime facilitou a construción de vivendas, que a
familia Barros Guimeráns accedeu a un piso no polémico polígono de Coia,
despois de sufrir unha expropiación e —malia as estreitas canles que a ditadura
non daba controlado— protestar contra os atropelos oficiais.
Estamos,
xa que logo, ante un verdadeiro tratado sobre a vida cotiá, unha fonte de
primeira man. Estamos, xa que logo, ante unha historia das galegas e dos
galegos porque, sendo certo que «existen varias historia de Galicia na época
contemporánea», ningunha é «a das xentes de diferente condición social; dos que
comían ben e dormían en colchóns de la, e os que levaban unha existencia
precaria téndose que deitar amoreados en xergóns de folleto», como di o
profesor Castro nun libro que enriquece estas memorias, aínda que tamén
poderiamos dicir que son estas memorias as que enriquecen ese libro. Quizais
por todo isto estas memorias lle resulten familiares ao seu posible lector
porque reflicten unha vida cotiá na que en moitos aspectos «primaron as
permanencias sobre as mudanzas […] ata que se produciu o rexo proceso de
modernización, que tivo lugar na década de 1960» (Castro, 2007: 16).
A
condición de ex combatente no bando vencedor permitiulle a Barros entrar a
traballar no estaleiro de Barreras. Alí, coma en calquera outra empresa, as
xornadas de traballo eran interminables. Interminables porque así o marcaba a
lei, pero tamén porque os traballadores tiñan que completar os seus exiguos
salarios facendo horas extra. E fosen extra ou normais, esas horas sempre se
facían nunhas condicións nas que a seguridade e a hixiene eran conceptos que
existían sobre o papel, no mellor dos casos. Non é de estrañar, xa que logo,
que Barros Fernández, como a súa muller, Carmen Guimeráns, acabaran a súa vida
laboral xubilándose anticipadamente por enfermidade. As súas doenzas tiveron
que ver coa vida de penurias pasada nos seus primeiros anos pero tamén coas
súas condicións laborais.[3]
Como milleiros de persoas naquela altura, Barros padeceu tuberculose; e fálanos
de como tivo que se enfrontar á enfermidade e do nivel de desenvolvemento dos
sistemas de protección sanitaria durante o franquismo.
Como
acabamos de dicir, Barros tivo que completar o seu salario facendo horas extra.
Por iso dedicaba boa parte das súas horas libres a aumentar os seus ingresos
tocando a percusión en orquestras que animaban a noite ou as festas populares.
«Iso forma parte da cultura obreira da época», afirma Carlos Barros.[4]
Pero aí non quedou a cousa. A liberación do taller e da fábrica prometida polo Fuero
del Trabajo para a muller casada, non se fixo realidade en Carmen
Guimeráns. «Antes de ir ao traballo [miña nai] ía buscar auga, para ter auga
para ese día. Ás veces ía a Ribeira a comprar. E logo ía á casa, preparábame a
min para o colexio, levábame ao colexio e logo ía traballar».[5]
Porque Carmen tivo que se empregar en
Durante
as primeiras décadas da ditadura, os traballadores enfrontáronse aos seus
problemas de forma individual ou con protestas moi pouco estruturadas. Houbo
que esperar aos anos sesenta para que empezaran a mobilizarse conxuntamente.
Barreras foi unha das primeiras factorías onde iso ocorreu. Barreras foi un dos
berces do movemento obreiro antifranquista. En Barreras apareceu unha das
primeiras comisións obreiras estables de Galicia, e en Barreras a
conflitividade sociolaboral foi en aumento segundo pasaron os anos.[6]
Manuel
Barros fálanos de todo isto e de algo máis porque, aínda que pouco, o autor
tamén fala de política. Creo que sobre este particular non se lle poden
escamotear ao lector algunhas informacións. Fixemos unha rápida referencia aos
aires políticos que se respiraban na familia de Barros. A referencia é nosa
porque da pluma de Barros non saíu ese dato nin outros moitos relacionados coa
militancia política do autor destas memorias. Contan que Barros simpatizou co
Partido Comunista nos tempos da Segunda República. A súa significación política
non debeu de ser moita porque, de selo, non tería escapado á brutal represión á
que os sublevados someteron Vigo e a súa comarca. No seu texto, Barros permite
ao lector saber, sen lle dar máis importancia, cales son as súas simpatías
cando, enrolado no exército, lle toca perseguir os fuxidos republicanos. Tamén
sabemos por palabras non escritas polo autor que nos difíciles primeiros anos
da posguerra, Barros enlazou cos militantes do Partido Comunista que lograran
sobrevivir. «Ían botar octavillas nos cines», dinos Carlos Barros, transmitindo
o que lle contara o seu pai. Así ata que a policía desarticulou a organización
clandestina. «Cando veu a caída, un dos que caeu era veciño meu, traballaba en
Tranvías, alí no barrio de Coia e o torturaron salvaxemente, quedou marcado
para toda a súa vida. O meu pai tivo unha grande sorte porque nas cantadas que
houbo non chegaron ata el, entón quedou desconectado do Partido […]. Entón
converteuse nun militante de Radio España Independente».[7]
Poida que esa «militancia da
Pirenaica» estea na base dos parágrafos sobre a conciencia de clase ou a
importancia da aparición dunha nova militancia obreira antifranquista nos anos
sesenta, referencias que, a pesar dos silencios do autor sobre este asunto,
permítenlle ao lector entrever a difusa militancia de Manuel Barros.
Cómpre
repensar ata que punto a actitude do rapaz de aldea que foi Manuel
Barros é representativa do conxunto das clases populares, da clase obreira,
particularmente no período franquista. Talvez o papel político desempeñado por
Manuel Barros poida servir para situar no seu xusto termo o papel das masas na
loita antifranquista, o carácter político ou non político das folgas
antifranquistas.[8]
Manuel
Barros naceu en 1918 e morreu en 1998. Quizais é un
representante anónimo do «século curto» do que fala Eric Hobsbawm. Un
século curto que en España quedou condicionado polo golpe de Estado do 18 de
xullo, a Guerra Civil e a ditadura franquista. As casualidades do destino
fixeron que a data da súa morte, o 1 de abril de 1998, coincidise co
aniversario daquelas palabras difundidas polo parte de Radio Nacional: «En el día de hoy, cautivo y desarmado el ejército rojo, han
alcanzado las tropas nacionales sus últimos objetivos militares. La
guerra ha terminado».
O
traballo que aquí se presenta, chegou ás nosas mans grazas á transcrición que
dende o orixinal corrixiu José Antonio Martínez Domínguez. A corrección
definitiva é obra nosa; cotexamos o manuscrito con esa transcrición e, fronte á nada desprezable altura que alcanzan as 870
páxinas que escribiu Manuel Barros, xurdíronnos moitas dúbidas sobre cáles
debían ser os criterios máis axeitados á hora de editar un texto tan extenso,
que non pretende ser filolóxico (ben que podería selo) pero no que queriamos
respectar tanto o estilo como o idiolecto do autor.
Co todo, sabemos polo fillo de Manuel e autor do limiar, Carlos
Barros, que seu pai «dicíalle moitas veces a Mariluz “esto hai que labralo
moito”, no sentido dunha revisión ulterior por alguén con maior coñecemento da
escrita galega, pero tiraba para diante». Asumimos ese desexo de Manuel e, sen
danarmos a frescura do seu relato, interviñemos para lle imprimir á obra unha
certa unidade gráfica; fixemos correccións léxicas, morfolóxicas e sintácticas,
pero sempre as menos, procurando que a nosa «labradura» non estragara os regos
que el tan ben cavou.
Na vertente gráfica, utilizamos as formas contractas pra (para), prá (pra a), pró (para o)
e os seus plurais. Sen seren as formas normativas, achéganse máis á propia
escrita de Manuel (pa, pas, po, pos),
esencialmente fonética (como nos confirma Carlos Barros: «Aínda que nós lle
diciamos que escribira como falaba, dubidou moito, pero fíxoo.»). A gheada
marcámola como está establecido, co dígrafo gh,
e o seseo con s. Non destacamos tipograficamente os estranxeirismos nin as
desviacións da normativa.
No mapa das «falas galegas», a de Manuel Barros encádrase na área
pontevedresa do bloque occidental (no que tamén se inclúen as falas occidentais
da Coruña), e concretamente na subárea Verdugo-Miño (segundo a clasificación de
Francisco Fernández Rei: 1990) e, xa que logo, presentes no falar deste rapas
da aldea de Coruxo.
Pero antes cómprenos outra aclaración. No texto manuscrito
aprécianse as correccións que o autor, con delicadeza amanuense —pois non risca
nin sobreescribe sen máis, senón que modifica os trazos do xa escrito para
transfigurar unha letra noutra (coma tal os eses en zetas)— introduce coa
vontade de achegarse a un estándar da lingua que non dominaba. Respectamos a
súa intención correctora, por iso nin a gheada nin o seseo nin outros trazos
máis aparecen de xeito homoxéneo na obra.
Canto ao léxico, unificamos certas solucións cando o autor,
coñecendo a palabra patrimonial, utilizou pares castelán/galego:
desayuno/almorzo, ducia/docena, padiola/camilla, etc. Decantámonos, xaora,
polos últimos.
Conservamos certos castelanismos moi propios do ámbito laboral, social
ou ambiental de Manuel que aparecen repetidamente e que non alternan coa
palabra patrimonial (muelle, axuntamento…). Outros pouco recorrentes
substituímolos pola palabra galega.
No aspecto sintáctico, a nosa intervención máis salientable foi na
colocación dos pronomes que, se cadra pola reflexión a que obriga a escrita,
Manuel non utilizou espontaneamente senón, talvez, seguindo o modelo castelán
que el lía arreo na prensa.
Sendo propia da metade do territorio galego a neutralización de
número no pronome lle/lles a favor do singular, optamos por incorporala por lle
achegar claridade ao texto. Non utilizamos en cambio, e non o fai o autor, as
formas llelo(s) e llela(s), inexistentes na fala de Pontevedra.
Aínda que o mantemento de moitas peculiaridades da lingua de Manuel
Barros pode dificultar a lectura e non se cinguen á normativa oficial da lingua
galega, permítennos aproximarnos a personalidade do autor e, ao cabo, á
realidade lingüística dun momento e un lugar moi concretos da historia, cando a
nosa lingua non gozaba nin do prestixio nin do pulo que moitos lle queremos
dar, e Manuel Barros fíxoo, abofé.
Ademais
de enmarcar o significado deste longo texto na presentación que o lector ten
nas súas mans, optamos por anotar as memorias ao pé de páxina. A escolla das
pasaxes para anotar é sempre difícil. Que criterios foron os empregados? O
fundamental foi axudar o lector actual a comprender uns feitos ocorridos hai xa
non poucos anos. Así pois, explicamos o significado dalgunhas datas ou dámolas
cando no texto non existían referencias cronolóxicas. Cando foi posible,
explicamos o papel que representaron algúns dos personaxes citados. Noutros
casos, contextualizouse a narración coa explicación dun feito histórico. Hai
situacións, tamén hai que recoñecelo, nas que non demos explicado algúns dos
comentarios de Barros. Se a nosa escolla foi axeitada ou non, é un xuízo que
lle corresponde a quen lea este volume. De calquera xeito, como se poderá
comprobar, non son moitas as notas ao pé de páxina porque entendemos que a
palabra orixinal é intelixible, autosuficiente. E a palabra recuperada é
propiedade do seu autor, Manuel Barros Fernández.
Cómpre
agradecer a Ricardo Varela, conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, a súa
sensibilidade para entender a importancia dun escrito como este. Sen o seu
apoio, esta publicación no sería posible.
E,
por suposto, vaia o noso agradecemento a Carmen Guimeráns e ao seu fillo Carlos
Barros, que nos entregaron o manuscrito de Manuel Barros Fernández para
publicalo. Foi Carlos Barros quen animou o seu pai a escribir estas memorias, o
que denota nel unha dobre sensibilidade: a do fillo interesado na súa propia
historia familiar e a do profesor universitario que ten entre as súas
preocupacións académicas —e tamén políticas— a historia da xente. Esperamos que
a edición final destas memorias sexa do seu agrado.
Coa
publicación destas memorias, aspiramos a que as xentes como Manuel Barros, que
non foron líderes de nada, que tampouco foron personaxes mediáticos nin
famosos, nin se dedicaron á escritura, nin á pintura nin á música… ocupen o
lugar que lles corresponde. A fin de contas, Manuel Barros Fernández foi un
simple traballador; e coma el houbo millóns ao longo da Historia.
Víctor
Manuel Santidrián Arias
Begoña
Méndez Vázquez
Fundación
10 de Marzo
[1] Sobre os documentos persoais remitimos a Plummer, 1989. Unha reflexión persoal sobre este asunto en Santidrián, 2006. Son de especial relevancia os traballos realizados ao redor do Seminario Interdisciplinar sobre Cultura Escrita da Universidade de Alcalá de Henares. Véxanse, por exemplo, Castillo, 2001 e Castillo e Montero, 2003. Unha interesante aproximación ás autobiografías, memorias e «ego-documentos» no número 1 da revista Cultura & Sociedad (2005).
[2] Entrevista a Carlos Barros Guimeráns realizada por Víctor Manuel Santidrián Arias en Santiago de Compostela, o 23 de outubro de 1997. Fundación 10 de Marzo.
[3] Entrevista a Carlos Barros Guimeráns realizada por Víctor Manuel Santidrián Arias en Santiago de Compostela. 23 de outubro de 1997. Fundación 10 de Marzo.
[4] Entrevista a Carlos Barros Guimeráns realizada por Víctor Manuel Santidrián Arias en Santiago de Compostela. 23 de outubro de 1997. Fundación 10 de Marzo.
[5] Entrevista a Carlos Barros Guimeráns realizada por Víctor Manuel Santidrián Arias en Santiago de Compostela. 23 de outubro de 1997. Fundación 10 de Marzo.
[6] Sobre Barreras, remito a Gómez Alén, 1995. É unha empresa que ben merece un estudo de caso en profundidade.
[7] Entrevista a Carlos Barros Guimeráns realizada por Víctor Manuel Santidrián Arias en Santiago de Compostela. 23 de outubro de 1997. Fundación 10 de Marzo.
[8] Quero aquí lembrar a polémica historiográfica sobre o carácter político ou non político da conflitividade baixo o franquismo. Véxase Soto, 1988; Gómez Alén, 1997. Pola miña parte, paréceme moi acertada a opinión de Doménech, 2002.