Imprimir
Twittear

Publicado en

 

A revolta irmandiña e o mariscal Pardo de Cela*

 

 

Carlos Barros

Universidade de Santiago de Compostela

 

 

Moitas gracias a Saul Sentín e a Mocidade de Esquerda Nacionalista integrada en Galiza Nova, que a súa vez está integrada no BNG (Bloque Nacionalista Galego). A min é a terceira vez que me invitan a falar deste tema en momentos moi significativos e por parte de organizacións moi significativas. A primeira vez foi en 1995 en Pontevedra nunha asociación cultural que estaba dirixida por amigos da Fronte Popular Galega; en 1997 na facultade de Historia por un grupo estudiantil da USC que organizaban un ciclo sobre os mitos políticos na historiografía galeguista. Curiosamente pedíronme o mesmo título, os irmandiños e Pardo de Cela. Eu con especial satisfación veño a falar de novo destes temas porque me obriga a reflexionar sobre os cambios nestes últimos cinco anos dos termos do debate político-historiográfico sobre Pardo de Cela. Digo só Pardo de Cela por que no tema dos Irmandiños hai máis consenso sobre a súa significación histórica. Quixen aproveitar a ocasión para vercal é o estado da cuestión do debate sobre Pardo de Cela e os Iramandiños ao fin da Idade Media en Galicia no 2001.

 

O primeiro cambio que se produciu nestes últimos cinco anos foi que o nacionalismo galego pasou a ser a segunda forza política en Galicia, que nos anos ós que me refiro que din eu aquelas charlas era un horizonte imprevisible. Hoxe o Bloque é unha alternativa de goberno e  ampliou tremendamente a súa base social e ideolóxica. Creo que hoxe hai condicións dunha maior maduración e pluralidade nas interpretacións políticas e historiográficas, que o nacionalismo galego sempre as tivo dende as súas orixes. É que é un exemplo a seguir por outras opcións políticas. Polo tanto creo que hai mellores condicións para facer realidade o que no carteliño que convoca este pequeno acto aparece alí arriba de todo, e decir, a nosa historia da debate. Falando con Sentín resulta que non coñecía a existencia da rede da que forman parte 1500 profesores de Historia en máis de 50 países que diriximos dende Santiago de Compostela eu, Israel Sanmartín e outros colegas. Efectivamente trátase de que a historia de Galicia debe poñerse máis a debate, aínda que no é fácil porque en Historia a Debate sempre decimos que o debate non é un uso académico, pero tampouco as veces debería ser un uso político. Custa moito. Todolos que temos unha estancia, unha parcela de poder as veces utilizámola para calar as voces contrarias e para non escoitar os que teñan unha opinión distinta. A batalla polo debate arredor de temas historiográficos é unha batalla capital, sobre todo dende o punto de vista dunha opción historiográfica política progresista.

 

O debate sobre o mariscal Pardo de Cela é un debate máis político que historiográfico. Algo malo. Porque os historiadores da USC e das restantes universidades galegas estamos bastante ausentes. Case eu son a excepción única, porque a miña tese de doutoramento foi sobre os Irmandiños e atopeime co problema Pardo de Cela. Pero tamén ten algo bó que sexa un debate político xa que introduce as arelas do presente, o mundo presente, no estudio do pasado, o que é vital para os historiadores que pensamos que é vital o estudio do pasado para entender mellor o presente e construir un futuro mellor para Galicia.

 

                En Historia a Debate caracterizámonos por ser académicos historiadores que non nos rasgamos as togas porque se introduzan plantexamentos políticos e ideolóxicos nos debates académicos, porque na nosa rede xurden nos debates académicos temas políticos e ideolóxicos e os aceptamos porque estamos cansos de que aparezan de xeito camuflado, implícito, cando os historiadores somos xente do noso tempo que debemos exercer e exercemos, aínda que non queiramos, a nosa profesión dende o noso tempo. Como afortunadamente a historia non é monopolio dos historiadores profesionais as interpretacións políticas da historia son lexítimas, inevitables e necesarias. Porque senón se dan de feito implícito e son máis difíciles de descifrar e son debates moi malos de levar, porque estamos debatindo sobre datos supostamente académicos e no fondo o que hai son valores, ideoloxías, e posicións relixiosas distintas. E eso e moi malo para os debates que aparecen así mediatizados. Se un tema histórico ten unha dimensión actual de tipo político-ideolóxico-relixioso o máis normal é debatilo abertamente desde eses dous planos simultaneamente, político e académico, que é o que eu intento facer aquí. Estos debates amosan a utilidade social e política da historia. E para nos véñennos moi ben porque toda tendencia non só de España, senón internacional a privatizar os estudios universitarios ten como primeiras víctimas aquelas carreiras e licenciaturas aparentemente sen un mercado dende o punto de vista economicista claro, que son as carreiras de Humanidades e determinadas Ciencias Sociais, polo que nos ven moi ben que dende ámbitos non académicos se demostre a utilidade social e política da historia.

 

Dende o ámbito nacionalista hai unha longa tradición, non só dende o nacionalismo galego, senón dende o ámbito do nacionalismo español, que dende hai un tempo estalle a adicar unha grande atención e moito diñeiro a poñer no centro dos medios de educación o tema da historia de España, onde por certo están a xurdir posicións moito máis diversas das que podíamos pensar. Neste senso outras opcións políticas non nacionalistas deberían imitar ó nacionalismo nesta inquedanza permanente de situar os seus proxectos políticos no continium temporal pasado, presente e futuro. E non digamos noutros movementos sociais. Na asignatura que eu imparto neste momento "Tendencias historiográficas actuais" temos previsto unha clase práctica para situar o movemento compostelano e do resto de España de novembro e decembro contra a LOU no contexto pasado, presente e futuro, tanto no movemento estudiantil como da sociedade galega e española no seu conxunto, ó igual que o outro grande movemento que é o da antiglobalización. As outras opcións políticas se aprenden do nacionalismo nesa sensibilidade cara a historia, deben aprender das súas partes positivas e tamén negativas, xa que o nacionalismo historiográfico tamén amosa perigos por exemplo que vale todo para defender unha postura política nacionalista.

 

¿E en canto ó uso político da historia? Nos creemos que non. E non porque defendamos o papel corporativo dos historiadores de oficio senon porque creemos que a verdade é revolucionaria e que un proxecto político se é de esquerda e progresista debe basearse na verdade histórica que nese senso podemos ofrecer os historiadores coas nosas propias limitacións, pero tamén coa credibilidade que temos por adicarnos en exclusiva a esta tarefa de estudiar o pasado dende o presente.


                ¿ Que desplazamento existiu no debate sobre Pardo de Cela e en menor medida sobre os Irmandiños nestes últimos cinco anos? Eu como parte interlocutora deste debate podo concluir despois de repasar os esquemas das conferencias do 95 ao 97. No ano 95-97 arredor do tema da revolta irmandiña e do mariscal Pardo de Cela discutíase a cuestión do mito e da verdade histórica, e decir, se os mitos son necesarios para crear conciencia sabendo que en grande parte están inventados, ou si o historiador debe reducirse a reflexar a verdade histórica e introducir outros elementos (tradicións inventadas). Naqueles momentos caíase en maniqueísmos sobre o tema de Pardo de Cela. Aparecía unha teoria oficial, clásica, da que eu discrepaba, tachándome dende o mundo académico e dende posicións nacionalistas como españolista. O outro maniqueísmo era entre historiadores e políticos, xa que provocaba unha reacción negativa e o rexeitamento de moitos colegas a tratar o tema que se atopaba tremendamente politizado e tan manipulado.

 

                Hoxe este debate quedou atrás; hoxe o debate versa sobre as interpretacións políticas dos datos que rodean a vida e a morte do mariscal Pardo de Cela. Eu son moderadamente optimista xa que imos cara unha maior pluralidade historiográfica e a captar mellor a complexidade deste feito histórico, e tamén imos a cubrir unha necesidade política e a axeitar o concepto de historia ao novo proxecto político que se ven forxando. A credibilidade dunha política historiográfica depende da base histórica firme e académica, sempre pasando por un filtro crítico tódolos traballos feitos dende o mundo académico, da mesma maneira que os historiadores pasan polo filtro crítico tódalas interpretacións historiográficas que veñen do mundo  político. Hoxe e necesario, e  posible, unha maior converxencia entre o ensaio historiográfico e a investigación histórica, sendo mais ben o segundo o propio dos profesores de historia. Tamén é mais factible un dialogo entre historiadores, académicos e políticos interesados pola historia. No que a mín me toca a disposición é total como demostro neste momento, en momentos anteriores, e nos que poidan xurdir no futuro.

 

                Dende o movemento político nacionalista existen novas que non deben pasar desapercibidas para nos xa que explican o meu optimismo respecto a que se poida facer posible esto de que a nosa historia se poña a debate. O primeira nova é un artigo de Paco Rodríguez na revista Terra e tempo da Unión do Pobo Galego. Paco introduce un matiz importante xa que se refire ó papel, ou suposto papel,de Pardo de Cela na suposta loita pola independencia de Galicia a finais do século XV, facendo un plantexamento obxetivo como un resultado dunha interpretación obxetiva, e decir, que el tivera ou non conciencia de que estaba a defender Galicia sendo a súa morte un producto dun acto opresivo cara Galicia. É interesante este matiz porque xa non se apoia esta interpretación naquela que mostra a Pardo de Cela como loitador pola independencia de Galicia en datos históricos, senon nunha filosofía galeguista da historia de Galicia, que ademais Paco recolle de tódolos clásicos do pensamento galeguista que non foron historiadores, salvo Biceto. Nese senso, se é posible esta interpretación obxetivista poden ser posibles outras.

 

Outra interpretación máis recente e distinta e dentro do mesmo proxecto político nacionalista e a de Camilo Nogueira nun libro recén publicado Memoria da Nación do reino de Gallaecia que é un libro importante, porque supón un antes e un despois na interpretación galeguista da historia e que ademais pode permitir un intercambio maior entre a USC e os políticos interesados pola historia. O libro de Camilo non é unha obra de investigación; é un libro baseado na lectura de libros, artigos e monografías na que baseou o seu libro, calificado como un ensaio historiográfico. Así atopamos a primeira nova. Ten moi en conta o traballo feito por historiadores galegos e tamén por algúns historiadores españois. O libro abre un intercambio, dialogo e converxencia entre historiadores e políticos. Ós historiadores sobrannos datos e ós políticos sobranlle interpretacións e ideas, o que supón que a colaboración é algo necesario xa que recoñezo que no mundo académico as veces temos máis documentos que ideas. No libro de Camilo elúdese a moitos clásicos da historiografía galeguista dunha maneira radical. De Pardo de Cela soamente se nomea unha vez na frase seguinte: "Pardo de Cela é executado no 1483". Tenta recrear dende a tradición historiográfica nacionalista a Galicia medieval en positivo, o que foi un lema do BNG nun momento recente. Estou preparando unha reseña do libro de Camilo para a revista Libros Novos, algo máis que unha reseña, que titularei así "A historia de Galicia en positivo, sen mártires" reales ou imaxinarios; reales os martires de Carral e imaxinarios o propio Pardo de Cela. E necesario procurar outras bases para fundar históricamente un proxecto nacionalista galego. A proposta máis interesante de Camilo e  a designación de Reino de Gallaecia, que é unha visión positiva da influencia determinante de Galicia no reino de Asturias e de León. O libro de Camilo supón unha ruptura coa tradición anterior. Contén un perigo que é a creación dun novo mito, o cal non é a intención de Camilo, pero hai unha grande distancia entre o que se veu dicindo durante moitos anos e o que di el. Na miña opinión se se quere ter un proxecto político en positivo por parte do Bloque Nacionalista Galego debe ter un concepto da historia de Galicia en positivo. E rehabilitar e pasar a primeiro plano o que foi o feito histórico máis importante non só da historia medieval, senón de toda a historia de Galicia: a revolta irmandiña. Eu propoño sustituir a importancia que se lle da a data de 1483 pola de 1467, que foi o inicio da revolta irmandiña. A data conmemorativa da morte de Pardo de Cela na actualidade pasou desapercibida. Só foron tres actos en toda Galicia os que o celebraron. O acto de Galiza Nova en Lugo o día 15 de decembro, en Noia o 11 de decembro con razón do acto de presentación do "Primeiro Premio de Historia Medieval de Galicia", e o acto presente do 20 de decembro de 2002. Eu creo que non debemos reducir a data conmemorativa da historia de Galicia ao 25 de xullo, senón que debemos utilizar máis, como se fai noutros lugares, a datas importantes da historia de Galicia para conmemorar, para ter conciencia e crear análise. Hai que convencerse que o 17 de decembro non é unha data válida, xa que é unha data simbólica sen contido historiográfico homologable. A revolta irmandiña conmemórase a pequena escala, tendo méritos suficientes para unha conmemoración a maior escala.

 

                Vou rematando con catro propostas para o debate, porque e o noso estilo en Historia a Debate.

 

                A primeira e a de aceptar xa a realidade histórica do que foi Pardo de Cela. Na opinión pública da época era un cabaleiro malfeitor, un tirano. Este mito de Pardo de Cela naceu na novela de Los hidalgos de Monforte de Biceto do ano 1851e baséase en tres cousas. El di que o mariscal era do bando da Beltranexa na guerra pola sucesión entre Castela e Portugal no 1466-69; os datos concretos son que Pardo de Cela participa nun feito histórico desta guerra civil, que é o cerco en Pontevedra a Pedro Madruga que era o xefe do bando portugués. E alí estaba Pardo de Cela, con Fonseca, o pai da Universidade, coas tropas dos reis Católicos. Así o único dato que existe e contrario a eso; era do bando de Isabel a Católica, non hai dúbida, ninguén presentou outro dato contrario a isto. Biceto di que era un dos dirixentes da Santa Irmandade do reino de Galicia, algo falso. É o único nobre galego que manifesta unha intención represiva en 1469. No preito Tabera-Fonseca el dille ó conde de Lemos, grande figura da nobreza galega da época e organizador da unidade militar que veu dende Ponferrada a que se uniu Pardo de Cela para derrocar ao irmandiños de Lugo: "Señor conde encha os carballos cos seus vasalos". O conde de Lemos dicía que non podía facelo xa que o seu sustento eran os vasalos. É así como a revolta rematou sen represión. Foi tan enorme a participación popular (clases medias, nobres, tódala xerarquía eclesiástica menos Fonseca) que a represión non tiña sentido se querían reconstruir o sistema feudal. Afortunadamente o conde de Lemos non fixo caso do que lle propuso o mariscal Pardo de Cela, pero quedou para a historia a súa enemistade frontal ou violenta cara os irmandiños. Di Biceto que o único anhelo de Pardo de Cela era facer de Galicia un reino independente de Castela. Desto non hai datos, nin obxetivamente podía ser así por que o momento de formación dos reinos separados xa acontecera: a Galicia do sur formou o reino de Portugal, e formouse o reino de Castela... estamos a finais do século XV.

 

                Estes apuntes imaxinativos de Biceto, nunha novela, foron recollidos por Villar Ponte (xunto co seu irmán iniciadores da Irmandades da fala) en 1927 na Historia sintética de Galicia, que foi realmente unha síntese do discurso historiográfico nacionalista, onde recolleron sen nengún cambio, sen consultar en nengún outro sitio, estas tres aventuradas ideas de Benito Biceto, que logo están en Sempre en Galiza de Castelao. Nesta obra de Castelao hai moitas cousas, incluso hai cousas contradictorias. Sempre falando de interpretacións políticas do tema de Pardo de Cela,  dende Biceto ata hoxe en día tódolos historiadores, moitas veces non profesionais, que trataron o tema desmentirosn as tres ideas imaxinativas de Biceto. En 1861 Álvarez Villamil nos Apuntes biográficos sobre Pardo de Cela e no mesmo ano Manuel Murguía nun traballo, nunca reeditado, De las guerras de Galicia en el siglo XV y su significado, ataca frontalmente as imaxinativas ideas de Biceto sobre este tema, e centra ben a identificación de Pardo de Cela como cabaleiro malfeitor de finais da Idade Media. No 1901 será Villamil e Castro na súa Galicia histórica, en 1930 é Eduardo Lence en Pardo de Cela y la Santa Hermandad, en 1962 Francisco Mallán en El mariscal Pardo de Cela y la iglesia de Mondoñedo, e no 1981 Eduardo Pardo de Guevara en El mariscal Pardo de Cela y Galicia a finales del siglo XV. Ningún historiador avalou isto. E non estou a falar de historiadores como hoxe se entenden, vinculados a unha institución académica, por que naquelas épocas moitos historiadores eran arquiveiros e aficionados. Ás veces pregúntome porque non se buscaron outros nobres xa que hai nobres galegos moito mellor defendibles con datos historicos e que xogaron un papel moito máis importante na historia de Galicia, como son os Castro cando defenderon a Pedro I entre 1366 e 1369, xunto coas cidades e o apoio popular en Galicia que naquel momento tiña a causa de Portugal e a causa anti-trastámara, que ó final foron os que triunfaron. Cando eu dicía todo isto en Pontevedra fai xa seis anos, decíalle que Pedro Álvarez de Soutomaior ( Pedro Madruga) foi o valedor da causa portuguesa en Galicia na guerra de sucesión da segunda metade do século XV. Isto permite unha interpretación obxetiva e moito máis interesante para o que puido ser o futuro de Galicia no estado nacente peninsular que o personaxe de Pardo de Cela. Se funcionara a fusión da monarquía portuguesa e a monarquía de Castela, e dicir, se o estado peninsular fora froito non do matrimonio da Coroa de Aragón coa Coroa de Castela senón de Coroa de Castela co reino de Portugal, estaríamos a falar galego-portugués e non castelán. Non porque Pedro Madruga defendera unha independencia de Galicia, que non tiña sentido nese momento xa que se estaba plantexando que Estado ía reunificar a península ibérica, senón que polas súas características, as súas relacións coa nobreza portuguesa, e pola súa aposta pola reunificación de Portugal e de Castela. Naturalmente permitiría que o reino de Galicia tivera un contexto cultural e político tremendamente favorable, non como pasou despois cando o centro de gravedade desprazouse cara Oriente coa unión da coroa de Aragón e de Castela. Non digamos tamén o propio Conde de Lemos que a finais do século XV era a luz dos cabaleiros de Galicia. Pero escolleuse Pardo de Cela por que o mataron, e de aquí ven o problema dunha historia de Galicia en positivo ou en negativo, e dicir, de apoiarnos na vida ou na morte; nas victorias ou nas derrotas.                O martirioloxio ten profundas raíces na cultura xudeo-cristiana a que pertencemos todos nós. Unha herdanza que hai que superar e que é característica dos movementos políticos resistentes que están á defensiva, non dos movementos políticos ou relixiosos que están a ofensiva, que pretenden impor o seu proxecto á maioría da sociedade.

 

                Unha segunda proposta que eu fago e desidentificar a derrota da nobreza galega no século XV coa causa galega. Iso é algo raro e que eu creo que é algo negativo para a visión da historia galega por parte do nacionalismo. Esa rara identificación da Galicia medieval coa súa clase dirixente e non cos campesiños, artesáns, coas cidades que nalgún momento adquiren unha conciencia moi aguda de clases explotadas e logran derrocar do seu poder a esa oligarquía nobiliaria. A nobreza feudal e os señores das fortalezas na segunda metade do século XV son unha clase decadente, desprestixiada, violenta e malfeitora, derrotada polo pobo en armas en 1467 primeiro, e despois pola emerxencia do estado moderno. Estaban no seu momento final. Logo abandonarían a Galicia a súa sorte, integrándose na nobreza española, esquecéndose de Galicia como país e da lingua galega. Galicia era lugar de veraneo e de manter o contacto cos mordomos que lle levaban o que lles quedaban das rendas xurisdiccionais. O seu auxilio estaba na corte de Castela. Esta clase decadente que esta retratada en recontos das casas nobres de Galicia de Vasco da Ponte, moi interesante dende o punto de vista individual, literario e historiográfico pero no é un bo exemplo para formar unha base dun proxecto político de futuro.

 

                A terceira proposta que propoño e a sustitución da data do 17 de decembro polo do 15 de abril, que cada ano se podería celebrar o inicio da revolta irmandiña que é a data máis temperá que temos do derrrocamento de fortalezas por parte dos irmandiños. Hai un documento no concello de Ourense que queda claro que o 15 de abril  están derrocando o castelo Ramiro e desa maneira celebraríamos o feito histórico máis importante de toda a historia de Galicia. Se esta proposta non vai adiante o que podemos e celebrar o 15 de abril, e o 17 de decembro podemos seguir falando dos irmandiños. Teóricamente na importancia que se lle da a revolta irmandiña existe un grande consenso tanto na historiografía galeguista como na historiografía académica. Biceto redescubriu o feito irmandiño que non existía para a historiografía española. E el xunto con Murguía foron os impulsores da historia de Galicia, e dicir, forn quenes de considerar Galicia como un suxeito histórico específico, realmente cando hai que facerlle algunha crítica a el, el presumía de que a historia facíase con documentos e con imaxinación. Tanto facía unha novela como unha obra de historia. Pero bueno, estamos a mediados do século XIX non lle podemos pedir máis. El realmente fala maravillas da revolta imandiña e Castelao tamén. Nese sendo hai un grande consenso. Hoxe en día nalgunha enquisa que se fixo considérase como o feito histórico máis coñecido polos galegos. O problema é que o consenso debería rematar con ese paradoxo de estar todos orgullosos dos nosos antecesores irmandiños e logo cando queremos ensalzar a alguén, collemos ao que pretendía unha represión dura dos rebeldes galegos entre 1467 e 1469. E unha contradicción moi irracional que seguramente terá explicación, pero con moi pouca utilidade tanto historiográfica como política.

 

                Máis argumentos para reivindicar e poñer no centro do discurso historiográfico galeguista a revolta irmandiña:

 

Foi un levantamento social  e nacional, se entendemos por nacional esa visión da historia de Galicia en positivo, porque eles aproveitanse do rei lexítimo dese momento Enrique IV, para lograr uns documentos que autorizaban o derrocamento das fortalezas. Aproveitanse de que Enrique IV tiña problemas coa nobreza galega para facer o que chamamos unha especie de tenaza. O caracter nacional do levantamento ven determinado por catro aspectos moi importantes: espacio social, espacio lingüístico, espacio institucional e conciencia galega. É maravilloso para os que estudiamos iso ver como o derrocamento de fortalezas ó chegar ao rio Miño para. Ó chegar a ponferrada para, e ó chegar a parte oriental de Asturias para. É decir que a rebelión ten lugar no espacio social da Galicia medieval e no espacio lingüistico galego. A porta de Galicia no século XV e Ponferrada, que era base principal do Conde de Lemos. Os documentos da Santa Irmandade do reino de Galicia están todos en galego. Creo que os documentos que a xunta da Santa Irmandade intercambiou co rei ían en castelán. No preito de Tabera-Fonseca de 204 participantes na revolta e herdeiros falan do que foi a revolta irmandiña 60 anos despois o 100% fano en galego, o que pasa que nese momento unha castelanizada aristocracia eclesiástica e o seu escribáns e notarios fan traducción simultanea.

 

O espacio institucional desta revolta e o Reino de Galicia, existindo conciencia delo porque as testemuñas do preito Tabera-Fonseca din que se levantaron as xentes do Reino de Galicia en Santa Irmandade. O suxeito que se esta a mover é o reino de Galicia. Eles sentíanse do reino de Galicia e expulsan a cabalería feudal malfeitora de Galicia, sobre todo ós que se resistiron coas armas e ós outros deixáronos nun exilio. Se a visión que temos da conciencia de ser galegos e solamente si hai contraposición contra un estado externo, pois non; pero sí existe unha conciencia en positivo de formar parte dunha comunidade que ten intereses comúns e que se diferencian doutros, e neste caso ter unha lingua, podemos afirmar con todo isto que a revolta irmandiña é a derradeira manifestación nacional da Galicia medieval.

 

Outro argumento pouco coñecid, é que a actual Xunta de Galicia ten a súa orixe nas Xuntas da Santa Irmandade de Reino de Galicia que se fixeron entre o ano 1467 e o 1469. Non é nada novo. A Xunta do Principado de Asturias ten a súa orixe nas Irmandades Asturianas do século XV. Incluso poderíamos considerar historicamente que tamén son as primeiras xuntas irmandiñas que dan orixe ao parlamento galego, xa que naquela época existía unha xunta executiva formada por un representante de cada provincia, que naquela época eran as diócesis eclesiásticas, que aparecen asinando documentos de caracter administrativo. E iso sería equivalente ó que serían despois as xuntas do reino durante todo o antigo réxime e o que sería durante a invasión francesa a Xunta de Galicia (1846). Hai toda unha liña, pero a súa orixe non está, como pensan algúns, na xunta creada en 1450 polos Reis Católicos con Acuña e Chinchilla, porque é unha reconstrucción por iniciativa do Estado ás xuntas da Santa Irmandade do reino de Galicia. A parte deste órgano executivo que asina os documentos e que ten un carácter asambleario, xa que tardaban varios días, enviabanse diputados para esa Xunta procedentes de tódalas irmandades locales, xuntándose un grande número deles. Este é un motivo máis para a reivindicación historico nacional de Galicia dentro da revolta de 1467.

 

O bloque social que protagoniza a revolta irmandiña esta formado por campesiños, artesáns, burgueses, fidalgos, clérigos e coengos. Tamén podemos incluir a nobres medios, segundóns e logo falar dalgún nobre de altura como é o Marqués de Astorga e Pérez das Mariñas que lles axudaron nalgún momento, polo propio interes do monarca en que a Irmandade de Galicia tivera forza. Este bloque social triunfou e sustituiu a alta nobreza logo de derrocar as fortalezas aínda que como clase dirixente non, xa que logo as cousas voltaron ao seu cauce anterior. Nas cidades mandou a burguesía e a igrexa sustituíu nun primeiro momento a alta nobreza galega, aínda que ó longo do Antigo Réxime, como di Ramón Villares, a clase verdadeiramente dirixente era a fidalguía intermediaria, os señores dos pazos. Este cambio dos señores das fortalezas malfeitoras ós señores dos pazos, o que gañou o pobo foi moito; e nese senso non hai dúbida. Este bloque triunfante que sustituíu a cabalería feudal entre a transición do século XV ao XVI fica en Galicia; non se castelaniza, a diferencia da nobreza galega. Sobre todo os sectores campesiños e artesáns. A burguesía e fidalguía practican o bilingüismo primeiro e a diglosia despois. Os clérigos de base mantéñense como galegos practicantes, non podendo decilo mesmo da alta nobreza que se vai do pais e a nova xeraquía eclesiástica que domina as sés episcopais e a sé arcebispal de Santiago e dos mosteiros galegos.

 

Este bloque social predominantemente popular pero tamén con clases medias conserva a memeoria do que foi a Galicia medieval e a revolta irmandiña. Eu atopei ata 1607 testemuñas de coengos que en preitos de tipo diverso sobre o estado das fortalezas aínda se acordaban de que esta fortaleza a derrocou a xente da Santa Irmandade do Reino de Galicia. Os coengos foron decisivos na revolta irmandiña xa que sostiveron económicamente a revolta e algún deles foi deputado da Santa Irmandade, algún deles participou no primeiro derrocamento, o do Castelo Ramiro. Este bloque social é o que mantén a lingua galega ata o rexurdimento do século XIX.

 

A revolta da Santa Irmandade tamén se pode considerar unha revolución, como di o meu amigo Anselmo, sempre definindo antes o termo de revolución, xa que é un termo moi vinculado as revoltas burguesas do século XVIII e XIX e as revoltas socialistas do século XX. Se por revolución entendemos un cambio radical a través dunha movilización popular e neste caso tamén armada, sí se pode falar de revolución irmandiña. Na miña opinión non utilizo o termo de revolución por pura comodidade para non entrar en polémica de termos e palabras, aínda que realmente foi a única revolución que tivo Galicia. É unha revolta vinculada ao nacemento do Estado moderno, cunha relevancia universal. O que é para os franceses a revolta de 1789 e ou debería ser para Galicia a revolta de 1467, salvando as distancias e a época . A finais do século XV o horizonte non era o da revolución burguesa nen socialista, pero sí o de unha revolución antifeudal que nos permitiu pois pasar dos señores das fortalezas ós señores dos pazos xunto cunha mellora do nivel de vida e de condicións de traballo impresionante, a máis impresionante da historia de Galicia.

 

A revolta irmandiña é a refundación da nación galega. Creo que tanta importancia ten os acontecementos da plena idade media (o nacemento da lingua, clases sociais galegas, reino de Galicia...) como o acontecido na baixa idade media, xa que o cambio de hexemonía da alta nobreza laica e eclesiástica e o pobo galego evitase que o fin do feudalismo sexa o fin de Galicia como nación. Queda un bloque social moi poderoso e moi forte que explica que se resistira nos séculos XVI,  XVII e XVIII a asimilación centralista e castelanizante. Rosalía puido facer a súa poesía porque os descendentes dos irmandiños ainda estaban presentes, falando galego.

 

A cuarta proposta miña e que é necesario revisar a transición entre o século XV e o XVI en Galicia a partir dos reis Católicos e o papel das diferentes clases sociais. Tamén estudiar o Antiguo Réxime en positivo. Creo que na universidade pódese aportar moito neste aspecto. Ver con ollos novos as xuntas do Reino de Galicia, que certamente era un órgano de carácter administrativo, pero tamén era un resto da representación do que foi o Reino de Galicia na época medieval. Para min non cabe dúbida que os reis Católicos son o punto de partida da integración de Galicia no Estado Español, e tamén das provincias vascas e do reino de Toledo e da Coroa de Aragón. Estamos nun proceso de homoxeneización política, cultural, nacional e relixiosa. Eso supón certa perda de identidade nacional, pero nas clases dirixentes, non nas clases populares. O tema é complexo, cando os reis Católicos envían a Acuña e a Chinchilla no 1480 con cen lanzas, burlanse deles; onde van con tan poucos efectivos para dominar a levantisca nobreza galega. Pero eles o que fan e reconstruir as unidades militares irmandiñas, o que tamén fai Fonseca despois de 1469. Esa lúa de mel entre os enviados dos Reis Católicos e os irmandiños dura o tempo que se tarda en derrocar as fortalezas que reconstruiran os señores despois de 1469, cando o estado moderno comeza a implantarse aquí, atopando que nos anos 90 do XV as revoltas contra impostos do estado comezan a ser máis importantes que as revoltas contra os tributos feudais. Así chegamos a 1520-21 coa revolta das comunidades, onde se produce unha fractura do bloque social irmandiño, porque os sectores máis populares de Santiago e doutras cidades participan na revolta e a burguesía xa estaba moi integrada na monarquía Trastámara. En fin a integración de Galicia no estado dos Reis Católicos e logo no Estado dos Austrias non é a colonización de América...

 

Pregunta:

 

Puxeches varios exemplos de xente que milita no BNG e a súa concepción sobre a revolta irmandiña e o Mariscal Pardo de Cela.  Nos anos setenta aínda debeu ser moito máis forte o debate sobre Pardo de Cela e os irmandiños. A pregunta é se había diferencias grandes ou distintas opinións sobre o tema.

 

Carlos Barros 

 

Eu nos anos setenta militaba no Partido Comunista de Galicia e naquel momento  tíñamos relación con Paco, X.M. Beiras e Camilo, xa que estábamos na mesma batalla. Hai que decir que o Bloque nese momento, o que era a UPG, tiña unha importancia menor. A oposición estaba hexemonizada polo Partido Comunista de Galicia, polos movementos obreiros ( Vigo, Ferrol), e polo movemento estudiantil (Santiago). Por parte da UPG o plantexamento non era moi distinto do que a UPG defendía ata hai tempo. Por parte de X. M Beiras faise incapé nesa historia en negativo de Galicia, tendo a consideración da revolta irmandiña como unha grande desfeita, conectando cunha teoría máis de moda no nacionalismo dese tempo, como é a chegada dos Reis Católicos que colonizan Galicia mediante unha represión directa. No debate político dese momento os debates históricos estaban nun 4º ou 5º plano. Hoxe en día están e poden estar moito mellor situados. Todo o que sexa dotar dun nivel intelectual ou dun nivel historiográfico a un proxecto político é moi importante. Supón a conexión da Universidade e mundo político, que non é nada facil.

 

Pregunta:

 

¿Onde pensas ti que quedou o desexo das clases nobres galegas de crear un estado propio? ¿Desapareceu no momento que se crea Portugal?

 

 

Carlos Barros:

 

No momento que eu estou a falar, na segunda metade do século XV, esta posibilidade desapareceu completamente. E incluso para calquera testemuña da época. Eu creo que a nobreza galega ten un pasado independente. Na época sueva se pode aplicar este termo, xa que ata que son absorvidos pola monarquía visigoda aquí vívese unha situación que era a continuidade da provincia romana de Gallaecia. Naquel momento a nobreza que se formou no século V e parte do VI, que era mestura dos suevos e da clase alta romana, deu lugar a unha tradición independiente en Galicia que realmente se solidificou coa independencia de Portugal, porque entre o Miño e o Duero estaba o centro do estado Suevo, e decir que a Galicia bracarense estaba en mellores condicións históricas para a formación dun Reino. Había dúas tendencias nese momento na nobreza galega alto medieval. Unha tendencia que é a de influir no poder da monarquía asturiana, leonesa e castelá, e a outra tendencia era a de formar un poder propio. Esta última tendencia fixo que a Galicia do Sur se formara o reino de Portugal. Na Galica do norte non é tan sinxelo decir que xogou a carta integracionista, que é a que valora no seu libro Camilo Nogueira como unha opción positiva, porque existiron constantes rebelións Se podían dominar a monarquia ben; pero se non podían revelabanse. Non creo que desaparecera entre o século XII-XIII a tentación de formar un poder propio. No século XIV-XV xa non era posible porque nos estamos a achegar a este proceso europeo de unificación monárquica, pero aínda así na guerra civil Trastámara do 1366-1369 e na guerra civil do XV 1476-1479, a primeira representada polo bando portugués dos Castro e no segundo caso por Pedro Madruga, aínda se xoga esa carta, pero xa non é esa carta de que o Reino de Galicia teña un poder propio, xa que sería un Reino pequeno e rápidamente sería absorvido, xa que estamos na etapa de unificación nunha parte de Europa. No século XIV o bando portugués era maioritario en Galicia e puido ter gañado. Cando chegan as derrotas sufridas pola revolta irmandiña esa clase xa non tiña ningún papel político autónomo que xogar. Aínda que non houbera derrota irmandiña eles serían absorvidos pola alta nobreza española. As orixes do estado moderno de Galicia teñen unha peculiaridade que nace como consecuencia dunha revolución popular, polo que cando xa estaban desauciados en canto a posibilidade de xogar un papel autónomo en Galicia danlle a puntilla en 1467-69, séndolle moi facil ós Reis Católicos absorver esa nobreza. A nobreza galega non quería integrarse nun Estado que lle ía quitar o poder militar, xurisdiccional e o poder de cobrar tributo. Este é un fenómeno que se produce en Europa, tendo en Galicia unha peculiaridade, a revolta iramandiña. Cando os irmandiños derrotan a nobreza galega esta estaba históricamente morta. Foi mellor así. Que o problema da nobreza o resolvera os de abaixo e non os de arriba, aínda que en parte tiveron que combinar as dúas cousas. Cando se converteu en nobreza cortesana perdeu todo o carácter de clase dirixente e non existía a posibilidade histórica de que abandeirara un reino galego. Tampouco coa guerra civil do século XIV e do século XV darían lugar a un reino de Galicia independente nin autónomo, simplemente acadaríase unha mellora das condicións se a fusión fose entre a monarquía portuguesa e castelá, ó contrario do que pasou, que foi a unión da monarquía castelá e aragonesa. A nobreza galega era xa un cadáver político. E ademais uns sinvergüenzas, pero vamos, eso mellor para nos parece pouca cousa pero para a xente daquela época era moi grave xa que tiña que aturalos.

                             



* Transcripción literal da conferencia dictada polo autor, e coloquio subseguinte, no  ciclo "A nosa historia a debate", organizado por el colectivo "Mocidade da Esquerda Nacionalista" (BNG), na cafetería Arias Nunes de Santiago de Compostela o  20 de diciembre de 2001, aniversario do axusticiamento do Mariscal Pardo de Cela.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver Política de cookies
Privacidad