Unha historia en positivo
Carlos Barros
Universidade de
Santiago de Compostela
Reseña do libro de Camilo Nogueira, A memoria da nación. O reino de
Gallaecia, Vigo, Edicións Xerais, 2001, 322 pp.
Imos comezar polo
final: recomendamos altamente a lectura do libro de Camilo Nogueira sobre o
reino medieval de Galicia, non soamente ó público nacionalista, senón tamén ós
interesados pola historia de Galicia, incluídos os historiadores de oficio.
Isto a pesar do estilo denso que adopta
o ensaio por momentos (faise más lixeiro nas 100 páxinas finais) por mor da
morea de nomes, datas, datos, xenealoxía de reis..., que dificultan o discurso.
Isto a pesar das fallas historiográficas que se poidan atopar nesta obriña, por
conta do autor ou da historiografía galeguista ou galega no seu conxunto.
O libro de Camilo non
pretende ser un traballo de investigación sobre a historia medieval de Galicia,
senón unha interpretación política e historiográfica acerca do reino medieval
de Galicia, desde o punto de vista nacionalista (p. 17), botando man doutros
libros máis que de fontes directas. Enfoque político-historiográfico que ten
unha longa tradición no século pasado, desde as Irmandades da Fala ata Xosé
Manuel Beiras, pasando por Castelao, tradición de historiografía galeguista que
o “O reino de Gallaecia” tenta actualizar, con éxito, na nosa opinión, tanto
polo que di como polas portas que abre.
Pola contra a historia
académica tende por tradición a primar a investigación sobre a interpretación,
fuxindo de calquera lectura política da historia, por moito que sexan
lexítimas, necesarias e inevitables, mesmo entre os propios historiadores (que
temos a obriga de poñer o rigor por riba da ideoloxía), segundo entendemos os
que formamos a rede académica internacional Historia a Debate.
O libro do noso
eurodeputado facilita o contacto historia/política, historiografía
galega/historiografía galeguista, na procura dun terreo común, e plural, entre
universidade e sociedade no eido a historia, desde o momento en que recorre á
bibliografía académica recente galega, española e portuguesa, para fundamentar
criticamente a súa interpretación historiográfica. Trátase dunha auténtica
nova, e hai máis, na historiografía política nacionalista, que ata hai ben
pouco acudía para inspirarse ás vellas formulacións galeguistas ignorando os
avances historiográficos nos últimos trinta anos nas universidades galegas.
O novo reino de Gallaecia
De resultas do rigor
que tamén se quer acadar no ensaio que reseñamos, fican arrumbados boa parte
dos mitos medievais que iluminaron a historiografía galeguista desde os tempos
de Vicetto: herdanza decimonónica de mártires e desfeitas que foi continuada, e sistematizada, polo
nacionalismo no século XX como base dunha acción a contracorrente dirixida,
ante todo, a crear conciencia nacional ó redor das nosas lingua e da cultura. O
paso, nos últimos anos, do nacionalismo resistencialista á unha posible
alternativa democrática de goberno explica, e xustifica, o paso dunha historia
de Galicia “en negativo” a unha historia de Galicia “en positivo” onde, sin
agachar frustacións e derrotas, se empeze a falar, desde o punto de vista
nacionalista, dos logros históricos dos nosos antergos.
Dentro desta historia
en positivo que o primeiro tomo de “A memoria da nación” anuncia, o
descubrimento na Alta Idade Media dun novo reino de Gallaecia no noroeste
peninsular é, sen dúbida, o hachádego máis significativo e polo tanto o máis
polémico. O reino de Gallaecia de Camilo, feito de realidades e de
interpretacións imaxinativas, supón unha ruptura no seo dunha historiografía
nacionalista tradicionalmente atenta ó
independentismo -real ou suposto, segundo os casos- do rei García ou
daqueles nobres revoltos á monarquía astur-leonesa-castelá que foron quen de
construiren a reino de Portugal no século XII ou de protagonizar, antes e despois da escisión da Galicia bracarense, o
que se interpretou como rebeldías galegas contra os antecedentes medievais do
Estado español, monarquías “alleas” que para Camilo Nogueira constitúen, sen
embargo, entre os séculos VIII-XII, un reino imperial de Gallaecia moito máis
amplo e poderoso co reino medieval de Galicia/Galiza que anticipa a Galicia
actual.
O reino medieval de
Galicia abragueu certamente partes occidentais de Asturias e León, onde aínda
hoxe se fala o galego: ben se ve a finais do século XV no mapa da revolta
irmandiña (que tamén está a espera dunha interpretación nacionalista en
positivo) que chega ata o Bierzo e inclue algunha parte de Asturias. Sen
embargo, o que Camilo bautiza como reino de Gallaecia -nome da extensa
provincia romana que alcanzaba todo o noroeste peninsular- comprende toda
Asturias, todo León e partes importantes das dúas Castelas, é dicir, a
xurisdicción política da monarquía asturiana, primeiro, e da monarquía
leonesa-castelá, despois, das que formaba parte o reino de Galicia con
recoñecemento institucional pero sen poder de seu, salvo nalgunha coxuntura
fugaz. O argumento da galeguidade deste vasto espacio político está, segundo o
noso autor, “na súa orixe e na súa acción e territorio, tamén o foi [galego] en
aspectos simbólicos” (p. 185).
Desde logo así foi no
tocante a territorio, economía e demografía, antes da inclusión de Castela:
Galicia constitueu a parte maior do reino cristián-occidental na península ata
a toma de Toledo, sendo por iso a nobreza galega moitas veces decisiva na Corte
astur-leonesa, saíndo das súas filas
reis tan importantes como Fernando II e Alfonso IX de León que están enterrados
na xustamente reivindicada Capela Real de Catedral de Santiago de Compostela.
Estamos dacordo, polo tanto, en que a vella historiografía española,
tradicionalmente insensible á unha identidade galega que estaba na Alta Idade
Media no seu berce nacional, descoñece o peso social e político, ademáis de
relixioso e cultural, de Galicia na Coroa cristiá-occidental. De aí a
oportunidade deste libro ó reinvindicar a Alfonso VI e Alfonso VII de León e
Castela, ou Fernando II e Alfonso IX de
León, galegos coma nós, poderíamos dicir. Heterodoxa lectura galeguista do noso
pasado medieval que tanto louva o carácter imperial dos reis galaicos-leoneses
(p. 144) na súa expansión cara o Sur (pp. 165-166) a conta da España islámica
(Al-Andalus), como a enorme capacidade política dunha aristocracia galega que
“governou tanto en Castela e Galiza como en Portugal” (p. 250), proba evidente,
todo hai que dicilo, dunha temperá desgaleguización da nosa aristocracia.
Así e todo Camilo pasa
por riba du feito histórico esencial: os centros do poder político das
monarquías noroccidentais de influencia galega sempre estiveron fóra da Galicia
nacional, daquela en formación, pola estratexía dunha nobreza galega que ía
onde estaba o poder sen loitar pola centralidade política da antiga Galicia
lucense, o que resultaba por suposto cada vez máis difícil segundo a Corte, e a
iniciativa militar contra Al-Ándalus, vanse desplazando cara o sur e o centro.
Os reis galegos mandaban deste xeito en León e Toledo mentres a súa Galicia
nativa ficaba obxectivamente periférica ata ser sustituída finalmente pola
hexemónica Castela, proceso de castelanización que comeza no século XII e que
Camilo estudia, a través do discurso historiográfico castelanista e neogoticista,
sen decatarse das consecuencias a medio prazo da acción dunha nobreza medieval
galega que, logo da separación de Portugal, vai detrás dun poder real cada vez
máis lonxano, que logo se volve hostil, optando por dispoñer a corto prazo, con
grande éxito, a maior influencia posible na Cortes de Oviedo, León ou Toledo,
máis que construiren un reino ampliado de Galicia coa súa capital en Santiago
de Compostela, o que se cadra non houbera evitado a integración de Galicia
“nunha dinastía e nun estado dominado por outras terras e por outra língua” (p.
190), pero o caso é que tampouco o intentaron, a diferencia de Portugal e
Castela, aínda que temos para nós que moitos galegos daquel entón tampouco o
sentiron demasiado, por mor dos beneficios que supuso para Galicia estar perto
da Corte.
En resumo,
reivindiquemos no que corresponda a galeguidade dos reis e reinados de
Asturias, León e Castela, desde 718 ata 1230, pero tendo ben claro o
cortesanismo político asturiano, leonés e castelán, dunha parte importante dos
señores feudais de Galicia, que axuda a entender o auxe político, relixioso e
cultural, da Galicia medieval, pero tamén condiciona a castelanización futura
da aristocracia laica e eclesiástica galega, a diferencia dos grupos e clases
sociais que pularon pola Santa Irmandade do Reino de Galicia en 1467-1469, que
ficaron en Galicia nas épocas moderna e contemporánea salvagardando o uso
cotidián da língua e a identidade galega ata o Rexurdimento.
Aínda recoñecendo a
necesidade da proposta rompedora dun reino de Gallaecia tan vasto cara a
promover o debate historiográfico e político sobre a Idade Media galega,
rehabilitando, no que sexa pertinente, á nobreza non independentista, cómpre
atemperarla mellor en relación coa realidade e á documentación históricas
realmente existentes, para eludir unha fácil descalificación desta tese tan
interesante e audaz desde posicións academicistas ou radical-nacionalistas.
É certo que fontes musulmanas identifican como
galegos a todos os cruzados que viñan do noroeste peninsular. Na crónica árabe
citada chámase a Ramiro II de León “rei dos galegos” (p. 152), porque galegos eran os que vivían na terra de
Santiago Apostol, estandarte dos asaltantes que baixaban do norte e do oeste a
“reconquistar” as súas terras. Este argumento
documentado reforza o protagonismo de Galicia na Coroa cristiá-occidental, pero
non ten forza legal, histórica ou historiográfica, para trocar unha realidade
política, cultural e histórica heteroxénica composta de galegos, asturiáns,
leoneses e casteláns. Da misma maneira que, salvando as distancias e esaxerando
o argumento, a denominación de galegos atribuida hoxe en América Latina a todos
os emigrantes españois non converte automaticamente ó Estado español nun Estado
galego.
O termo Gallaecia que
utiliza Camilo nace coa dominación romana pero desaparece na documentación
posterior. É sabido que no latín medieval Gallaecia evoluciona como Gallecia,
Galletia, Gallecie, Galletie, Gallezia, Galliza..., ata chegar a Galicia e
Galiza. O galego Alfonso VII, por exemplo, asina privilexios reais como
“imperatore Adefonso imperante en Toleto, Legione, Cesaraugusta, Naiara,
Castella, Galletia”, de xeito que pode resultar confuso, mesmo anacrónico,
utilizar a denominación latina pre-medieval de Galicia para o conxunto do
Imperio de Toledo cando tanto o dereito consuetudinario coma o dereito escrito
denomina Gallaecia (é dicir, Gallecia no latín vulgar), ó antecedente da Galicia actual non á que fora
circunscripción administrativa romana o logo reino suevo. Sería, polo
tanto, máis intelixente, axeitado ás
fontes e a mentalidade da época, nomear ó reino do noroeste peninsular como
reino de Galicia-Asturias e, sobre todo, como reino de Galicia-León como se fai
nalgún outro lugar do libro: “Portugal e Galiza-León, os dous reinos galegos”
(p. 236). Desta maneira matamos dous páxaros dun tiro: reivindícase, no que
corresponda que é moito, a autoría galega nestes reinados, e reflexase moito
mellor a realidade institucional e política, social e cultural, daquel momento,
na procura desde terreo común do que falábamos antes entre historiográfica
galega e historiografía galeguista, entre historiográfia galega e unha nova
historiografía española e portuguesa maís comprensiva co carácter plurinacional
da historia común española e penínsular. Senon se fai así podería dicirse (con
razón só en parte, pero os matices polo regular desaparecen nos debates) que se
está inventando de novo a historia, que se quer fabricar un novo mito
nacionalista que supla ós mitos decimonónicos sobre la historia de Galicia
moitos deles hoxe descreditados
académicamente e desfasados políticamente.
Dúas estratexias galegas
Cando no libro se di
que os reis galegos de Galicia-León, Fernando II e Alfonso IX, puideron “darlle
continuidade a un reino independente” (p. 242) galego, tal como viña de facer
Portugal (e Castela), non se explica porque non o fixeron: coidamos que en
realidade non querían porque a súa estratexia era outra que lles deu, ademáis,
grandes beneficios. Desde os suevos ata os Reis Católicos a clase dirixente
galega estivo dividida, as veces militarmente, entre os que querían un reino
propio (posibilidade histórica que desaparece no século XIII) e os que buscaban
usufructuar desde o reino de Galicia como plataforma o poder monárquico que
mandaba sobre Galicia. Dúas estratexías diferentes, e lexítimas, para alcanzar
o poder político con logros históricos para ámbalas dúas, non só para a clase
feudal senón tamén, nalgunhas ocasións, para o conxunto de Galicia. Na
tradición historiográfica galeguista non se entendeu así, en positivo, a función da nobreza galega ata o libro de
Camilo que retoma ideas xa expresadas por Emilio González López e outros.
Vexamos o caso paradigmático de Xelmírez e o emperador Alfonso VII.
En 1111 é proclamado
rei de Galicia, na Catedral de Santiago, o galego Alfonso Raimúndez, fillo de
dona Urraca e o conde Raimundo de Borgoña, a fin de impedir que o rei de
Aragón, Alfonso I o Batallador, se fixera coa Coroa castelano-leonesa, pero
tamén reivindicando un reino histórico sen rei de seu. Todo por iniciativa da
nobreza laica e eclesiástica de Galicia, dirixidos polo conde de Trava e por
Xelmírez, que logran posteriormente facer do rei Alfonso Raimundez de Galicia o
rei Alfonso VII de León, cidade onde será coroado unha vez apartado o aragonés
e morta a súa nai a raiña Urraca. Por esta “traición a Galicia” Castelao dixo
do primeiro arcebispo compostelán: “Os galegos admiramos o talento caciquil de
Xelmírez, pero non estamos tristes por iñorarnos a data da súa morte e a
sepultura en que xace, porque traicionou os nosos anceios e desviou as nosas
enerxías, creando un Emperador para Toledo en vez de formar un Rei para
Compostela” (“Sempre en Galiza”, Madrid, 1977, p. 277). Nin Pedro Froilaz de Trava nin Diego Xelmírez
nin Alfonso Raimúndez tiñán de seguro daquela a idea de ter “traicionado” ó
reino de Galicia por asumir o rei galego as atribucións xurisdiccionais más
amplias, desexadas por toda a nobreza peninsular, da Coroa de León, que cinguía
asimesmo Galicia e Castela, todo o contrario, e así o vían con toda
probabilidade os galegos informados da época (enfrontados a súa aristocracia
eclesiástica e laica por outros motivos, como na revolta de Compostela contra
Xelmírez en 1117 e 1136), e así o recolle agora Camilo Nogueira (pp. 173, 190,
195, 212). Temos para nós que se descubrise a sepultura de Xelmírez, que
segundo López Ferreiro está no claustro compostelán, perto do tesouro
catedralicio (“Historia de la Iglesia de Santiago”, tomo IV, p. 219), os
galegos de hoxe lle dariamos tanto mérito como ós emperadores galegos-leoneses
da Capela Real. Aínda sabendo que Alfonso VII, apoiado por Xelmírez, fixo
posible o reino independente de Castela cando reparteu en vida o seu imperio
dando ó seu fillo Fernando o reino de Galicia-León e o seu primoxénico Sancho o
reino de Castela. Aínda sabendo que no reinado do neto de Alfonso Raimúndez,
Alfonso VIII, principia a elaboración dunha historia de España que inventa
retrospectivamente o papel de Castela e esquence o papel de Galicia (pp.
234-235).
En suma, dúas
estratexias galegas victoriosas nas décadas centrais do século XII con
resultados diversos a longo prazo. Alfonso Raimúndez se fai desde a Galicia
lucense co trono de Castela-León, ó tempo que o seu curmán Alfonso Enríquez transforma a parte sureña de Galicia, o
antigo centro do reino suevo de Galicia, no novo reino de Portugal, en
representación dunha nobreza galega maís independente das Cortes de Asturias,
León e finalmente Castela, que non deixa de manifestarse posteriormente
apoiando a Portugal nas guerras civís pola Coroa de Castela.
Galicia con Portugal
Na guerra civil
peninsular con ramificacións europeas iniciada en 1366, a linaxe dos Castro acudiu en axuda de Pedro I de Castela,
que tiña asimismo apoio nas cidades galegas, contra o futuro rei Enrique II.
Logo do asasinato de Pedro o Cruel, o rei Fernando de Portugal, con vistas á
unión das dúas Coroas peninsulares, facendo causa común cos nobres galegos
petristas moi relacionados con Portugal, intervén en Galicia contra Enrique o
Trastámara, quen vence coas armas ó rei Fernando repetidas veces chegando a
ocupar Lisboa por dous meses. Esta
converxencia de Portugal cun sector da
nobreza galega volve a se producir na guerra 1475-1479 pola Coroa de Castela
-moi ambicionada pola nobreza ibérica e europea- entre Isabel a Católica e
Xoana a Beltraneja, que casara con Alfonso V de Portugal. O bando pro-portugués
en Galicia, dirixido por Pedro Álvarez de Soutomaior, era menos influínte en
Galicia que o liderado facía cen anos por Fernando de Castro, pero tiña
relacións máis estreitas con Portugal e a súa Corte, onde Pedro Madruga era
Conde de Camiña (dicía ser ademáis Vizconde de Tui e Mariscal de Baiona).
Alfonso V Portugal resultou igualmente derrotado por Castela.
¿Como afectan a
Galicia estas derrotas do bando nobiliar portuguesista do tardofeudalismo
galego?
A finais da Idade
Media a tendencia europea dominante levaba á unificación de reinos e Coroas
cara a un grande Estado na península ibérica, unha vez que os mouros foran
prácticamente expulsados polos reis cristiáns. Xa pasara logo o momento da
creación dun reino independente galego, posibilidade que foi real nos séculos
XI e XII, cando o sistema feudal e as nacionalidades, cidades e rexións, que
xurdiron del estaban en proceso constituínte. De feito ninguén o reinvindica,
nin tan siquera nos feitos, na Baixa Idade Media. A opción histórica que existíu
verdadeiramente, nos séculos XIV e XV, non era con todo menos interesante para
a nacionalidade galega, como ben se expón no libro, aínda que o autor iguale
Galicia con Portugal, o que era moi certo no tocante ó idioma pero non
políticamente. No caso de que Portugal gañara a guerra pola Coroa de Castela,
podía ser en efecto históricamente factible un “Estado que se estendese por
toda a península, contando o tronco galaico-portugués cun papel básico
territorial, político e cultural” (p. 252). Se o grande Estado peninsular que
demandaban os tempos resultase da fusión de Portugal e Castela en lugar de
Castela e Aragón, a situación de Galicia sería daquela ben distinta,
especialmente respecto dos nosos idioma e cultura, posto que o galego-portugués
(naquel entón unha soa língua) tiña todas as papeletas para ser língua oficial
no novo Estado, o que non é pouco, aínda que temos dúbidas do que acontecería
con Galicia nos planos social e político.
¿O Estado
portugués-castelán acabaría sendo menos centralista que o Estado
castelán-aragonés? Probablemente, non, seguiría de seguro o camió dos demáis
Estados absolutistas. Temos ademáis o dato relevante da posición claramente
anexionista do reino de Portugal cara o reino de Galicia nas citadas guerras
sucesorias, que se reflexou nas fontes históricas e na historiografía portuguesa. Dise na “Historia
de Portugal” de Veríssimo Serrâo: “Em vez de atacar Castela, preferiu o monarca
[Don Fernando] em Junho de 1369 investir contra a Galiza, por terra e por mar,
com o desejo de aumentar o seu domínio territorial ao norte do Minho” (tomo I,
p. 285). Na guerra de Pedro Madruga por cambiar o trono castelán temos o
testimuño directo de Alfonso V quen, en 1476, tenta obter dos Reis Católicos,
nunhas negociacións cara á paz, a
absorción política de Galicia en nome dos dereitos sucesorios da súa muller Xoana,
filla de Enrique IV, sobre os “Regnos de Castella, lhe soltassem livremente
-demandaba o monarca portugués- algua
parte do senhorio della, e que esta seria ho regno de Galiza com todos os seu
termos” (cita dun libro meu recollida asimesmo por Camilo, p. 291).
É dicir que, vista a
desequilibrada relación de poder entre o tricentenario reino de Portugal e un
reino de Galicia moito máis antigo pero históricamente sen poder de seu, visto
o imperialismo portugués e vista a previsible tendencia centralista dun
hipotético Estado portugués-castelán, a situación subalterna da Galicia moderna
e contemporánea daría lugar sen dúbida a un problema rexional pero non a un
problema nacional, o cal -insistimos- non é pouco.
Historiografía española e
diversidade nacional
Camilo Nogueira
arremete no libro contra a ideoloxía oficial, esencialista, castelanista, da
historiografía española, encarnada en Menéndez Pidal, e en menor medida ataca
tamén á historiografía oficial portuguesa, en ámbolos dous casos por
disminuiren ou descoñeceren a papel de Galicia na historia medieval peninsular.
Asemade o autor cita en positivo ós historiadores galegos de onte e de hoxe.
Unha estratexia historiográfica intelixente quitando a identificación, a todas
luces excesiva e ineficaz para os seus obxectivos, que se fai entre
historiografía e historiografía oficial, tanto no caso español como no caso
portugués.
A crítica que se fai
en “O reino de Gallaecia” ó castelanismo do vello medievalismo español
seméllanos correcta, e máis hoxe que
volve o interese -político e historiográfico- por unha historia de España
outravolta centrada nos “grandes homes”, sobre todo reis, e non sempre
acomodada a plurinacionalidade xa recoñecida pola Constitución de 1978.
Realmente a historia
de Galicia, que naceu dunha intencionalidade política provincialista e
rexionalista, non o esquenzamos, empezou a facerse seriamente no século XIX
porque os libros de historia de España non falaban dos feitos históricos da
Galicia, ou se falaba pouco e mal. Poden pensar algúns que a orientación nacionalista
de Camilo o leva a confrontarse aprioristicamente coan toda a historiografía
española, utilizada a miudo no libro como sinónimo de historiografía oficial,
esencialista, castelanista, pero o problema
historiográfico que se plantea en “O reino de Gallaecia” vai alén das
ideoloxías: calqueira historiador que investigue sobre Galicia e queira
integrar as súas hipóteses e conclusións no cadro da historiografía española (o
que non sempre se fai, todo hai que dicilo) vaise atopar con evidentes
prexuizos castelanistas, centralistas, españolistas. ¿No é xusto por amor á
verdade histórica e por honradez intelectual reaccionar críticamente? Temos o
caso do historiador liberal, non nacionalista, Emilio González López, que cando
descubre a galeguidade do reino de León no tempo de Fernando II, vese na obriga
de criticar de contado “a percepción dos historiadores españoles, máis dados a
repetir os lugares comúns recibidos tradicionalmente, que a examinar os feitos
históricos con interés e coidado” (“Grandeza de decadencia do Reino de
Galicia”, 1978, p. 252). Neste sentido queda moito por revisar e o libro de
Camilo contribue abrindo un importante debate, que non terá continuidade se se
demoniza á historiografía española, da que forma parte a historiografía galega, ou se desde a banda académica se silencia
esta aportación historiográfica crítica por prexuicios políticos.
É inexacto dicir,
coidamos nós, que a “historiografía española sigue dominada polo pensamento de
Menéndez Pidal e os seus epígonos sobre o ser español” (p. 10). Está xa
estudiado por parte da historiografía española como o imperialismo castelanista
do coruñés Ramón Menéndez Pidal, a partir de “La España del Cid” (1929), serve
de base para a formulación da historiografía fascista nos anos 40 e 50 (Gonzalo
Pasamar, “Historiografia e ideología en la postguerra española. La ruptura de
la tradición liberal”, Zaragoza, 1991, pp. 313-315). Sendo así superado este
enfoque esencialista nos manuais de historia de España dos anos 60 e 70
animados por Vicens Vives, Pierre Vilar, Miguel Artola, Manuel Tuñon de Lara...
De xeito que o historiador da literatura Diego Catalán Menéndez-Pidal, no
prólogo “Los españoles en la historia” (1991) de Ramón Menéndez Pidal, ¿non pon
así mesmo en evidencia a ideoloxía castelanista deste con argumentos que sirven
a Camilo, xustamente, para facer a crítica galeguista de propio Menéndez Pidal?
(pp. 296-302).
A transición
historiográfica nas universidades é anterior á transición política xeral e xera
un novo xeito de escribir a historia en España, baseado no estudio da sociedad
e da economía, salientando o protagonismo colectivo sobre o protagonismo
individual, a xente común sobre os persoeiros, os reis e os homes de Estado, a
mentalidade social sobre a cultura libresca... Nova historia promovida pola
escola dos Annales, o marxismo e o neopositivismo, que concentrou ademáis os
esforzos da investigación en ámbitos locais, rexionais e nacionais (Galicia,
Euskadi e Cataluña), marxinando claramente no eido académico ós enfoques
típicos da historiografía franquista, e incluso ós temas propios da
historiografía liberal (non menos tradicional metodolóxicamente): historia
política, historia acontecimental,
biografía, historia de España. En Portugal a nova historia de Mattoso,
autor que sirve de apoio a Camilo, reflexa tamén este cambio que tivo un
alcance mundial.
Descoñecer a evolución
da historiografía española nos últimos 30 anos é tirar pedras contra o propio
tellado. Se queremos reinvindicar a historia de Galicia nas historiografías peninsulares
non debemos metelas no mesmo saco. De ter os novos historiadores españoles dos
anos 70 e 80 un prexuízo non sería contra “á diversidade das nacións
peninsulares” (p. 10) senon máis ben contra da idea histórica e política dunha
España nacional. Claro que a mediados dos años 90 iniciouse un retorno, dentro
e fóra das nosas universidades, á historia política, á historia acontecimental,
á biografía, á historia de España, regresión que está xerando certo debate
historiográfico e político que coidamos non debería retrotraernos á “La España
del Cid”, salvo que o Estado español e
as súas universidades involucionaran á situación ideolóxica, historiográfica e
política da posguerra, o que por suposto non vai suceder.
Camilo crítica
acertadamente ós que identifican ou poden identificar “unívoca e negativamente
o carácter nacional coa solución política independentista” (p. 95), o que se
corresponde coa súa executoria política. A nosa pregunta é: ¿non deberíamos
dicir o mesmo no terreo cultural e historiográfico? Si desde Galicia queremos
coadxuvar a unha historiografía española e peninsular común e diversa que tome
en consideración suxeitos históricos nacionais, rexionais e locais, ¿non
habería que aliarse cos historiadores de Castela-León e de Portugal, de Cataluña
e de Madrid, que pensan igual que nós,
que o pasado ten que server para comprendermos críticamente o presente e
construirmos un futuro máis plurinacional e plurirexional? Obxectivo que se
dificulta enormemente se se cae na confusión, conscente ou inconscente, das
actuais historiografías española e portuguesa coas historiografías españolista
e portuguesista das épocas de Franco e Salazar, sobre todo agora que os
prexuicios esencialistas volven polos seus foros. Sobre a base dunha historia
común e diversa, cómpre animar ó necesario debate historiográfico, dado que a
tendencia político-historiográfica de cadaquén -incluidos os historiadores- é
defender a historia propia en detrimento doutros: galegos, asturiáns, leoneses,
casteláns, portugueses... As obvias resistencias doutras historiográficas
nacionais e rexionais a recoñecer, concretamente, o lugar sobranceiro da
Galicia medieval esixen por conseguinte, se se quer ser convincentes, afinar
nos datos xustificativos e nas nominacións propostas, cara o obxectivo
compartido duna historia peninsular que
recoñeza no pasado cando menos a diversidade nacional e rexional
plasmada no título VIII na Constitución española de 1978, que recoñece o
carácter histórico nacional de Galicia, Euskadi e Cataluña, e que combata
consecuentemente o regreso das historiográfías máis tradicionais tanto no
terreo académico como político.
¿Como escribirmos a historia?
Deixo para o final
desta longa recensión -o tema o merece- o que máis pode sosprender o
historiador que se achegue a este libro: o seu enfoque metodolóxico e
historiográfico tan clásico, é dicir, unha historia político-institucional e de
grandes protagonistas individuais, principalmente nobres e reis. Xunto coa a
historia social, da econoía e das mentalidades colectivas, falta pois no libro
“Memoria da nación” a xente, os protagonistas populares que fixeron -e seguen a
facer- a historia de Galicia traballando, revoltándose, influíndo, de maneiras
a miúdo invisibles pero decisivas, na evolución da sociedade, da economía, da
conciencia, da política. Estamos certos de que non é por ignorancia do autor
esta ausencia da historia non política, da historia colectiva. Ocurrénseme tres
motivos para tentar comprender esta falla:
1) Para cuestionar a historiografía castelanista
de Menéndez Pidal escóllese o mesmo terreo político-institucional. Tería a súa
lóxica, pero é unha lóxica infernal: unha verdadeira trampa historiográfica. No
eido xurídico-institucional, o reino sen poder de seu da Galicia medieval, non
fai máis que amosar a súa febleza respecto dos reinos veciños, de quenes
ademáis dependeu políticamente case sempre Galicia por moito que os reis foran
galegos. A galeguidade dos “grandes nomes” da nobreza galega que foron reis,
fóra da Galicia que empezaba a falar galego, non abonda para persuadir a quen
teña unha mentalidade historiográfica tradicional logo xuridicista -lembrar que
escollimos este campo para o
debate- da potencia de Galicia, e menos
aínda se cambiamos o nome -legal- dos reinos de Asturias, León e Castela, pola
vella denominación provincial romana.
So facendo entrar na
Historia ó conxunto dos galegos podemos contrarrestarmos o peso das
institucións e da política nobiliarias, ó tempo que faise doada unha
explicación máis profunda da historia política. O que require enfoques
mexturados de historia social, económica, cultural e mental, que dean conta dos
dous procesos históricos máis importantes que teñen lugar en Galicia
entrementres a súa nobreza fai política, gaña e perde poder, batallas e terras:
a) a constitución nacional de Galicia, que será o que quede cando a nobreza
fuxa de Galicia; b) a formación e crise dun réxime feudal con caracteristicas
ben propias. Un e outro proceso, que hai que entender entrelazadamente,
aportarán elementos capitais para comprender a paradoxal evolución histórica da
Galicia medieval, que é imposible dilucidar prestando soamente atención á
política, á xenealoxía, ás institucións ou ó dereito, nun tempo da meirande
fragmentación da soberania política, moi distinto á época contemporánea.
2) A dificultade existente para combinar enfoques
económicos, sociais, políticos, culturais, mentais, máis aínda nun ensaio que
depende da bibliografía publicada. De modo que a pelota volve ó campo estrictamente académico, a nosa crítica
volvese así autocritica. Os novos
historiadores progresaron dos anos 70 e 80
da historia política á historia económico-social e logo á historia das
mentalidades, pero tratando os diferentes eidos ailladamente, sen conectar polo
tanto os diversos niveis da realidade histórica, esnaquizando en suma ós
suxeitos colectivos da historia. Emporiso estamos agora a debatir un novo
paradigama historiográfico que faga posible estas aproximacións globais,
indispensables para comprendermos o nacemento e desenvolvimento dun fenómeno
tan complexo como é o nacemento dunha nación.
3) Se ós dous puntos
anteriores engadimos o entusiasmo pola política, e a súa capacidade para facer a
historia, que caracteriza ó noso representante europeo, entenderemos mellor o
porque da primacía metodolóxica que se
lle concede á política no libro. Onde lemos incluso que “o poder político
propio, sobre unha base cultural específica, explica e determinou que en
Gallaecia nacera un romance propio” (p. 141). A verdade é que o paso do latín
clásico ó latín vulgar e deste ás língoas romances só se pode explicar cunha
historia “desde embaixo”, por tratarse dun proceso de orixe popular que rematou
por atinxir ás clases dirixentes, por tratarse dun problema de historia social
máis que dun problema de historia política nobiliaria. Outra afirmación que
compría matizarmos é cando se di que o nacemento de Portugal “tería razóns máis
ligadas á división interna das liñaxes tradicionais galegas”, ou que “o
conflicto que levou á independencia do condado de Portucale tivo, naturalmente,
motivacións dinásticas” (pp. 117, 120). A separación de Portugal do reino
Galicia-León-Castela responde a fondas razóns sociais e culturais, económicas e
mentais, sen as cales o reino de Portugal non sería máis cun feito político
efímero, froito das liortas de familias nobres. ¿Como relacionar estes
conflictos de poder cos fondos fenómenos sociais e de mentalidade determinantes
no medio e longo prazo? Isto é que o que queda por facer. Camilo Nogueira xa
traballou abondo -e con resultados- o enfoque político nobiliario, adicándolle
o seu tempo de lecer, agardamos expectantes os dous tomos que faltan, e
animamos a outros/as a seguiren investigando e interpretando. Os tempos son
chegados.