Carlos Barros
Universidad de Santiago de Compostela
Segundo Américo Castro, cristiáns, mouros e xudeus constituiron España
na Idade Media, época histórica polo demais decisiva para a formación nacional
de Galicia, anque non poidamos falar neste caso tan claramente dunha
converxencia de tres culturas, sobre todo se consideramos a prácticamente nula
presencia árabe na Galicia medieval.
Dáse a aparente paradoxa de que non houbo mouros na Galicia histórica
pero eles están ben presentes na mentalidade popular como mouros imaxinarios,
os seres míticos que habitan nos castros; mentres que si houbo xudeus galegos e
non obstante se recordan hoxe en día como algo alleo a nós, cando non como unha
maneira de escarnecer e maldicir a este ou a aquel. Con esta exposición
queremos contribuir á recuperación da nosa historia real, é dicir, plural.
Xuderías
As comunidades xudías na Galicia medieval foron pouco numerosas pero
abondo significativas na vida social de concellos como Ourense, Ribadavia ou
Allariz. De conservarse máis documentación municipal daquel tempo de seguro que
confirmariamos noutras cidades (A Coruña, por exemplo) a influencia económica e
política xudía. Así e todo a consecuencia máis salientable da presencia dos
xudeus no medievo galego está nas mentalidades colectivas.
Conforme imos na Península cara o Norte e o Oeste disminúe o número de
xudeus, se ben dispomos de máis datos sobre Galicia que sobre o resto da
cornisa cantábrica. No tocante ó tamaño, as xuderías galegas seméllanse, por
tanto, máis a Europa ca España, e cando en 1391 principian as matanzas de
xudeus en Andalucia, Castela e Aragón, Galicia seguirá fidel á tradicional
tolerancia medieval entre cristiáns e xudeus ata uns anos antes do edicto de
expulsión de 1492.
Precisamente nas listas de impostos reais de 1474 a 1491 aparecen comunidades
xudías en Allariz, Baiona, Betanzos, A Coruña, Monforte, Ourense, Pontedeume,
Ribadavia e Ribadeo
Xudeus en Compostela
En 1492, do arcebispo de Santiago dependía a xudería de Cacabelos no
Bierzo
Pasado o tempo, en pleno rigor inquisitorial, no século XVII, Santiago
de Compostela será a única sé galega que teña un estatuto de limpeza de sangue
que obrigaba a tódolos aspirantes a entrar no cabido da Catedral a demostrar
que non tiñán sangue de xudeu ou converso na súa linaxe(idem 569)...
Pegadas
Das referencias ós xudeus galegos que tiramos nas fontes narrativas,
compre subliñar o que di o cronista Froissart, que viña na compaña das tropas
do Duque de Lancaster que toman Ribadavia en 1386: "Así foi a vila de
Ribadavia gañada á forza, e houberon os que alí entraron, gran botín de ouro e
plata en especial nas casas dos Xudeus". A impresión que sacou o cronista
francés da importancia da xudería ribadaviense levoulle a esaxerar notoriamente
o número de xudeus (1.500).
Tocante ós restos materiais, consérvanse
Referencias documentais axudaron a localizar o edificio da sinagoga (na
rúa que vai da Praza Maior á igrexa da Magdalena) e do barrio xudío de
Ribadavia (entre o castelo e a muralla).
Noutros lugares de Galicia o recordo da existencia xudía está ben
patente na toponimia. Perto de onde se toparon as lápidas coruñesas, na cidade
vella, temos unha rúa chamada "Sinagoga"
Galicia tolerante
Un sártego coa estrela de David e outras inscripcións significativas,
atopado en Vilar de Servoi, permiténos datar a existencia de xudeus en Galicia
dende o século IV ata finais do século XV. Estamos en condicións de afirmar que
a tolerancia dominou durante un milenio as relacións entre cristiáns e xudeus. Xa o
fixeron notar outros autores que escribiron sobre os xudeus galegos como a nota
máis orixinal do paso do pobo escollido do Antigo Testamento pola Nosa Terra.
Dicimos tolerancia porque coexiste con manifestacións de antixudaísmo (e pola
outra banda, de anticristianismo), que se manteñen a niveis soportables. Este
dominio da hostilidade por parte da convivencia fíxose patente no século XV:
entrementres se reproducían cíclicamente pogroms no resto da península no reino
de Galicia no só continuaron as relacións pacíficas senón que nalgúns lugares
se incrementaron. En Galicia non teñen lugar nin
matanzas populares de xudeus nin conversións forzadas ó cristianismo (ata o
grande éxodo de 1492).
Existe
un documento exemplar asinado o 20 de maio de 1289 polo concello de Allariz e
os seus párrocos, didiante do representante real na vila, con Isaac Ismael,
"Xudeu Maor dos xudeus moradores en esta vila", para regular a
convivencia pacífica de cristiáns e xudeus. Moito despóis, cando se agudizan as
tensións sociais a tolerancia chega a se transmutar en fraternización. No
Ourense do ano 1457 na festa de boda dun fidalgo ourensá, os cristiáns invitan
ós xudeus, contradecindo a lexislación vixente, e conquiren ademais a
reconciliación de dúas familias xudías enfrontadas; dez anos despois, en 1467,
a dirección local dos irmandiños bota un pregón para que "leigos e
clérigos, judíos e mouros,
fosen derribar o castelo Ramiro". Xa nos
anos oitenta, o concello de Ourense se resiste a aplicar o decreto que obrigaba
a afastar ós xudeus na rúa Nova (algún deles se refuxía en 1488 en Allariz para
evitar dita marxinación). Así ata 1492.
Os Reis Católicos decretan o 31 de marzal de 1492 a expulsión nos reinos
de Castela e Aragón de tólolos xudeus que non se quiseran bautizar. Temos para
nós que os máis dos xudeus galegos se converteron ó cristianismo, e seguiron a
practicar clandestinamente a súa relixión coa conivencia dos seus veciños
cristiáns. Outros se exiliaron para non renegar públicamente da fe dos seus
maiores. Así o prateiro coruñés Isaac foi denunciado en 1493 por embarcarse
para o exilio con ouro, prata e demais tesouros, o que estaba prohibido; non
foi o único caso, os representantes reais en A Coruña, así coma mercaderes e
capitáns de barcos do seu porto, resultaron ser cómplices da fuxida clandestina
de xudeus galegos e doutros lugaresa. Na
liña dunha tradición de convivencia que chocaba en Galicia coa tradición de
persecución que tentaba impoñer o sonado decreto estatal e mailo establecemento
da Inquisición. Faltaba en Galicia unha corrente de
antisemitismo popular que servese ó Santo Oficio e ó novo Estado para apoiar e
xustificar a súa laboura depuradora.
A Inquisición en Galícia
No reino de Galicia podemos considerar instalada a Santa Inquisición
cara 1574 (o Tribunal de Santiago foi o último en establecerse)
O proceso inquisitorial de Ribadavia (1606-1609) encetou coa denuncia feita
por Jerónimo Bautista de Mena contra 200 veciños (incluída a súa familia) que
xudaizaban e rematou coa condena de 42 deles. Entrementres o tal Jerónimo, que
chegara a estudiar a lei de Moisés nas sinagogas de Venecia, Pisa e Salónica,
un gran malsín (traidor) por tanto para os seus, apareceu morto na vila. As
prácticas denunciadas foron: no traballar e vestir roupa limpa o sabado (o día
santo xudeu), encender o candelabro e cambiar a muda da cama a víspera, non
comer carne de porco, desangrar a carne, xaxuar en setembro, etc. O grupo máis
numeroso dos xudeuconversos condenados na vila do Avia eran xóves de 20 a 30
anos; o 77% dos inculpados eran de Ribadavia e doutros lugares de Galicia, e o
23% portugueses; en total, entre 1492 e 1606 a relixión xudaica se practicou e
transmiteu de país a fillos, mántendose para tal fin unha boa relación coas
sinagogas de Italia,
Grecia e Francia (Baiona) .
Sobra dicir que a maioría dos xudaizantes
ribadavienses detentaban certa posición social: mercadores, rexidores,
funcionarios, médicos, boticarios, abogados, estudiantes...
En 1680, no Auto Xeneral de Fe celebrado en Madrid participan 21
xudaizantes veciños de Galicia, aquí son maioría os procedentes de Portugal
(como Juan Bautista Pereira, 37 anos, tratante, natural de Monforte de Lemos
pero orixinario de Portugal)
Existen tamén casos de cristiáns vellos convertidos ó xudaísmo, Caro
Baroja deu noticia dun clérigo da catedral de Ourense, Jacinto Vázquez Arauxo,
que en 1687 declarou a súa crencia na lei de Moisés, sendo de contado
denunciado, foxe a pe en dirección a Madrid, pero fica preso pola Inquisición
perante a cal declara voluntariamente por escrito, o que non lle librou máis
tarde da tortura porque non quería enmendarse. Confesou valerosamente Jacinto
que "aunque toda su familia han sido Christianos viejos, este confte.
quiere ser Judío nuevo". Non tiña moitos coñecementos da relixión xudía,
salvo o que aprendera nun panfleto antisemita que lera, pero reinvindicaba que
"en defensa desta Ley de Moyses se han sacrificado muchos hombres que a
quemado el Santo Oficio de la Inquisición y mujeres que con ser del sexo fragil
y pusilamines se han arrojado a las llamas". O noso xudeu novo cumpría a
súa maneira cos ritos xudaicos -mesmo no cárcere inquisitorial- e pedía a Deus
nas súas oracións libertade e piedade para o pobo de Israel "repartido por
varias partes del mundo, y perseguido de los cristianos y otras naciones",
adicando os seus xaxúns ós mártires da Inquisición. Logo
de torturado, teimoso, berraba que quería morrer na lei de Moisés. Como voltaba
sempre a súa fe no xudaísmo, coidaban que estaba tolo e mandaron vir ós medicos
que sen embargo acreditaron que estaba no seu san xuício. A finais de 1688 foi
condenado a cadea perpetua e a levar o sambenito, degradado verbalmente, perdeu
os seus bens e o seu hábito. Un persoaxe extraordinario(onega 507) dino da nosa memoria colectiva.
Tradicións
A imaxe negativa dos xudeus en Galicia é un fenómeno moderno, vinculado á
persecución levada a cabo pola Inquisición nos séculos XVII e XVIII; é entón
cando empezan a correr historias imaginarias de rituais anticristiáns:
sacrificio dun neno cristián (Lugo), imaxes de Cristo azoutadas (Monforte,
Ribadavia), profanación de hostias consagradas (Ourense).
A máis coñecida é a festa da Historia de Ribadavia, que tiña lugar en
setembro, cando a Virxe do Portal, e consistía na representación por parte dos
veciños dun episodio da historia do pobo de Israel, como a batalla contra os
filisteos, onde morre o rei Saúl, berrando entón a tódolos presentes o director
da pantomima: "Llorad, hijos de Jerusalem, la muerte de vuestro rey Saúl";
segundo conta Meruéndano .
A Festa da Historia foi recuperada recentemente. En 1992 se representou o
proceso inquisitorial de 1606-1609 e a morte do malsín Jerómino Bautista de
Mena. En 1993 se representou una boda xudía.
Bibliografía
ALONSO
F., Benito, "Los judíos en Orense (siglos XV al XVII)", Boletín de
la Comisión de Monumentos de Orense, tomo II, 1904.
BARROS,
Carlos, "O outro admitido. A tolerancia cara os xudeus na Idade Media
galega", Actas do Congreso Internacional "Xudeus e Conversos na
Historia" (Ribadavia, outubro 1991).
CONTRERAS,
Jaime, El Santo Oficio de la Inquisición en Galicia. (Poder, sociedad y
cultura), Madrid, Akal, 1982.
DEAÑO,
Carlos, "Judíos", Gran Enciclopedia Gallega, tomo XVIII, 1974.
ESTEVEZ,
José Ramón, "Os xudaizantes de Ribadavia", Actas do
Congreso Internacional "Xudeus e Conversos na Historia"
(Ribadavia, outubro 1991).
FILGUEIRA
VALVERDE, Xosé, "Os xudeus nas Cantigas de Santa María", Actas do
Congreso Internacional "Xudeus e Conversos na Historia"
(Ribadavia, outubro 1991).
L.
QUIROGA, Jorge, R. LOVELLE, Mónica, "¿Un testimuño da presencia xudía en
Galicia na temprana Idade Media?", Actas do Congreso Internacional
"Xudeus e Conversos na Historia" (Ribadavia, outubro 1991).
LÓPEZ
CARREIRA, Anselmo, "Os xudeos en Ourense no século XV", Boletín
Auriense, tomo XIII, 1983.
MERUÉNDANO,
Leopoldo, Los judíos de Ribadavia (1915), Lugo, Alvarellos, 1981.
ONEGA,
José Ramón, Los judíos en el Reino de Galicia, Madrid, Editora Nacional,
1981.