O cerre da fronteira medieval entre Galicia e Portugal*
Carlos Barros
Universidade de Santiago de Compostela
Que
o norte de Portugal e Galicia teñan unha historia común ata o século XII, non é
algo que se poida esquecer ó estudiarmos as rela-cións posteriores entre as
dúas bandas do río Miño. Dentro das «diver-sas alternativas no processo de
formçôes nacionais da Península», estaba, no século XII, a «consolidaçâo de um
reino de Galiza que englobasse também Portugal», se ben dos acontecementos
somente resultou a independencia política da Galicia bracarense[1]. Atrás
quedaban séculos de interrelación e de convivencia social desde o río
Douro ata o mar Cantábrico, que acadaron a súa máxima expresión na conformación
da lingua galego-portuguesa, feito demostrativo de como debaixo do marco
político do reino altomedieval de Galicia, existía unha realidade social
homoxénea; o rompemento político que encomeza en 1128 de primeiras non afecta,
na mesma medida, ó tecido social e cultural que vencellaba as dúas partes da
gran Galicia.
De
aí que a fronteira Galicia/Portugal teña algunhas carácteristicas distintas da
fronteira Castella-Léon/Portugal. No enfrontamento que dá orixe a Portugal e
despois na loita pola hexemonía penínsular, o protagonismo da tensión sitúase
entre as monarquías de Castela-Léon e Portugal; ó reino de Galicia atínxelle a
conflictividade política e armada con Portugal de xeito indirecto, como parte
integrante da Coroa de Castela. E dicir, o pasado nacional común e mailo
carácter periférico de Galicia[2] e do norte de Portugal[3], verbo dos respectivos centros do poder
político, fan particularmente permeable a fronteira medieval galaico-miñota. De
feito, en tódalas guerras que implicaron a Portugal e Castela nos séculos XIV e
XV (que van se-lo marco temporal deste traballo), desenvólvese un poderoso
bando portugués nas terras de Galicia: 1366-1371, en favor de Pedro I e de
Fernando de Castro; 1386-1387, en favor do Duque de Lancaster; 1475-1476, en
favor de D.ª Juana e De Pedro Alvarez de Soutomaior. A Pervivencia dunha
Galicia nobiliar e urbana pro-Portugal é indicativo, segundo o noso entender, dunha especial fluidez
das relacións sociais, ó longo da Idade Media, entre Galicia e Portugal. En
conclusión: a continuidade dos vínculos galego-portugueses vese favorecida pola
inestabilidade e febleza das monarquías peninsulares, logo da secesión do
século XII.
1. Fronteira
política entre dous reis
Afonso
Henriques ocupa militarmente o sur de Galicia varias veces entre 1130 e 1169,
pero neste último ano, feito prisioneiro por Fernando II de Léon e Badajoz,
cede definitivamente Tui, as terras de Toroño e da Limia, á Coroa de Léon e
Castela[4]. Houbo nobres galegos que colaboraron
abertamente co primeiro rei de Portugal , como os condes de Toroño e da Limia
en 1137[5]. Fernando II desposeeu ó pro-portugués bispo
de Tui cando reconquistou a cidade en 1169[6]. Teñamos en conta que as terras meridionais de
Galicia, reivindicadas por Afonso Henriques como herdanza da súa nai D.ª Teresa[7], estiveran integradas durante séculos xunto co
condado portucalense, cando o río Miño non era fronteira, no convento xurídico
bracarense[8], o cal facilitou sen dúbida unhas relacións
que viñan a ser máis distantes e difíciles co norte de Galicia, o antigo
convento lucense. En realidade, a nobreza portuguesa que rodea a Afonso
Henriques rompe con rei de León e máis cos grandes señores da Galicia lucense:
o conde Fernando Pérez de Traba[9] e, sinaladamente, o arcebispo de Santiago,
Diego Xelmírez[10]. Quérese dicir que a liña de demarcación
galego-portuguesa fixada en 1169, despois de 40 anos de pugnas, é unha
consecuencia dos feitos militares que enfrontaron ós grandes señores galegos
entre si, segundo foran da parcialidade do rei de Castela ou do rei de
Portugal, primeiros protagonistas dos ditos combates pola soberanía. Non parece
que a xente común participara de seu nesas loitas fronteirizas[11].
Ata
1169, a inestabilidade e o cambio de dominio, fan das dúas marxes do Miño unha marca,
unha rexión de fronteira máis que unha liña definida e estable. Despois de 1169
temos, no fundamental, o que vai se-lo límite xurídico-político entre Galicia e
Portugal ata hoxe en día; separa a provincia de Pontevedra de Minho, e a de
Ourense de Minho de Trás-os-Montes. Se ben as fronteiras dos países son froito
da historia non da natureza[12], as fronteiras naturais coadxuvan grandemente
a precisa-los límites políticos, tal é o caso do río Miño, responsable da
nítidez da liña divisoria Pontevedra / Minho, mentres que a zona do alto Limia
e de Trás-os-Montes préstase a unha maior
vaguedade [13]. Como fronteira estratéxica o río Miño era
decisivo: os grandes centros do condado portucalense no século XII -Braga,
Guimarâes, Porto- ficaban Entre Douro e Minho[14], compréndese a teímosia do primeiro rei de
Portugal en controla-la cidade de Tui e subi-la fronteira alén do Miño, cando
menos.
A
fronteira galego-portuguesa de finais do século XII tiña como obxecto
delimita-las soberanías dos dous reis no noroeste peninsular. Coidamos que a
poboación de ámbalas marxes do río Miño, unha vez estabilizada a fronteira
política, poucas dúbidas podía ter respecto da xurisdicción real que lles
correspondia[15]. Na Francia e na Italia do século XII os
habitantes coñecian tamén as fronteiras públicas coa mesma claridade cas
fronteiras diocesanas[16]; outra cousa ben diferente é a importancia
práctica que daquella lle podían dar ó feito do afastamento xurisdiccional
entre dous reis. De entrada somos sabedores de que a fronteira política recén
estrenada non afecta ás fronteiras eclesíasticas[17], as cales durante máis de 200 anos non teñen
para nada en conta a liña de demarcación estatal.
O
que se afecta a formación dunha fronteira política é ó sistema de fortalezas.
Mentres a liña divisoria permanece insegura, indecisa, a liña que une os
lugares fortificados segue un trazado irregular, que semella ás veces uns
dentes de serra. A estabilización do límite entre os poderes monárquicos, o
paso dunha franxa a unha liña de demarcación, conduce a unha liña defensiva
continua que dobra a fronteira política[18]. Con todo, nas beiras do río Miño, a
fortificación medieval non acada as mesmas proporcións que no século XVII[19], nin se dan claramente as características de
despoboación e adicación militar dos lugares de fronteira, que obrigaran ós
agresores a ter que adentrarse no territorio contrario na procura dunha acción
militar decisiva, como acontecia na fronteira Portugal/Léon-Castela[20].
A
fronteira entre monarquías medievais incide pouco no tecido social; a súa
debilidade garda relación coa febleza do poder real naquel entón. Así se
explica que os señores actúen ás veces coma si fosen súbditos de dous reis:
igrexas e mosteiros galegos mantiñan relación e recibían donacións
indistintamente do rei de Castela e do rei de Portugal[21], e o propio vínculo vasalático contempla a
posibilidade de cambiar de señor, mesmo se é o rei[22]; prácticas que se daban maiormente nos
señoríos que estaban perto da fronteira. Doutra banda os reis cultivaban unha
política de atracción cara ós cabaleiros co obxectivo de organizar un bando
propio no lado contrario: nas querras dos séculos XIV e XV funcionaron bandos
portugueses nos reinos de Castela e León e bandos casteláns no reino de
Portugal. Entremen-tres a fronteira non se moderniza plenamente, sobrevive a
idea feudal de negocia-la fidelidade ó rei que mellor favorecese, mesmo nas
comunidades populares de fronteira[23]. En 1462 o rei de Portugal, Afonso V, visita ó
Miño, concedendo cartas de privilexios ás localidades fronteirizas galegas que
se presentaron perante el para solicitalas[24].
O
carácter superestructural da fronteira medieval, certa provi-sionalidade
consustancial que por forza tiña que influir nas mentalidades colectivas,
resultan reforzados se consideramos que ós límites entre Castela e Portugal
son, no século XIV e XV, estables pero reversibles[25].
A
batalla pola hexemonía peninsular, encomezada en 1356 e renovada en 1474, a
quebra en Aljubarrota (1385) do hexemonismo castelán e do hexemonismo portugués
en Toro (1476)[26], de maneira que as cousas quedaron como
estaban, axudou a manter, a finais da Idade Media, a medievalidade da fronteira
galaico-miñota, é dicir, a mobilidade social e cultural entrámbalas partes da
antiga Galicia altomedieval.
2. Fronteira
medieval, fronteira aberta
«Vivan
los dos reyes, moitos anos», dicían con altas voces as testemuñas de vista
presentes cando os de Meaus, na raia de Portugal en Ourense, querían construir
unha casa en terreo misto e repartían: «de aquí para allí (y va caminando), por
el Rey de Castela; de esta parte a esta, por el Rey de Portugal»[27]. Este couto misto, baseado en privilexios dos
dous reis que permitían -a pesar da existencia da aduana- comprar e vender nas
feiras de ambos reino sen pagar impostos,
unha reminiscencia medieval: unha pervivencia de longa duración na
conducta e na memoria colectiva dos hábitos fronteirizos propios da Idade
Media. En 1864, os gobernos de España e Portugal -a iniciativa de Isabel II-
deron cabo desa situación de privilexio delimitando de novo a fronteira, non
deberon logralo totalmente xa que tiveron que volver sobre o asunto en 1866 e
1896[28]. O problema non era tanto político, de trazar
ben a raia afastadora, como de mentalidades colectivas.
Unha
cousa é a fronteira política e outra ben distinta a fronteira mental. Dito de
outra forma: a fronteira política medieval non é, socialmente, unha fronteira
mental tal como a entendemos hoxe. Vexamos outro exemplo. Tocante ó exercicio
da xusticia, o concello de Ourense[29] quer obrigar, en 1434, a uns veciños de San
Martiño de Presqueira (Baños de Molgas) a devolver-lo trigo que roubaran en
Ponte Ambía a uns portugueses de Vinhais[30]; en 1441, saen denovadamente os de concello na
defensa dos veciños de Portugal que foran agraviados polos señores ourensáns,
Pedro Díaz de Cadórniga e Martín Sánchez, opoñéndose a que os cidadáns mercasen
o gando roubado na acción de represalia no país veciño[31].
Por
tanto, para a cidade das Burgas os de Portugal tiñan os mesmos dereitos que os
naturais de Galicia, con independencia de que os delitos se cometeran dun ou
doutro lado da fronteira, coma se esta non estivera aí. Sen embargo, a
existencia de legalidades separadas, podía se algo ignoto para os letrados e
dirixentes de Ourense? A fronteira legal, xurídica, vén se-la consecuencia
directa da fronteira política entre as xurisdiccións dos reis, que na Baixa
Idade Media pasan a crea-la lei, tentando o dereito estatal impoñerse ó dereito
consuetudinario; isto trae consigo, no caso de nos ocupa, a esixencia dunha
política de extradiccións entre os Estados, de xeito que cada un, coa
colaboración do outro, poida castiga-los delitos perpetrados no seu ámbito; ou
sexa, trátase de facer valer, ó mesmo tempo, a fronteira mental e xurídica e o
predominio da xusticia pública. En 1499, os Reis Católicos confirman mediante
provisión o acordo con Portugal, para a mutua extradicción de malfeitores, que
negociara o alcalde maior de Audiencia de Galicia[32]. No século XV coñecíase ben a existencia da
fronteira legal porque quen o precisaba aproveitábase delo arreo: estaba
xeneralizada a costume de traspasa-la fronteira Galicia/Portugal para fuxir das
responsabilidades penais. Unha proba máis do pouco valor que na Idade Media a
xente lle daba ás fronteiras, se cadra porque había moitas.
José
Marques investigou as relacións galaico-miñotas a finais da Idade Media[33], concluíndo que na «vida real das populaçôes»
as relacións eran intensas e cordiais. A xente vivía coma se non houbera
fronteira. Adoitaban os galegos facer casamentos en Portugal[34], bota-la pace-lo gando en Portugal[35], ordenar sacerdotes en Portugal[36]; e viceversa. Pero o gran problema dos reis
eran as relacións comerciais, precisaban transforma-la fronteira política
medieval nunha fronteira económica moderna. En 1455, Afonso V diríxese ó
marqués de Valença e ó conde de Ourém para que puxeran gardas ficais que
impediran a entrada en Portugal de mercancías prohibidas -gando, cabalos,
armas, moedas-; en 1462, Afonso V concede cartas de vecindade ás vilas galegas
fronteirizas - A guarda, Tui, ...- para que poidan comprar e vender nas feiras
de Camiña, Valença, ..., sen pagar tributos, como se fosen portugueses,
contradecindo a política real de cerra-la fronteira por necesidades fiscais e
económicas[37]. Sen dúbida algunha é a maior ou menor
efectividade da aduana económica a medida da implantación dunha fronteira nun
sentido moderno, actual.
A
pesar de Aljubarrota, e das feridas da guerra de sucesión (1474-1476), en 1485
o concello de Valença chega a un acordo con Tui e seu bispo, «compre a aboa
vezinages de uns e dos outros», sobre a cuestión das barcas de pasaxe, de
maneira que o «estrageyro», viña se-lo que non era veciño nin de Valença nin de
Tui[38].
Saussure
dicía que «personas que no se comprenden es que hablan lenguas distintas»[39]; pois ben, no século XV, os galegos e os
portugueses do norte falavan, e mesmo escribían, prácticamente a mesma lingua[40]. Nun preito de principios do século XVI,
argumentábase que o testamento de Maior de Soutomaior era falso porque estaba
parcialmente escrito en castelán «y la dicha Doña Maior no sabia hablar
castellano sino gallego cerrado por ser vezina e natural deste reyno de galicia
y el escrivano de quien sonava estar signado ansi mismo era gallego y no savia
hablar castellano»; máis adiante lemos que a tal D.ª Maior «vivia en el reino
de Portugal»[41].
Tamén
na fronteira Castela/Portugal, máis militar e menos comer-cial, sen o pasado
nacional común que vencella as marxes do río Miño, podemos dicir que a
fronteira medieval é unha fronteira flexible[42]. Fóra dos períodos de guerra, mesmo os lugares
da fronteira peninsular co islam eran a cotío centros de convivencia entre
mouros e cristia-nos[43], pese a tratarse da fronteira de dúas
formacións económico-sociais[44]. Por último, a fronteira propiamente feudal, que ten como función
separa-los señoríos entre si, a miúdo lineal, tamén se caracteriza pola súa
permeabilidade[45].
Realmente,
hai datos abondo para que algúns autores se teñan preguntado se existe en
verdade a fronteira na Idade Media[46].
Dende logo a resposta é non se
o que temos na cabeza é o concepto moderno de fronteira. Tampouco está a solución da contradicción,
concepto actual/realidade medieval en aplica-la noción de hoxe apostilando que
nas fronteiras medievais non hai liñas de demarcación precisas, porque haber
hainas. Se por veces a fronteira semella
espacialmente confusa, vaga, imprecisa, é, en todo caso, porque a fronteira
medieval é bási-camente unha fronteira aberta, vista e sentida no imaxinario
colectivo -nunca mellor dito; por definición trátase de unha liña inventada,
que cómpre imaxinar- coma un dintel dunha porta aberta, mentres que
imaxi-namos a fronteira moderna coma unha porta fechada á que debemos chamar se
queremos entrar.
A
especificidade da fronteira medieval, límite espacial que corta ben poucas
cousas no corpo social, deriva da especificidade da distribución de poderes na
sociedade feudal. Os señoríos -e as cidades- porfiaban de tal xeito coa realeza
polo control do espacio social, que as
fronteiras e aduanas que xeneraban tiñan tanta ou máis importancia que
as estatais, sobre todo no que toca á vida económica, ós vínculos de vasalaxe,
ó sistema de fortalezas; a potencia e agresi-vidade dos poderes señoriais e os
seus dereitos de paso na Galicia baixomedieval garda relación directa coa
debilidade do poder monárquico e das súas fronteiras. A multiplicidade e forza
das fronteiras interiores debilitaba as exteriores, que no eido mercantil
favorecían -como vimos- o libre tránsito en maior grado que o adoito dentro de
cada reino, cuestión esta particularmente certa en toda a fronteira Coroa de
Castela/Coroa de Portugal, caracterizada por unha grande liberalidade
aduaneira; de feito os ingresos fiscais de rei en Galicia viñan principalmente
dos gravámenes sobre o tráfico de mercancías no interior e nos portos de mar,
logo, na práctica, eran os señores quenes usurpaban estas contíosas rentas
reais[47].
Como
na raia de Portugal non habia moito imposto real que usurpar, nin dereitos
abusivos de portádego que os señores das forta-lezas poideran impoñer: para os
galegos era unha fronteira máis libre para o tránsito cós interiores límites de
cada señorío, de cada fortaleza[48]. Cinco anos antes da revolución irmandiña,
Afonso V soupo capta-lo grande avaliamento en que os galegos fronteirizos tiñan
a liberdade de paso a Portugal, ata o punto de prexudica-los propios intereses
comerciais xerais[49] legalizando o contrabando; dando cartas
colectivas de vecindade[50] ás poboacións da antiga Galicia bracarense, o
rei de Portugal deixaba en efecto a fronteira, amosando ó cabo a súa votade
reintegracionista respecto ás comarcas ó norte do Miño.
3. Proceso
de cerramento e enemistades colectivas
No
século XV a idea de reino de Galicia, ou de Portugal, equivale á idea de
señorío de Galicia, ou de Portugal[51]: as entidades nacionais e/ou estatais
imaxínanse coma grandes señoríos. Febvre escribiu que para tal tipo de estado
tal tipo de fronteira, e como na Idade Media o estado distinguíase mal das
outras formas de sociedade, tampouco as fronteiras estatais tiñan moita máis
importancia cos límites entre as soberanías particulares[52]. Superpoñíanse sen coincidi-las fronteiras
señoriais, eclesiásticas e políticas; as fronteiras do rei non eran as que máis
incidían na vida cotidiá da poboación. A transición á modernidade vai
significa-la emerxencia do estado e o cerre, en diverso grado e de diversa
forma, das fronteiras medievais. Da concepción medieval das fronteiras coma un
sistema de pontes baixo as cales vemos correr un continuum social e
cultural, pasamos a un proceso de concentración da soberanía e de
homoxenización do espacio que entraña: o fin das aduanas señoriais interiores[53], a nacionalización das xurisdiccións e
señoríos eclesiásticos e o control comercial, fiscal, xudicial, cultural, ...,
das fronteiras entre os Estados. J.L. Martín Martín estudiou o paso dunha
fronteira flexible entre Portugal e Castela a unha fronteira ríxida, sobre todo
despois dos feitos de 1383-1385[54].
A
finais da Idade Media, na fronteira galego-portuguesa se manteñen relacións
intensas de boa vecindade, pero acontece que tamén se ergue unha fronteira
moral[55] que co tempo haberá de callar, estragándose en
boa medida as relacións tradicionais, deica hoxe[56].
No
contexto das guerras pola hexemonía penínsular entre Castela e Portugal, na
segunda metade do século XIV e en 1474-1476, costitúen-se no reino de Galicia,
segundo a conxuntura, sendos bandos: un pro-Portugal e o outro pro-Castela, que
ó cabo triunfou. Síntoma do grado acadado de polarización mental, mesmo nos
medios populares, son os alcumes e aldraxes que principían a dirixirse galegos
e portugueses, reflexando sentimentos colectivos de hostilidade que, en última
instancia, son débedores de vastos procesos de recomposición estatal e social.
Despois
de 1385, Joâo I animou ós conegos rebeldes, partidarios do Papa de Roma igual
que Portugal, ó bispo de Tui que era, o mesmo que Castela, da obediencia do
Papa de Avignon. O problema que estaba debaixo era o da pertenencia das
propiedades do bispado de Tui en Portugal, entre o Miño e o Limia, que ó cabo
remataron por quedar en Portugal, no marco da nova política de nacionalización
das xurisdicción eclesiásticas. Os de Tui chamaban chamorros ós de
Valença, -Tui aliñado con Roma e con Portugal. Aínda, en 1424, o cabido de Tui
require ó concello para que non deixen entrar na vila ós rebeldes de Valença,
debendo prende-los excomulgados, «asi clerigo como leygo»[57]. Máis arriba comprobamos que 60 anos despois
as relacións Valença-Tui tiñan recobrada a súa cordialidade. Pero o alcume
ficou[58].
Chamorro quería dicir te-lo pelo corto e a barba
rapada, moda propagada en Portugal a partir do rei Fernando (1367-1383), e que
valeu para que os casteláns llo puseran de mal nome ós portugueses,
«ressentidos de batalha de Aljubarrota, donde os poucos que puderam fugir,
levaram eternos motivos de chorar»[59]. Fernâo Lopes pon en boca do derrotado Juan I
de Castela: «Fuyo de chamorros ...», o que era unha grande «deshomrra»[60]. A verdade é que a voz podía ter unhas
connotacións ben pexorativas: «corto de haberes, pobre, vil»[61]. A relación entre andar co pelo corto e o seu
sentido aldraxante é máis que probable que estea na identificación simbólica da
falla de cabelo coa servidume e a minusvalía[62]. Xa temos a fronteira moral erguida.
Do
tempo de Aljubarrota ó tempo de Toro. Durante a guerra de sucesión, casemente
un século despois, os galegos e os portugueses desenvolveran tanto xeito en
deshonrarse mutuamente que ditas habili-dades pronto tiveron unha boa
aplicación militar. Os homes do arcebispo Fonseca e do conde de Monterrei
provocaron ós portugueses de Pedro Alvarez de Soutomaior: «sebosos, cabrones,
que no eran buenos para nada sino para comer bofes de vaca»; ós portugueses
«arremetieron a los enemigos diciendo: `Esperad, ladrones gallegos, páparos,
torrezneyros'»; e o de Soutomaior non puido evitar que ós seus homes caíran na
celada que os do bando dos Reis Católicos lles tiñan preparada; quedaron mortos
ou presos 150 portugueses, defensores da causa de Alfonso V, partidario da
reintegración de Galicia en Portugal.
Temos
moi serias dúbidas de que o cerre das fronteiras medievais fora real,
definitivo, sen o aportamento das enemistades nacionais propias da modernidad.
Ningunha medida fiscal ou burocrática lograría quizais mellores resultados, ca
difusión de mentalidades refactarias, tocante a afasta-la xente da secular
convivencia e do trato inter-nacional; de aí o interese de investiga-las
mentalidades de fronteira.
Dixemos
que a cada tipo de sociedade e de Estado corresponde, en liñas xerais, un tipo
de fronteira; valería dicir así mesmo que a cada tipo de fronteira corresponde
un tipo de autoconciencia nacional. Por conseguinte, o fenómeno do feche da fronteira
medieval, i non vai parello coa tendencia a expresa-lo coñecemento colectivo da
propia identidade de forma negativa, contra as comunidades veciñas?
* Publicado en "O
cerre da fronteira medieval entre Galicia e
Portugal", Sociedade, cultura e mentalidades na época do
"Cancioneiro Geral" (Actas do Congresso Internacional
"Bartolomeu Dias e a sua época", Porto, setiembre de 1988), volume
IV, Porto, 1989, pp. 461-473; “La frontera medieval entre Galicia y Portugal”, Medievalismo,
Madrid, nº 4, 1994, pp. 27-39; “Portugal, fronteira aberta”, ¡Viva El-Rei!
Ensaios medievais, Vigo, 1996, pp. 117-133; www.cbarros.com.
[1] José MATTOSO, O essencial sobre a formaçâo
da nacionalidade, Lisboa, Imprensa Nacional-Casa da Moeda, 1985, pp. 39-40.
[2] Conforme nos achegamos ós tempos modernos,
fanse máis longas as ausencias dos reis de Castela e León no cada vez máis
lonxano reino de Galicia. Cf. Carlos BARROS, A mentalidade xusticieira dos
irmandiños, Vigo, Edicións Xerais, 1988, pp.40-41.
[3] Humberto BAQUERO MORENO, Areas de conflicto
na fronteira galaico-minhota no fim da Idade Media, II Colóquio
galaico-minhoto, I, p. 54.
[4] Pascual GALINDO ROMEO, Tuy en la Baja
Edad Media (siglos XII-XV), Madrid, Instituto E. Flórez , 1923, pp. 21-24;
Alexandre HERCULANO, História de Portugal, I, Amadora, Liv. Bertrand, 1980, pp. 401-403, 407-408, 413-421,
437-438, 559-566.
[5] A. HERCULANO, op. cit., pp. 413-415; Benito
VICETTO, Historia de Galicia, Ferrol, 1872. Ed. facsímil, Lugo,
Alvarellos, 1979, pp. 106-111; J. MATTOSO, Identificaçâo de um país, I,
Lisboa, Estampa, 1985, p. 187.
[8] A. RODRIGUEZ COLMENERO, Galicia meridional
romana, Bilbao, Universidad de Deusto, 1977, pp. 14 ss.
[10] Entre 1124 e 1131, sucédense os problemas pola
legacía e a xurisdicción eclesiástica co arcebispo de Braga e co bispo de
Coimbra, Historia Compostelana, ed. de José CAMPELO, Santiago, Porto,
1950, pp. 358, 394, 434-435, 458; Xelmírez acompaña en 1127 co seu exército a
Alfonso VII contra os portugueses, idem, pp. 397-398; en 1137 contribúe
con dous mil soldos para que o emperador de León recupere Tui, de novo
conquistada por Afonso Henriques, e disponse a xuntar outro exército, idem, p.
508.
[11] Consta que Xelmírez, en 1127 obligó a los
compostelanos, parte con ruegos, parte por la fuerza, a seguirle en aquella
expedición», Historia Compostelana, p. 398.
[12] Lucien FEBVRE, Frontière: le mot et la notion,
Por une histoire à part entiére, Paris, SEVPEN, 1962, p. 21.
[13] J. MATTOSO, Identificaçâo de um país, pp.
194-195; en 1418, ten lugar un acto notarial na terra da Limia, para marcar
e divisar en o termo entre Portugal e Galiza con homes bos dambos dos Reinos en
esta maneira, resultando uns lindeiros precisos, a raia de Portugal,
baseados en puntos de referencia da paisaxe, publica José Ramón FERNANDEZ OXEA,
ed. Descripción de los Estados de
la Casa de Monterrey en Galicia, por D. Pedro González de Ulloa (1777), Santiago, CSIC, 1950, pp. 92-9.
[14] Joaquim VERISSIMO SERRAO, História de
Portugal, I, Póvoa de Varzim, Verbo, 1978 (2.ª ed.), pp.87-88.
[15] Na Corte de Castela, séculos despois, por
contra seguían algúns sen ver claro onde remataba Galicia e empezaba Portugal,
posto que escribía o cronista que, en 1372, avian tomado un logar de Galicia
que dicen Viana, Crónica del rey Enrique II, BAE, nº 68, Madrid,
Atlas, 1953, p. 14.
[16] Rita COSTA GOMES, «sobre as fronteiras
medievais: A Beira», Revista de História Económica e Social, 21, 1987,
pp. 58-59; a fronteira do río Miño malamente pode considerarse imprecisa como
di Roger Dion, e só referenciable por medio de castelos e poboacións fortes,
segundo Herculano, ibidem, anque tales afirmacións sexan correctas para
o período anterior a 1169.