Carlos Barros
Imos comezar polo
final: recomendando altamente a lectura do libro de Camilo Nogueira sobre o
reino medieval de Galicia, non soamente ó público nacionalista, senón tamén ós
interesados pola historia de Galicia, incluídos os historiadores. O libro de
Camilo non pretende ser un traballo de investigación senón unha interpretación
política e historiográfica (p. 17), botando man de libros máis que de fontes
directas. Enfoque político-historiográfico que ten unha longa tradición na
historiografía galeguista que “O reino de Gallaecia” tenta con certo éxito
actualizar. A historia académica, pola contra, tende a primar a investigación
sobre a interpretación, fuxindo de calquera lectura política da historia, por
moito que sexan lexítimas, necesarias e inevitables, mesmo entre os propios
historiadores, segundo entendemos os que formamos a rede académica Historia a
Debate. Este libro, desde que recorre á bibliografía académica recente galega,
española e portuguesa, para fundamentar a súa interpretación historiográfica,
facilita o contacto historia/política, historiografía galega/historiografía
galeguista, na procura dun terreo común, e plural, entre universidade e
sociedade no eido a historia.
De resultas do rigor
que se quer acadar neste ensaio fican arrombados boa parte dos mitos medievais
que iluminaron a historiografía galeguista desde os tempos de Vicetto: herdanza
decimonónica de mártires e desfeitas
que foi continuada polo nacionalismo no século XX como base dunha acción
a contracorrente dirixida, ante todo, a crear conciencia nacional ó redor das
nosas lingua e da cultura. O paso, nos últimos anos, deste nacionalismo
resistencialista á unha posible alternativa democrática de goberno explica, e
esixe, o paso dunha historia de Galicia “en negativo” a unha historia de
Galicia “en positivo” onde, sen agachar frustracións e derrotas, se empece a
falar, desde o punto de vista nacionalista, dos logros históricos dos nosos
antergos.
Dentro desta historia
en positivo, o reino de Gallaecia de Camilo supón unha ruptura no seo dunha
historiografía nacionalista tradicionalmente atenta ó independentismo -real ou suposto, segundo os casos- do rei García
ou daqueles nobres revoltos á monarquía astur-leonesa-castelá que foron quen de
construíren a reino de Portugal no século XII ou de protagonizar rebeldías
galegas contra monarquías “alleas” que para Camilo Nogueira constitúen, sen
embargo, un novo reino de Gallaecia máis amplo e poderoso co reino medieval de
Galicia/Galiza que anticipa a Galicia actual, comprendendo toda Asturias, todo
León e partes importantes das dúas Castelas, é dicir, a xurisdicción política
da monarquía asturiana, primeiro, e da monarquía leonesa-castelá, despois, das
que formaba parte o reino de Galicia con recoñecemento institucional pero sen
poder de seu. O argumento da galeguidade deste vasto espacio político está,
segundo o noso autor, “na súa orixe e na súa acción e territorio, tamén o foi
[galego] en aspectos simbólicos” (p. 185).
Así foi no tocante a
territorio, economía e demografía, antes da inclusión de Castela: Galicia
constituíu a parte maior do reino cristián-occidental na península ata a toma
de Toledo, saíndo das filas da súa nobreza reis tan fundamentais portantes como
Fernando II e Afonso IX de León que están enterrados na reivindicada Capela
Real de Catedral de Santiago de Compostela.
Estamos de acordo en que a vella historiografía
española, insensible á identidade galega, descoñece o peso social e político,
ademais de relixioso e cultural, de Galicia na Coroa cristiá-occidental. De aí
a oportunidade deste libro ó reivindicar ós reis galegos de León e Castela:
Afonso VI e Afonso VII, Fernando II e Afonso IX. Heterodoxa lectura galeguista
do noso pasado medieval que louva o carácter imperial dos reis galaicos-leoneses
(p. 144) na súa expansión cara o Sur (pp. 165-166) a conta da España islámica
(Al-Andalus), ou a capacidade política dunha aristocracia galega que “gobernou
tanto en Castela e Galiza como en Portugal” (p. 250), proba evidente, todo hai
que dicilo, dunha temperá desgaleguización.
Reivindiquemos logo,
no que corresponda, a galeguidade dos reis e reinados de Asturias, León e
Castela, desde 718 ata 1230, pero tendo ben claro o cortesanismo político
asturiano, leonés e castelán, dunha parte dos nosos señores feudais, que axuda
a entender o auxe político, relixioso e cultural, da Galicia medieval, pero
tamén condiciona a castelanización futura da aristocracia laica e eclesiástica
galega, a diferencia dos grupos e clases sociais que pularon pola Santa
Irmandade do Reino de Galicia, entre
1467 e 1469, que ficaron en Galicia, nas épocas moderna e contemporánea,
salvagardando o uso cotidián da lingua e a identidade nacional ata o
Rexurdimento.
Aínda recoñecendo a
necesidade da proposta rompedora deste vasto reino de Gallaecia a promover o
debate historiográfico e político, cómpre atemparala.
É certo que fontes musulmanas identifican como
galegos a todos os cruzados que viñan do noroeste peninsular. Na crónica árabe citada chámase a Ramiro II de León “rei dos galegos” (p. 152):
Santiago Apóstolo era o estandarte dos asaltantes que baixaban do norte. Este argumento documentado reforza o
protagonismo de Galicia na Coroa cristiá-occidental, pero non ten forza legal,
histórica ou historiográfica, para trocar unha realidade política, cultural e
histórica, plural composta de galegos, asturiáns, leoneses e casteláns.
O termo Gallaecia que utiliza Camilo nace coa dominación romana pero
desaparece na documentación posterior. É sabido que no latín medieval Gallaecia
evoluciona como Gallecia, Galletia, Gallecie, Galletie, Gallezia, Galliza...,
ata chegar a Galicia e Galiza. O galego Afonso VII, por exemplo, asina
privilexios reais como “imperatore Adefonso imperante en Toleto, Legione,
Cesaraugusta, Naiara, Castella, Galletia”, de xeito que resulta confuso
utilizar a denominación latina pre-medieval de Galicia para o conxunto do
Imperio de Toledo cando o dereito consuetudinario e escrito denomina Gallaecia
(é dicir, Gallecia no latín vulgar), ó antecedente da Galicia actual. Coidamos que sería mellor nomear á monarquía
do noroeste peninsular como Galicia-Asturias ou Galicia-León, segundo os
momentos, como se fai nalgún outro lugar do libro: “Portugal e Galiza-León, os
dous reinos galegos” (p. 236).
Cando se di que os reis galegos de Galicia-León,
Fernando II e Afonso IX, puideron “darlle continuidade a un reino independente”
(p. 242), tal como viña de facer Portugal (e Castela), non se explica porque
non o fixeron: coidamos que en realidade non o querían, a súa estratexia era
outra. Desde os suevos ata os Reis Católicos a clase dirixente galega estivo
dividida entre os que querían un reino propio e os que buscaban
usufructuar, usando o reino de Galicia
como plataforma, o poder monárquico. Dúas estratexias diferentes, e lexítimas,
para alcanzar o poder político con logros históricos para ámbalas dúas, e non
só para a clase feudal. Na tradición historiográfica galeguista non se entendeu
así, en positivo, a función da nobreza
galega ata o libro de Camilo que retoma ideas xa expresadas por Emilio González
López e outros. Vexamos se non o caso paradigmático de Xelmírez e Afonso VII.
En 1111 é proclamado
rei de Galicia, na Catedral de Santiago, o galego Afonso Raimúndez, fillo de
dona Urraca, a fin de impedir que o rei de Aragón, Afonso I, se fixera coa
Coroa castelano-leonesa, pero tamén reivindicando un reino sen rei. O conde de
Traba e Xelmírez logran facer deste rei
de Galicia o rei Afonso VII de León, cidade onde será coroado. Por esta
“traizón a Galicia” Castelao dixo do primeiro arcebispo compostelán: “Os
galegos admiramos o talento caciquil de Xelmírez, pero non estamos tristes por
iñorarnos a data da súa morte e a sepultura en que xace, porque traizoou os
nosos anceios e desviou as nosas enerxías, creando un Emperador para Toledo en
vez de formar un Rei para Compostela” (“Sempre en Galiza”, Madrid, 1977, p.
277).
Dúas
estratexias victoriosas nas décadas centrais do século XII con resultados
diversos a longo prazo. Afonso Raimúndez se fai co trono de Castela-León, ó
tempo que o seu curmán Afonso Henríquez
transforma o antigo centro do reino suevo no novo reino de Portugal, en
representación dunha nobreza galega de tradición rebelde ás Cortes de Asturias,
León e finalmente Castela, que non deixa de manifestarse posteriormente
apoiando a Portugal nas guerras civís pola Coroa de Castela.
Na guerra civil
peninsular iniciada en 1366, a liñaxe dos Castro acudiu en axuda de Pedro I de
Castela contra o futuro rei Henrique II. Logo do asasinato do primeiro, Fernando
de Portugal, con vistas á unión das dúas Coroas, facendo causa común cos nobres
galegos petristas relacionados con Portugal, intervén en Galicia contra
Henrique Trastámara, quen vence coas armas ó rei Fernando repetidas veces. Converxencia de Portugal cun sector da
nobreza galega que se reproduce na guerra 1475-1479 pola Coroa de Castela entre
Isabel a Católica e Xoana a Beltraneja, que casara con Afonso V de Portugal. O
bando pro-portugués, dirixido por Pedro Álvarez de Soutomaior, era menos
influínte que o liderado cen anos antes por Fernando de Castro, aínda que tiña relacións máis estreitas con Portugal e
a súa Corte, onde Pedro Madruga era Conde de Camiña. Afonso V resultou
igualmente derrotado por Castela.
¿Como afectan a
Galicia estas derrotas do bando portuguesista do tardofeudalismo galego?
A finais da Idade
Media a tendencia europea dominante leva á creación dun grande Estado na
península ibérica. Xa pasara o momento da formación dun reino independente
galego, de feito ninguén o reivindica, nin sequera nos feitos, na Baixa Idade
Media. A opción histórica que existía
verdadeiramente daquela non era menos interesante, como se expón no libro. No
caso de que Portugal gañara a Coroa de Castela, podía ser, en efecto,
historicamente factible un “Estado que se estendese por toda a península,
contando o tronco galaico-portugués cun papel básico territorial, político e
cultural” (p. 252). Se este Estado
resultase da fusión de Portugal e Castela, en lugar de Castela e Aragón, a
situación de Galicia sería ben distinta, especialmente respecto dos nosos
idioma e cultura, posto que o galego-portugués tiña todas as papeletas para ser
lingua oficial, aínda que temos dúbidas do que acontecería nos planos social e
político.
¿O Estado
portugués-castelán acabaría sendo menos centralista que o Estado
castelán-aragonés? Probablemente non, seguiría de seguro o camiño dos demais
Estados absolutistas. Temos o dato previo da posición claramente anexionista do
reino de Portugal cara Galicia nas citadas guerras sucesorias.
É dicir que, vista a
desequilibrada relación de poder entre o independente reino de Portugal e un
reino de Galicia sen poder de seu, o imperialismo portugués e a previsible
tendencia centralista dun hipotético Estado portugués-castelán, a situación subalterna
da Galicia moderna e contemporánea desembocaría nun problema rexional máis que
nun problema nacional, o que non é pouco.
Camilo Nogueira arremete no libro contra a
ideoloxía oficial, esencialista, castelanista, da historiografía española,
encarnada en Menéndez Pidal, e en menor medida ataca tamén á historiografía
oficial portuguesa, en ámbolos dous casos por diminuíren ou descoñeceren
a papel da Galicia medieval. Asemade o autor cita en positivo ós historiadores
galegos de onte e de hoxe. Unha estratexia intelixente quitando a
identificación excesiva, e ineficaz, que fai entre historiografía e
historiografía oficial, tanto no caso español como no caso portugués.
Está claro que calquera historiador sensible que
investigue sobre Galicia vaise atopar con prexuízos castelanistas,
centralistas, españolistas. ¿No é xusto por amor á verdade histórica, e por
honradez intelectual, reaccionar criticamente? Temos o exemplo do historiador
liberal, non nacionalista, Emilio González López, que cando descubre a galeguidade
do reino de León no tempo de Fernando II, vese na obriga de cuestionar “a
percepción dos historiadores españois, máis dados a repetir os lugares comúns
recibidos tradicionalmente, que a examinar os feitos históricos con intervés e
coidado” (“Grandeza de decadencia do Reino de Galicia”, 1978, p. 252). Pero é
inexacto dicir que a “historiografía española sigue dominada polo pensamento de
Menéndez Pidal e os seus epígonos sobre o ser español” (p. 10). Está estudiado
por parte da historiografía española como o imperialismo castelanista do
coruñés Ramón Menéndez Pidal serve de base para a formulación da historiografía
fascista nos anos 40 e 50 (Gonzalo Pasamar, “Historiografia e ideología en la
postguerra española. La ruptura de la tradición liberal”, Zaragoza, 1991, pp.
313-315). O enfoque esencialista foi superado nos manuais de historia de España
dos anos 60 e 70 animados por Vicens Vives, Pierre Vilar, Miguel Artola, Manuel
Tuñon de Lara... O historiador da literatura Diego Catalán Menéndez-Pidal, no
prólogo “Los españoles en la historia” (1991) de Ramón Menéndez Pidal, ¿non pon
así mesmo en evidencia a ideoloxía castelanista deste con argumentos que serven
a Camilo, precisamente, para facer a crítica galeguista de propio Menéndez
Pidal? (pp. 296-302).
Descoñecer a evolución
da historiografía española nos últimos 30 anos é tirar pedras contra o propio
tellado. De ter os novos historiadores españois dos anos 70 e 80 un prexuízo
non sería contra “á diversidade das nacións peninsulares” (p. 10) senón máis
ben contra da idea histórica e política dunha España nacional. Claro que a
mediados dos años 90 iniciouse un retorno, dentro e fóra das universidades, á
historia política, á historia acontecimental, á biografía, á historia de
España, regresión que está xerando certo debate historiográfico e político que
coidamos non debería retrotraernos á “La España del Cid”.
Camilo crítica
axeitadamente ós que identifican “unívoca e negativamente o carácter nacional
coa solución política independentista” (p. 95), o que se corresponde coa súa
executoria política. A nosa pregunta é: ¿non deberíamos dicir o mesmo no terreo
cultural e historiográfico? Si desde Galicia queremos coadxuvar a unha
historiografía española e peninsular común e diversa que tome en consideración os
suxeitos históricos nacionais, rexionais e locais, ¿non habería que aliarse cos
historiadores de Castela-León e de Portugal, de Cataluña e de Madrid, que
pensan igual que nós?
Deixo para o final
desta longa recensión -o tema o merece- o que máis pode sorprender o
historiador profesional: o seu enfoque metodolóxico e historiográfico clásico,
unha historia político-institucional e de grandes protagonistas individuais,
monarcas e aristócratas. Xunto coa historia da sociedade, da economía e das
mentalidades colectivas, falta pois en “Memoria da nación” a xente, os
protagonistas populares que fixeron -e seguen a facer- a historia de Galicia
traballando, revoltándose, influíndo, de maneiras a miúdo invisibles pero
decisivas, na evolución da sociedade, da economía, da conciencia, da política.
Estamos certos de que non é por ignorancia do autor esta ausencia, ocurrénseme
tres motivos:
1)
Para
cuestionar a historiografía castelanista de Menéndez Pidal cómpre escoller o
mesmo terreo político-institucional. Tería a súa lóxica, pero é unha lóxica
infernal: unha verdadeira trampa historiográfica. No eido
xurídico-institucional, o noso reino sen poder propio, non fai máis que amosar
a súa febleza respecto dos reinos veciños, de quenes ademais dependeu
politicamente Galicia mesmo cando os reis foron galegos. So facendo entrar na
Historia ó conxunto dos galegos podemos contrarrestar o peso das institucións e
da política nobiliarias, ó tempo que se fai doada unha explicación máis
profunda da historia política e nobiliaria.
2)
A dificultade
existente para combinar enfoques económicos, sociais, políticos, culturais,
mentais, máis aínda nun ensaio que depende da bibliografía publicada. De modo
que a pelota volve ó campo
estrictamente académico. Os novos
historiadores progresaron dos anos 70 e 80
da historia política á historia económico-social e á historia das
mentalidades, tratando os diferentes eidos illadamente, sen conectar os
diversos niveis da realidade histórica, esnaquizando ós suxeitos colectivos da
historia. Emporiso estamos agora a debater un novo paradigma historiográfico
que faga posible aproximacións globais, indispensables para comprendermos o
desenvolvemento dun fenómeno complexo como o nacemento dunha nación.
3)
Se ós dous
puntos anteriores engadimos o entusiasmo pola política, e a súa capacidade para
facer a historia, que caracterizan a Camilo, entenderemos mellor o porque da
primacía metodolóxica que se lle concede no libro. Onde lemos que “o poder
político propio, sobre unha base cultural específica, explica e determinou que
en Gallaecia nacera un romance propio” (p. 141). A verdade é que o paso do
latín ás linguas romances só se pode explicar cunha historia “desde embaixo”,
por tratarse dun proceso de orixe popular, un problema de historia social máis
que de historia política. Outra afirmación que cumpría matizarmos é cando se di
que o nacemento de Portugal “tería razóns máis ligadas á división interna das
liñaxes tradicionais galegas”, ou que “o conflicto que levou á independencia do
condado de Portucale tivo, naturalmente, motivacións dinásticas” (pp. 117,
120). A separación de Portugal do reino Galicia-León-Castela responde a fondas
razóns sociais e culturais, económicas e mentais, sen as cales o reino de
Portugal non sería máis cun feito político efémero, froito das liortas
nobiliarias. ¿Como relacionarmos estes conflictos de poder cos fenómenos
sociais e de mentalidade determinantes no medio e longo prazo? Isto é que o que
queda por facer. Camilo Nogueira xa traballou abondo -e con grandes resultados-
o enfoque político nobiliario, adicándolle o seu tempo de lecer, agardamos
expectantes os dous tomos que faltan, e animamos a outros/as a seguiren
investigando e interpretando cara a un novo paradigma da historia de Galicia.
Os tempos son chegados.
Carlos Barros é profesor de historia medieval da Universidade de Santiago