Rubén
García Álvarez, historiador e medievalista de Galicia[1]
Carlos Barros
Universidade de Santiago de
Compostela
De primeiras quero celebrar a publicación
deste catálogo dos materiais de Rubén García Álvarez, que a súa familia
depositou xenerosamente no Museo Etnolóxico
de Ribadavia, sen o cal os investigadores non poderíamos acceder
doadamente ós documentos e traballos publicados e inéditos, atesourados polo
noso ilustre ribadaviense, da meirande importancia para a historia de
Ribadavia, Galicia, Asturias, León e Portugal,
para historia do propio Rubén como persoa, médico e historiador.
Certamente
Rubén publicou moito e ben durante 30 anos dedicados á investigación, como se
pode ver na bibliografía esencial feita
por Fernández de Viana, tres anos antes da súa morte, para a Gran Enciclopedia
Galega. Aínda que non hai nada mellor para valorar a súa obra que relacionarmos
os artigos e libros coñecidos y publicados coas súas notas de lecturas,
traballos inéditos, documentación usada
e/ou solicitada ós arquivos e tamén coa súa propia vida social, profesional e
humana. Para facermos ben historiografía, compre investigarmos ó investigador
no seu contexto. Dispomos para elo da correspondencia, colaboracións
radiofónicas..., o que inxustamente se podían denominar “materiais menores”,
aínda que habería que botar man necesariamente da historia oral, entrevistando
a todos/as ós que acompañaron ó historiador
de Ribadavia na súa fructífera vida e obra: chegamos xa tarde para gravar, por
exemplo, ó seu amigo “Chucho”, Xesús Sánchez Orriols, que tivo moito que ver
coa súa derradeira -e mais brillante-
etapa historiográfica (finais dos anos 60).
Aí
fica polo tanto a nosa primeira proposta de traballo: é preciso unha biografía
intelectual e global de Rubén García Álvarez para comprendermos como puido
xurdir da vila histórica de Ribadavia, en contacto co mellor da historiografía
internacional daquel entón, fóra do medio universitario que tantas cousas
facilita (e dificulta), un dos historiadores galegos máis salientables da
segunda metade do século XX aínda por (re) descubrir e (re) valorar.
Inmensa
vocación de historiador
Moitísimo antes de que fose unha actividade profesional, docente e
investigadora, ser “historiador” non era “máis” cunha vocación de saber e
escribir sobre o pasado, a miúdo como xeito de servir ó presente. Aquela
xentiña gañaba a vida noutras labores e sacaba tempo do seu lecer para estudiar,
investigar e publicar sobre súa localidade ou país natal, ás veces con máis
vontade que coñecementos históricos, metodolóxicos ou historiográficos, sobre
todo no século XIX, facendo de cotío unha historia narrativa con mellor o peor
estilo que non ía alén dun reconto de nomes e lugares, datas e datos, condición
necesaria pero non suficiente para unha investigación histórica de calidade,
como ben sabemos.
Sobra
dicir que Rubén García Álvarez estivo sempre por riba dunha historia entendida
como un simple pasatempo, ou puramente local, escribise sobre arqueoloxía,
menciña ou historia (aínda que a maior parte da súa producción versa sobre
Galicia, traballou tamén sobre Castela e Portugal, e leu moito sobre o
Occidente medieval), actuaba en canto a rigor documental e bibliográfico como
un historiador profesional sen selo institucionalmente, na mellor tradición
erudita de Murguía, López Ferreiro ou Ferro Couselo, chegando finalmente máis
lonxe que eles –eran tamén outros tempos históricos e historiográficos- no
tocante a actitude renovadora e comprometida, como logo veremos, que se
explica, na súa dimensión social, entre outros factores, pola súa relación privilexiada coa xente, e as súas doenzas,
loitando como loitou no Ribeiro –primeiro obxecto dos seus desvelos como
historiador- contra a tuberculose, o mal venéreo e outras enfermidade, desde a
terrible posguerra. Relación estreita
coa realidade social que nos medios académicos, cando se da, prodúcese más ben
indirectamente, a través de ideoloxía e da ética do compromiso.
A
prioridade pola Idade Media
A
meirande parte dos traballos de investigación histórica de Rubén García Álvarez
son de tema medieval, altomedieval para sermos precisos: séculos VIII-XI.
Período crucial e dobremente constituínte, do sistema feudal en Galicia -e no Occidente medieval-, de
Galicia como nacionalidade histórica.
Rubén segue no seu medievalismo a
tradición historiográfica, galega e internacional, dos séculos XIX e XX
(incluíndo Annales), que salientou as
Idades Media e Moderna como os períodos cronolóxicos decisivos. As orixes
medievais das nacións e nacionalidades explican, entre outros factores, o auxe
do medievalismo entre os historiadores europeos ata hai ben pouco. Predilección
que aínda está máis xustificado na nosa historiografía: Galicia como comunidade
diferenciada tivo historicamente o seu máximo desenvolvemento na Idade Media,
que logo se recuperou –culturalmente- co Rexurdimento e –politicamente- co
actual autogoberno, que Rubén xa non tivo tempo de vivir.
O medievalismo de Rubén García
evoluciona da erudición á nova historia,
dun compromiso xenérico a un compromiso concreto (que lle leva a dicir, como
veremos, que os labregos son o seu obxecto principal): “Aunque a primera vista
se ocupa de una época distante, este libro ha sido pensado para comprender la
Galicia actual, o mejor aún el oscuro proceso histórico en el que se elabora y
constituye la situación de nuestro tiempo.... [Galicia] sigue siendo, en su
estructura socioeconómica, una región anclada en el medievo”. Escribe ó
principio da introducción metodolóxica da súa obra máis importante- e a que lle
prestaremos máis atención-, Galicia y los
gallegos en la Alta Edad Media (tomos I e II, Santiago, Pico Sacro, 1975),
catorce páxinas que constitúen unha sorte de testamento historiográfico.
Naturalmente Rubén segue nesto ós fundadores de escola francesa: ante a
“necesidade –plenamente consciente y bien fundada- de comparar el presente con
el pasado, de trasladar a él la problemática del vivir actual. En ningún caso
como en el de Galicia tiene validez la recomendación de Marc Bloch cuando
escribía que la historia, a veces, debe ser leída al revés, siguiendo en
sentido inverso la línea de los tiempos”; cita de Bloch tirada precisamente da
obra Les caractères originaux de
l’histoire rurale française (París, Armand Colin, 1968), co que se aclara o
ancoraxe medieval de estructura socioeconómica galega a que se refería o noso
adiantado medievalista: o peso da pequena propiedade campesiña.
Historiador
de vangarda
Dise,
xustamente, que “Rubén foi un adelantado no seu tempo ó establecer un vínculo a
través do país veciño [Portugal], algo que nos nosos días está de plena
actualidade, pero algo moi pouco usual nos anos 40 e 50” (Ana Malingre na
Introducción do fondo). Pero a traxectoria de Rubén aínda foi máis
extraordinaria que iso, que non é pouco, pois se adiantou ó seu tempo, nos anos
cruciais anos 60 e 70, ó asumir e por en práctica, desde Ribadavia, en plena
dictadura franquista que tanto chocaba coa súa tradición republicana e
democrática, as ensinanzas das vangardas historiográficas do momento: revista Annales e materialismo histórico.
Rubén era o que os franceses
chamaban un historien du dimanche: así
se dixo de Philippe Ariès, empresario e especialista en demografía histórica e
historia das mentalidades, ben relacionado coas institucións annalistes. Mais, ¿como puido estar ó
tanto, desde una pequena vila galega, das novas historiográficas europeas a
finais dos anos 60, adoptando un xiro radical ós 55 anos nas súas
investigacións sobre a Galicia medieval? Na historiografía erudita galega da
segunda metade do século XX non hai outro caso parecido. Na historiografía
española houbo algúns exemplos notables desta transición da historia
tradicional (positivista) á nova historia económica-social como Claudio Sánchez
Albornoz en Historia Medieval, ou Jaume Vicens Vives, Ramón Carande ou Antonio
Domínguez Ortiz, en Historia Moderna, pero todos eles (menos Domínguez,
profesor de ensino medio) estaban na universidade (Don Claudio en Argentina).
A universidade galega xoga, como
é sabido, un papel importante na “revolución historiográfica” que se difunde
polas universidades españolas antes e despois do ‘68. En 1973 celébrase en
Santiago de Compostela, baixo o pulo do modernista Antonio Eiras Roel as I
Jornadas de Metodología Histórica Aplicada, para aquel entón Don Rubén, que non
participar nelas pero coñece as súas actas, xa tiña publicado, en 1969, os
primeiros traballos de historia económica sobre a repoboación de Braga (Bracara Augusta, XXIII) e moeda e prezos
do gando na Galicia altomedieval (Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo
XXIV). De xeito menos organizado e
institucional, desde Ribadavia a
historiografía galega tamén ía cos tempos.
A
conversión historiográfica de Rubén tivo lugar, xa que logo, nos arredores do
decisivo ano de 1968, tempos de
efervescencia democrática e “revolucionaria” que o noso experimentado
historiador –levaba xa 20 anos investigando historia- vive dalgunha maneira en
Ribadavia. A obra de calquera
historiador ou corrente historiográfica, e os seus cambios, hai que explicalos
no seu contexto histórico, a apertura da historiografía española ás novas
correntes europeas garda relación, se queira ou non, co papel adiantado da
universidade na loita pola democracia en España, que Rubén sinte tamén naquela
Ribadavia emerxente da loita de Castrelo do Miño, dos curas novos (Virxilio,
Xosé Benito e Miguel), da Asociación Cultural Abrente, da loita clandestina
antifranquista, do movemento Comisións Campesiñas... Unha Ribadavia democrática e progresista que
representaba, ante todo, no eido intelectual o noso chorado Xesús Sánchez
Orriols (“Chucho”), un dos poucos
intelectuais galegos da xeración da posguerra sabedores, nos anos 60 e 70, do
que era realmente o materialismo histórico e a escola de Annales.
A
coincidencia neses anos de ámbolos dous intelectuais galegos, xa na madurez,
nunha Ribadavia que tamén se movía cos tempos (a xuventude, sobre todo), é
vital para comprendermos o cosmopolitismo e vangardismo intelectual de Rubén no
seu eido específico. Chucho dividía o seu tempo libre que era moito en ler e
conversar. Pódese dicir que lía “todo e que se publicaba”, e os seus intereses
intelectuais eran ben amplos, non hai máis que botar unha ollada a súa
biblioteca, doada así mesmo polos seus testamenteiros, Xesús Alonso Montero e Manuel Peña Rei, ó
Museo Etnolóxico de Ribadavia. Chucho era un discutidor nato, apaixonado,
convincente, interactivo. Cando eu mesmo pasei da “historia inmediata” ás lides
académicas, alá polos finais anos 80, Chucho dicíame como el animara e influíra
en Rubén para deixar a historia positivista pola nova historia francesa e
marxista, tanto de palabra (horas e horas de conversa no estudio de Rubén,
recordábame hai pouco Nesto Chao) como pasándolle libros. Creo niso, Chucha
tiña na casa e lía o que se ía publicando en español, nos anos 60,
principalmente, de Bloch, Febvre, Duby, Le Goff, pero teño para min que
a súa influencia sobre Rubén, sendo clave é máis ben contextual, oral, o texto,
a escrita, pono directamente Rubén, que manexa e cita as obras principais de
historiadores de Annales en francés,
antes da súa publicación en español. Como, por exemplo, os libros do
medievalista Bloch que tanto influíron na súa obra: Apologie pour l’histoire (1964),
La société féodale (1968), Les caractères originaux de l’histoire
rurale française (1968), todos manexados directamente por Rubén.
Abandeirado
da nova historia
Era
moi propio dos anos 60 e 70 mesturar Annales,
marxismo, cuantitativismo, estructuralismo..., o que chamamos noutro lugar: “o paradigma común dos
historiadores do século XX”. O feito mesmo de comprometerse cunha introducción
metodolóxica e historiográfica, en Galicia
y los gallegos en la Alta Edad Media, amosa a precoz sintonía de Rubén coas
novas correntes historiográficas que concedíanlle unha grande importancia á
metodoloxía (Annales) e á teoría
(materialismo histórico).
Escribía o ribadaviense no tan
citado texto: “nuestro trabajo ha sido articulado en tres campos: teórico,
metodológico –o técnica a que han de ser sometidos los materiales acopiados- y
concreto –es decir, investigación sobre las realidades concretas que nos
deparan esos materiales. Nos hemos negado a aceptar el planteamiento empirista
en que la teoría aparece como corolario de los datos, o mejor, como corolario
del análisis de los datos. El proceso seguido en nuestro trabajo fué, en buena
medida el inverso, es decir, hemos tratado de articular el análisis teórico con
los hechos”. Trátase dunha posición sobresaínte, se consideramos o carácter
empírico da meirande parte dos seus traballos históricos –de tódolos xeitos,
útiles e necesarios- dos vinte anos anteriores, e o feito de que non soamente
destacara –e practicara- o valor da reflexión metodolóxica senón tamén da
teoría, a diferencia doutros historiadores renovadores daquel entón que non
excedían a inquietude metodolóxica ou aplicaban mal a teoría influídos por un
marxismo mal dixerido. Rubén situábase no punto xusto dunha preocupación
teórica que non tentaba forzar os datos -nin os feitos- concretos para que cadrasen coa teoría
previamente establecida. O seu positivismo orixinal, permítelle aproveitar o
seu enorme coñecemento das fontes altomedievais para levar a práctica de xeito
orixinal e creativo as novas metodoloxías
e teorías da historia.
Ante
todo, segue á escola de Annales,
apoiándose en Fernand Braudel, toma postura contra a historia tradicional
“centrada en el tiempo breve de las biografías y de los acontecimientos. Pero
este tiempo no es el que interesa a los historiadores de la escuela económica”;
sumándose así mesmo á interdisciplariedade e á historia-problema predicada
desde París. Transitando, xunto co mellor da historiografía internacional –e
española- do momento, dunha historia política, biográfica, acontecimental, a
unha historia económica, social, “profunda”: “Es esta Edad Media gallega de las
profundidades –y digo ‘profundidad’ en el pleno sentido que la nueva escuela
historiográfica da a la locución-, de los fundamentos, de las estructuras, la
que yo he tratado de descubrir y describir”. Conectando de seguido, con tanta
ou máis enerxía, co materialismo histórico: “me he esforzado por sacar a la luz
estas estructuras profundas de entre lo que, en la óptica corriente.... suele ocupar...
el centro del relato cuando en realidad no es más que una superestructura, una
especie de epifenómeno”.
O
marxismo de Rubén é aínda máis explícito na páxina seguinte desta soberbia
introducción a Galicia y los gallegos en
la Alta Edad Media: “Se trata de una concepción más profunda de la
historia, según la cual la estructura social está, a la larga, determinada por
el ‘modo de producción’, que, a su vez,
depende de los ‘medios de producción’, esto es, de las fuerzas técnicas
a disposición de la sociedad para satisfacción de las necesidades socialmente
reconocidas” (noutro lugar, insiste, citando a Marta Harnecker: “utilizamos la
tipología marxista de los modos de producción, como veremos más de una vez”).
Continuando cunha crítica política da historiografía española pouco habitual
nel: “Todo esto es tan claro, que resulta por ello inexplicable el total
silencio que mantiene el historiografía hispana más moderna, acaso un poco
asustada por la inspiración marxista de esta interpretación económica de la
historia, a pesar de ser ésta una de las
grandes ideas del siglo XIX y de que sólo desde entonces puede decirse
que empieza a existir algo que merezca llamarse ciencia histórica”. Rematando o
parágrafo de maneira contestataria, case impertinente , “La gran porción de
verdad que hay en el concepto económico de la historia ha arrancado muchas
máscaras, ha desnudado muchas caras de ‘idealistas”. De vivir hoxe en día o
propio Rubén matizaría o publicado en 1975, naquel entón, con todo, lóxico,
incluso necesario, pesando como pesaba aínda historiografía académica
tradicional do franquismo.
A verdade é que dificilmente
podía saber o noso adiantado historiador, que, naquel intre, na historiografía española estábanse movendo
na mesma dirección outros historiadores novos, ou de arelas novas, ou que
simplemente querían estar cos tempos que viñan, que vanse manifestar máis
claramente logo da morte de Franco. En 1976, un ano despois –todo hai que
dicilo- da publicación, abondo desapercibida, da toma de postura pola nova
historia do noso ribadaviense, a Editorial Akal publica traduce y edita El modo de producción feudal cun prólogo de Julio Valdeón, que viña
traballando a prol dun concepto marxista do feudalismo, así como La historia como arma de la reacción de Alberto
Prieto, que prologa tamén Hacia una nueva
historia, así mesmo editado, en 1976, por Akal con artigos de Balibar,
Parain, Fontana e Barceló. A saída á luz do marxismo historiográfico en España
faise evidente, no mesmo ano, coa publicación pola Fundación Juan March
de Once ensayos de historia,
un feixe de conferencias dictadas no ano 1975, onde participan historiadores
marxistas, máis ou menos confesos, como Juan José Carreras, Antonio Elorza,
Jordi Solé Tura, Francisco Tomás y Valiente;
onde José María Jover, de orixe mais ben conservadora e evolución
liberal conclúe afirmando: “Que para el
historiador en general, y muy en especial para el historiador dedicado a temas
y problemas de historia social, constituye el marxismo uno de los desafíos
intelectuais de nuestro tiempo, es algo tan cierto como que el positivismo lo
constituyó igualmente cien años atrás”. Demostrase así ata que punto Rubén
García Álvarez estaba na primeira fila do que se chamou logo a “revolución
historiográfica do século XX”, mesmo ía un chisco adiantado en España, en cuia
universidade agromou asemade.
O resultado
Así
e todo, non será na precoz recepción de Annales
e do materialismo histórico, onde o historiador de Ribadavia vaise amosar máis
audaz, senón na súa aplicación práctica á historia medieval de Galicia, que el
entendía, lúcida e sincrónicamente, como parte da historia medieval de Europa:
“estes caracteres originarios del occidente medieval los encontramos
fielmente reproducidos en la Galicia del mismo tiempo, con una coincidencia de
detalles tan exacta que no puede por menos que causar asombro” (está citando de
novo Les caractères originaux de
l’histoire rurale française de Bloch). Logo resulta que non será tan exacta esa sintonía –o feudalismo
galego ten as súas especificidades- pero
Rubén capta moi ben as semellanzas esenciais en todo o Occidente medieval do
proceso de formación feudal, marcado pola presencia de comunidades de aldea e
campesiños libres, que tanto lle lembraban á Galicia actual.
O plan da súa investigación máis
ambiciosa, que se beneficia de tódolos seus anos de investigación sobre os
comezos da Galicia medieval, de provisión e dominio de fontes inéditas, Galicia y los gallegos en la Alta Edad Media,
constaba de tres partes: demografía, sociedade e economía. Soamente se publicou
a primeira delas, en dous volumes. Era, e é, a máis difícil da historia
medieval de Galicia: dobremente difícil. A Alta Idade Media, como tódolos
períodos de transición é menos doada de analizar profundamente –como Rubén
quería- que os períodos posteriores, Plena e
Baixa Idade Media. Dificultade que se incrementa se quer facer
demografía histórica empregando as últimas técnicas e metodoloxías
cuantitativas. O autor recoñece a carga: “penosa y agotadora tarea, que
requirió, a cada paso, improvisar el procedimiento con arreglo al cual cernir
la masa de conocimientos cualitativos y cuantitativos que se iban desvelando.
No había precedentes que permitieran establecer un contraste...”, Pero está
satisfeito cos resultados: “he alcanzado resultados muy positivos y muy
esclarecedores”, que lle compensan amplamente a dolorosa decisión de deixar
atrás a vella historia: “he tenido que sacrificar a los ‘varones gloriosos’, el
estudio de las personalidades y las batallas”. Non sen certo “arrepentimento”:
“No hemos olvidado, ciertamente, a los poderosos personajes, a los señores
territoriales a cuya sombra vivían los humildes y los pequeños labriegos de que
se ocupa este libro”. Vemos logo o compromiso social de Rubén, que enche de
resonancias éticas a súa obra, sen abandono da profesionalidade do seu
quefacer. Vemos tamén o seu amplo e intelixente sentido historiográfico, fóra
de calquera maniqueísmo, xa que malamente pódese investigar seriamente os campesiños sen
estudiarmos os señores feudais, e viceversa. De feito, pola desigual presencia
documental con datos sobre campesiños cando fai demografía cualitativa, no
segundo volume, dedica 340 páxinas a nobreza e soamente 50 páxinas ó
campesiñado, pese a seren o motivo principal da súa investigación, e a clase
productiva e maioritaria da poboación, engadimos nós. Sen este enfoque
historiográfico avanzado, e global, de Rubén, ficaría unha imaxe falsa dunha
Galicia medieval, onde soamente a elite que manda fai a historia, o resto.... traballa. A actualidade da obra
de Rubén é clara a este respecto.
Na
súa investigación demográfica dos séculos VIII-XI, sobre a base dos 1000
documentos que foi recollendo –e transcribindo- paseniño e directamente dos
arquivos de todo o mundo, o noso medievalista mostra, estimulado polas novas
historias, un vangardismo abraiante. É dos primeiros que estudian as villae e o léxico medieval desde unha
óptica económica, social, demográfica; que se decatan da importancia de Celanova, mosteiro e aldeas, para o estudio da Alta Idade Media galega;
etc. Pero onde non ten precedentes o seu esforzo intelectual e de
investigación, nin tampouco houbo quen de abordalo despois co mesmo grado de
ambición, é no tocante ó que constitúe o fundamental dos seus dous volumes
experimentais de demografía histórica: a) estudio global da poboación no reino
altomedieval de Galicia, a súa distribución interna, comunidades tipo de
aldea..., no tomo I; b) as investigacións de nupcialidade, natalidade,
fecundidade, matrimonio, familia, mortalidade, esperanza de vida, da nobreza,
do pequeno campesiñado libre e dos servos, no tomo II. É digna de admiración
historiográfica esa combinación orixinal e decidida de teoría e rigor, hipótese
e fontes, que brilla con luz propia nesta obra magna do medievalismo galego e
español, por moito que unha relectura presente, polo miúdo, tería que matizar
ou debater tal o cal conclusións, para o cal habería que atreverse en paralelo
coa dificultade metodolóxica derivada da desigualdade entre obxectivos e
documentos.
Cando
Rubén fixo o seu libro case ninguén facía entre nós demografía medieval.
Fóra estaba J.C. Russell e poucos máis,
case todos citados e coñecidos polo noso autor, o mesmo que as actas do
congreso de Nice sobre La démographie
médiévale (1972), ou o traballo pioneiro de Reyna Pastor de 1967 sobre a
historia das familias en Castela e León nos séculos X-XIV, feito desde
Arxentina. Dicíase que non había rexistros parroquiais na Idade Media nin
censos de poboación para facer historia demográfica. De certo que os
medievalistas dispomos de menos datos que os modernistas ou contemporaneístas,
particularmente para escribirmos unha historia demográfica, pero iso non quere
dicir que non se poida e deba investigar a poboación, cuantitativa e cualitativamente,
afinando hipóteses e métodos que permitan espremermos ben as fontes
conservadas. Hoxe aceptase mellor isto que fai 30 anos, o noso problema
académico actual é máis ben o abandono da temática demográfica ou
económico-social. De aí a importancia da recuperación da obra renovadora de
Rubén para un medievalismo que non
queira voltar no século XXI a unha historia decimonónica de “varones gloriosos’, el estudio de las personalidades
y las batallas”. Por moito que agora existan mellores condicións para un amplo
consenso sobre a necesidade de estudiar historicamente de xeito mixto e global,
o individuo e o colectivo, a política e a sociedade,a infraestructura e a
superestructura.
Remátamos,
xa que logo, este breve esbozo sobre Rubén García Álvarez como o historiador e
medievalista galego, e universal, non sen antes facer una segunda proposta,
máis ben un chamamento: que alguén edite de novo os tomos xa publicados, a
finais do século pasado, e, máis que nada, esa segunda parte de Galicia y los gallegos en la Alta Edad Media.
Consérvanse no Museo Etnolóxico de Ribadavia os manuscritos que Rubén deixou xa
redactados: Documentación de función, 28/01-02-03-04-05. Semella que están
completos, pois a editorial Pico Sacro anunciara no primeiro libro, en 1972, a
parte de sociedade como de “próxima publicación”. Trátase ness segunda parte
nada menos que a “Estructuración de los grupos sociais”, as “Estructuras
sociais y organización agraria”, “Las clases productoras y el campesinado
libre”, “Las clases ociosas. El doble círculo laico y clerical”. A historia de
Galicia nolo agradecerá, e memoria recuperada do noso historiador ribadaviense,
tamén.
[1] Traballo elaborado para o libro-catálogo sobre o historiador Rubén García Álvarez (1915-1980) que vai editar o Museo Etnolóxico de Ribadavia.