DA nosa acordanza
Palabra de traballador
23.01.2009
XAVIER CASTRO
Tense dito que cada vello que morre é una biblioteca que arde.
Pois ben, cada vello que fala é unha candea que prende na bóveda
penumbrosa da memoria colectiva. Acontece, deste xeito, que acaba de
falar un home importante, aínda que el se tivera por un traballador
máis, unha persoa corrente e sen importancia, ata o punto de que
dubidaba se realmente pagaba a pena que deixara constancia escrita
da súa experiencia vital. Persoas así son as que empurran o carro da
Historia, cuxo auriga non é un heroe singular, senón un protagonista
colectivo, un personaxe xenérico hipostasiado que recibe a
advocación de pobo. O ben crecente do mundo -se é que tal hai-
depende do denodado esforzo de xeracións de xentes traballadoras.
Sinalaba una personaxe de George Eliot, en Middlemarch, que: "(...)
la razón por la cual las cosas no andan tan mal para ti y para mí se
debe en buena medida a quienes han vivido fielmente una vida
discreta, y descansan en tumbas que nadie visita". O libro leva por
título: O rapás da aldea. Memorias dun traballador (1918-1976),
e reviste un notable interese tanto pola historia de vida que
refire, que ten un valor textual, e, diríamos, humano, intrínseco,
como pola relevante información que achega para a historia social de
Galicia. Manuel Barros foi un traballador vigués da industria da
construción naval, moi vencellado aínda ao mundo rural periurbano,
pero cunha práctica social -e mesmo sindical- xa nidiamente urbana.
O seu testemuño ten moita forza e aínda por riba é moi rico (o que
non sempre sucede, pois iso depende da índole e capacidades do
informante), pero asemade reviste un valor engadido como documento,
porque existen moi moi poucos testemuños emanados da entrada das
clases traballadoras urbanas, da mesma maneria que son francamente
minguadas e escasas as investigacións antropolóxicas e etnográficas
a propósito do mundo obreiro.
Nesta obra hai datos novos e matices importantes que permitiran
afinar máis a recreación da historia da nosa sociedade. Para mostra
un botón: Coñecemos sobradamente que era antano unha práctica moi
corrente, como recurso pedagóxico e disciplinario, que os mestres
lles bateran ós nenos na escola, pero apenas sabemos nada da
situación inversa, hoxe tan habitual, na que os estudantes asumen
comportamentos agresivos cos ensinantes. Podemos así pensar que este
é un feito actual. Pois ben, resulta que non o é. Refire o autor que
cando tiña oito anos levárono a unha escola pública que estaba algo
mellor que a que coñecera anteriormente. Compartía estudos con
outros rapaces que eran tan pobres coma el, e non diferían tampouco
en iren todos descalzos e remendados. Pero en vez de tocarlle en
sorte un mestre brután desta vez tivo unha profesora amable, á que
facían cumpridamente rabear: "A mestra era tan boa que os máis
rebeldes a facían chorar; se castighaba alghún deles, ó salir
esperaban ó lado dun poso de auga no camiño e zas!, salpicábana,
púñana coma un sambenito mollada. Eu, como era máis tímido, non
facía aquelo, pero admiraba os valentes que o fasían".