Imprimir
Twittear

Publicado en

 

As orixes medievais da Xunta de Galicia*

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

 

 

A tese que imos defender sobre o papel da Xunta da Santa Irmandade do Reino de Galicia (1467-1469) na historia administrativa e política de Galicia1 ten tres partes que cómpre adiantar, baseándonos neste e noutros traballos anteriores:

 

1.- A Xunta irmandiña de Galicia é o precedente máis antigo, e polo tanto o máis importante polo seu carácter fundador, da actual Xunta de Galicia. As posteriores "Juntas del Reino de Galicia"2 teñen a súa orixe na Baixa Idade Media, ó igual que pasa noutras comunidades autónomas, nas Xuntas das irmandades que funcionaron no reinado de Henrique IV3.


2.- O tempo do poder irmandiño en Galicia (que cadra cun baleiro de poder na Coroa de Castela e León por causa da guerra civil entre Henrique IV e o príncipe Alfonso) é o período de maior capacidade de autogoberno da historia de Galicia, existindo certo grao de conciencia contemporánea por ser principal consecuencia dunha conquista "desde embaixo" favorecida -daquela maneira- "desde enriba". O contrario do que acontecerá logo, no tempo dos Reis Católicos.

 

3.- A Xunta de 1467-69 vendo sendo a institución histórica de autogoberno galego máis representativa dende o punto de vista social. Sobre todo se comparamos Xuntas irmandiñas e Juntas do Antigo Réxime. Trátanse de verdadeiras asembleas de representantes elixidos (deputados, alcaldes...) da Santa Irmandade), nas cidades e no campo, mentres que as Xuntas do século XVI (ó igual que as Cortes medievais castelás) son de representación máis restrinxida, exclusivamente urbana. Este carácter representativo extraordinario vén da participación popular e rural, sobre todo campesiña, nas institucións irmandiñas. Temos documentados como alcaldes e deputados: campesiños, artesás, mercadores, fidalgos, coengos... Tódalas clases e estamentos sociais da Galicia baixomedieval están representados nas Xuntas irmandiñas, menos aqueles grandes e medianos señores laicos imputados como malfeitores. Aínda que algúns nobres inmportantes forman parte da irmandades, sobre todo nos primeiros momentos, e outros prestanlle colaboración militar ata as batallas finais.

 

Das irmandades veñen as xuntas

 

A comunidade autónoma galega non é a única que acordou, durante a transición, denominar Xunta ó seu órgano de Goberno (no País Vasco é o nome das institucións forais). A orixe histórica común das Xuntas nas irmandades do século XV é normalmente reivindicada polos novos poderes autónomos. Dende o punto de vista institucional non había moitas diferencias entre unha e outras Xuntas baixomedievales. Vendo como funcionaban as Juntas hermandinas entenderemos mellor as orixes medievais da Xunta de Galicia. E viceversa: o nacemento, auxe e morte da primeira Xunta de Galicia axudará a comprender mellor a historia das Juntas vascas, asturiana ou andaluza.

 

A actual "Junta del Principado de Asturias" xurde polo tanto en tempos de Henrique IV: en 1462 os procuradores hermandinos asturianos, axuntados en Oviedo, proclaman perante El-Rei, tamén príncipe de Asturias,  "ser una Junta como agora lo somos e fuimos después de vuestra señoría recibió dicho principado"4. En contraste coa rebelde Xunta galega, a Junta asturiana sobrevive sen solución de continuidade ó reinado de Don Henrique, baixo o control real. Fernando o Católico, en 1476, comunica a victoria de Toro, celebrando  a participación dos asturianos, á "Junta de la noble çibdad de Oviedo e de todo el nuestro Prinçipado de Asturias"5.  Seguemos atopando a "Junta General" de Asturias en provisións reais asinadas por Fernando e Isabel nos anos 1486, 1493, 1494 (ordenanzas da Junta)...6. A Junta de Asturias era convocada polo correxidor dos Reis Católicos (Hernando de Vega en 1494) e excluía os cabaleiros da súa composición: a de 1486 foi mesmamente interrompida por Diego de Miranda e a súa xente armada7.  Outro elemento común coa Xunta galega é a imprecisión institucional propia dos inicios da modernidade. Etimoloxicamente, en castelán e en galego, ‘xunta’ significa xuntanza, reunión, de maneira que dise e se escribe, indistintamente, Xunta/Xuntas, Junta/Juntas. A maior diferencia entre ambas está na falta de continuidade de Xunta irmandiña: a causa da contraofensiva nobiliaria, a partir de 1469, non se fan máis Xuntas xerais; as irmandades seguen funcionando un tempo a nivel local8 para logo desaparecen ata o seu rexurdimento, con menos forza e outro contido, da man dos representantes dos Reis Católicos.

 

Vexamos o exemplo das Juntas provinciais vascas. O  primeiro dato da "Junta (s) General(es) de Álava" é, como nos casos galego e asturiano, dos anos 60 do século XV. Cara 1463, en Rivadellosa, se redactan as ordenanzas das "Juntas Generales" (aquí  se institucionaliza a imprecisión terminolóxica singular/plural) que van constituír "el cuerpo fundamental de las leyes de la Provincia de Álava durante 400 años"9. Esta irmandade alavesa, moi apoiada por Henrique IV, porá fin ás malfeitorías da nobreza trastamarista local, mediante unha triple alianza entre o campesiñado, a xente das vilas e a burguesía10: igual que no caso galego. A Junta alavesa de 1463 "significó el inicio de un movimiento de integración territorial y política que acabó por delimitar y articular las tierras que hoy conforman la actual Álava"11. A función da irmandade e a Xunta galega de 1467 se chegou a tanto pola interrupción habida entre o reinado de Henrique IV e os reinados dos Reis Católicos e Carlos V12. As ordenanzas alavesas de 1463 foron ratificadas máis tarde polos Reis Católicos (1488) e por Carlos V (1535), continuando vixentes ata 187713.

 

A grande irmandade galega desaparece entre 1469 e 1472, e as "hermandades" castelás dos Reis Católicos -que abrangueron tamén Galicia- deixan de existir en 1498, ó facérense innecesarias as funcións orixinarias de aseguraren a xustiza, a paz e a seguridade pública, sen embargo, no País Vasco, sobreviven durante catro séculos as Juntas hermandinas asumindo funcións administrativas nun proceso que culminará, no século XVIII, cunha administración autónoma dos territorios provinciais, abranguendo atribucións fiscais e militares, prolongando na Idade Moderna o lema medieval "obedézase pero non se cumpra", o que lles permitía impugnar aquelas disposicións da Monarquía contrarias ás súas "libertades, fueros buenos usos y costumbres": foros que El-Rei podía revocar en calquera intre14. Veremos como  nos anos irmandiños, de facto, a Xunta de Galicia gozou de poderes aínda superiores, que foron utilizados para pular unha revolta social, que está na súa orixe.  Na memoria irmandiña o termino "juntas" vai parello co termino "juntos" e "todos"; os irmandiños e os seus herdeiros, relacionan o carácter solidario, unitario e unanimista do levantamento popular de 1467, con feito de axuntarse  para coordenarse e tomaren acordos15.

 

Nese longo proceso, entre os séculos XV e XVIII, de consolidación dun poder autónomo nas provincias vascas, as Juntas perderon ben cedo o seu carácter popular e democrático. Desde 1476, data da incorporación á hermandad dos Reis Católicos, perden o poder executivo en favor dun órgano máis restrinxido, a Deputación, que estaba presidido polo Deputado Xeral nomeado polos Reis (unha sorte de correxidor real), e soamente podían ser elixidos representantes das irmandades locais "hombres ricos e abonados  cada uno de ellos en quantya de quarenta mill mrs"16. De forma que, finalmente, no tocante á representatividade, a situación en Euskadi non ficou moi distinta a de Galicia, aínda que alí as Juntas tiñan, como xa dixemos, máis atribucións.

 

Pero volvamos á Galicia, á primeira Xunta das irmandades nos tempos propicios do rei Henrique. É importante salientar que a Xunta se reúne, por vez primeira, cando o movemento das irmandades abrangue ó conxunto de Galicia e cadra cunha revolta social. Non é a primeira vez que se fan revoltas en Galicia e que se constitúen, con permiso real, irmandades. Pero si é a primeira vez que se fan irmandades por toda Galicia e, asemade, que a revolta desborda o nivel local. En 1431 foi a revolta contra os Andrade da irmandade polas terras de Ferrol e As Mariñas; cara 1450-1 foi a "primeira irmandade que derrocou fortalezas" nas Rías Baixas, segundo as testimuñas do preito Tabera-Fonseca; entre 1454 e 1458 foi a irmandade de Betanzos-A Coruña; e, en  1458, foi a irmandade de Santiago, Noia e Muros17. Trinta e seis anos de ensaios irmandiños locais, e comarcais,  ata desembocaren na única revolta e irmandade do reino de Galicia, que deu lugar a primeira Xunta de Galicia.

 

O 21 de febreiro de 1467, en vésperas da Xunta de Melide,  aínda tiña Zamora18 a representación de Galicia. A Zamora lle tocaba representar ós galegos nas Cortes de Castela, desde que as cidades galegas perderan o dereito de representación directa. Delegación que, polo visto, se transplantou logo á relación das irmandades galegas coa hermandad de Castela e León, entrementres non tivo lugar a primeira xuntanza xeral en Melide: lugar onde naceu historicamente a Xunta de Galicia. Reunión  anterior ó derrocamento de fortalezas e á Junta de Medina del Campo19, onde se reúnen 128 deputados todo o mes de abril de 1467 da hermandad de Castela e León20. Hai constancia documental de como, segundo datos da provincia de Ourense21: o cabido da capital22, os campesiños de Sande23 ou os monxes de Celanova mandaron procuradores e cartas con demandas a Medina, e mesmo obtiveron resultados24. O poder hermandino estaba en Castela pero pronto se troca en poder irmandiño, despois da Xunta de Melide, a finais de abril de 1467, cando estala a grande insurrección contra as fortalezas por toda Galicia. Non imos topar ningunha referencia máis á hermandad de Castela e León, co levantamento popular a irmandade galega faise autosuficiente, aínda que formalmente seguía integrada na correspondente da Coroa de Castela. A Xunta de Galicia nace coa revolta popular e interclasista de 1467 que a coloca á mesma altura do poder real, que xamais deixa de invocar. Principian desde xeito dúas dinámicas distintas en Galicia e no resto de Castela25.

 

A Xunta naceu en Melide

 

Temos novas de cinco reunións da Xunta de Galicia dos anos 1467, 1468 e 1469. A primeira grande reunión tivo lugar, entre marzo e abril de 1467, en Melide: "los pueblos y gente del [Reino], se juntaron y fizieron una junta en la villa de Mellid y alli se juntaron todos en hermandad e nombraron alcaldes e diputados e cuadrilleros della"26.

 

Aínda nos se desataran plenamente as hostilidades entre señores e campesiños, nin comezaran verdadeiramente os derrubamentos de castelos e torres: parte dos grandes cabaleiros están presentes na Xunta e se lles pide en nome de El-Rei que deixen pacificamente as fortalezas nas mans da Santa Irmandade. Uns aceptan, outros non o fan e foxen, aqueloutros, resistentes á irmandade, nin sequera teñen asistido á esta primeira xunta do poder irmandiño.

 

Vexamos, por partes, como conta os feitos un escudeiro Xoán de Melide, daquela un neno que facía de criado de Sancho de Ulloa: "fizieron unas juntas en la villa de Mellid porque era en la meitad del Reino".  A mesma aparente27 indefinición entre singular e plural, entre simple xuntanza e órgano institucional que percibimos no País Vasco, se ben na xuntaza de Ourense se falará finalmente da "Junta General deste Reyno de Galizia"28,  de todo o reino non soamente das irmandades, trátase dun proceso de atribución e representación social do poder que se ira desenvolvendo conforme a irmandade avanza.  Facer a primeira xuntanza do máximo órgano do poder irmandiños na medio xeográfico do reino de Galicia29 salienta o sentido vertebrador, fundante, da primeira Xunta.

 

Sigamos: "adonde se juntaron los diputados de todas las ciudades e villas del Reino". O noso escudeiro urbano no fala para nada dos concellos rurais, sen dúbida ben representados en Melide: demostración de como os campesiños van entrar na historia, e na Xunta, logo de Melide, coa insurrección contra as fortalezas.

 

Continua dicindo a testemuña que "en las dichas juntas los de la hermandad se pusieron contra el conde don Sancho de Ulloa e contra Diego de Andrade e para que los caballeros fuesen a favor de la hermandad", confirmando logo a ruptura co sector máis refractario da cúpula nobiliaria representada en Melide30, e "que vido quel conde Don Sancho e Diego de Andrade ambos juntamente de miedo que tenian a los de la hermandad se fueran para Castilla para donde estaba el Rey"31. O escudeiro de Melide refire como ámbolos dous nobres foron presos por Tareixa de Zúñiga, condesa de Santa Marta, en Mucientes (Valladolid), por contenciosos que tiña con eles32 (por suposto que dona Tareixa pasaba, nese intre, por amiga dos irmandiños e do rei Henrique33), onde estiveron os dous anos que  durou a irmandade. E entón, remata Xoán de Melide, el "testigo y otros criados se volvieron para el reino de Galicia"34.

 

O veciño de Betanzos, Xoán de Bascóns, espectador adulto en 1467, da unha versión máis xenérica, máis propia da memoria colectiva, da realización da Xunta de Melide que  complementa ben á anterior. Empeza dicindo que "fisieron una junta con los caballeros del reino", que veu vir -o que demostra que a xente viaxaba  a Melide para no perderse a Xunta35- a Fernán Pérez de Andrade, a Gómez Pérez das Mariñas, a Sancho de Ulloa e "otros muchos", e que "les pidian que les diesen las fortalezas del reino, cada uno las suyas e se las pedian para derribaselas porque dellas fazian muchos males". Iso de que tiñan a intención de derrocalas é de seguro unha aportación a posteriori, típica da atemporalidade da memoria colectiva, non está moi claro que na Xunta de Melide existise a idea preconcebida de botar abaixo as fortalezas, o acordo oficial era poñer nelas alcaides nomeados pola Santa Irmandade para evitar os agravios.

 

Despois da xuntanza de Melide, resolta favorablemente para os rebeldes ó poder señorial (o único existente antes de  1467 en Galicia, porque o poder de El-Rei era nominal), empezan, ou se xeneralizan, os derrocamentos por toda Galicia, tanto das fortalezas controladas pola irmandade como das que tiñan que tomar por asalto, sen dúbida os derrocamentos comezaron por estas, no calor dos combates.

 

Queda claro no testemuño que estamos a citar que os derrocamentos foron despois da Xunta de Melide: "los caballeros acordaron en la Junta de darlas e despues fueron contra ellas y las tomaron y las derrocaron"36. Pero este veciño de Betanzos nada di dos señores que se negaron a entregar as fortalezas, uns fuxindo de Melide (nolo confesa a anterior testemuña tirando da súa memoria individual), outros non asistindo. Tampouco fala de que a toma das fortalezas, e os derrocamentos, foron na compaña de confrontacións militares cos nobres máis refractarios, batallas que coñecemos polas fontes nobiliarias e os testemuños contrarios: cadaquén se acordaba do  que máis lle interesaba.

 

Dixemos que a iniciativa "desde embaixo" contra as fortalezas e os cabaleiros malfeitores fixo posible, entre 1467 e 1469, unha  Xunta de Galicia con poder de seu. Pero antes diso, denantes da insurrección, acontece o contrario: o acto de soberanía da Xunta de Melide que supón a toma das fortalezas  do reino para a Santa Irmandade37 potencia á revolta popular en marcha. O sistema de fortalezas constituía a clave de bóveda do poder político, social e militar, na Galicia do século XV, refeudalizada pola nobreza trastamarista. Quen tivera controladas as fortalezas tiña o poder no reino de Galicia, tal era a estratexia da Xunta de Melide.

 

Pero impúxose a estratexia, máis espontánea (a nivel xeral máis que a nivel local), dos campesiños, artesáns e pescadores que constituían a maioría das bases sociais da Santa Irmandade  (tamén son maioría entre os dirixentes irmandiños citados no preito Tabera-Fonseca): non deixaren pedra sobre pedra dos fundamentos materiais do poder señorial impedindo así, obxectivamente, que se reproducira este no interior da propia irmandade interclasista38. Pero resulta que, cando veu a contraofensiva señorial, os irmandiños non se puideron defender desde as fortalezas, sendo de seguida derrotados militarmente en campo aberto; as murallas das cidades, que seguían ergueitas, lles permitiu non obstante resistiren no seu interior dos anos máis (depende dos sitios). Así e todo, a mentalidade irmandiña de vivir sen fortalezas -e sen señores- non resultou tan utópica como parece: pronto a historia social, política e militar, rematou en tódolos países occidentais coas fortalezas medievais como centros de poder no tránsito á modernidade, que como vemos principiou en rigor, en Galicia, por iniciativa popular, en 1467. En 1480, os enviados dos Reis Católicos non fixeron máis que continuar a estela dos irmandiños: seguiren derrubando fortalezas (as poucas que se reconstruíron non anos 70) ó xeito irmandiño, botando man das milicias populares. O moderno poder do Estado esta a piques de substituír ó medieval poder das fortalezas, algo disto albiscaban sen dúbida as xentes irmandiñas cando derrocaban castelos e torres con berro de combate "¡Viva El-Rei!", outra cousa é que puidesen entrever tódalas consecuencias39: os históricos logros sociais o liberárense os vasalos das fortalezas opresoras, e mesmo da nobreza feudal (primeiro durante dous anos irmandiños, despois coa súa marcha obrigada á Corte), foron parellos coa perda, coas novas "Juntas del Reino de Galicia",  de grande parte de poder propio que tivo a constituínte Xunta irmandiña de Galicia. Proceso que tivo lugar noutros lugares da Coroa, pero en ningún o retroceso foi tan grande.

 

Con todo, sabedores, gracias ós 204 testemuños, maiormente populares, do preito Tabera-Fonseca, que valoran, sesenta anos despois,  como unha victoria a revolta dos irmandiños, e considerando o xeito de reivindicación de Galicia  historicamente factible, e documentado,  a finais do século XV40, de botar de menos botarían os populares non ter triunfado plenamente na loita antifeudal41 máis que teren fracasado nun obxectivo que non tiñan nin podían ter formulado, a "independencia de Galicia", segundo a invención de Benito Vicetto en "Los hidalgos de Monforte" (1852).

 

Betanzos, Santiago, Lugo e Ourense

 

Dispoñemos dunha serie de documentos que mostran as irmandades locais exercendo o poder de dar e quitar xurisdiccións42; pero o que nos interesa, aquí e agora, é vermos como exerce ese poder xurisdiccional o máximo órgano irmandiño, a  Xunta de Galicia.

 

Son catro as vilas que aloxan reunións da Xunta irmandiña, ademais da fundacional Melide: Betanzos, Santiago, Lugo e Ourense43. O carácter itinerante da Xunta galega é unha característica común coas restantes grandes institucións medievais, empezando pola Corte real, e reflexa, polo demais, a vontade integradora do territorio galego que xa detectaramos na primeira Xunta.

 

Sempre se axuntaban nas cidades, proba evidente do protagonismo urbano, e xa que logo burgués, no eido político,  diferenciable dalgunha forma do protagonismo social (campesiños, oficiais e pescadores) e do protagonismo militar (fidalgos), ámbolos dous maiormente rurais44.

 

A Xunta de Betanzos, en xuño de 146745, é ben indicativa da relacións dos irmandiños con El-Rei de Castela antes da famosa carta do 6 de xullo autorizando os derrocamentos; relacións que se poden resumir no citado precepto medieval: "obedézase pero non se cumpra". O rei Henrique  pide as irmandades galegas reunidas en Betanzos que devolvan Monterrei coa súa fortaleza ó seu amigo Juan de Stúñiga. Reacción: "vista la carta por los diputados de la universidad y Junta General de la cibdad de Betanzos"..., primeiro responden que "remitían la cabsa al alcalde mayor de la provinçia" de Ourense, queixándose a continuación de que os contrarios, que dicían ter privilexios de El-Rei (crítica velada á ambigüedade  e bastante habitual de Henrique IV), tentaran tomar pola forza a fortaleza e matar ó tenente fidalgo posto pola Santa Irmandade, e que nesas mataran varios homes, o cal era delicto e inxuria, rematando por devolveren outra vez a causa El-Rei dicindo que a " villa estaba levantada por él", maneira fina de contestarlle que non.

 

Tentaba El-Rei moderar ós irmandiños daquela maneira, mirando polos seus parciais, tratando de manter o apoio político á súa persoa da Santa Irmandade de Galicia, non demasiado inquieto pola súa orientación radical, contra as fortalezas e contra os señores, que, conxunturalmente, lle beneficiaba o debilitaren a unha nobreza que, en xeneral, levaba dous anos sublevada contra el: a súa prioridade principal era gañar a guerra, se quería seguir sendo El-Rei.

 

O cruce de cartas entre Henrique e a Xunta irmandiña amosa os límites da autoridade real, entre 1467 e 1469, en Galicia, e o xa mentado alto grao de autogoberno acadado pola Xunta de Galicia nos seus comenzos históricos. Os derrocamentos principiaron na segunda quincena de abril, e a fortaleza de Monterrei seguía en pe, polo que vimos, no mes de xuño, iso quer dicir que durante un tempo a irmandade respectou as propiedades dos nobres amigos de El-Rei, sen dúbida porque se tiñan arrimado eles mesmos á Santa Irmandade, cedendo voluntariamente o control das fortalezas en Melide. Pero logo, conforme avanza a revolta, os irmandiños non  fan distingos e chocan con El-Rei, pero pouco tempo: o 6 de xullo, a autoridade lexítima da monarquía recoñece, nos feitos, o poder  pleno da Xunta e das irmandades sobre Galicia. Aínda despois, fenecido o poder irmandiño, Henrique IV agradece a Betanzos "el levantamiento y hermandad que fecistes con las otras ciudades, villas y lugares y fortalezas del mi Reino de Galicia de que fuistes causa y principio, por servicio mío, teniendo mi voz"46.

 

A terceira reunión da Xunta tivo lugar en Santiago de Compostela: "vido alcaldes y diputados de las villas y lugares del reino juntas en esta ciudad", declara Juan Prateiro no preito Tabera-Fonseca. Soamente sabemos da Xunta de Santiago que se xuntaran alí "mas de cuarenta baras de hermandad"47.


A cuarta Xunta se reuniu en Lugo, entre marzo e abril de 1468, sabémolo porque o 18 de marzo o cabido de Ourense nomea un coengo como deputado para esa Xunta48, e o 1 de abril  a Xunta confirma en Lugo privilexios dos veciños dos coutos do mosteiro de Pedroso (solicitados polos campesiños, non polos monxes). No documento de Pedroso49 aparece a composición das Xuntas de Galicia: alcaldes, procuradores, deputados e, finalmente, notarios50; vese o seu poder omnímodo, cara arriba e cara abaixo, cando a Xunta confirma cartas reais anteriores ou diríxense os correxidores de El-Rei, dunha banda,  e ós alcaldes da Santa Irmandade das vilas e terras afectadas, pola outra, para dar ordes. Ninguén mandaba máis que eles nin sequera E-Rei que dependía da boa vontade da Xunta para facerse valer no reino de Galicia.

 

Un ano despois da revolta a Xunta síntese soberana e decide as normas legais que a habían de rexer. Nolo contan, coma sempre, testimuñas do preito Tabera-Fonseca, dous escudeiros, un a favor e outro en contra da vella revolta. O primeiro, lucense, testemuña que "en la ciudad de Lugo vido azer ajuntamento de los procuradores e diputados e alcaldes de todo el reino de Galicia", ratificando os tipos de cargos representados, e -engade- que "vio venir a las personas que venian a los ajuntamentos e que sacaban los capitulos de la hermandad para regirse por ellos"51. A información que falta o confesa a testemuña contraria, de Outeiro de Rei: el "padre del testigo era escribano de Otero de Rey e tobiera las leis e capitulos por donde la hermandad se regian que ellos hizieran en Lugo"52. Os irmandiños, logo da revolta, eran pouco partidarios de recoñecer que se gobernaran por si mesmos, para non debilitaren a lexitimación escrita que fixera El-Rei da revolta.

 

Trátase dun cambio cualitativo importante, porque ata ese momento valíanse os irmandiños dos capítulos de Fuensalida das Hermandades de Castela. Preguntámonos se os irmandiños tiñan autorización real para darse leis e capítulos propios. De seguro que estes non se fixeron do mesmo xeito que as ordenanzas da Junta de Álava de 1463: Henrique IV nomea unha comisión que redacta un texto que logo se presenta a unha representación restrinxida da Hermandad (16 procuradores) para a súa aprobación53. Se El-Rei aprobou a posteriori o maior acto soberano da Xunta, os derrocamentos de fortalezas, un ano despois probablemente se limitou, no mellor dos casos, a ratificar o aprobado en canto a leis propias pola Xunta de Lugo, celebrada no intre de maior apoxeo do poder irmandiño.

 

A quinta e derradeira Xunta irmandiña de Galicia tivo lugar en Ourense, circa maio de 1469, cando xa empezaran as hostilidades cos exércitos señoriais que entraron en Galicia desde Portugal, Castela e León. Consérvase a referencia dunha sentencia asinada, o 3 de xuño de 1469, por Pedro López   de Barreira54, executor maior da Santa Irmandade no bispado de Ourense55, "juis comisario en esta cabsa" pola "Junta General deste reyno de Galizia que se fezo en esta honrrada e leal cibdade de Ourense"56 (quérese dicir que nesa data xa tivera lugar a reunión da Xunta), en favor do mosteiro de Oseira que condena ós campesiños -en rebeldía- a pagar as rendas da barca. Se lembramos que durante a revolta xeneralizouse o "no pagar" as rendas xurisdiccionais, concluiremos que a sentencia da Xunta de Ourense forma parte do proceso de contrarrevolta (externo pero tamén interno) na primavera do 69. As fontes ourensás, desde o principio de 1467, se cadra polo seu carácter contemporáneo, dan boa conta das contradiccións internas dos irmandiños, contrastando cos datos aportados polas testemuñas Tabera-Fonseca, polarizadas en favorables e contrarias, que remiten, para ben e para mal, ós estereotipos característicos da memoria colectiva.

De tódalas maneiras, ata o seu derradeiro acto de poder, a Xunta irmandiña non abandona, como xa comentamos, o seu título de "Junta General deste Reyno de Galizia"57, nin os máis moderados estaban dispostos a renunciar ó logro político irmandiño de maior importancia histórica: a fundación da Xunta de Galicia.

 

Rexían e gobernaban o reino

 

Imos ver como, aínda despois da Santa Irmandade, existía  unha plena conciencia do alcance do poder irmandiño, que sitúa á primeira Xunta de Galicia como a grande novidade político-institucional da Baixa Idade Media galega.

 

Dicía unha testemuña do preito Tabera-Fonseca que as irmandades "azian muchos capitulos y leis para la gobernacion del reino y de las tierras del"58, confirmando desde xeito: o papel principal da Xunta, o autogoberno lexislativo (as Xuntas dos irmandiños facían tanto de poder executivo coma lexislativo: foron as únicas Cortes de seu que tivo Galicia na súa historia, ata hoxe en día), o grao de recoñecemento da dimensión galega do levantamento59, e maila importancia da gobernación das "terras" do reino, é dicir, o poder sobre as xurisdiccións territoriais, a substitución dos cabaleiros no control dos señoríos.

 

As testemuñas contrarias ratifican aínda máis60 este pleno poder irmandiño sobre o reino de Galicia entre 1467 e 1469: "regían e gobernaban el Reino"61. Asegurando os representantes de Tabera, severamente críticos cos irmandiños, que non tiñan permiso real para levantarse "ni tener en si la juridiçion e administracion de justiçia..., lo hicieron por propia locura y por usurpar la jurdiçion que no les pertenesçia"62. Aí está a clave, porque, como ben sabemos63, a base do poder na Idade Media está na administración da xustiza nas súas dúas vertentes, xudicial e xurisdiccional. O poder feudal baséase, xustamente, na privatización da xustiza (o señor é xuíz no seu feudo), e no poder xurisdiccional sobre as persoas que habitan nun territorio determinado, obrigadas por iso a pagar tributos en diñeiro, especies, servicios persoais (traballo nas fortalezas, milicia): dereitos feudais que se deixaron de pagar baixo o poder irmandiño64, sendo reemprazados polas contribucións á arca da irmandade, a aportación en persoa na tarefa de derrocar castelos, e o "servicio militar" nos exércitos irmandiños.


Malaquías de la Vega, cara 1625, proporciónanos una versión, así mesmo contraria, de como os irmandiños exerceron o poder "tan absolutamente": "que como tenían voz y nombre de las ciudades65, hacíanse superiores a las justicias reales y de los señores, tomaban las tierras que querían y dábanlas a quien se las antojaban66, tan absolutamente que el Rey no los podía subjetar"67 . 

 

Na Crónica incompleta dos Reis Católicos dise, con evidente simpatía, que,  polos grandes roubos e males do reino, as cidades e vilas fixeron irmandades no tempo de Henrique IV: "tres años tuvieron  muy en paz la mayor parte de Castilla; las hermandades estaban muy poderosas y temidas entremetiendose en toda la justicia del mayor caso al menor, todo el reyno pensando mandar y governar"68. En Galicia no só "pensaron": levaron á práctica o goberno popular; a diferencia de grao entre a experiencia galega e castelá é tamén cualitativa.

 

Queda logo demostrado o que afirmabamos ó principio sobre o tempo dos irmandiños: "é o período de maior capacidade de autogoberno da historia de Galicia, existindo certo grao de conciencia contemporánea".

 

De tódolos xeitos, cómpre facermos un matiz capital. Dunha banda as xentes irmandiñas, de Melide en diante, se impoñen en última instancia pola forza militar ó poder señorial; doutra banda, combinan a diplomacia con El-Rei real, coa invocación a El-Rei imaxinario e coa política dos feitos consumados, ó abxecto de substituíren ó poder da monarquía. Dúas tácticas ben distintas para un obxectivo común: transformarse no único poder en Galicia.

 

Terminan por dicir na citada Crónica incompleta que fracasou o poder das irmandades porque "como no tenian rey que mandase, la governacion de los pueblos sin cabeza nunca pudo un firme proposito sostener"69. Desde logo, ata os séculos XVII e XVIII as revolucións burguesas e populares non rematan decapitando ós Reis. O que non quer dicir que as irmandades fracasaran, cando menos en Galicia.

 

¿Cales foron, en resume, as funcións asumidas polas irmandades locais e polo seu máximo órgano, a Xunta irmandiña de Galicia, durante eses dous anos excepcionais?

 

De entrada asumen a función xudicial, razón legal primixenia da existencia das irmandades en Galicia, e en toda a Coroa. Antes da insurrección  de abril de 1467, os alcaldes das irmandades dedícanse a exerceren de xuíces, á pequena xustiza, logo constitúen a Xunta de Melide e acordan apropiarense das fortalezas, co fin de apoderarense do espacio social e imaxinario do reino, e de seguido dedícanse ás grandes xustizas, a derrocaren fortalezas e correren tras os cabaleiros contrarios.

 

A segunda función asumida foi a fiscal, comezaron cobrando a contribución da Santa Irmandade, despois tomaron para si os tributos de El-Rei (as alcabalas, principalmente, o imposto máis cuantioso70), ó tempo que deixaron de pagar os tributos feudais ós nobres exiliados, tanto no interior coma no exterior do reino irmandiño de Galicia71.

 

A terceira función asumida polos irmandiños foi a militar: os exércitos da Santa Irmandade elixiron capitáns de tódalas clases sociais72, e triunfaron de tal maneira que, no interregno irmandiño, non houbo en Galicia máis que un poder militar: as unidades formadas polos ex-vasalos armados do campo e da cidade.

 

Os señores ficaron sen vasalos, sen terras, sen fortalezas, e, por suposto, sen séquitos armados. A base militar de El-Rei Henrique IV en Galicia eran pois os exércitos irmandiños, que dicían estar levantados no seu nome73, pero que en realidade miraban polo seu. A diferencia das hermandades de Castela, non hai noticia algunha de que as irmandades galegas axudaran militarmente a El-Rei lexítimo, que tiña o seu apoio político, contra a nobreza rebelada: estaban moi ocupados pelexando construíndo ó seu poder.

 

As tres funcións citadas definen á Xunta irmandiña, e, no seu ámbito, ás irmandades provinciais (dióceses eclesiásticas) e locais, como un poder estatal forte. O Estado medieval en Galicia nunca foi tan poderoso como a Xunta dos irmandiños. Se no fosen tan potentes, ¿poderían tomar medidas tan extraordinarias, revolucionarias para a época, como o control e derrubamento posterior de practicamente tódalas fortalezas do reino, e, de continuo, a ocupación das xurisdicción señoriais que aquelas protexían?

 

A Xunta de Galicia, durante os anos irmandiños, asume polo tanto funcións políticas e administrativas que superan amplamente as atribucións das Juntas vascas en calquera momento da súa historia. Os irmandiños nin obedecían  nin cumprían os mandatos reais cando estes contradicían a súa soberanía de revolta (toma de fortalezas e xurisdicción, sobre todo). E aínda con mais motivo excederon as Xuntas irmandiñas as prerrogativas das inmediatas sucesoras: as Xuntas galegas do Antigo Réxime.

 

Existe unha coincidencia case que total entre tódolos autores que se ocuparon do tema en dicir que as Xuntas do Reino de Galicia, do século XVI en diante, non tiveron practicamente funcións gobernativas, soamente consultivas. Trátase dun organismo que fai de intermediario entre o reino de Galicia e a Coroa para cuestións de impostos e de levas, para vehicular reclamacións... As Xuntas modernas están en boa medida controladas pola monarquía: El-Rei convoca as reunións e o gobernador da Audiencia as preside. Soamente as cidades estaban representadas, e dalgunha forma os estamentos privilexiados (pequena nobreza), polo tanto trátase dun órgano  moi restrinxido en representatividade social e territorial, de cativo número de representantes.  O seu perfil é semellante ás Juntas vascas (coa diferencia de que estas conservaron funcións administrativas e fiscais: os dereitos forais), e, en xeral, a tódolos organismos territoriais do Estado absoluto e centralista dos Austrias e dos Borbóns.

 

A Xunta de Galicia do Antigo Réxime queda así mesmo lonxe da actual Xunta de Galicia, saída da recente transición ó Estado das autonomías, e desde logo a anos luz daquela primeira, case soberana, malia o seu monarquismo, Xunta que existiu en Galicia de 1467 a 1469.

 

Evolución posterior

 

Antes de termos información precisa do desenvolvemento da revolta irmandiña e das súas institucións74, os historiadores situaban no ano 148075 a orixe remota da Xunta de Galicia (e o inicio da modernidade), por iniciativa de Fernando de Acuña e López de Chinchilla, enviados polos Reis Católicos para "pacificar" o reino de Galicia, os cales axuntaron ós procuradores -probablemente representantes das irmandades que reorganizou, a principios de ano, o arcediago de Cornoces76- dalgunhas vilas en Santiago de Compostela. López Ferreiro fala dunha segunda xuntanza en 148277. Entre 1480 e 1483, irmandades e Xunta de Galicia,  refundadas "desde enriba" polo arcediago de Cornoces, Acuña e Chichilla póñense a derrocar as poucas fortalezas que os nobres laicos lograran erguer desde 1469, reeditando a fórmula que tan bo resultado dera en 1467-1469: irmandades+Xunta de Galicia+acción antifortaleza, nunha sorte de segunda volta78 da revolta irmandiña caracterizada pola perda progresiva de autonomía79 da Xunta de Galicia e das irmandades respecto da nova monarquía unificada, e pola consolidación das conquistas sociais e políticas adquiridas en 1467-69, que suporán a fin do feudalismo medieval en Galicia: establecemento de unha xustiza pública, desaparición do sistema medieval de  fortalezas, revisión dos dereitos xurisdiccionais na Audiencia, eliminación ou exilio dos cabaleiros feudais como clase dominante no reino de Galicia80.

 

En 1486 os Reis Católicos visitan unha Galicia pacificada, gracias ó apoio popular, e reúnen de novo, por terceira vez, en Santiago81, á Xunta de procuradores  de Galicia.

 

Estas tres derradeiras reunións da Xunta no século XV, entre as Xuntas irmandiñas e as Xuntas do Antigo Réxime, son de transición. No ano 1500 ten lugar una Xunta máis formal, baixo a presidencia do gobernador de Galicia Hernando de Vega82, dos "procuradores de las cinco provincias deste reyno, de las cibdades, villas e lugares, cotos e felegresías". En realidade, trátase dos representantes das cidades máis importantes, as cabeceiras das provincias (Santiago, Betanzos83, Lugo, Mondoñedo e Ourense)84, xa que, desde a revolta irmandiña, deixaron de estar directamente representados na Xunta de Galicia os lugares, coutos e parroquias do reino, malia constituíren os seus habitantes, maiormente campesiños, a meirande parte da poboación galega medieval e altomoderna. As cidades, seguindo a tradición medieval das Cortes, tratan nesta Xunta co gobernador,  nomeado por El-Rei, o imposto que tiña que pagar Galicia para o casamento dos infantes, o arranxo de camiños, etc.

 

En 1516, a Xunta das "cinco provincias" se reúne en Ourense, onde reclaman a El-Rei a perdoanza das "penas das bodas", multas polos excesos nos gastos de casamentos. En 1528 esta nova Xunta de Galicia se estabiliza: "por lo que conviene a servicio de S. M., e bien de la República, se hayan de ayuntar e ayunten a 15 días del mes de marzo y en el año primero venidero, se ayunten en donde por todos ellos sea concertado en el dicho primer ayuntamiento"85

 

Tomás y Valiente estudiou como as Cortes de Castela son substituídas, en 1525, por un órgano restrinxido, a Deputación de Cortes, nun proceso semellante ó seguido pola Xunta de Galicia no tránsito do século XV ó século XVI, da revolta antifeudal ó novo Estado. Esta dobre función da primixenia Xunta galega, executivo e lexislativo, goberno e Corte, a diferencia das restantes Juntas da Coroa de Castela e León, pero o Estado dos Austrias vai ir uniformándoas, de xeito que a Xunta de Galicia perderá ámbalas dúas atribucións fundacionais, goberno e Corte, pero xamais a función representativa dun espacio social, político86 e cultural, definido pola historia e a xeografía, que o articulo 151 da Constitución democrática de 1978, por esta razón -entre outras- a máis duradeira da historia de España, recoñece como nacionalidade galega.

 

As Xuntas galegas do Antigo Réxime, aínda que baleiras de contido, se as comparamos coas potentes Xuntas baixomedievais, supoñen un recoñecemento do feito diferencial galego de longa duración87 por parte dun absolutismo interesado en que o  cobro de impostos, ou a participación nas guerras do Estado, fose xestionado por institucións afeitas ós diferentes territorios e representativas dos sectores económicos e sociais máis influentes. O que xamais se recoñeceu, entre os séculos XVI e XVIII,  foi que as Xuntas naceran dunha revolta, aínda que tampouco se recoñece hoxe en día, se cadra por descoñecemento histórico.

 

Serán as revoltas liberais do século XIX quen recupere o sentido orixinal da Xunta de Galicia. Revolta e ámbito galego, de novo xuntos. O levantamento contra os franceses leva á formación da "Xunta Suprema do reino de Galicia", que funciona entre 1808 e 1809, recuperando atribucións de autogoberno extraordinarias, semellantes ás dos tempos irmandiños: exército e orde público, facenda, e -grande nova- relacións exteriores (con Portugal e Inglaterra). En 1815, Juan Díaz Porlier se levanta en A Coruña e Ferrol contra a restauración absolutista de Fernando VII, constituíndo a correspondente Xunta de Galicia, da cal era presidente cando morreu axustizado. Solís e os demais dirixentes da revolta liberal de 1846 (na que participou Antolín Faraldo) formarán tamén unha "Xunta Superior de Galicia", que rematou como todos sabemos cos fusilamentos de Carral. E así, vai rexurdindo a Xunta de Galicia para logo desaparecer, , da man dos liberais, fronte o absolutismo centralista, ata o Estatuto de Autonomía de 1936: primeiro se denominou  ó órgano de autogoberno Consello de Galicia, sendo logo rectificado polo nome tradicional, irmandiño e liberal, de  Xunta de Galicia, gracias ás emendas presentadas. Na transición política creouse a Xunta Democrática de Galicia, como expresión das forzas antifranquistas88, que reinvindicaba o Estatuto do 36, e logo, como institución transitoria, a Xunta preautonómica de Galicia, nome que pasará ó Estatuto de Autonomía en vigor para configurar a definitiva e actual Xunta de Galicia.

 

Os cambios históricos nun sentido democrático, e reivindicativos de Galicia como comunidade específica, están vencellados, desde hai máis de 500 anos, a unha institución, a Xunta de Galicia, que non durou demasiado, ou resultou recortada nas súas atribucións e representatividade, cando o proceso histórico inverteu o seu sentido progresista: unha boa ensinanza histórica cara o futuro.



* Ponencia presentada o 7 de maio de 1998 na Facultade de Xeografía de Historia de Santiago de Compostela, durante a VII Semana Galega de Historia, organizada pola Asociación Galega de Historiadores.

1 Desde unha "nova historia política" que teña en conta o contexto social e mental das institucións, así como o uso alternativo do dereito que as sustenta (Carlos BARROS, ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, Vigo, 1996).

2 Enrique FERNÁNDEZ-VILLAMIL, Las juntas del reino de Galicia, 2 tomos, Madrid, 1962; Manuel M. ARTAZA, A Xunta do Reino de Galicia no final do Antigo Réxime : (1775-1834). A Coruña, 1993; Antonio EIRAS ROEL, dir., Actas de las Juntas del Reino de Galicia, vol. I y II, Santiago de Compostela , 1994.

3  Véxase Manuel MURGUÍA, Estudios sobre la propiedad territorial en Galicia.  El foro.  Sus orígenes, su historia, sus condicio­nes.  Madrid, 1882, p. 175.

4 Marques de ALCEDO, Los merinos mayores de Asturias y su descendencia, II, Madrid, 1923, p. 131; citado por Eloy BENITO RUANO, Hermandades en Asturias durante la Edad Media, Oviedo, 1972, p. 47.

5 Eloy BENITO RUANO, loc. cit.

6 Ídem, pp. 47-48.

7 Íbidem.

8 Carlos BARROS, "La revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los halcones", Historia de Galicia, fasc. nº 24, Vigo, 1991.

9 José Ramón DÍAZ DE DURANA, "Nacimiento y consolidación de las Juntas Generales de Álava (1463-1537)", Juntas Generales de Álava. Pasado y presente (coordinado por César González Mínguez), Vitoria, 1990, p. 66.

10 Ídem, pp. 66, 70.

11  Ídem, p. 66.

12 A integración territorial e política de Galicia produciuse igualmente pero de xeito distinto ó País Vasco: sen divisións provinciais tan marcadas (chegarán a Galicia no século XIX) e con unas "Juntas del Reino" se cadra máis febles.

13 Juntas Generales de Álava, pp. 101, 187-188.

14   Ídem, pp. 76, 136-139.

15 Un campesiño favorable declara que las ciudades, villas y lugares del dicho Reino se posieron todos en hermandad enbiando sus procuradores de unas partes a otras que azian sus juntas; e un escudero contrario di que andivo entre eles al tiempo que anduvieron juntos los de la hermandad..., les vido hacer muchas juntas e estubo en ellas, Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Las fortalezas de la Mitra composte­lana y los "irmandiños", Pontevedra, 1984, pp. 142, 436; véase también la nota 26.

16 Ídem, pp. 86-87, 90.

17 Mentalidad justiciera de los irmandiños, Madrid, 1990, p. 32.

18 Consérvase un documento do 21-II-1467 onde a condesa de Santa Marta pide ó deputado e ó cuadrilleiro da irmandade de Zamora que na Xunta de Melide vaian contra Sancho de Ulloa, Pedro Pardo (quen de seguro que non estivo na reunión) e Diego de Andrade porque que lle tomaran Orecellón e Santa Marta de Ortigueira, publica Eduardo PARDO DE GUEVARA, "Notas para una relectura del fenómeno hermandino de 1467", Señorío y feudalismo en la Penísula Ibérica, ss. XII-XIX, Zaragoza, 1993, p. 103.

19 Puido coincidir no tempo, parcialmente, a Xunta de Melide e a Junta de Medina, pero nese intre, antes do levantamento, o poder estaba aínda en Castela e León.

20 Tarsicio AZCONA, Isabel la Católica. Estudio crítico de su vida y reinado, Madrid, 1964, p. 99; a prolongación no tempo desta Junta danos unha pista sobre a longa duración das Xuntas irmandiñas.

21 Un documento do 2 de abril do alcalde da Santa Irmandade de Vilanova de Arousa menta as deliberacións da Junta de Medina con grandes expectativas (que logo serán cumpridas máis ben polas Xuntas galegas): sohian de pasar grandes cousas as quaes se faran a servicio de Deus e a coroa real, publica Antonio LÓPEZ FERREIRO,  Galicia en el último tercio del siglo XV,  Vigo, 1968 (reed.), pp. 42-43.

22 O 26 de marzo o cabido ourensán nomea procurador ó coengo Gonzalo Vasques á Junta de Medina por serviço do cabildo e prol da eglesia, Anselmo LÓPEZ CARREIRA, Os irmandiños. Textos, documentos e bibliografía, Vigo, 1991.

23 Que se dirixen, alternativamente, a El-Rei e á Junta de Medina,  Mentalidad justiciera de los irmandiños, p. 151.

24 O mosteiro de Celanova logra recuperar o couto de Rabal, usurpado polo conde de Santa Marta, gracias a unha carta que obtivera da Junta de Medina, executada o 10 de xullo de 1467 pola irmandade local de Celanova, publica Xesús FERRO COUSELO, A vida e a fala dos devanceiros, I, Ourense, 1967, p. 147; antes diso, o 8 de abril, El-Rei Henrique, mandara unha provisión dirixida ás irmandades de mi reino de Galicia no mesmo sentido, para que restituíran ó mosteiro de Celanova o couto de Rabal e o castelo de Santa Cruz, publica Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense, II, pp. 310-311.

 

25 Sempre relativamente, a tendencia das Xuntas a sobrepasaren as atribucións concedidas por El-Rei tamén se manifesta nas restantes hermandades e Juntas (véxase Juntas Generales de Álava, pp. 76-80) pero será a insurrección antiseñorial o que dará o poder pleno sobre todo o reino á Xunta de Galicia.

26 Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, op. cit., p. 420.

27 Coa institucionalización a Xunta de Galicia perderá o carácter democrático e a representatividade dos seus orixes asemblearios na revolta 1467-1469.

28 Véxase a cita da nota 56.

29 É normal que, daquela, non se considerase, coma hoxe, Santiago o centro de Galicia, había que buscar outra vila máis cara o Leste, de xeito que inclúese ó  Bierzo.

30 Outros xa tiñan adoptada una posición resistente ó poder irmandiño: o Conde de Lemos, Fonseca, Pedro Pardo de Cela, Pedro Madruga...

31 El-Rei intenta moderar a irmandade galega -ata que cede e acepta os derrocamentos en xullo do 67- pero pide máis ben polos intereses, terras e castelos, dos seus partidarios na guerra co príncipe, non era o caso de Ulloa e Andrade.

32 Véxase a nota 18.

33 O que non lle valeu de nada cando quixo recuperar as súas terras e foi asasinada polos veciños de Ribadavia cara 1470, véxase Carlos BARROS, "A morte a lanzadas da condesa de Santa Marta (1470): unha análise", A guerra en Galicia, Santiago, 1996, pp. 89-120.

34 Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, op. cit., p. 478.

35 Hai máis testimuños que amosan que a xente ía ver ás  reunións da Xunta como se foxe un espectáculo ou un feito maravilloso, véxase tamén a cita da nota 51.

36 Ídem, p. 418.

37 O 6 de xullo de 1467, cando Henrique IV asina unha provisión aprobando os derrocamentos, aínda había fortalezas asediadas pola Santa Irmandade, El-Rei de Castela conmina ós seus alcaldes a entregarlas ós irmandiños, sabendo, agora si, que ían derrubalas.

38 O que evita contradiccións sociais internas como as que se manifestan na derradeira Xunta en Ourense, no limiar da contrarrevolta señorial.

39 Os resultados finais dos feitos históricos non son predecibles, sobre todo a medio e longo prazo, polos seus protagonistas, uns por seren involuntarios, outros por seren indeseables, quérese dicir contrarios á intención orixinal do suxeitos individuais e colectivos da historia.

40 Temos para nós que, no século XV, existía de certo unha "conciencia nacional" en positivo, unha mentalidade ben estendida de pertencer ó reino de Galicia e, asemade, á Coroa de Castela; dobre "nacionalidade" doutra maneira presente hoxe en día cando os galegos respostan nas enquisas que se senten tanto galegos coma  españois.

41 O lugar dos tributos feudais foi ocupado, no século XVI, polos contratos de foros, dunha banda, e polos tributos a El-Rei, pola outra, un cambio ben radical, visto desde o século XV, e, en calquera caso, era o máximo histórico que permitía -hoxe nós o sabemos- a transición do medievo ós tempos modernos, a tres séculos por tanto da revolución francesa.

42 Por exemplo, no Museo de Pontevedra atópase un documento do 7 de maio de 1468 do alcalde irmandiño do Morrazo dando posesión a Lope Pérez Mariño de Lobeira (importante dirixente irmandiño en Pontevedra) do patronazgo da igrexa de San Andrés doyo, ordenando ó clérigo que lle pagase ós seus dereitos, non sabemos conque resultado; véxase tamén a nota 24.

43 Segundo as fontes hoxe dispoñibles: sempre é  posible que apareza un documento novo falando algunha outra Xunta irmandiña...

44 Divisións territoriais e de protagonismo que separamos a efectos da análise, na práctica estiveron mesturadas: as históricas alianzas entre ciudadáns e campesiños, traballadores e burgueses, plebeios e fidalgos, clérigos e laicos, explican o éxito da revolta de 1467-69.

45 Serodiamente, o 26 de xuño de 1467, o cabido de Ourense nomea dous representantes para asistir á esta Xunta de Betanzos, publica Anselmo LÓPEZ CARREIRA, op. cit.

46 Jerónimo del HOYO, Memorias del Arzobispado de Santiago, Santiago, s/f, p. 285.

47 Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, , op. cit., p. 321; non semella ter sido unha Xunta  importante, se houbo tan pouca participación e non quedou memoria dos seus actos.

48 Anselmo LÓPEZ CARREIRA, op. cit.

49 Publica Enrique CAL PARDO, El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental, A Coruña, 1984, pp. 278-279.

50 Asinan o documento, seis escribanos, probablemente un por cada provincia: Betanzos, e as cinco dióceses: Santiago, Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo; verbigracia, en 1482, acórdase que os escribanos que andaban co Xustiza Maior da Audiencia fosen 1 ou 2 por provincia, Antonio LÓPEZ FERREIRO, Fueros municipales de Santiago y su tierra, Madrid, 1975 (reimp.), p. 714.

51 Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, , op. cit., p. 482.

52 Ídem, p. 142.

53Juntas Generales de Álava, p. 52

54 Pedro López representaba o sector máis conservador do concello e da irmandade ourensá, véxase, Mentalidad justiciera de los irmandiños, siglo XV, Madrid, 1990.

55 A organización irmandiña tiña logo tres niveis: local (concellos, vilas e aldeas), provincial (arcebispado e bispados) e, o maís importante, reino de Galicia.

56 Publica José GARCÍA ORO, Galicia en la Baja Edad Media. Iglesia, señorío y nobleza, Santiago, 1977, p. 249.

57 Sería erróneo entón diferenciar históricamente as Xuntas de irmandades do século XV das Xunta do Reino de século XVI, Laura FERNÁNDEZ VEGA, La Real Audiencia de Galicia como órgano de gobierno durante el Antiguo Régimen, 1480-1808, II,  A Coruña, 1983, p. 73.

58  Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, op. cit., p. 312.

59 Véxase a nota 40.

60 Os favorables son máis remisos a declarar, a principios do século XVI, este aspecto dos  "excesos" irmandiños: a substitución do poder señorial.

61   Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, op. cit., p. 418.

62 Ídem, p. 32; tamén no Flandes marítimo os revoltados sustitúen ós xuices señoriais,  Rodney HILTON, Siervos liberados. Los movimientos campesinos medievales y el levantamiento inglés de 1381, Madrid, 1984 (1ª ed. ing., 1973), p. 151.

63 A relación directa xustiza-poder vese na declaración dun zapateiro de Betanzos: mandaban e gobernaban la dicha ciudad de Betanzos e su comarca e azian justicia e asaetaban e justiciaban ombres e malfechores,  Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, op. cit., p. 424; véxase asimesmo ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, Vigo, 1996.

64 Ídem; o caso dos foros é distinto, aínda que teñen polo regular unha cláusula de dependencia xurisdiccional, son maiormente contratos agrarios con contrapartidas (terra, casa, aperos de labranza, gando) destinados a florecer na Idade Moderna e mesmo Contemporánea.

65 A verdade é que a loita contra o poder señorial decidiuse no campo, tanto ó principio como ó final da revolta: ó perderen os irmandiños as batallas de A Framela, Balmalige e Castro Gondían, desapareceu a Xunta de Galicia, continuando un tempo un poder irmandiño fragmentado, local, nas cidades, que non podía sobrevivir sen o apoio campesiño.

66 Está documentada nada máis que a devolución dalgunhas xurisdicións eclesiásticas, usurpadas polos nobres laicos, a mosteiros ou igrexas, que dalgunha maneira formaban parte do "bloque irmandiño".

67  Chronología de los jueces de Castilla, BN ms. 19. 418, fol. 354 v.

68Crónica incompleta de los Reyes Católicos, ed. de Julio PUYOL, Madrid, 1934, p. 305.

69 Íbidem.

70 Antes, e mesmo despois, da Santa Irmandade era habitual en Galicia que os señores se quedaran  coas alcabalas reais cobradas nas súas xurisdiccións: entre 1467 e 1469 será a irmandade quen o faga, en nome de El-Rei naturalmente, tamén o poder irmaniño sustiúe ó poder señorial.

71  ¡Viva El-Rei! Ensaios medievais, Vigo, 1996. 

72 Hai noticia cando menos dun capitán campesiño, Bartolo de Freiría, que proba como a representatividade popular alcanza a un eido tan reservado a fidalgos e nobres, os "defensores" do sistema trifuncional, poñendo así a revolta do revés a ideoloxía dominante.

73 No privilexio que Henrique IV concede a Betanzos agradecendo o levantamento irmandiño dise: tomando para mi todas las villas, lugares y fortalezas del dicho reino de Galicia que estaban ocupadas y enagenadas, Jerónimo del HOYO, Memorias del Arzobispado de Santiago, Santiago, s/f, p. 285.

74 En rigor, ata que se publica en 1984 o preito Tabera-Fonseca non dispomos de tódolos datos, aínda que, desde 1926, se sabía das Xuntas irmandiñas a través do libro de Couselo Bouzas sobre a "guerra hermandina".

75 Laura FERNÁNDEZ VEGA, La Real Audiencia de Galicia como órgano de gobierno durante el Antiguo Régimen, 1480-1808, II,  A Coruña, 1983, pp. 72-73.

76 Íbidem.

77 Antonio LÓPEZ FERREIRO, Fueros municipales de Santiago y su tierra, Madrid, 1975 (reimp.), p. 714.

78 Así o percibían testemuñas moi favorables como Bartolomé Camacho de Betanzos que dicía que parecia que mandaban como de primero,    Ángel RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, op. cit.,  p. 572.

79 Non sabemos ata que punto as decisións da  Xunta de Acuña e Chinchilla (podemos presumir que os enviados consultaban cos representantes da vilas antes de actuar, así foi cando menos en Santiago en 1480) foron autónomas de Isabel e Fernando, por exemplo cando estos acordaronn decapitar, en decembro de 1483, ó nobre malfeitor Pardo de Cela.

80 O balance final da revolución irmandiña varía de acordo coa subxectividade do observador: negativo se o enxuízamos retrospectivamente desde a óptica das revolucións burguesas e/ou dos nacionalismos dos séculos  XIX e XX; positivo  se o analizamos no contexto da transición do século XV ó século XVI, que fai cadrar as derradeiras revolta antifeudais da Idade Media co despegue dos Estados modernos.

81 A capitalidade de Santiago, centro do maior señorío xurisdiccional e capital relixiosa do reino de Galicia, é relativa pero real, sobre todo para os Reis Católicos e os seus representantes: o arcebispo Fonseca era o maior valedor da súa causa.

82 Vimos mais enriba (véxase a nota 7) como Hernando de Vega preside, en 1494, a Junta de Asturias, como correxidor dos RR. CC.: nesta altura o funcionamento das Juntas dos diferentes territorios tenden a converxer.

83 Todas estas cidades son cabeceiras de dióceses eclesiásticas (falta Tui), que son as provincias da época, menos Betanzos, cidade de reguengo que tivo o favor de Henrique IV e foi cabeza da revolta irmandiña, o dixo mesmamente El-Rei (véxase a nota 46, 73), e o recoñecen dalgún xeito as testimuñas do preito Tabera-Fonseca cando salientan ó notario betanceiro Joan Branco como o dirixente irmandiño máis relembrado por toda Galicia.

84 Logo estabilizaránse na Xunta os representantes das sete provincias ( as cinco citadas máis Tui e Mondoñedo, as provincias-bispados restantes); ó longo do século XVI tamén participan na Xunta, circunstancialmente, outras vilas como Viveiro, Allariz, Noia e Ribadeo, Laura FERNÁNDEZ VEGA, op. cit., p. 77.

85 P. PÉREZ CONSTANTI, Notas viejas galicianas, I, p. 14.

86 A Xunta galega do Antigo Réxime recuperará no século XVII o voto en Cortes para Galicia.

87 Ata 1978 o Estado contemporáneo non foi quen de conservar a institucionalidade, procedente da Idade Media, dos diferentes territorios históricos, por culpa tanto do centralismo liberal como conservador, dunha banda, e do xurdimento dos nacionalismos vasco, catalán e galego que esixían, nas súas versións máis radicais, Estados propios, retroalimentando a o nacionalismo español máis reaccionario.

88 Houbo ademáis outros órganos unitarios da oposición: Consello das Forzas Políticas Galegas, Táboa Democrática de Galicia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad