Como
vive o modelo cabaleiresco a fidalguia medieval galega baixomedieval: os pazos
de Proben[1]
Carlos Barros
Universidade de Santiago de
Compostela
Entendemos como modelo cabaleiresco o conxunto de virtudes
pertencentes ó oficio militar da nobreza medieval. "Porque la noble
cavallería es el más honrrado ofizio de todos; todos desean subir en aquella
honra"[2].
A mediados do século XV esixíanse do cabaleiro dúas cousas: a) Practicar
"el exerçizio de la guerra", porque "no son todos cavalleros los
reyes"; b) gardar "la regla", porque "non faze el ávito al
monxe"[3].
Os privilexios da nobreza xustifícanse precisamente porque exercían a función
social de defensores dentro do esquema trifuncional vixente. Nas Cortes
de Valladolid de 1451 reclamábase, en consecuencia, contra os que se armaban
cabaleiros só para non pagaren trabucos e "nin son para ello ni saben lo
que cumple al oficio e exerçiçio de la cavallería", demanda que se reitera
nas cortes de Burgos de 1453, respondendo Juan II que el mandará examinar ós
novos fidalgos "açerca de los ábitos e cosas perteneçientes a la
cavallería", para "aprovar los que se fallaren ábiles e suficientes
para la dicha cavallería"[4].
Segundo
o sistema ideolóxico dominante de as tres ordes, o oficio militar (xunto
co clerical) non se reduce a unha opción profesional máis ou menos importante:
é a adicación que lexitima e significa á clase dirixente. O código de valores
cabaleiresco, por conseguinte, busca e consegue certa universalidade ó
propoñe-lo ideal do bo cabaleiro coma o exemplo a seguir por tódalas
clases sociais, tanto no combate coma na vida en xeral.
O
modelo cabaleiresco precisa para ser socialmente eficiente: definición,
exemplos vivos e difusión. Os medios empregados para a formalización e
vulgarización do modelo -romances, poesía, libros de cabaleirías, tratados de
nobreza, crónicas, nobiliarios, obras xurídicas-, para nós, fontes literarias e
narrativas, e a mensaxe idealizada que transmiten, non deben facernos pensar
que nos estamos a mover nun plano meramente ilusorio, novelesco,
"ideolóxico": o modelo cabaleiresco era, ademais dun ideal, unha
realidade social. Os comportamentos individuais e sociais inspirábanse en
novelas e romances cabaleirescos, e a literatura "copiaba" os modelos
vivos de cabaleiros andantes[5].
A conclusión é que modelos "ideais" e imitadores "de carne e
óso" estaban dentro dunha mesma realidade. De ahí que nós desemos en
preferi-lo concepto de modelo (exemplo a imitar) ó concepto de ideal,
que suxire ou pode suxerir algo inmaterial e inacadable, á marxe do real. A
credibilidade con que se acollía no imaxinario colectivo ó heroe-cabaleiro non
só por mor da confusión entre fantasía e realidade propia das mentalidades
medievais, tamén se explica polo coñecemento público da existencia de heroes
reais, nos que as súas aventuras non se diferenciaban grandemente, ás veces,
das que estaban escritas nos libros ou das que se oían en romances.
A
nosa intención é estudiar algúns aspectos do papel -cambiante- do modelo
cabaleiresco na vida da nobreza media e baixa galega, a través do caso concreto
da familia Pazos de Probén, dende as últimas décadas do século XIV. Para o cal
seguirémo-la historia elaborada cara a 1587, polo letrado Juan de Ocampo, na
que o seu título comeza por: Descendencia de los Paços de Probén...[6].
Ocampo serviuse para a redacción e, sobre todo, da crónica nobiliaria -que el
continúa- de Xoán Rodríguez de Padrón, ata hoxe sen atopar e á que tamén
recorre o P. Gándara no século XVII no seu nobiliario Armas y Triunfos.
A
guerra é a tarefa que mellor define o modelo cabaleiresco, dándolle un sentido
e un marco moral á nobreza como clase social. Conta Ocampo que logo de noventa
e cinco anos de diferencias dos Pazos de Probén e mais outros fidalgos do
bispado de Tui, coas liñaxes do arcebispado de Santiago, roubándose os uns ós
outros, puxo fin ós bandos "el Rey don Fernando el Santo que
particularmente los mandó llamar para la guerra contra los moros" (folios 5
r.-5 v.). Un síntoma e un efecto da crise, na Galicia do século XV, do modelo
cabaleiresco, será a súa incapacidade para impedi-lo enfrontamento militar,
permanente e sen regras no interior da clase dirixente. Aínda cara a 1366:
"entendían los del obispado de Tuy en deleytes y lugurias mugeriles y
deferençias entre sí asta que "o mordomo de Pedro I os enrolou para a
guerra contra Enrique II (fol. 6 r.). A influencia daqueloutro modelo de
comportamento social que pregoa a ideoloxía feudal, o modelo eclesiástico, a
cristianización en suma do modelo cabaleiresco, introduce nel valores
ascéticos, nos que o seu mantenemento se fai depender así mesmo, da actividade
guerreira, antídoto dos costumes pecaminosos.
O
carácter militar do modelo fai da valentía unha virtude principal da que
dependen outras cualidades como a lealtade, a fama e o honor. O valor
cabaleiresco vén a ser unha actitude heroica perante a morte no combate que nos
romances -e mais na vida- se resume así: "más vale vivir con honra que con
deshonra vivir"[7]. Esta
disposición mental básica de arrisca-la vida pola honra impulsa ó cabaleiro a
realizar fazañas paradigmáticas. Non calquera tipo de actos heroicos, senón
aqueles que disfrutan dun maior recoñecemento público. A tradición selecciona e
suliña determinados exemplos de proezas individuais, en primeiro lugar por
necesidades militares, por exemplo ser "el primero en atacar la
fortaleza"[8],
pero tamén pola súa capacidade para callar nas sensibilidades colectivas;
doutro modo, dificilmente se integrarían tales feitos extraordinarios na
memoria das xentes. O que se acada por dúas vías: provocando unha reacción
emotiva e/ou unha representación mental gráfica. Condicións que cumpren os dous
tipos relatados no nobiliario de Ocampo que imos estudiar: "el caballero
alférez que muere antes de soltar la bandera"[9],
e mais "el caballero alcaide que da la vida en defensa del castillo".
Conta
Ocampo:
yba
Jacome Pacos de Proben por Capitán de una Compañía y traiya por Alféres a
García de Pacos de Provén su medio hermano el cual perdió la vida hen esta
refriega y no la bandera que Goncalo de Pacos de Probén su hermano la defendió
(fols. 8 v.-9 r.).
O
seu irmán depositou nas súas mans o estandarte, e o outro irmán protexeu a
bandeira unha vez que o noso protagonista perdeu a vida na súa defensa. O levar
a cabo este feito con este tipo de comportamento heroico, Garçía salvou o seu
honor, e o honor da súa liñaxe; de aí a solidariedade dos seus irmáns.
Outras
circunstancias que arrodean a esta fazaña amosan como do que se trataba era,
sobre todo, de cumprir cun modelo codificado de comportamento no combate. A
causa desta batalla na que morreron mil homes foi un dasacodo entre os nobres
galegos "sobre quién havía de llevar su gente delante o atrás" (folio
8 v.), cando ían participar na toma de Antequera en 1410)[10].
Para os fidalgos era máis importante segui-las pautas do modelo cabaleiresco cá
cuestión pola que puñan en xogo a súa vida, neste caso un tema livián (non para
certa mentalidade cabaleiresca, claro). A forza de atracción do modelo queda
patente ó comprobarmos que o poñerse en risco de morte coexiste co amor á vida.
Os Pazos de Probén procuran, logo da batalla, ó seu irmán morto e entérrano co
fillo único dun cabaleiro contrario, pois morreran un fronte do outro pelexando
"valerosamente". Perante os cadavres dos seus debedores, póñense de
acordo os fidalgos inimigos para "apagar el fuego ençendido entre sus
Cappitanes" (fol. 9 r.). Conseguen os nobres medios para impoñe-la paz
cambiando ós grandes señores que capitaneaban os tercios, Moscoso e Soutomaior,
causantes da liorta, por outros capitáns: Xácome Pazos de Probén sustitúe ó
fronte do tercio Tui-Ourense ó señor de Soutomaior (fol. 9 v.), inimigo
sempiterno da súa casa. Este incidente sanguento reflexa ata que punto a baixa
e media nobreza podía facer unha lectura do modelo cabaleiresco ben distinta da
que facían os grandes señores.
O
momento culminante da xenealoxía escrita por Ocampo é a toma en 1476 do castelo
de Tenorio por parte de Gómez Pazos de Probén ata a morte, durante a guerra dos
Reis Católicos contra Portugal; Pedro Álvarez de Soutomaior encabezaba o bando
portugués no reino de Galicia. Ocampo reproduce nos capítulos VIII, IX e X
(fol. 14 r. a 20 v.) o relato do nobiliario de Xoán Rodríguez de Padrón,
testemuña presencial dos feitos; de maneira moito máis resumida fai referencia
tamén o P. Gándara a esta mesma fonte ó describi-lo cerco de Tenorio[11].
O bo facer literario de Rodríguez de Padrón consegue, aínda hoxe, conmover ó
lector narrando uns acontecementos dramáticos que (o autor encárgase de
anuncialo ó comenzo) conducen a un grande final: "la onrrada muerte del
señor Paços de Probén" (fol. 16 r.).
A
aprendizaxe da cabalería implicaba a preparación sicolóxica para saber, chegada
a hora da verdade, optar pola morte con honra. O noso protagonista chega a
castigar, por non te-la lección aprendida, a un fillo bastardo (o autor fai
nota-la súa ilexitimidade para que se comprenda ben a súa traizón) que lle
pediu licencia para se marchar do castelo asediado porque "el moso tenía
voluntad de larga vida" (fols. 17 v.-18 r.). O castigo foi tan grave como
a falta:
le
voló de la más alta torre diziendo más vale muerto que deshonrrado donde cayó
sobre unas peñas y se hizo pedaços en pago de su cobardía (fol. 18 r.)[12].
Esta
acción exemplarizante xorde no relato inmediatamente despois de que Pazos de
Probén, enterado da derrota sufrida por tropas amigas que viñan a descercar
Tenorio, reúne ós seus homes: "que ya de ninguna manera esperavan socorro
el de Pazos de Probén les hizo un parlamento en que les dijo cómo pensavan
morir". Todos aceptaron seguir con el ata o fin, agás un peón que avisou ó
conde de Camiña "todo lo que pasava y que sin duda havían de ser muertos antes
que rendirse" (fol. 17 v.).
Os
peóns da fortaleza, pobo e mais xente común, vasalos na xerarquía feudal,
imitan maioritariamente o modelo cabaleiresco. Aínda que non reaccionan ós
mesmos argumentos cós nobres, Pazos de Probén pídelles que resistan ata a morte
para "vengar a sus hermanos y parientes y que pues todos los que ayyan
havían perdido amigos y deudos", demandando logo "lo mesmo
mayormente" de los hidalgos que "lo havían jurado" (fol. 17 v.).
O xuramento e pleito-homenaxe, que prestaban só os fidalgos, viña a se-lo
ritual e a fórmula xurídica cabaleiresca que conducía, en situacións extremas,
a arriscalo todo, poñendo a proba a asunción individual do modelo. Se non
tivesen validez moral, mesmo disuasoria, malamente lle serviría ó alcalde do
castelo cercado a lembranza do xuramento que fixeran para enfervorizar ós
pequenos nobres que o acompañaban. O propio Gómez Pazos de Probén alude ó texto
do xuramento prestado polos cabaleiros que se meteron no castelo de Tenorio,
sumamente explícito tocante ó que estamos a afirmar:
cada
uno las manos sobre un Christo Cruçificado desía; yo fulano juro a hesta Cruz,
figura de Dios nuestro Señor, de ser leal vasallo a los Señores Reyes Don
Fernando y Doña Isabel y defender su partido y este Castillo de Thenorio del
Conde de Camiña o morir en la demanda; y si lo contrario hiziere Dios no me
ajude ni me tenga por hijodalgo gallego (fol. 15 r.).
De
seguido Pazos tivo coñecemento de que as tropas de Soutomaior cercaran á súa
muller e ós seus catro fillos no castelo de Pazos de Probén, e comenta o autor
a mágoa do cabaleiro: "le pesó grandemente y vien quisiera no haver echo
el juramento para volverse" (fol. 15 r.). O conde derruba o seu castelo,
prende á súa familia e preséntase cos prisioneiros perante o castelo de
Tenorio: "y le dijo que les mandaría aorcar si no le entregaba el castillo
y se ponía en sus manos", respondendo Gómez Pazos que "por ninguna
cossa entregaría el castillo pues lo devía a hijodalgo y al pleyto omenaje y
juramento que havía echo" (fol. 20 r.). De novo o seu xuramento e a súa
condición de fidalgo, é dicir, o modelo cabaleiresco, aparece guiando os seus
actos.
A
situación arquetípica de sitiadores ameazando con mata-la familia do cabaleiro
cercado para toma-la fortaleza é unha variante do tipo de fazañas cabaleirescas
de alcaides cercados que estamos a analizar. Posiblemente popularizada na
Península a partir da xesta histórica de Alfonso Pérez de Guzmán (el Bueno)
en 1294, quen se negou a render a praza
de Tarifa a pesar da ameaza dos musulmáns de matar ó seu fillo. Pedro Álvarez
de Soutomaior, conde de Camiña, prototipo de mal cabaleiro, segundo se
desprende da obra de Rodríguez de Padrón e Ocampo, emprega métodos bárbaros,
non cabaleirescos, coma os mouros de Tarifa; vaillo botar en cara na súa
resposta Pazos a Soutomaior dicíndolle que a fama de conde habería de
"ganarla de bárbara en dar muerte a quatro ynoçentes sin culpa y ansí que
si lo hazía perdería más que ninguno" (fol. 20 r.). O final Herodes-Soutomaior
retira o seu ultimátum, non tivera efecto. Esta non é a única vez en que as
fontes informan deste engano por parte de Pedro Madruga; ós fidalgos cercados
no castelo de Sobroso púxolles en fronte a García Sarmiento: "veis a
vuestro señor: si no me dais la casa, cortale he la cabeça"[13].
Sen resultado ningún. E non porque o de Soutomaior non tivese fígados abondo
para degolar a un cabaleiro adversario, como veremos logo.
Ademais
do dereito de vinganza e do deber do xuramento fidalgo, a Pazos de Probén impórtalle
outro rasgo do modelo cabaleiresco, aplicado ó obxectivo de defende-lo castelo
ou morrer na súa procura: a fama da liñaxe. A fama da súa liñaxe sobre
todo. O miolo do argumento son agora os seus propios fillos. Antes de despenar
ó seu fillo bastardo
le
subió a lo alto de la torre y por estorvar su intençión le dijo muchos exemplos
y enseñó los lugares donde sus tíos y parientes havían muerto por defender
aquel castillo, que hiziese él lo mesmo y no manchase su nobleza en ir a ponerse
en manos de su enemigo (fol 18 r.).
Cando
Soutomaior lle di que vai aforcar ós seus fillos, o noso home,
sin
considerar cosa ninguna respondió con gesto grave que mucho le pesaría que sus
hijos muriesen aorcados que a lo menos la diese muerte ydalga y que qualquiera
que fuese sería perpetuarle su fama y el Conde ganarla de bárbara (fol. 20 r.).
Vivir
e morrer como fidalgos cabaleiros para manter e facer medra-lo seu prestixio
social e a boa memoria da familia. Este fondo sentido da liñaxe respondía a
razóns ideais, pero tamén materiais: o benestar económico da casa estaba
condicionado pola fama pública que acumulaban e herdaban as xeracións.
Antigamente, din as Partidas, escollíanse cabaleiros ós máis fortes por
razón do seu oficio, carpinteiros, ferreiros, pedreiros e carniceiros, pero
fuxían no combate: "E por esto sobre todas las cosas cataron que fuesen
omes de buen linaje, por que se guardassen de fazer cosa porque podiesen caer
en vergüença"[14].
Os fidalgos eran máis valentes cós peiteiros pola súa liñaxe e mais polo seu
afán de reproduci-la boa fama cabaleiresca deste. A conservación dos
privilexios sociais e económicos da fidalguía tiña moito que ver coa
conservación da imaxe pública dos homes da liñaxe como homes valerosos e
esforzados.
O
tan novelesco e propagandístico da Descendencia de Juan de Ocampo
dificulta, ás veces, a distinción dos dous niveis enlazados de motivacións
(idealismo e pragmatismo) que puxan ós protagonistas. O cerco do castelo de
Tenorio durou cinco meses[15];
entre o xuramento inicial dos pechados e o derradeiro asalto pasaron moitas
cousas. En primeiro lugar, os defensores do castelo ata a fin, verosimilmente,
mantiveron a esperanza nunha victoria, parcial ou total. Militarmente non era
tan doado tomar por asalto un castelo. A Soutomaior sáelle ben por unha
circunstancia excepcional, que Pazos de Probén tentou evitar por tódolos
medios: un traidor facilitoulle de noite a entrada na fortaleza (fol. 20 r.-v.)[16].
Antes desa noite fatídica, Pazos de Probén e os seus soldados rechazan os
ataques dos sitiadores (fol. 15 r.), retíranse ás torres cando cae a muralla
(fol. 15 v.), desafían e matan a fidalgos do conde en combates individuais
(fol. 18 r.), etc.; e agardan o socorro dos cabaleiros amigos e dos reis.
Figueroa, García Sarmiento, Tristán de Montenegro e Valadares, con xente de
Pontevedra, Vigo e Sobroso, xuntan 3.000 homes para descercar Tenorio; pero os
68 arcabuceiros extranxeiros de Soutomaior, con aquela arma de fogo que
"jamás se havía visto en Galiçia", véncenos (fol. 17 r.-v.). Outra
circunstancia excepcional.
Os
Reis Católicos envían dous emisarios para lle pedir ó conde de Camiña que
levantase o cerco: Fr. Antonio de Pazos de Probén e mailo noso poeta cronista
Xoán Rodríguez de Padrón. Foi entón cando Soutomaior tentou forza-la rendición
servíndose da familia do alcaide. Os enviados dos Reis non puideron
entrevistarse con Gómez Pazos de Probén para lle entregar unha carta dos Reis
Católicos,
en que
le animaban a su serviçio y que ellos no le podían socorrer por haver entrado
el rey de Portugal en Castilla y tener ganadas las çiudades de Zamora y Toro,
pero que avissavan al Arçobispo de Santiago y obispo de Tuy y al señor de
Sobroço le audasen los quales aunque lo pusieron por obra fue tarde y a tiempo
que no hera menester porque un esclavo suyo...(fol. 26 r.).
Chegou
antes o traidor á tenda do conde que os reforzos de Santiago e Tui. A
coincidencia sucesiva de acontecementos poñen ós defensores perante a dúbida
extraordinaria de somete-lo seu valor e o seu xuramento á grande proba. Non
sempre acontece deste modo. Unha grande parte dos asedios a fortalezas
resólvense, na Galicia do século XV, pactando os contendentes ou a resultas de
feitos militares e políticos que teñen lugar máis alá das murallas do castelo.
A fereza con que Pedro Madruga levou o cerco de Tenorio (empurrado sen dúbida
pola tentativa dos defensores de o asasinaren mediante engano), e a
consecuencia cabaleiresca e o amor propio de Pazos de Probén e mailos seus
homes, axudan para que a única saída fose, á fin, o heroísmo:
y los
que quedaron vengaron vien sus vidas peleando como jente desesperada, mayormente el de Paços de Probén
que çertifica el de Padrón (fol. 20 v.).
O
ataque nocturno colleu por sorpresa ós guerreiros máis física ca moralmente. A
sicoloxía cabaleiresca e a frustración (que asemade producía desexo de atacar)
que xeraron os empeños fracasados de rompe-lo cerco temperaron os ánimos para a
eventualidade, cada vez máis real, de teren que "morir en la
demanda", de teren que levar á práctica as grandes palabras. Durante o
longo asedio as ideas heroicas confundíanse na mente dos defensores cos
cálculos prácticos (artellamento da resistencia, obter axuda exterior, mante-la
superioridade moral sobre os sitiadores, etc.) para gañaren a batalla e
conservaren a vida. Cando estes obxectivos se esvaen, aínda queda sitio para o
pragmatismo.
No
ánimo de Gómez Pazos de Probén, por exemplo, é máis que probable que pesasen, ó
reflexionar sobre a opción de morrer loitando, dous feitos obxectivos: que a
rendición podía non garantirlle a vida; e que a morte con honra redundaría en
fama e beneficios para a súa familia. O primeiro é tan certo que Pedro Álvarez
de Soutomaior, non moito despois, "procuró con todos sus pensamientos de
les cortar las cabaças, y púsolo por obra", matando a Gregorio de
Valadares e mais a Tristán de Montenegro, e xa antes a Diego Sarmiento, e tamén
ós Avalle[17].
Na defensa de Vigo, posterior á toma de Tenorio, a xente de Soutomaior
cortóulle-la cabeza a dous fillos de Gómez Pazos de Probén e a García Barba de
Figueroa (fol. 21 v.). Non lle habería de faltar razón ó alcaide do castelo de
Tenorio se desconfiaba da fidelidade do conde de Camiña ó modelo cabaleiresco
que esixía que ó vencido "nin le ha de cortar la cabeça, nin de degollar
(...) nin aún después de que lo oviesse muerto"[18].
Tanto é así, escribe Ocampo, que logo de morto Pazos
se
defendieron unos pocos sin que hiziesen demostraçión de rendirse y aunque lo hizieran
el Conde havía mandado los pasassen al cuchillo como se hizo (fol. 20 v.).
Tocante
ó seu calculo de beneficiar á súa liñaxe morrendo coma un fidalgo galego, é de
supoñer que Gómez Pazos de Probén, que como bo cabaleiro demostraba co exemplo,
se autoaplicaba os razoamentos, anteriormente referidos, dirixidos ós seus
fillos.
Carlos,
o capitán dos arcabuceiros de Pedro Álvarez de Soutomaior, contoulle a
Rodríguez de Padrón como morreu matando levándose consigo ó traidor, Gómez
Pazos de Probén:
armado
de un coselete mató diez delante dél y que herido de diferentes arcabuçasos y
saetas vio al moro y arremetiendo a él le mató de una estocada en pago de su
trayción, cayendo también muerto (fol. 20 v.).
O
respeto que infundía unha morte como esta era tal que o conde de Camiña non só
non lle cortou a cabeza ó cadavre, senón que deu licencia para que a súa muller
e fillos o puidesen sepultar en Tui cos seus devanceiros (fol. 20 v.).
Para
que non se perdese a memoria do acontecido, Rodríguez de Padrón pono na
escrita. Anos despois o conde de Lemos, Rodrigo Álvarez Osorio, escandalízase
de que os de Vigo fixesen pagar trabucos a un fidalgo coma Xácome Pazos de
Probén, "pues nieto hes del Señor Paços de Probén que murió en
Tenorio" (folios 36 v.-37 r.). Xoán de Ocampo, que tanto salienta ó heroe
de Tenorio ó narra-los feitos de "los hombres señalados de esta
Casa", adica a obra en setembro de 1587 ó cardeal Quiroga pola súa
amistade con "don Antonio de Pazos que fue de esta Casa", e "por
ser el Cardenal de lo bueno de Galicia ". Sen embargo, cara a 1530-1535,
Vasco de Aponte, que non ocultaba certa admiración por Pedro Alvarez de
Soutomaior, "uno de los grandes sufridores de trabajos que havía en España
toda"[19],
garda silencio no seu nobiliario sobre a fazaña de Gómez Pazos de Probén. O
punto de vista adoptado por Aponte, que consiste en referir especialmente as
fazañas dos grandes señores, diminuía o seu interese por xestas como a que nos
ocupa. Gándara, pola contra, tenta conciliar máis a súa actitude favorable ás
liñaxes máis poderosas coa mención a feitos coma o cerco de Tenorio que eloxian
a lembranza de casas nobres menos poderosas pero máis fieis á causa dos Reis
Católicos.
As
fontes de que dispoñemos non nos permiten saber como incidiu na memoria popular
(tradición oral) a morte valerosa de Pazos de Probén e dos demais defensores do
castelo. Tampouco dispoñemos dos nomes dos peóns que morreron combatendo en
Tenorio. O que importaba que perdurase era a morte do cabaleiro, dende logo
para os cronistas de mentalidade cabaleiresca, pero tamén en certa medida para
a mentalidade popular. A morte do cabaleiro nunca pasa desapercibida. As novas
sensibilidades baixomedievais que fomentaban a alegría de vivir e tomaban
conciencia do igualitarismo ante a morte van salienta-la atención que provoca a
morte fidalga, sobre todo se se daban as circunstancias que rodearon a fin de
Gómez Pazos de Probén.
En
calquera época o home que morre por defende-los seus ideais é causa de
admiración entre tódalas clases sociais, na Idade Media un aspecto da ideoloxía
dominante consistía en facer do valor cabaleiresco unha regra de ouro da
conducta dos señores de vasalos. Que un cabaleiro coñecido levase ata as
derradeiras consecuencias a actitude heroica cara a morte que conlevaba o
modelo cabaleiresco tiña que maravillar ás xentes. Por suposto, a mortalidade
de cabaleiros na guerra concentrábase nos estratos baixo e medio da clase
señorial, tanto en números absolutos coma relativos; en xeral, non era un
acontecemento cotián que un nobre, puidendo teoricamente salva-la vida, optase
pola morte en combate. Pero hai algo máis. A conmoción mental que orixina a
morte heroica, ¿non tiña tamén unha base inconsciente?. A imaxe de Cristo
crucificado para redimir ós homes, abondo coñecida por moi pouca formación
relixiosa que se tivese; a difusión de "vidas de santos", onde homes
e mulleres eran degolados, apedreados, queimados, mortos de mil maneiras por
non renunciaren ás súas crenzas; é dicir, o engaiolamento e a adoración que
enchoupaban a relixiosidade baixomedieval ante a visión da morte do Fillo de
Deus e máis dos mártires santos: configuraban un cadro mental emotivo que non
deixaba de multiplica-lo efecto da morte heroica laica sobre o imaxinario
colectivo.
Acerquémonos
agora ó estudio da relación -estreita- entre o modelo cabaleiresco e a
situación de clase, a saber, o estatus dos fidalgos como posuidores de vasalos
e rendas. O período que andamos a analizar é de grande mobilidade social. A
posición económica do nobre estaba condicionada polo exercicio do oficio da
cabalería. Cara a 1369, Enrique II de Trastámara confiscou as terras de Gaspar
Pazos de Probén, deixándolle soamente o castelo e corenta vasalos no seu redor
(fol. 7 v.). Os pazos foron á guerra, era o seu oficio, onda Pedro I;
resultaron derrotados e descenderon varios chanzos na xerarquía feudal. Os
nobres vencedores na guerra civil, mellores combatentes segundo a mentalidade
dominante, beneficiáronse das mercés heriqueñas e melloraron a súa
situación económico-social dando pé á nova nobreza trastamarista.
O
golpe definitivo ó patrimonio familiar dos Pazos de Probén deúno, naturalmente
a casa de Soutomaior. Estando o señor de romería en Xerusalén, tivo lugar unha
rifa Soutomaior/Pazos de Probén polo apastamento do gando, que se arranxou coa
ocupación do castelo de Pazos de Probén, matando os de Soutomaior á señora
(avoa do que morreú en Tenorio) e apropiándose da fortaleza e mais dos seus
vasalos (fol. 10 v.). O fillo adolescente, Diego Pazos de Probén, sabendo
la
desgraçia de su madre pidió liçençia al Rey que hera su donçel para venir acá
que su padre estava en la romería, e haviendo Consejo se lo negó (fol. 10 v.).
O
avó e mailos parentes de Diego non teñen éxito na súa empresa de vinganza e
recuperación de bens, segundo demandaba o código cabaleiresco. Ha ser el quen,
despois de dous anos da morte da súa nai, acade a reparación da afronta e o
recobro do estatus de clase. Para isto segue punto a punto as pautas de
comportamento cabaleiresco:
1º
Armarse cabaleiro: Diego, que era mozo pero "exercitado en las
armas", foise ó Bierzo -esta vez sen licencia real- onda o duque de
Arjona, "y él lo armó cavallero que podía, y dió un cavallo y armas"
(fols. 11 v.-12 r). Acadar, mediante o ritual correspondente, a calidade de
cabaleiro era condición sine qua non para se capacitar legalmente para
realiza-la fazaña prevista. Nacíase nobre pero non cabaleiro, que esixía unha
aprendizaxe; o acto simbólico (pero non gratuíto ou meramente formal) de
iniciación non podía ter lugar antes dos catorce anos[20];
Diego Pazos de Probén superaba esta idade, se ben non chegaba ós vinte anos.
2º
Vingar á sua nai: O duque aceptoú armalo cabaleiro porque Diego "le
dijo a lo que venía, que hera vengar la muerte de su madre", e ademais animouno:
"hazía vien ir a bengar a la de su madre y le havía dado un abraço y
echado la su vendiçión, porque hera el Duque pariente de los Paradas"
(fol. 12 r.). Fazaña cabaleiresca típica do infante vingador:
¡Helo,
helo por do viene
el infante vengador
caballero
a la jineta
en
caballo corredor![21]
Sendo
frecuente o casamento do deber cabaleiresco da vinganza e mailo sentido filial
da liñaxe:
Pensativo
estaba el Cid
viéndose
de pocos años
para
vengar a su padre
matando
al conde Loçano;
mirando
al bando temido
del
poderoso contrario[22].
O
estado de ánimo do recen estreado cabaleiro, dirixíndose cara a Galicia, ¿podía
ser moi diferente do que describe o romance?. De novo a ficción e a realidade
nun mesmo plano, intercambiándose papeis.
3º
Duelo cabaleiresco: Sen que consten as formalidades de desafío previo,
Diego amáñase para, no primeiro encontro cos de Soutomaior, loitar co asasino
da súa nai, Xiraldo de Montes, ó que vence sen dificultades:
De una
lançada cayó del su cavallo y allí lo quiso atropellar su contrario y él le esperó con la su lança,
le yrió al cavallo de muerte, y con la
rabia corrió y dio en un barranco donde le mató que si no fuera desta guisa
hera fuerte fijodalgo de a cavallo y sin duda corriera peligro Diego de Pazos
de Probén (fol. 12 r).
Morto
Xiraldo ó tiralo o seu cabalo ferido polo barranco, o autor di que Diego Pazos
o aforcou: "muerto Giraldo a quien Diego Paços de Provén aorcó en un roble
de un monte alto y después le llaman de Giraldo" (fols. 12 r.-v.). A morte
por aforcamento era aldraxante para un fidalgo; era unha morte plebeia. Por
outra banda, de acordo co texto, Diego Pazos pendurou da árbore o cadavre. A
acción simbólica do vingador triunfante, ¿que sentido ten?. Coidamos que
nega-la condición fidalga do asasiño da súa nai: "un mal ynfançón
fijodalgo que hera Giraldo de Montes que le dio con un puñal de que murió"
(fol. 10 v.). Logo tentaría o conde de Camiña algo parello ameazando con
aforcar ós netos de Diego Pazos de Probén, segundo vimos anteriormente. A
segunda morte de Xiraldo de Montes tería outra intención: expoñer públicamente
(nun lugar alto) a proba de que Diego Pazos de Probén fixo xusticia (forca era
símbolo do exercicio da alta xusticia, civil e criminal) co asasiño da súa nai,
para que permaneza na memoria das xentes a fazaña do novo cabaleiro. Que os
veciños bautizaran o monte como "de Xiraldo" amosa ata que punto tivo
utilidade a segunda morte -simbólica- do malfeitor.
Días
despois chegou a nova da morte en Roma do pai de Diego Pazos, quen volvía de
Xerusalén; de seguido o herdeiro, coa axuda dos seus parentes nobres, ocupa
unha noite o seu castelo de Pazos de Probén
que
hestaba en poder de los Sotomayor con poca guarda por
las muertes del alcayde Pedro Meléndez y de
Giraldo Montes y los
echaron fuera sin hazerles ningún daño (fol.
12 v.-13 r.).
Dedúcese
que tomaron o castelo sen moita loita. Os homes que o tiñan probablemente non
ofreceron resistencia: quedaran sen xefes. Caeu primeiramente o alcaide
Meléndez, a quen desafiou e matou o parente Antonio Pazos de Probén. Estes
duelos cabaleirescos, especialmente o segundo, decidiron a posesión do castelo
cos seus 40 vasalos. Os pasos dados polo xove Diego, imitando o modelo
cabaleiresco, tiveron efecto: reproduciron a situación de clase anterior á
agresión dos de Soutomaior.
Así
foi como o pai de Gómez Pazos de Probén recuperou o castelo e mailo solar
orixinario da súa liñaxe: comportándose coma un verdadeiro cabaleiro.
Compréndese que Gómez herdara un exemplo e unha educación que sementou nel a
observancia leal ó modelo cabaleiresco que patentizou, de maior, en Tenorio.
Pero o modelo cabaleiresco como guía para a acción tiña os seus límites
obxectivos. Os pazos de Probén non chegarán nunca a recupera-lo val[23],
e tódalas posesións que tiñan con anterioridade ó triunfo Trastámara na guerra
civil do século XIV. O mesmo aconteceu con outras liñaxes do bando perdedor
afectadas pola renovación da clase señorial que tivo lugar nos reinos de
Galicia, Castela e León. Os de Soutomaior foron dos que atoparon daquela a súa
oportunidade[24].
Ocampo propónse, precisamente na historia dos Pazos de Probén que estamos a
citar, contar cómo la destruió por el suelo Pedro Alvares de Sottomayor
e inclúe o longo título da súa obra (edición de 1587).
Un
pouco antes de matar a Gómez Pazos, Pedro Alvarez de Soutomaior despenou o seu
castelo de Pazos de Probén, desbotando desta maneira a posibilidade de que
algún descendente pretendese repeti-la fazaña do seu pai Diego. E Pedro Madruga
fixo algo máis: morto o cabeza de familia de Tenorio, desexou acabar con seus
descendentes. A Gómez e mais a Fernando mátaos e córtalle-la cabeza, como xa
dixemos; a Vasco gáñao o conde para a súa causa, logo de telo prisioneiro no
castelo de Soutomaior, cansándoo en Camiña, Portugal (fol. 23 r.); quedaba o
que se chamaba coma o seu avó: enterrou ós seus dous irmáns degolados, e logo
dunha rifa co conde de Camiña, de quen se librou abríndose camiño coa espada,
acolleuse no castelo do Penzo de Vigo (fol. 22 v.), ensinando ós defensores o
uso dos arcabuces e artillería contra o de Soutomaior, quen se laiaba "de
su negligençia en no haver muerto o puesto en priçión a Diego Pazos de
Probén" (fol. 23 v.-24 r.).
Sen
embargo, o novo Diego de Pazos xa non tiña un castelo con vasalos que
reconquistar, e á par que nos acercamos ó novo século hai menos sitio para os
cabaleiros andantes de carne e óso; de aquí en diante si que se van inza-los de
papel, os modelos idealizados sen cotexo na realidade. A liñaxe sustituirá ó
valor como virtude fidalga principal.
Diego
Pazos namórase da filla maior de Alvaro Alfonso de Figueroa. A nai opónse á
voda porque non tiña "sino las armas que trahiya y que a su hija la pedían
los ricos y los mejores de aquella tierra", respondéndolle o xove que
"aunque pobre conservava la nobleza de su linaje" (fol. 24 v.-25 r.).
Marcha Pazos, coa carraxe no corpo, a Portugal, e volve para levar a cabo outra
fazaña cabaleiresca arquetípica: o rapto da noiva con forza de xente de armas e
a voda posterior en Ponte da Lima, Portugal. A fin, o pai aceptou o casamento e
fixo ó seu xenro tenente gobernador de Vigo polo arcebispado de Santiago (fols.
25 r.-v.). O señor de Figueroa, o amigo do seu pai, quen organizara as tropas
para o socorrer en Tenorio, valoraba a nobreza de liñaxe por enriba de todo[25].
Axúdao asemade o arcebispo Fonseca dándolle as pedras do castelo do Penzo, coas
que o matrimonio de fixo unha torre en Vigo (fols. 26 v.-27 v.). Con Diego a
casa de Pazos de Probén urbanízase; cambio que vai te-la súa transcendencia.
A
sona de boa liñaxe amoreada, especialmente polas fazañas do seu pai, Gómez, e
mais do seu avó, Diego, permitían a Diego recompoñer, de momento, pola vía do
matrimonio, o seu estatus de clase. E máis, cando Diego Pazos de Probén, mal adaptado
á cidade, ó seu novo cargo, ó novo, fracasa e arruínase, o seu apelido valerá,
aínda, para casar ás súas tres fillas con tres nobres, pois "la nobleza y
virtud fue siempre más poderosa que todos los thesoros del mundo" (fol. 30
v.). Por último, pide no seu testamento "que sus desçendientes conçervasen
el apellido de Paços" (fol. 31 r.). Non obstante, del non van herdar nin
posesións nin boa fama, malia os seus bos comezos como cabaleiro.
O
esforzado fidalgo que morreu matando en Tenorio foi o derradeiro gran
cabaleiro, ó vello uso, dos Pazos de Probén. As balas de fogo dos
"xermanos" de Pedro Madruga que acabaron con Tristán Montenegro,
García Barba de Figueroa, Gómez y Fernando Pazos de Probén..., mataron á
cabalería. O oficio de guerrear a cabalo perde a súa hexemonía cando calquera
peón vasalo que saiba disparar lle pode a un cabaleiro por moi blindado que se
presente ó combate[26].
En xeral os cambios económicos e sociais fan entrar en crise moitos valores
establecidos, tamén o modelo cabaleiresco, no período de transición de finais
do século XV e comezos do século XVI.
¿Como
viven en Pazos de Probén a decadencia do modelo cabaleiresco?. Como un drama,
que lle tocou protagonizar a Diego Pazos en tres actos: 1) Unha revolta de
fidalgos e labregos do val depono como gobernador da xurisdicción de Vigo
(fols. 27 v.-28 r.); 2) Perda de consenso que agravou ó cometer un acto
anti-cabaleiresco, matar a puñaladas de noite e ás escondidas ó fidalgo
Rodríguez Vilar, xefe dos rebeldes (fols. 28 r.), polo cal o gobernador de
Galicia polos Reis Católicos, Acuña, condenouno, en rebeldía a morrer degolado;
3) A súa derradeira aventura foi aplica-lo modelo cabaleiresco ó oficio do
comercio, que a súa muller viña exercendo con notable éxito. Contra a vontade
da súa muller-mercader (que se ha integrar na nova clase social para mante-la
familia) cargou dúas naves, gastando naquilo o que tiñan, e sendo asaltado
polos mouros perdeuno todo; estivo tres anos cativo; a súa muller logrou
rescatalo e morreu pobremente na súa torre de Vigo (fols. 30 r.-v.), pero cun
gran apelido que levaran grandes cabaleiros.
O
papel central xogado pola muller de Diego Pazos de Probén é, de seu, indicativo
da crise do modelo cabaleiresco, de virtudes eminentemente masculinas[27].
A muller correspondía o rol de reproduci-la liñaxe, pero non transmitía nobreza
(só os fillos lexítimos do varón). O cabaleiro correspondía defender á muller,
en particular á viúva, e máis a tódolos "débiles". A Xácome Pazos de
Probén, fillo de Diego, os veciños de Vigo empadroárono, obrigándoo a pagar
trabucos, negándolle por tanto a súa condición de nobre, porque
"tratándolos mal de palabra se ynclinaron contra él" (fol. 36 r.). A
súa muller "juró de no dormir en cama con él ni comer a su mesa"
mentres non tirase en Valladolid a carta executoria de fidalguía; e cumpriuno
(fol. 36 r.).
Xácome
Pazos
siendo
moço dio apariençia de no ser menos que sus passados y así se alló en la
conquista del reyno de Nápoles donde fue Alféres de Infantería (fol. 36 r.).
Se
interpretamos o termo apariencia como "o que á vista ten bo parecer e pode
enganar no intrínseco e sustancial"[28],
profundizaremos no sentido da cita. O modelo cabaleiresco continúa, pero doutra
maneira. Trala apariencia das mesmas calidades de valor, lealdade, fama e
liñaxe, encerra outra realidade ben distinta dos, a partir de agora, tan
louvados literariamente cabaleiros medievais. O oficio militar perde
preeminencia social e ideolóxica globalizante para se transformar (dos tres
estados medievais pasarase a unha concepción que multiplica os estados ou
oficios) organizada polo novo Estado. Os nobres que sigan a carreira das armas
van levar a cabo as súas fazañas valerosas como oficiais dun exército
permanente, fóra de Galicia e de Castela-León, defendendo unhas fronteiras
estatais ou a expansión do imperio en Europa e América.
[1] Publicado en "Cómo vive el modelo
caballeresco la hidalguía gallega bajomedieval: los Pazos de Probén", Galicia en la Edad Media (Actas del Coloquio de Galicia, 13-17 julio de
1987), Madrid, Sociedad Española de Estudios Medievales, 1990, pp. 231-246
(reproducido, traducido al gallego y actualizado como “Fazañas cabaleirescas”
en el libro ¡Viva El-Rei! Ensaios
medievais, Vigo, 1996).
[2]
Guiterre DIEZ DE GAMES, El Victorial, Crónica de Don Pero Niño, conde
de Buelna, ed. Juan de Mata CARRIAZO, Madrid, Espasa-Calpe, 1940, páx. 42.
[6]
Empregarémo-la copia manuscrita que nos foi amablemente facilitada pola
familia de Xosé María Alvarez Blázquez,
cronista da cidade de Vigo recentemente finado.