Entrevistas


Prólogos


Publicado en:

Viva El-Rei!Ensaios medievais

Introducción

Carlos Barros
Universidade de Santiago de Compostela

  

Sempre me preguntei porque a historia medieval ten tanto  éxito nas obras de ficción, mentres os estudios científicos, en España, de grande calidade, só interesan ós especialistas. A responsabilidade é primeramente nosa, e cómpre encadrala nese grave problema, que seguimos arrastrando, da desconexión entre Universidade e sociedade. Teño para min que o mellor historiador é aquel sabe compaxinar o rigor da investigación histórica coa  función social -global e teórica- da historia. A Idade Media ofrece, neste sentido, unha morea de posibilidades para comprendermos este presente desacougado, esta fin de época, onde mesmo parece que o futuro nin existe: situación que se asemella abondo ó supostamente decadente século XV galego, tempo e lugar nos que transcorren  os traballos que agora presentamos.

 Metáfora planetaria    

 A diversidade e dispersión de temas que abordamos nestes ensaios é soamente aparente. E non estamos a falar da certa homoxeneidade espacial, temporal, ata documental, da nosa pescuda, senón da metodoloxía seguida nesta e noutras investigacións nosas sobre a Galicia baixomedieval, que poderiamos, metaforicamente, estimarmos como planetaria.  Os temas e enfoques foron esgallados dun tema central, estrela -a revolta dos irmandiños-, moi significtivo como causa e como  efecto, co que establecen unha relación de asociación, complementariedade e/ou de oposición, cun obxectivo claro: dar un explicación global do outono medieval -que é asemade primaveira de modernidade-, máis complexa e real que a esgotada metáfora de niveis superpostos e desartellados: economía (ou xeografía)/ política (ou sociedade) / cultura (ou mentalidades).

A propia dinámica académica que nos leva a participar en congresos, conferencias e revistas especializadas, axuda a tentar este xeito de multiplicarmos as investigacións vendo de non perder a estratexia de conxunto. A dispersión das versións anteriores destes ensaios en diversas publicacións especializadas, recobra deste xeito a súa coherencia global. Así como o sistema planetario sirveu para representar realidades microfísicas (subatómicas) e macrofísicas (cosmolóxicas), de seguro que haberá de valer para representarmos a realidade histórica moito mellor que a vella relación unilateral entre base e superestructura, e as súas derivacións tripartitas e cuatripartitas.

A nosa hipótese, amplamente confirmada na práctica, é que o levantamento popular-nacional de 1467 constitúe o acontecemento principal para entendermos a fin da Idade Media e maila transición á Idade Moderna no reino de Galicia, máis incluso que a propia intervención do novo Estado dos Reis Católicos, posterior e subordinada históricamente ó que logo os  galegos chamamos a revolución dos irmandiños.

 

Desta maneira, interesounos (I.1) como vivía sinceiramente o modelo cabaleiresco a pequena nobreza que, en grande parte, participou na revolta; para o cal tivemos que utilizar unha fonte,  case descoñecida, na beira oposta do nobiliario de Aponte, onde se louva ós grandes cabaleiros malfeitores i inimigos dos populares en 1467. Estudiando a violación como factor mobilizador, atopámonos con casos sonados que relacionaban, directa ou indirectamente, forzamento de mulleres cun dereito señorial: o dereito de pernada (I.2); a corroboración da súa vixencia foinos posible, hai que dicilo, porque buscamos os datos alén do dereito escrito  nas fontes que tiñan a súa orixe na oralidade e na conflictividade social e política.

Cabaleiros, mulleres e... xudeus (I.3):  abraidos pola fraternidade proclamada de cristiáns e xudeus contra as fortalezas, indagamos as relacións interrelixiosas para concluír que unha característa da Galicia medieval foi unha excepcional tolerancia cara á minoría xudía. E nos faltaba Portugal (I.4): buscamos onda o Miño a fronteira e achamos unha cancela, tradicionalmente aberta, a piques de se pechar por obra dun Estado emerxente que se parou no beira do río, o mesmo que os rebeldes da irmandade uns anos antes, onde se ve, outra volta, a base social dese lento proceso de unificación penínsular que nos afastou de Portugal -nación filla da Galicia altomedieval-, unha vez fracasados os dous intentos baixomedievais de xuntar as Coroas de Castela e Portugal (1366-1369, 1474-1479).

Cabaleiros verdadeiros e mentireiros, mulleres seica forzadas por consenso, xudeus admitidos como irmáns, portugueses e galegos antes da xenreira mutua, e no cerne, vimos de dicir: a grande revolta que  ilumina o noso escenario, e que, se cabe dun xeito máis directo, informa os catro traballos da segunda parte deste libro, que podemos considerar, dalgunha forma, continuación de A mentalidade xusticeira dos irmandiños (Vigo, 1988; Madrid, 1990), que tivo unha óptima recepción entre dous tipos de lectores definidos:  un público culto interesado pola historia de Galicia (versión galega);  estudiantes de historia de varias universidades españolas  (segunda versión en castelán), que, malia Aimposición@ do libro por colegas profesores como lectura  de curso, sei que o leron co ledicia.

 

Convencidos de que as fontes e os feitos históricos se descubren ó mesmo tempo que se constrúen, analizamos criticamente a evolución desigual seguida polas fontes irmandiñas, vendo como a súa diversidade e parcialidade influeu na interpretación e mitificación dos feitos de 1467-1469, desenvolvendo para iso o concepto de Acoñecemento non baseado de fontes@ de Jerzy Topolsky (II.1). Logo destes momentos claves da historiografía galega, é dicir, o descubremento no século XIX e o redescubrimento, na última década, dos irmandiños como feito histórico, pasamos a tirar consecuencias do uso alternativo do poder da xustiza como unha inversión de valores sociais e proba das orixes populares do Estado moderno (II.2).

Rematábamos Mentalidade xusticeira falando dos límites metodolóxicos daquel estudio, centrado no sentimento de agravio, e chamábamos a atención sobre outros resortes psicosociais da revolta, pois ben, corresponde agora investigarmos a mentalidade antiseñorial que da conta da fonda participación da xente común do campo e da cidade (II.4), e o monarquismo popular (II. 3) que ademais de lexitimar así mesmo  move ós revoltados, que berraban (Viva El-Rei! cando asaltaban as fortalezas. Semellamos tan representativo este imaxinario realista da complexidade medieval que acordamos servirnos do único lema documentado dos irmandiños para dar título a este conxunto de oito ensaios (redactados orixinalmente entre 1988 e 1994). Conscentes, ademais, de que a dobre función da monarquía medieval da que falemos no texto, é un fenómeno de longa duración, e segue a ser unha cuestión da actualidade, como se veu en España o 23 de febreiro de 1981.

 Imaxinario real

 O pensamento simplificador ergue a cotío falsas alternativas que atrancan a comprensión de mundos tan paradoxais como o medieval -ou, noutra dimensión, o mundo presente-. Para evitalo estudiamos os temas como complementarios dialécticos, mediante oposiciones binarias de tipo dinámico, alternativas que coexisten, no cadro  dun enfoque planetario, global, onde forzas de atracción-repulsión manteñen unidas antinomias aparentes (a dobre tendencia en I. 3, ou a dobre función en II.3). No caso que nos ocupa, as dicotomías que cómpre subliñarmos son: imaxinario / real e forza / consenso.

Na Idade Media as representacións imaxinarias veñen sendo parte indispensable da realidade obxectiva, de forma que esta non se comprende sen aquelas. O lector atopará exemplos abondo neste libro que o demostran: a inseparabilidade do modelo literario e da práctica social cabaleirescos (I.1); a compatibilidade do imaxinario antixudeu coa racionalidade da tolerancia (I.3); a xustaposición da fronteira política, imaxinaria, sobre  un continuum económico-social e cultural (I.4); a transformación do imaxinario monarquista, real no sentido de realeza, nunha forza social, real no sentido de realidade (II.3); a simbiose entre conciencia e utopía antiseñorial que tan ben explica a experiencia de vivir sen señores, cando o imaxinario se fai real (II.4). Os mitos modernos amosan, asemade, ter a súa base real medieval (a novela de cabalerías, a España das Tres Culturas, o dereito de pernada). Mesmo a invención historiográfica dos irmandiños, no dobre sentido do término, achádego e recreación novelada, é obra de realidades tanto obxectivas coma imaxinarias (neste caso a subxectividade romántico-galeguista) (II.1).

A realidade e a súa representación mental van tamén xuntas se o que analizamos é a bipolaridade forza-consenso, mecanismo fundamental da sociedade medieval. Marx insistiu, xustamente, no carácter extraeconómico de detracción de excedente no feudalismo, o que levou ós seus epígonos economicistas, maioritarios ata hai ben pouco, a simplificaren falsamente -outra volta, imaxinariamente-  a existencia real do binomio explotados/explotadores, coidando que só a forza e a opresión explicaba a relación -sumamente complexa e bidireccional- vasalos/señores. Gramsci sustituiu o concepto de  dominación polo de hexemonía, que reune nun todo -a xeito de vasos comunicantes- a coacción exercida polas clases dirixentes e o consentemento que dan as clases subalternas. A nosa investigación vai na mesma dirección, coa peculiaridade de que indagamos a relación entre a forza e o consenso cando este último entra en crise e chega a se metarmofosear no primeiro, no intre en que os vasalos fan uso -alternativo- da forza contra os señores dirixentes.

A práctica detectada do dereito de pernada (I. 2) comporta unha combinación entre a forza (do señor, do costume) e o consenso (dos vasalos, maridos, pais e irmáns, e poida que das propias mulleres), moi inestable a finais da Idade Media. A administración da xustiza, pola súa banda, é unha relación de poder mais tamén de mentalidade, de forma que cando o poder señorial perde o consenso dos gobernados a xustiza se volve contra el (II. 2). Outra compoñente esencial da mentalidade hexemónica medieval, que depende completamente do consenso dos vasalos, é a representación do Rei, que devén  forza social antagonista do poder señorial (II. 3) dun modo que resulta, certamente, incomprensible para quen sexa incapaz de rebasar a metáfora mecanicista dominantes/dominados.  A relación social entre señores e vasalos depende, pois, tanto da forza coma do consenso: en último término, cando os señores perden o consenso e a forza, os vasalos de feito deixan de selo e tentan vivir sen señores (II.4).

Galicia, regra e excepción

 Os resultados do noso programa de investigación, que dura xa nove anos, sobre o reino de Galicia no século XV, teñen a virtude ou o defecto, segundo se mire, de abraiar a algúns polo que veñen a contradecir, ou a se apartar, do aceptado comunmente  nestas mesmas temáticas no ámbito castelán-leonés, ou mesmo europeo. Este décalage é involuntario pola nosa banda, alomenos ó principio, agora coadxuva a tirar tódalas consecuencias das nosas procuras.

Algunhas mostras dos lugares comúns que estamos a cuestionar: o dereito de pernada tíñase como algo mítico, imaxinario, non real (ó revés que a monarquía, entre nós); nas relacións xudeu-cristiás predomina a violencia, non a tolerancia;  a xustiza é unha atribución do poder señorial, non un plataforma de poder dos vasalos; o Rei nos conflictos apoia ós señores contra os vasalos, xamais ó revés; os campesiños e a xente común aceptan pola forza o sistema señorial non por consenso, e non están, polo tanto, en condicións de revoltarse, global e exitosamente, contra os seus señores...

Adeline Rucquoi nunha reseña de Mentalidade xusticeira, publicada en Annales (n1 5, set.-oct. 1991, pp. 1132-1134), anunciaba con grande perspicacia o sentido perturbador  destes nosos planteamentos: resituar os roles do Rei, da nobreza, do pobo, na transición ós tempos modernos na Coroa de Castela. Facemos votos para que estas nosas contribucións servan para abrir un debate ó respecto; cuestión  nada doada -o debate- como vimos de constatar na presentación dos tres volumes das actas de Historia a Debate (Santiago, 1995, p. 9).

De primeiras, argallamos que a Galicia tardomedieval era unha excepción radical, sendo como era un reino periférico respecto dos grandes poderes peninsulares, sobrefeudalizado no século XV e cunha importante tradición de revolta que se concreta no estalido organizado de 1467, trastocando xa que logo os datos tidos por habituais do paso á modernidade. Semellábanos que a fin da Idade Media galega expresaba de xeito radical, e polo tanto claramente, tendencias  que estaban presentes, latentes, na Coroa de Castela, nos reinos peninsulares, na Europa da época. Pero agora coidamos que hai que ir alén diso. Poida que Galicia sexa máis regra que excepción, )ten sentido considerarmos  a Castela medieval como o centro dun sistema social articulado que abrangue tódolos territorios da Coroa? Soamente se falamos de historia política, acontecimental, epidérmica, podemos entendermos os feitos de Castela máis representativos que os feitos de Galicia para a comprensión  da historia medieval da España cristiá occidental. Algo semellante se ten dito, e con algunha razón, de Francia en relación coa Europa feudal. Xustamente, o que caracteriza o feudalismo é a fragmentación do poder e do espacio social, non existen, por conseguinte, centros e periferias ó xeito do que acontecerá despois no mundo moderno e contemporáneo.

En total, se tiramos da nosa investigación conclusións distintas as usuais coidamos que non é tanto porque a realidade galega sexa distinta, que tamén o é, coma porque estamos a empregar metodoloxías e enfoques distintos, e non  o dicimos soamente respecto dos enfoques tradicionais tipo historia événementielle.

A prolongada vixencia dunha historia social así mesmo tradicional -estructuralista, obxectivista, mesmo economicista-, que abandonou a conflictividade -e o consenso- social como tema de investigación, como factor de explicación histórica, que deixou de lado, en suma, a análise da subxectividade histórica, produxo unha escritura da historia que hoxe cómpre revisar abertamente  desde posicións historiográficas máis globais e dinámicas. A dobre subxectividade que aquí contemplamos, social e mental, fieles polo tanto á historia social das mentalidades que definimos noutro lugar, xunto co método planetario, bipolar e alternativo, que poñemos en práctica para relacionarmos as investigacións, queren ser unha aproximación global que leve a un coñecemento anovado do final do medievo en Galicia, en España, en Europa. O lector xulgará.

  

 Índice

 Introducción

I

 1. Fazañas cabaleirescas

O modelo; nobreza menor; morrer pola bandeira; defender a fortaleza; o infante vingador; o bo casamento; nin nobre, nin home.

 2. Dereito de pernada

Rito e violación; indicios escritos; o Carballotorto; tamén na vila; )silencio cómplice?; Don Fadrique; tálamo arcebispal; Fuenteovejuna; Cataluña, abolición.

 3. O outro admitido

Tema postergado; dobre tendencia; o outro inventado; Galicia tolerante: norte / sur; a tolerancia como alteridade; a tolerancia como integración; antixudaísmo nobiliar; da tolerancia á fraternización; modernidade do estereotipo antixudeu; apartamento e expulsión; resistencia á Santa Inquisición; peculiaridade galega.

 4. Portugal, fronteira aberta

 

Entre dous Reis; fronteira medieval, fronteira aberta; peche de fronteiras, inimistades colectivas.

  

II

  

1. Invención irmandiña

Coñecemento non baseado en fontes; descubrimento dos irmandiños; tradición oral; crónicas; nobiliarios; fontes eclesiásticas e Ilustración; os méritos de Vicetto; a verdade non ten patria.

 2. Xustiza alternativa

Poder e mentalidade; poder e xurisdicción; inversión de valores; uso alternativo; orixes populares do Estado moderno. 

3. (Viva El-Rei!

Reputación rebelde; dobre función; coñecían o nome; descoñecían o nome; (Viva El-Rei!  

4. Os señores que foron

A forza e o consenso; vasalos contra señores; reseñorialización, usos e abusos;  non pagar; ocupación de terras; os señores que foron.