Os
irmandiños de Galicia. A revolta en Pontevedra*
Carlos Barros
Universidade de Santiago de
Compostela
No
momento no que me pediron o título desta conferencia, dubidaba sobre a
importancia que lle ía a dar á revolta en Pontevedra en relación co conxunto de
Galicia, explicarei de seguido como o resolvín, porque ten a súa
relevancia. Antes diso quixera agradecer
ó concello de Pontevedra, a través de seu concelleiro de cultura Luís Bará a
invitación a falarmos dos irmandiños. Celebrando, coido que en nome de todos os
que participamos neste ciclo, que por vez primeira unha institución oficial se
toma o interese que merece polo tema irmandiño. Estiven facendo memoria e teño
participado, desde logo, noutras actividades académico-culturais sobre os
irmandiños, pero sempre organizadas por un colega historiador, asociación
estudiantil, cultural ou algún particular interesado, con maior ou menor apoio
oficial, pero non como algo emprendido de seu pola propia institución[1].
Vaia por diante, xa que logo, os meus parabéns ó concello de Pontevedra.
O reino
irmandiño de Galicia
Dicía
que é capital enlazarmos a historia local coa historia xeral dos irmandiños. O
estudio a fondo da revolta irmandiña amosa que ó seu ámbito de actuación -o
reino de Galicia daquel entón- non é unha cuestión menor: a maior revolta da nosa historia[2]
soamente resulta compresible considerando o nivel de Galicia como determinante
no seu estoupido, desenvolvemento, final e consecuencias históricas e
historiográficas[3]. A finais da Idade Media o reino de Galicia
non era, desde logo, un simple nome engadido á lista dos reinos e xurisdiccións
da coroa de Castela, logo de Castela e Aragón, nin tampouco unha simple
superestructura xurídico-cultural ou política. Existía por embaixo unha
sobranceira homoxeneidade social que, ó
longo dos séculos, foise expresando
política, lingüística, cultural e mentalmente nun proceso histórico de
constitución nacional, tanto se entenda ó xeito nacionalista como seguindo o
Título VIII da Constitución española que define a Galicia como nacionalidade
histórica (de formación medieval, con certeza), o que permitiu accedermos en
1980 ó Estatuto de Autonomía pola “vía rápida” do artigo 151. Quérese dicir con
esta digresión que estamos a tratar cuestións medievais pero moi actuais,
importantes para os nosos contemporáneos, para todos nós.
Como
é ben sabido a vulgarización do latín no extremo noroccidental do que fora a
provincia romana Gallaecia, e posteriormente o reino suevo de Galicia, xera na
Plena Idade Media a unha lingua romance, o galego-portugués, signo
diferenciador nacionalitario que iguálanos a Cataluña e Euskadi, o que non quer
dicir que haxa que identificar sempre nacionalidade e lingua, como xa advertiu
Marc Bloch falando xustamente das nacionalidades medievais[4]. A base nacional, escribiu tamén Marx con
referencia a tódalas épocas históricas,
é un “producto social”, “preñado de materia”, que se plasma a cotío na
linguaxe que “é a conciencia práctica, a conciencia real”[5].
Non os vai sorprender logo que a grande revolta contra as fortalezas de 1467
abranguera todo o reino de Galicia, que chegaba na Idade Media ata os extremos
de Ponferrada e maila parte occidental de Asturias, onde se derrubaron castelos
e/ou recrutaron milicias irmandiñas, sen traspasar finalmente o río Miño.
O
espacio social homoxéneo da Galicia lucense e bracarense deu lugar, cara os
séculos XII-XIII, ó idioma común galego-portugués, logo a fronteira aberta
entre Galicia e Portugal irase pechando producindo estereotipos e inimizades
colectivas moi a finais da Idade Media[6]
que gardan directa relación con realidades sociais diferenciadas de orixe
político, que anuncian futuras disparidades culturais, mesmo lingüísticas, nas
idades moderna e contemporánea. O mapa das fortalezas derrocadas proporciónanos
logo o perfil dun reino irmandiño de Galicia que cadra –aínda hoxe- co
mapa lingüístico do uso do galego:
síntoma, causa e consecuencia dunha sociedade desemellante, mesmo respecto da
época fundadora plenomedieval. O que ilustra porque o suxeito histórico da
revolta irmandiña é o reino de Galicia, segundo os seus participantes e
testemuñas oculares repetían unha e
outra vez no Preito Tabera-Fonseca: “se
levantara la gente común del reino de Galicia contra los señores,
caballeros y prelados”.
A
Galicia irmandiña non era, por tanto,
unha entelequia, expresaba unha sociedade constituída por aldeas,
parroquias, bisbarras e vilas -sobre todo no tocante a organización e
coordinación como veremos no caso de Pontevedra nas Rías Baixas- que rematan
por levantarse en armas, coordinando e administrando xustiza nas zonas e
dioceses respectivas, no conxunto do reino.
Os acontecementos locais e xerais son por tanto inseparables, máis aínda
no caso das grandes vilas. Pontevedra, xunto con Santiago e A Coruña, veñen sendo as cidades medievais que
representan o protagonismo económico e demográfico da nova Galicia que se forma
nos séculos centrais da Idade Media, vinculada ó comercio marítimo, no caso de
Pontevedra e A Coruña, ó Camiño de
Santiago no caso de Compostela. Outras vilas galegas tiveron un papel así mesmo clave máis
eclesiástico, como Tui, Lugo, Ourense ou Mondoñedo; máis político, como
Betanzos, Ribadavia ou Allariz; ou tamén mariñeiro como Vigo, Redondela, Noia,
Muros, Viveiro ou Ribadeo.
O
protagonismo económico, mercantil e mariñeiro, de Pontevedra leva ó
protagonismo social dos seus armadores, pescadores e artesáns no acontecementos
importantes da Galicia baixomedieval. Tanto é así que, o precedente máis
importante da grande revolta irmandiña de 1467-1469 terá lugar nas Rías Baixas,
lideradas daquela por Pontevedra, centro de gravidade da Galicia meridional.
Irmandade
primeira
Para
a historiografía galega, seguindo a tradición escrita da Crónica de Juan II de
Pérez de Guzmán, a primeira revolta a voz de irmandade –“irmandiña”- foi en
1431 nas terras dos Andrade[7],
pero non pensaban igual os protagonistas de 1467.
Para os irmandiños sensu stricto, e máis aínda para seus descendentes, sobre todo na
Terra de Santiago, o ensaio xeral da grande revolta foi unha revolta nas Rías
Baixas dúas décadas antes, descoñecida durante séculos por cronistas e
historiadores ata a recuperación da tradición oral irmandiña en 1984[8], gracias a publicación por parte de
Ángel Rodríguez González dos 204 testemuños orais do Preito Tabera-Fonseca.
Dicían as testemuñas populares[9]
cara 1526-1527, que “hubiera una hermandad que fue la primera que derrocara
fortalezas” (labrador de A Estrada); “una hermandad de juntamiento de gentes que dezian que
derrocara çiertas torres en los puertos de la mar” (ferreiro de Santiago)[10].
Son
respostas una pregunta dos
representantes de Fonseca acerca de que “puede aber ochenta años o mas tiempo y
antes de que el Patriarca [1463] fuese arçobispo da la dicha Sancta Iglesia de
Santiago se llebantaron... e espeçial en
la villa de Pontevedra, Ria de Aroça e sus tierras y comarcas los pueblos y
gente comun a manera y boz de hermandad contra los señores perlados y
caballeros...”. Na seguinte pregunta queren saber se “años despues... se
tornaron a llebantar e llebantaron los pueblos y gente comun del dicho Reino y
entre ellos la çiudad de Santiago, villa de Pontevedra, Ria de Aroça y la gente
de los lugares, pueblos y tierras comarcanas y con boz y premision real,
llamandose Sancta Hermandad”[11]. O nome providencialista é unha
distinción importante entre a primeira e a segunda irmandades, ademais do
ámbito de Galicia e a consecución o 6 de xullo de 1467 da aprobación dos
derrocamentos por parte de Henrique IV.
Pontevedra foi precoz cabeza[12] dunha revolta social de ámbito daquela extenso, que por vez primeira derrocou fortalezas tendo como
actores á xente popular, o que foi imitado
masivamente en todo o reino de Galicia en 1467. Ó vir a información sobre esta
“irmandade dos portos” de declaracións verbais non vén acompañada dunha data exacta. Agora ben, apuntando os anos que
dicían as testemuñas que pasaran desde a “primeira irmandade”, sacamos un arco
temporal 1446-1456, do que resulta o ano 1451 como media aritmética de
referencia[13], o que vai ser ratificado
contemporaneamente polo Libro do Concello
de Pontevedra (1431-1463).
Constata
o arcebispo Rodrigo de Luna, a finais do ano 51, nas ditas actas municipais unha
situación anárquica, onde cumpría
repoñer xa o dominio xurisdiccional –que se daba por perdido- da Igrexa de
Santiago. O 3 de decembro de 1451 nomea un representante extraordinario seu
para a cidade de Pontevedra: “ynformado de la poco justiçia, insultos, muertes
e crues exçesos e otros muchos males e dapnos fechos e cometidos en nuestra
villa de Pontevedra” [14] .
Nada
se di[15]
dos causantes de ditos “exçesos”, que nesta ocasión sabemos que non foran
cabaleiros inimigos, tampouco deixarían de dicilo. Avanzando no documento imos
vendo claro que o “desorde” viña da mesma vila e concello. É normal que Rodrigo
de Luna non quixera falar da
insurrección xusticiera de Pontevedra que
provocou a perdida de importantes
fortalezas, pretendía soamente ser aceptado de novo como señor, aproveitando o refluxo da revolta[16]. Esixe logo que “Conçejo, jues,
alcalles, jurados, regidores e vicarios de los mareantes e a los dichos
mareantes, ofiçiales e omes buenos de la dicha nuestra villa”[17],
acepten ó seu enviado de excepción. Non lle conviña mencionar a soga na casa do
aforcado, os seus vasalos rebeldes enarboraran os mesmos argumentos[18]
que estudiamos en Mentalidade xusticieira,
esto é, facendo recaer nos señores e prelados, os insultos, mortes, males, danos e excesos
-que dicía o arcebispo no seu documento- que provocaron a ira dos veciños de
Pontevedra maiormente contra o propio Rodrigo de Luna.
A
nova autoridade non viña, desde logo, en son de paz, pois tiña como primeiro
cometido substituír nas súas atribucións ó propio concello[19],
constrinxindo xenericamente “a los rebeldes por todo rigor de justiça”[20]; e, como segundo cometido, poñer baixo control
da Mitra compostelá calquera proceso de formación de irmandades en Pontevedra, “si nesçesario fuer”. Confirmamos
así que a “irmandade dos portos” non estaba xa activa, pois como di unha
testemuña ocular, logo dos derrocamentos, os rebeldes “se asosegaran”[21].
Rodrigo
de Luna temía, con toda a razón, que a irmandade se reactivara[22],
o espírito de rebelión seguía vivo, só
así se entende que reclame a anulación das competencias do concello sobre a
cidade, particularmente á hora de organizar irmandades. O nomeamento de Afonso Vázquez Abril como
correxedor plenipotenciario, inclúe a súa exclusiva facultade de ordenar “faser
hermandad”, precisando que só se podería chamar ás armas ós cidadáns, a voz de
irmandade, “quando por vos [Afonso
Vázquez] fueren llamados”, escribe imperativo o arcebispo á concello[23].
Sobra
dicir que este “corrregidor e justiça maior” imposto será breve, aparece
soamente unha vez máis noutro documento do concello. Será despois dun mes, o 3
de xaneiro de 1452, ó carón do concello supostamente relevado, como simple
lector doutra carta do arcebispo nomeando os encargados de cobralas alcabalas,
practicamente os mesmos que o concello
viña propoñendo cada ano. Catro meses despois, o 13 de maio de 1452, nomea Rodrigo de Luna como xuíz ordinario e
vitalicio de Pontevedra a Pero Cruu, sen
que haxa rastro do tal correxedor, a máxima autoridade da vila será de novo un
membro prominente do concello[24].
Supoñemos que o trascordo, a volta a normalidade, non foi gratis: os sectores máis moderados do
concello deberon lle dar á Rodrigo de Luna “tódalas seguridades”, quén ten que
se enfrontar pronto a problemas maiores.
De
resultas do restablecemento de relacións entre a oligarquía urbana e prelado
compostelán, o concello de Pontevedra
tardará máis dun ano en xuntarse á irmandade de Santiago, Noia e Muros, formada
o 7 de xuño de 1458 con poder dunha irmandade anterior A
Coruña-Betanzos, en alianza cos cabaleiros da terra de Santiago, todos en
aberta rebelión contra o arcebispo Rodrigo, derrotado e morto en estrañas
circunstancias a finais de xuño de 1460.
O 14 de setembro de 1459 figura xa Pontevedra entre os concellos
irmandados, no lugar que lle corresponde, entre Santiago e Noia[25].
Antes
diso, Rodrigo de Luna sentíase persoalmente seguro en Pontevedra –o alcance da
reconciliación fora grande- , estando alí o 1 de novembro de 1458[26]
acepta á orde de Henrique IV de viaxar á Corte, debendo entregar a antes cidade
do Lérez a Álvaro Pérez de Soutomaior, que se pasara ó bando de Rodrigo. O
concello estaba daquela baixo a autoridade do Rei Henrique que apoiaba a
Rodrigo de Luna contra os cabaleiros e a cidade de Santiago que nomearan
arcebispo ó cóengo Luis Osorio, irmán de Pedro Osorio, futuro capitán
irmandiño. Juan Jiménez de Arévalo que preside, en nome do rei, o reparto das
alcabalas en xaneiro de 1459[27].
Ós pontevedreses non debeu entusiasmarlles demasiado deixar a cidade en mans
dos Soutomaior, futuros inimigos da segunda irmandade. Ó longo de 1459 métese
dalgunha maneira na irmandade de Santiago e a ría de Noia ata o documento
citado do 14 de setembro de 1459. Fracasado o 21 de agosto de 1460 en Roma o
intento dos rebeldes de consolidar a Luis Osorio como arcebispo de Santiago,
logra impoñer Henrique IV coa axuda de Álvaro de Soutomaior e outros cabaleiros
a Alonso de Fonseca, arcebispo de Sevilla, que deixara en
Entrementres
non se impón o Fonseca de Sevilla, Álvaro de Soutomaior aproveita para
apropiarse, entre o 10 e o 19 de
setembro de 1460, de 18.000 mrs. das prezadas alcabalas de Pontevedra; o 6 de
maio de 1460 xa está gobernando o concello directamente Fonseca-tío[28].
Pedro Álvarez de Osorio[29],
pai de Luis e Pedro Osorio[30],
rendera na primavera de
A
confusión e mobilidade de posicións na loita polo poder no arcebispado de
Santiago, a maior xurisdicción feudal da Galicia medieval, na cal cidades e
irmandades xogaban un papel subordinado,
en ausencia da xente común: todo esto non animou demasiado a que
Pontevedra, que viña da experiencia da irmandade de 1451, se implicara máis na
irmandade Santiago-Muros-Noia de
O
caracter paradigmático da irmandade organizada desde Pontevedra, explícase sen
dúbida pola novidade dos derrocamentos con motivacións sociais e éticas contrapostas á guerra dos cabaleiros,
independentemente do número de fortalezas derrubadas, que foron soamente catro,
segundo testemuñas de Fonseca: os
castelos do Oeste (Catoira) e Montes (Forcarei) da Igrexa da Santiago, e os
castelos de Altamira e Bronllos, propiedade dos Moscoso[31].
Co que sabemos hoxe participaron soamente as rías de Pontevedra e Arousa, con
vontade certamente de avanzar cara ó interior: as milicias dos portos rebeldes
chegan ata Castro de Montes en Forcarei, e, seguindo a significativa dirección
de Santiago de Compostela[32],
atacan e derriban Altamira, en Brión, e Bronllos, en Negreira. As Torres do
Oeste, Castro de Montes e Altamira foron reparadas[33]
e derrocadas de novo en 1467[34].
O castelo de Bronllos (en San Martiño de Broño) ficou polo chan ata o día de hoxe.
Coidamos
que se da irmandade denominada “primeira” ficou máis memoria que das levantadas
posteriormente en Betanzos-A Coruña e Santiago-Noia-Muros, foi, desde logo,
polos incompletos ou malos resultados destas experiencias, entre 1454 e 1461,
particularmente das alianzas con unha parte da nobreza en posición subalterna
para as cidades, pero tamén pola eficacia radical –ir a raíz dos problemas- da
principal forma de loita adoptada en 1451,
a caída das fortalezas, inseparable do papel principal que xogou nos
portos a xente común coa súa peculiar
mentalidade de revolta de tradición oral e dimensións diversas: xusticieira,
antifortaleza, antiseñorial, imaxinaria
real, milenarista...
A
mesma participación rectora de Pontevedra na revolta das Rías Baixas garda
relación directa co protagonismo do “pobo miúdo”[35]:
pescadores e mariñeiros con algún mareante, a xente da Moureira ocupa os cargos máis importante,
incluso dobremente, alcaldes e deputados;
artesáns e labradores da comarca, con algúns burgueses e fidalgos. O
concello (amigo) queda desprazado do poder
real e os dirixentes da élite
urbana que participan na dirección da irmandade non veñen da política
municipal.
O
impacto nas mentalidades colectivas da acción insurreccional de Pontevedra e
Arousa, “que derrocara çiertas torres en los puertos de la mar”[36],
foi enorme en Santiago de Compostela tanto no campesiñado, no artesanado como
na burguesía urbana. Vémolo 75-76 anos despois no preito Tabera-Fonseca.
Un
labrador, Gonzalo Carreira, da parroquia de Santa Baia de Oza[37],
no Xiro da Rocha, que confesa ter 120 anos en 1526, lembrase de que 80 anos
atrás houbera unha “hermandad primera” en Pontevedra e Arousa, que por veces
confunde coa segunda, o que non lle
impide asegurar taxativamente “dicha
hermandad [1467] no hacía tanto mal como la primera”[38].
Obxectivamente non foi así, pero a frase de do vellísimo Carreira amosa nitidamente
a perturbación que supuxo nas mentalidades campesiñas a proba de que algo así
-o levantamento da xente común, a caída das fortalezas- fora posible preto de
onde vivían eles. E así foi transmitiu.
Un
vello zapateiro de Santiago contesta “que oio dezir a muchas personas que la
vieron e que se allaran en ella[39];
quedando claro que hai una verdadeira tradición oral que vai de Pontevedra e
Arousa a Santiago. Gonzalo de Arçeu, arrendador do arcebispado no couto de
Piloño, algo más novo cos anteriores, confesa que oíu dicir ó seu pai, Joan de
Arçeo, falar que unha primeira irmandade “abia fecho lo susodicho [na
pregunta]”[40].
A
transmisión oral chegou por descontado ó
concello, ó cabido, á mesa arcebispal: o
chantre Juan Melgarejo, o máis mozo de todos eles (58 anos), “oyo dezir
a muchas personas de cuios nombres no se acuerda mas de quanto lo oio dezir a
Don Diego Castilla y Fernán Rodríguez, Regidor, que dezian lo contenido en la
dicha pregunta”[41]. Diego Castilla foi
maiordomo de Fonseca, na xurisdicción da fortaleza de Lobeira, logo da segunda
irmandade[42]. Decatémonos que
Melgarejo, testemuña nº 1 de Fonseca e bastante favorable a irmandade de 1467,
non so evidencia una extensa transmisión oral (“muchas personas”), senón tamén
a intensidade desta, do que máis se acorda é xustamente da chea de veces oíu
repetir a historia revolucionaria dos portos ós seus informantes, membros
importantes do concello e da Igrexa de Santiago.
O
feito de que 75-76 anos despois estivese
tan viva, cando menos na Terra de Santiago, a memoria da “irmandade dos portos”
é realmente extraordinario, explicase tamén polo encadeamento de irmandade e
revoltas[43] nas décadas centrais do
século XV no reino de Galicia, expresión
asemade dunha crise social prolongada seguida dunha radical transición de tipo mental, social e
política.
Inseguridade,
revolta e feira franca
A
situación xeneralizada de inseguridade previa á grande irmandade do reino, que
xa estudiamos polo miúdo en A mentalidade
xusticieira dos irmandiños (1986),
resultou amplificada no imaxinario colectivo a mediados do século XV,
inicio simultáneo da acumulación mental de agravios e da cadea de revoltas
locais e rexionais que conflúen na insurrección total da primavera de 1467[44],
coa que se pretende e logra encher o baleiro de poder producido pola a guerra
civil entre Henrique IV, rei lexítimo apoiado pola irmandade galega, e o
príncipe Afonso XII apoiado maiormente pola nobreza. “Entonces no abia rey ni
los caballeros daban por el nada ni osaban yr de Pontevedra a Santiago ni de
Santiago a Pontevedra”[45],
declarou sesenta anos máis tarde outro campesiño, Alonso Carballo, de 70-80
anos, veciño da parroquia de San Salvador de Sobradelo na ría de Arousa.
Testemuño
que ten o seu valor engadido ó vir dun labrador, designado polo arcebispo
Tabera, contrario á Santa Irmandade, que
recoñece sen querelo a xustificación ética-política dos favorables à revolta:
falta de xustiza, paz e seguridade no reino de Galicia; oposición dos cabaleiros
ó rei natural, o que explica tanto o monarquismo imaxinario dos insurrectos
antiseñoriais como as razóns para toma do poder da primeira Xunta de Galicia
(irmandiña) en nome de “El-Rei”[46]. Escollemos esta cita, entre moitas,
polas súas referencias urbanas: “ni osaban yr de Pontevedra a Santiago ni de
Santiago a Pontevedra”[47].
Vía para a exportación de peixe e para difusión da tradición de revolta, como
vimos, entre os portos do mar, Santiago
e o resto de Galicia. Tramo esencial do Camiño portugués de importancia
vertebradora tanto para a Terra de Santiago como para a Galicia atlántica ata
hoxe en día[48].
Desde
a “farsa de Ávila” en 1465, Henrique IV, a diferencia do que vimos entre os
anos 1458 e 1461, procurou o apoio das cidades, e mailo pobo, para contrarrestar
a rebelión nobiliaria. O que logrará no Reino de Galicia logo de concederlle
unha irmandade de seu, a comezos de 1467, de entrada una simple extensión a
Galicia das “hermandades” que viñan funcionando desde o comezo da guerra civil
en Castela, sen prestar atención á forte
oposición dunha nobreza galega que en boa parte lle era politicamente desafecta[49]. Pero a maior decisión pro-irmandiña de
Henrique IV será a emisión dunha carta real asinada o 6 de xullo de 1467 e
redactada por Fernando de Pulgar, dando por bos os derrocamentos feitos “no seu
nome”, pedindo incluso ós alcaides das fortalezas asediadas que se renderan á
Santa Irmandade[50]. Isto a pesar de que a irmandade galega
desobedecera varias veces a súa orde de respectar as fortalezas dos nobres
galegos do seu bando, o que amosa a intelixencia dos irmandiños de “obedecer
pero non cumprir” e a firmeza de Don Henrique, non exenta dos malentendidos,
contradiccións e ambigüidades propios das alianzas políticas de tódolos tempos,
así como dunha inútil pretensión de monarquía de manter certa función arbitral
nunha conxuntura de extrema confrontación social, política e mental[51].
Esa
boa aínda que interesada relación de Henrique IV coa Galicia irmandiña, que lle
axudou[52]
a gañar a guerra civil 1465-1468 pola Coroa de Castela, reflíctase nas mercés
irmandiñas a algunhas vilas, precisamente na fase insurreccional, pondo en
evidencia que na Corte contaba máis a necesidade de apoio político e social
para conservar a Coroa, que calquera inquietude clasista –de feito só lle
preocupaba o patrimonio dos seus amigos- ante unha rebelión que crebaba
radicalmente[53] a relación entre vasalos
e señores no reino, que xa nunca serían as mesmas en Galicia[54].
Estando
en maio de 1467 en Madrid, El-Rei asina, nun prazo de poucos días[55],
documentos confirmando privilexios a Padrón (día 14), Ferrol (día 15) e Neda[56]
(día 15), sobre impostos e/ou carga e descarga de mercadorías polo mar. Pero a máis importante destas
cartas irmandiñas vai ser, sen dúbida, a concesión o 17 de maio de 1467 dunha
feira franca de 30 días a Pontevedra. Semellante á que concederá o 3 de xullo
de
Pero
volvamos ó tema que nos trouxo aquí, a feira franca de Pontevedra[60],
asinada por El-Rei o 17 de maio de 1467[61],
por mor da cal, como é sabido, se lle permitía durante un mes ós pontevedreses,
e maila xente que viña a comerciar (estaban protexidos, ademais, por un seguro
especial do rei), non pagar alcabalas por comprar ou vender calquera
mercadoría, desde 15 días antes ata 15 días despois de San Bartolomeu, data dun
mercado antigo que se remontaba ó século XIII. Non é pouco esta exención, a
alcabala viña sendo o máis tributo gravoso de carácter indirecto que afectaba á
economía urbana (unha sorte de IVA, mutatis
mutandis), ademais dunha fonte considerable de ingresos para a monarquía,
moi disputada pola nobreza máis belixerante como xa vimos, cando sete anos
antes, Álvaro de Soutomaior apropiárase -en nome do rei, naturalmente- das
alcabalas dun ano de Pontevedra, 18.000 maravedís, so pretexto de “guarda e
defenson da dita vila”[62].
Imos
ver como o agradecemento do rei lexítimo
a Pontevedra, vila arcebispal que nese tempo querían mangonear os
Soutomaior, ten carácter político[63]:
“por que vosotros con toda lealtad e dificilidad que habeis servido es
sostenido despues que los mantenimientos presentes se comenzaron en mis Reinos,
y por alguna enmienda e remuneración dellos”, dise no carta da concesión do 17
de maio de 1467, cando xa se comezaran a botar abaixo torres e castelos por
toda Galicia. Alianza antinobiliaria entre Henrique IV e Pontevedra que xa se
materializara, o 2 de febreiro de 1467[64],
contra o sucesor bastardo de Álvaro de Soutomaior, que o superará en cobiza e
inimizade cara Pontevedra, Pedro Álvarez de Soutomaior. Henrique IV ordena en
dita data a Pontevedra, igual que a outros concellos, que non lle dean 140.000
mrs. “de juro” (mercé particular sobre as rendas do rei) que seica cedera
anteriormente a Pedro Madruga a causa da súa voda[65].
Probablemente
a feira franca de Pontevedra non entrou de seguida en vigor, como sabemos pasou
coa feira de Betanzos, outorgada dous meses despois, que comezou a
regularizarse cara 1478, deixando atrás os revoltos tempos alternos de guerras
feudais e levantamentos antifeudais. O que non quita nada de valor político e
histórico a estes excepcionais privilexios reais irmandiños[66].
Noutro contexto menos salientable, en canto a mobilización social e paralela
aliñación antimonárquica da nobreza, de seguro que Pontevedra, e mailas outras
vilas beneficiadas por estoutras “mercés henriqueñas”[67],
non as terían acadado tan doadamente.
Se
algún día, seguindo o exemplo do concello de Pontevedra, as institucións
oficiais de ámbito galego danlle maior importancia á única revolución merecente
dese nome que houbo na historia de Galicia, eu espero que alguén con autoridade
declare o 25 de abril de 1467[68]
o día da Galicia irmandiña[69],
do mesmo xeito que cada 14 de xullo os franceses celebran a toma da Bastilla,
acontecemento fundador da súa nación, cambiando por descontado o que haxa que
cambiar.
Escribimos
hai xa vinte anos que “O 22 e 25 de abril xa escomezara o asalto ó Castelo
Ramiro”[70].
Dous documentos ourensáns, un municipal
outro do cabido, proporcionan datos da primeira fortaleza derrocada
polos irmandiños de 1467 en Galicia, con graos distintos de precisión: o
primeiro (22 de abril) transluce opinións a favor e en contra da “da derrocaçon
do dito castelo”; mentres que o segundo (25 de abril) é máis concluínte pos
fala dun pregón que os da Santa Irmandade “auian lançado” para que “leigos e
clerigos, judios e mouros, fosen a derribar o castelo Ramiro”, subscribindo
ante notario un sagaz cóengo que “era forçado de yr ala ao ajudar a
derribar”.
O
tempo presente, inmediato, da acción individual e colectiva do texto sitúa logo
no 25 de abril a data mellor
documentada, hoxe por hoxe, do inicio da insurrección irmandiña contra os
fortalezas, froito en calquera caso dunha obrigada e relativa convención. Podemos admitir tacitamente unha data de
referencia para colocar un feito histórico no calendario –outra convención-
sabedores de que este, a insurrección irmandiña, non responde á “consigna” dun
“Día D”, por moito que a fase dos derrocamentos prendera espontánea e
mimeticamente por toda Galicia nun prazo de días ou semanas[71].
O
levantamento en Pontevedra
Un
mercador, rexedor de Pontevedra, Bartolomé de Sigueiro, de 80 anos, declara en 1526:
“que siendo este testigo moço podra aber sesenta años poco mas o menos dice que
vio que bino a la villa de Pontevedra un alguazil e traia una vara que dezian
ser del rey e fiziera pregonar en la dicha villa de Pontevedra que todos los de
la villa saliesen con sus armas a derrocar las fortalezas de alderredor de la
dicha villa de Pontevedra porque asi lo mandaba el Rey”[72].
Aclarando
a continuación que antes diso “ya los vezinos y gente comun de la dicha villa y
de las tierras de alderredor della estaban y andaban llevantados en hermandad e
tenian sus alcaldes e cuadrilleros”[73].
Todo un símbolo da precedencia da iniciativa popular –algo que os pontevedreses
aprenderon motu propio en 1451- ó
consentimento, tres meses despois, dos derrocamentos por parte de
Henrique IV. Os favorables a Santa Irmandade, como o noso mercador, convenlles
dicir que El-Rei ordenara abater as fortalezas, e así o crían, aínda que na
primavera de 1467 foron xeralmente os alcaldes irmandiños quen chamaban e
dirixían a revolta anti-fortaleza. O dato de Pontevedra demostra, en todo caso,
que contaron coa participación dalgúns dos oficiais reais que a Corte real
enviara, a partir de febreiro do 67, para presidir as asembleas constituíntes
das irmandades. Aguaciles e correxedores que personifican, xunto coas cartes
reais, a crucial converxencia de intereses antinobiliarios entre El-Rei e os
“vezinos y gente comun”, que tiñan polo demais na súa testa colectiva un Rei
máis imaxinario e xusticieiro que o real Henrique IV.
En
Pontevedra, como en Ourense, o pregón é –xunto co toque de campás, como logo
veremos- o medio de comunicación social máis utilizado, especialmente eficaz
para poñer en armas a todos nun breve prazo de tempo[74],
en vilas relativamente pequenas rodeadas de murallas, onde se convocaba a “que
saliesen con sus armas a derrocar las fortalezas de alderredor de la villa”[75].
O que quer dicir dúas cousas: 1) que respectaban as murallas coas súas torres,
pois Pontevedra, e as cidades do resto de Galicia (quitando Monforte e Tui durante
un tempo), eran da Santa Irmandade que tiñan nas murallas urbanas os seus
únicos baluartes, o que terán que lamentar en 1469; 2) que os veciños e xente común tiñan armas de seu,
tanto na cidade como no campo, alá onde houbese vasalos que tiveran que prestar
servicio de armas o seu señor. É historicamente incorrecto por tanto que
campesiños, artesáns e pescadores, andasen –como pode verse no ben intencionado
cartel irmandiño da Feira Franca que teño no faldón da mesa- con fouces,
gadañas, forcas e outros útiles agrícolas, asaltando castelos ou enfrontándose
ós exércitos señoriais. Todo o mundo tiña, ou podía ter, segundo o seu estado
(teoricamente), lanzas (cortas, medias u longas), escudos, cascos, espadas, coirazas, dagas e
cotas de mallas, feitos polos armeiros
locais[76],
ou importadas e vendidas polos barbeiros, o que está
particularmente ben documentado en Pontevedra[77]. Incluso tiñan béstas, a arma máis
cobizada que por veces o propio señor regalaba ó vasalo para servirlle
militarmente como besteiro: logo este volverá contra o señor a súa arma, maila
experiencia adquirida na guerra feudal.
Un
veciño de Cambados, Juan Martínez el Viejo, da mesma idade, orientación e
recordos que o rexedor Bartolomeu, subministra outros datos[78]
sobre o levantamento irmandiño de Pontevedra de interese para o conxunto do
levantamento. Dinos que os pontevedreses ían xuntos cos do Salnés a botar
abaixo as fortalezas da zona, o que confirman outras testemuñas[79],
milicias conxuntas que rememoran a experiencia da “primeira irmandade” que
derrocou fortalezas. Dinos ademáis que os alcaldes irmandiños “traian unas
baras de justiçia, pintadas en ellas una saeta”, representando o xeito xeral de
axustizar das “Santas Hermandades”[80].
Declaración xenerosa en imaxes quen nos achega xa que logo a un dos dous
símbolos irmandiños documentados[81].
Martínez o Vello permítenos saber doutra bando como a revolta contra as
fortalezas tiña un carácter festivo: “e yban a ellas a derrocar como si fueran
para la iglesia”. Confirmando de paso o respecto da Santa Irmandade polos
edificios da Igrexa: un caso visible é a capela románica das Torres do Oeste
incólume ata hoxe pese ós derrocamentos sufridos na primeira e segunda
irmandades. Por último, o home de
Cambados proporciónanos un dato cuantitativo sobre os irmandiños do “conçejo de
Pontevedra que serian hasta quatroçientos onbres”[82].
Por
aqueles anos, principios do século XVI, escribía o coruñés Vasco de Aponte
asegurando que na época irmandiña os pontevedreses viñan sendo “mil veçinos al
menos”[83].
Temos para nós que os 400 irmandiños da testemuña oral equivalen na práctica
tódolos homes en condicións de tómalas armas –e posuidores delas- en
Pontevedra, validando a sabida xeneralización da revolta. Vémolo, algo despois,
nas novas que veñen no nobiliario de Aponte sobre as convocatorias de campá
para que os veciños de Pontevedra
“saliesen con sus armas”, a favor do arcebispo
Fonseca (reconciliado co concello irmandiño en 1469) e contra Pedro
Álvarez de Soutomaior, pois resultan uns cincocentos homes armados: “salian
della a un repiquete de campana con quinientos omes de a pie y quarenta lanças”[84]. Contando sempre coa marxe de error propia das
cifras nas fontes medievais, na cidade saen máis ou menos os mesmos e as mesmas
á revolta social como á guerra feudal, a diferencia está na motivación.
Fortalezas
derrubadas
As
dez testemuñas do Preito Tabera-Fonseca que, en total, falan con algún detalle
da revolta irmandiña en Pontevedra e no Salnés, onde vivían naquel entón e
viven polo regular no momento das probanzas,
achégannos ante todo nomes de fortalezas derrocadas e de dirixentes
irmandiños, cun grao notable de concordancia e complementariedade, facilitado
por ser todas elas participantes ou testemuñas oculares dun levantamento, que
consideraban maiormente –aínda seis décadas despois- como algo xusto, necesario e victorioso, polo cuxa
actitude favorable foran designadas para dar testemuño polo arcebispo Fonseca,
que non consideraba fora de responsabilidade súa, ou de seu pai, o estado
ruinoso ou desaparecido das fortalezas do arcebispado.
A
xente irmandiña de Pontevedra e o Salnés formando un só exército, ou
separándose momentaneamente para dirixirse a dúas fortalezas distintas, botan
abaixo cando menos as fortalezas de Lantaño, Lobeira, Peñaflor, Soutomaior,
Rianxo, Sobroso, Montes (por segunda vez), Tenorio, Gondar e Cotobade. Castelos
propiedade na súa meirande parte de Álvaro de Soutomaior, Sueiro Gómes de
Soutomaior e o arcebispo de Fonseca (pai do coprotagonista do preito) na rías
de Pontevedra e Arousa, chegando no extremo norte do seu itinerario ata a torre
de Rianxo -deixando esta vez as Torres
do Oeste para a irmandade de Santiago- e no extremo Sur, penetrando no
interior, ata Sobroso por causa de asegurarse os de Pontevedra que as
fortalezas máis importantes dos seus grandes inimigos Suero Gómez e Álvaro de
Soutomaior, quedaban polo chan.
O
sistema era sempre o mesmo, tomaban as fortalezas[85]
e -precisa outro mercador de Pontevedra- “despues de las aber tomado e tenido
en su poder las derrocaran todas hasta el suelo”[86];
especificando máis unha testemuña, de oficio pescador e tamén pontevedrés: “las
derrocaran todas por el pie”[87].
Os
irmandiños de Pontevedra, ademais de derrubar a parte que lle tocaba das
fortalezas da Igrexa de Santiago, como Lobeira ou Castro de Montes, axudaron ós
de Santiago na toma e destrucción da Rocha Branca de Padrón; e ós de Tui na
toma da cidade cercada, onde topara refuxio Álvaro de Soutomaior. A verdade é
que aínda que as testemuñas[88],
por transmisión simplificador da memoria colectiva, dan por tomada a cidade ó
mesmo tempo que as fortalezas do señorío derrocadas na primavera e verán de
1467: Tui vai resistir durante un ano o asedio
irmandiño, que terminará en agosto de 1468 ó morrer Álvaro de Soutomaior[89],
por causas naturais, quen deixa escrito no seu testamento que a capital tudense
fose entregada á Santa Irmandade unha vez que el non estivera.
A
división do traballo entre as diferentes irmandades no tocante ó sistemático
derrubamento de tódalas fortalezas do reino, xunto coa converxencia precisa en
ocasións para afrontar un obxectivo grande (batalla ou cerco), mostra un grao
importante de coordinación, sobre todo entre as irmandades máis próximas, como
vimos nos casos Pontevedra-Santiago e Pontevedra-Tui, no cadro dunha
concertación multilateral e xeral mediante a mesma Xunta da Santa Irmandade do
Reino de Galicia, que se axuntou cando menos 5 veces en 5 lugares distintos
durante o bienio irmandiño, poñéndose en práctica deste xeito o papel decisivo
que dicíamos ó principio xoga a escala galega do levantamento.
Dirixentes
pontevedreses
A
revolta irmandiña foi por definición un fenómeno colectivo, asembleario á hora
de elixir alcaldes e deputados (ou facer xuntas locais, comarcais e de
Galicia), quen logo podían ser máis ou menos seguidos nas súas iniciativas, ás
veces discutidas entres eles mesmos como sabemos pola documentación ourensá.
Pero tiña así mesmo a meirande importancia, como noutros grandes movementos
sociais ó logo da historia, a
individualidade, a representatividade, a capacidade organizativa e o prestixio
dos seus dirixentes. Sobre todo os alcaldes, cuxas varas pintadas viñan a dicir
que eles eran a máxima autoridade, cara dentro e cara fóra da irmandade, por
riba dos cargos estrictamente militares, que eles asumen directamente na toma e
abatemento das fortalezas. Outra cousa serán algunhas batallas a campo aberto
que terán lugar sobre todo ó final da
revolución xusticieira, onde as milicias irmandiñas pasan a ser comandadas por
cabaleiros experimentados no oficio da guerra, nomeados capitáns da Santa
Irmandade dunha ampla xurisdicción como Alonso de Lanzós, Pedro Osorio, Diego
de Lemos, Fernando Días Teixeiro ou Lopo Pérez Mariño de Lobeira, aínda que
tamén houbo capitáns burgueses, labradores e notarios, dos que temos poucas
noticias porque non veñen en nobiliarios
e cadros xenealóxicos.
Malia
falta da documentación municipal ou irmandiña pontevedresa para eses anos 1467,
1468 e 1469, coñecemos relativamente ben a composición dos cadros irmandiños, mercé á información facilitada
polas testemuñas da localidade e bisbarra no preito Tabera-Fonseca.
Os
10 cargos institucionais –alcaldes principalmente[90]-
da Santa Irmandade en Pontevedra mellor recordados,
más de medio século despois, son (por orde alfabética): (1) Alonso de Camba,
zapateiro, alcalde e deputado SI (vicario da Confraría San Xiao dos zapateiros,
en 1445)[91]: (2) Álvaro Afonso
Jacob, alcalde SI[92]; (3) Afonso Mouriño, alcalde e
deputado SI (fiel ou encargado da alcabala do viño en 1459)[93];
(4) Diego Zapateiro, cuadrilleiro SI; (5) Gómez Barbeiro, alcalde
SI (criado de Pero Fernández Barbeiro e
recibido como veciño en 1444)[94];
(6) Joan Cabaneiro, pescador, alcalde SI[95];
(7) Joan Domínguez, carniceiro, alcalde SI (fiel da alcabala da carne en
1454 e 1456)[96]; (8) Joan Rodríguez, O
Pancho da Moureira, mareante, alcalde e deputado SI; (9) Lope Pérez
Mariño de Lobeira, cabaleiro, capitán SI; (10) Pero García de Cangas,
pescador, alcalde e deputado SI. Habería que engadir os dous dirixentes, Juan
García de Barla e Juan García Chichontes, pescadores e/ou labradores
dos arredores de Pontevedra (non aparecen na documentación municipal) pero integrados dalgunha forma na súa irmandade,
que protagonizan o episodio heroico da Lanzada (onde morreu cando menos un
deles, como veremos ó final).
A meirande parte dos dez líderes irmandiños[97]
son xente do mar e diferentes gremios artesanais (zapateiros, carniceiros,
barbeiros), con frecuente experiencia na xestión e representación dos gremios.
A diferencia doutras cidades[98],
os mercadores non semellan estar tan representados[99],
habendo ademais unha neta separación, como xa dixemos máis enriba, entre cargos
do concello[100]
e cargos da irmandade[101].
Distinción de responsabilidades respecto do concello, que afecta tamén ó
mareante Pancho e ó cabaleiro Lopo, dirixentes saídos da élite social pero cun
importante prestixio no “pobo miúdo”[102]
que copa, con máis contundencia que noutras vilas, os postos da Santa Irmandade en Pontevedra[103].
Entre
os dirixentes irmandiños de Pontevedra o
máis citado[104], e polo tanto recordado,
entre as testemuñas do preito Tabera-Fonseca, é o mareante[105]
Pancho da Moureira. O seu liderado persoal vese cualitativamente na declaración
verbal do labrador de Nogueira (Meis),
Fernán da Bouza, que dixo: “bio benir mucha gente de la villa de
Pontevedra de la hermandad con la qual benia Pancho da Moureira que hera
alcalde de la dicha hermandad y traia bara de justiçia y este testigo los bio
yr azia Lantaño que hera de Suero Gomez y que la iban a derrocar y que despues
este testigo la bido derrocada”[106].
Un
bo exemplo de como os alcaldes irmandiños máis representativos se poñían á
fronte[107], cos seus bastóns de
mando, das tarefas de asalto e derrubamento dos castelos, o que redundaba na
súa maior autoridade e sona entre á xente común iracunda coas as fortalezas. A
razón diso é que a toma e derrocamento
dos castelos se consideraba máis unha acción de xustiza (maior) que unha acción
de guerra, polo que correspondía ós alcaldes non ós capitáns levar a
iniciativa, o que non quer dicir que todos destacaran por igual nesa labor: só
o Pancho sobresae como cabeza da insurrección. Favorecido, sen dúbida, polas
intensas relacións persoais desde o barrio de pescadores, extra muros, coa
xente mariñeira das rías de Pontevedra, Salnés e Morrazo (Rianxo), que tiñan
que levar as capturas ó arrabalde da Moureira
para salgar e vender o peixe, como xa dixemos[108].
O
segundo dirixente que cómpre subliñar[109],
a pesar de que suscita menos atención[110]
no preito Tabera-Fonseca[111]
que os dirixentes populares, é o xefe militar dos irmandiños de Pontevedra,
Lopo Pérez Mariño de Lobeira ou Valadares, fillo de Paio Mariño de Lobeira e
Elvira de Valadares, tivo na súa relevante intervención na loita irmandiña –que
logo analizaremos- o feito máis relevante da súa vida, segundo a memoria
xenealóxica familiar[112]. Cabaleiro segundoxénito[113],
como outros nomeados capitáns nas diferentes xurisdiccións da Santa Irmandade
do Reino, habitualmente parte así mesmo da comunidade de agraviados[114]
pola rapacidade dos grandes señores polo seu patrimonio, poder militar e
agresividade social[115].
A pequena e media nobreza irmandiña veu tamén, nos tempos excepcionais de
xustiza revolucionaria que protagonizaron, unha boa oportunidade de recuperar
propiedades e xurisdiccións.
Así,
o 2 e 7 de maio de 1468, Lopo Pérez Mariño de Lobeira, co apoio dos alcaldes
irmandiños de Pontevedra (Álvaro Afonso Jacob) e terra de Morrazo (Iohan
Feixoo) recobra, en nome da súa avoa, Maior Rodrigues d’Aldao, sen facer
constar nos documentos o seu cargo na irmandade e presentado documentos
que xustifican a demanda, o padroado da
igrexa de Hío e a posesión dun casal na mesma parroquia[116].
Algo que, polo demais, a Santa Irmandade fixo por toda Galicia en favor, ante
todo, dos bens eclesiásticos ocupados, a miúdo desde había moitos anos, polos señores das fortalezas.
Un
encontro, dúas versións
Na primavera de 1469, entran en Galicia tres exércitos señoriais desde Salamanca (Fonseca), O Bierzo (Conde de Lemos) e o norte de Portugal, organizado este último por Pedro Álvarez de Soutomaior, que chegou ata o río Lérez con 100 lanzas dacabalo e 2000 peóns[117], seguindo o fundamental Camiño portugués –neste caso vía de comunicación militar da contrarrevolta- coa intención de xuntarse coas outras dúas mesnadas contrarrevolucionarias en Santiago[118]. As tropas galego-portuguesas de Pedro Madruga, superiores en número á milicia urbana que podía convocar a Santa Irmandade de Pontevedra, 400-500 homes segundo vimos