Ascenso
e caída do mariscal Pardo de Cela
Carlos Barros
Universidade de Santiago
de Compostela
Se hai un feito histórico onde o mito e a realidade coñecida se distancien
tanto, este é o caso do mariscal Pedro Pardo de Cela: a súa morte violenta
creou as condicións para a invención dunha biografía que o converteu no mártir
por excelencia da literatura galeguista tradicional, no máximo representante
desa nobreza galega que tiña que ter sido e non foi. O estudio do proceso de
mitificación de Pardo de Cela é paradigmático para comprendermos os mecanismos
ideolóxicos que transmutan un feito histórico nunha lenda, pasando, neste caso,
por unha tradición popular tardomedieval.
Cando Vicetto recoñece que non ten fundamentos documentais que
xustifiquen a súa versión imaxinaria de Pedro Pardo de Cela, e bota as culpas a
Aponte, Molina e Gándara que case non falan do mariscal, non entende como estes
ilustres cronistas dos séculos XVI e XVII non situaron o mariscal entre os
grandes nobres galegos do século XV.
O caso é que Pardo de Cela non foi máis que un nobre mediano,
protagonista dun ascenso fulgurante que lle granxeou grandes oposicións
populares, eclesiásticas e reais por mor da violencia empregada, polo demais
procedemento habitual para medrar daquela. Non chamaría tanto a atención se non
fose porque, a principios dos anos 80 de século XV, as circunstancias fixeron
del un grande chibo expiatorio. E aínda así os xenealoxistas do reino non lle
deron, logo, excesiva importancia á súa morte (outra cousa foi os xenealoxistas
das casas señoriais que o tiñan por ascendente).
Antes do martirio, Pedro Pardo de Cela era un cabaleiro malfeitor, o
mesmo que Pedro Álvarez de Soutomaior, chamado Pedro Madruga; diferenciábaos a
pertenza deste último a unha liñaxe de
maior soleira e patrimonio, así como a súa capacidade máis acusada de intervención política. Hai
que dicir que, en xeral, os señores laicos galegos do século XV, eran tidos por
malfeitores en Galicia e na mesma Corte de Castela. De aí a representatividade
media do noso mariscal.
Aponte conta como Pedro Pardo de Cela foi un simple cabaleiro a soldo
dos Andrade "asta que fue gran señor", podendo entón reunir -coa
axuda do seu xenro Pedro Bolaño- ata 100 escudeiros e 5.000 peóns, gracias a
que "comía todo el obispado de Mondoñedo". Despois da revolta
irmandiña, aparece, en 1477, entre os grandes señores confederados -o
derradeiro da lista- para resistiren ó intento real de resucitar as irmandades;
ó ano seguinte comezan os enfrontamentos que, cinco anos despois, causarán a
súa ruina.
Para García Oro, Pedro Pardo de Cela non foi máis que "un
infortunado caballero del siglo XV", e cre que as causas da súa desgracia
estaban na febleza do seu señorío, en que non soubo rodearse de aliados e na
determinación do gobernador Fernando Acuña por facer valer a autoridade real.
Habería que engadir un factor circunstancial, a conxuntura política de 1483,
cando os Reis Católicos obrigan a Acuña e Chinchilla a voltaren a Galicia e
obter resultados inmediatos no restablecemento da paz e da orde, devolvendo os
señoríos eclesiásticos á igrexa.
Da súa familia herda Pardo de Cela castelos e case máis nada. Chegará a
ser un grande señor de fortalezas, o que lle vai conferir moito poder
coercitivo mais poucos medios económicos directos. Unha boa política
matrimonial emparéntao con importantes familias nobres: casa el con Isabel de
Castro, filla do Conde de Lemos e sobriña do bispo de Mondoñedo; e casa ás súas
fillas con cabaleiros das casas de Saavedra (que si vén no nobiliario de
Aponte) e de Ribadeneira (á súa vez emparentado coas casas de Miranda, Bolaño e
Ron). En 1464, Pedro Pardo é xa encomendeiro do bispado de Mondoñedo (xa fora o
seu pai Juan Núñez Pardo) e alcalde de Viveiro polo Rei, cargo que lle será
confirmado o ano seguinte, por parte de Enrique IV, ó pasar a vila á Coroa. Os
seus ingresos compleméntanse coas alcabalas dunha grande parte do bispado de
Mondoñedo. Esta dependencia dos ingresos alleos (xerados pola igrexa de
Mondoñedo, os veciños de Viveiro e a facenda real), para manter un estatus de
gran señor, foi o "talón de Aquiles" do noso mariscal Pardo de Cela,
sendo nisto tamén moi representativo da nobreza galega do século XV que
refeudaliza o país e institucionaliza o agravio como parte sinalada da renda
feudal. Polas fontes orais sabemos que foron as rendas do bispado de Mondoñedo
as que desencadearon o conflicto que o levará ó cadalso. E das fontes xudiciais
tiramos que o cobro das rendas reais xustificou a confiscación pos-mortem dos
seus bens.
A falla de "sentido económico" desta nobreza advenediza e violenta de
orixe trastámara, que tan ben encarna Pardo de Cela, vese naquilo que
"Pedro Pardo, Mariscal dixera al dicho Conde [de Lemos] que ynchiese los
carballos de los dichos basallos e quel dicho Conde que no queria que no se
abia de mantener de los carballos". Este diálogo tivo lugar contra o ano
1469, cando o mariscal volta do exilio (interior ou exterior, non o sabemos),
ás ordes do Conde de Lemos, seu sogro, para recuperar as súas posesións tomadas
polos irmandiños. Os vasalos rebeldes derrocaran a fortaleza A Frouseira
"donde prendieron al Mariscal Pedro Pardo", deixándoo con vida malia
a súa sona de bandoleiro, cousa que dezaseis anos despois non farán os oficiais
da raíña Isabel a Católica. Pardo de Cela non foi logo o dirixente dos
irmandiños que imaxinou o novelista Vicetto en "Los hidalgos de
Monforte", senón un dos seus inimigos máis teimudo.
Pedro Pardo quixo emular ós grandes señores aproveitando as
oportunidades que ofrecía o turbulento século XV. Sen embargo, outro cabaleiro
que serviu coma el a Fernán Pérez de Andrade, Alonso de Lanzós, seguiu o camiño
contrario: elixiu o bando dos vasalos, e chegou a ser un dos capitáns (no
bispado de Lugo) se cadra máis coñecidos dos irmandiños, despois de sufrir
persoalmente os agravios e asaltos de Andrade, Pardo de Cela e outros señores.
Pola súa banda, Alonso de Lanzós é culpable da morte dun irmán de Pedro Pardo
de Cela. É coñecida, así mesmo, a inimistade do mariscal co fidalgo Fernando
Díaz Teixeiro, dirixente militar irmandiño en Mondoñedo.
Tampouco é certo, como dixo a vetusta historiografía galeguista, que
Pardo de Cela militara no bando da Beltraneja e de Portugal contra Isabel la
Católica na guerra de sucesión (1476-1479). Todo o contrario, aliñouse co bando
isabelino que encabezaba o arcebispo Fonseca e que abranguía case toda a
nobreza galega (aínda que o entusiasmo despregado por estes señores foi ben
desigual), de tradición integracionista como sabemos, coa notoria excepción de
Pedro Álvarez de Soutomaior que defendeu a opción portuguesa. Así, en 1476,
estivo o mariscal "con todos los otros Pardos y Rivadeneyras" no
grande cerco a Pedro Madruga en Pontevedra, e, en 1477 -segundo xa dixemos-,
participou nunha confederación señorial que sendo isabelina, "guardando
servicio del rey e reina nuestros señores", estaba máis ben pensada para
resistir a orde real de recrear a "Santa Hermandad"; os intereses de clase estaban
por riba de calquera fidelidade política. A partir de aí sucédense unha serie
de problemas puntuais do mariscal cos oficiais dos Reis Católicos, que non levan consigo un cambio de bando. Non
existe pois noticia documental ningunha do aliñamento, en calquera momento, de
Pardo de Cela con Pedro Madruga e os portugueses durante a guerra de sucesión.
Os enfrontamentos de Pardo de Cela cos oficiais reais (sucesivamente:
Ladrón de Guevara, Francisco Cerón e Fernando de Acuña) serían marxinais para a
historia da Galicia no tránsito da Idade Media á Idade Moderna, se nón fora
polo desenlace final, mortal, deste
conflicto. Os señores de Galicia gobernaban os seus estados proclamando a
lealdade cara a un afastado Rei de Castela, a quen lle roubaban polo demais as
súas rendas. Cando a raíña Isabel pretende facer máis efectiva a autoridade
real en Galicia, restablecendo as irmandades e procurando o sostén das cidades,
xorden grandes conflictos de poder, ou sexa, de xurisdicción, entre os enviados
dos Reis e cada un dos grandes señores de fortalezas, empezando polos
partidarios de Isabel.
No contexto dunha loita xeneralizada polo poder, entre a nobreza e a
monarquía, teñen lugar os incidentes que levaron a Pardo de Cela ó cadalso como
o grande cabeza de turco. Quitando o caso de Pedro Madruga, ningún dos nobres
que tiveron liortas cos homes do Rei presentaron problemas de disidencia
política coa nova monarquía, máis ben ó contrario.
Certamente, co tempo a integración plena de Galicia no novo Estado
entraña a centralización, a dependencia e a marxinación (do idioma galego en
primeiro lugar), mais a realidade que non podemos cambiar é que esta cuestión
non preocupaba demasiado ós galegos do século XV, e menos aínda ós nobres
feudais, entre outras cousas porque a dita asimilación non vai ter lugar ata
ben avanzada a Idade Moderna. Subxectivamente, é un anacronismo cavilar que os
señores galegos cando defendían nos anos 70 e 80 do século XV as súas parcelas
de poder, fronte ós corrixidores e gobernadores dos Reis de Castela e Aragón,
sustentaban un proxecto político para Galicia distinto do secular
integracionismo na Coroa de Castela e Aragón. Nin sequera no caso de Pedro
Madruga, se pode afirmar con rigor que pretendía unha Galicia independente.
Pedro Álvarez de Soutomaior, nobre fronteirizo que servía a dous Reis, asemade
Vizconde de Tui e Conde de Camiña, casado cunha nobre portuguesa e cunha chea
de intereses e amigos en Portugal (de alí trouxo, en 1469, as súas tropas para
combater ós irmandiños), non quería máis que gañaran a Coroa de Castela Juana a
Beltraneja e o seu home, o Rei de Portugal, para deste xeito chegar á
unificación de Castela e Portugal (fronte á alternativa, axiña triunfadora, da
confederación de Castela e Aragón). A dinámica histórica pedía, no limiar da
Idade Moderna, avanzar cara a grandes estados. Obxectivamente, a unión de
Castela e Portugal implicaba o reencontro, no cadro dunha entidade política
peninsular máis ampla, da Galicia bracarense e da Galicia lucense, nada máis e
nada menos (non se pode negar que sería unha alternativa máis beneficiosa para
Galicia desde o punto de vista nacional). Todo o demais é afastarnos do terreo
dos feitos demostrables e pasar ás especulacións, saírmos de historia real e
entrarmos na filosofía (idealista) da historia, ou, no mellor dos casos,
substituír a historia polo mito literario.
Bibliografía
BARROS, Carlos, "Mitos de la historiografía galleguista", Manuscrits,
Barcelona, nº 12, 1994, pp. 245-266.
VICETTO, Benito, Historia de Galicia, VI, Ferrol, 1872; ed.
facsímile, Alvarellos, 1979.
GARCÍA ORO, José, Galicia en la Baja Edad Media. Iglesia, señorío y
nobleza, Santiago, Bibliófilos Gallegos, 1977.
APONTE, Vasco de, Recuento de las casas antiguas del reino de
Galicia, Santiago, Xunta de Galicia, 1986.
FERNÁNDEZ VEGA, Laura, La Real Audiencia de Galicia, III, A
Coruña, Deputación Provincial, 1982.
PARDO DE GUEVARA, Eduardo, El Mariscal Pardo de Cela y la Galicia de
fines del siglo XV, Lugo, Alvarellos, 1981.
SAAVEDRA, Pegerto, Economía, Política y Sociedad en Galicia: la
provincia de Mondoñedo, 1480-1830, Madrid, Xunta de Galicia, 1985.
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Ángel, Las fortalezas de la Mitra compostelana y
los "irmandiños", Pontevedra, Fundación Barrié de la Maza, 1984.
MOLINA, Bartolomé, Descripción del Reyno de Galicia (1550,
Mondoñedo), Madrid, 1675.
Memorial de la Casa de Saavedra, Granada, 1674.
MAYÁN FERNÁNDEZ, Francisco, El Mariscal Pardo de Cela y la Iglesia
de Mondoñedo a la luz de nueva documentación histórica, Viveiro, 1962.