Publicado en:

Conclusións do III Congreso Internacional Historia a Debate (14-18 de xullo de 2004)*

 

Carlos Barros
Universidade de Santiago de Compostela

 

Boas noites. Quero comezar saudando a vosa presencia aquí, nesta Biblioteca Provincial, así como ós que van escoitar esta conferencia a través da nosa rede dixital, e agradecer a Carlos Pereira,  colega e comisario do V Premio Manuel Murguía, e por extensión á Deputación de A Coruña, esta invitación que obrigoume a poñer negro sobre branco unhas primeiras reflexións sobre o encontro internacional de historiadores que vimos de celebrar en Compostela hai catro meses.

O comisario puxo atinadamente o título desta conferencia en plural. Cadra ben coa tradición de pluralismo e discusión de HaD: a posible conclusión poscongresual nin é "unha" nin é "única". Cada quén dos que seguiron o congreso presencial ou dixitalmente terán  os seus matices, acordos e discrepancias que aportar. Os debates e reflexións sobre o III Congreso, incluindo estas notas,  ficarán permanente abertas, como é habitual, tanto en Internet como nas nosas actividades presenciais.

 

Congreso diferente

 

Imos falar algo logo dos froitos do III Congreso dende o punto de vista do seu coordenador. Non serán máis cuns apuntes de traballo, que teñen ademáis carácter provisorio, por dúas razóns: a) consideraremos máis ben o congreso-acontecemento que o congreso-actas; b) concedémonos a nos mesmos a liberdade de variar, modular ou completar as propias conclusións logo dunha (re) lectura detallada das 120 ponencias, da  transcripción das mesas redondas, materiais cuxa publicación está prevista en 2005, das reseñas que están a facerse por parte dos congresistas máis dinámicos. Haberá  entón máis adiante conclusións menos impresionistas, aínda que sempre inacabadas e abertas a novas (re) lecturas, como parte que é dun novo consenso historiográfico en construcción.

Debemos informar primeiro, para quen aínda non o saiba, que cada Ano Xubilar celebramos en Santiago de Compostela, desde o primeiro Xacobeo en 1993, unha sorte de peregrinación mundial de historiadores para debater e reflexionar sobre o estado da nosa disciplina. Nesta terceira edición colaboraron 430 entidades de máis de trinta países, multiplicouse por 10 la lista de colaboracións académicas que tivemos no I Congreso. Houbo  nesta terceira edición 150 poñentes que chegaron dos cinco continentes. Durante 5 días e 3 sesións simultáneas, desenvolveronse 13 seccións temáticas e 17 mesas redondas. Un tercio aproximado do congreso,  as catro conferencias plenarias e unha amplia selección das ponencias e mesas redondas de maior interese público (elemento diferenciador respecto do congreso-actas), foi transmitido en directo a través da nosa páxina web (www.h-debate.com), desde o Auditorio da Facultade de Xornalismo de Universidade de Santiago de Compostela, gracias ó  Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), creado pola Xunta, o CSIC e as universidades galegas, que dispón un dos principais ordenadores europeos para estes servicios que combinan multimedia con Internet. Unhos mil profesores e investigadores de historia seguiron en tempo real as diferentes intervencións en español, inglés e francés[i]. Que nos saibamos é a primeira vez que se trasmite así a todo o mundo un congreso de historia por Internet, demos polo tanto un salto cualitativo no uso académico das novas tecnoloxías de comunicación, ata o presente restrixido á videoconferencias puntuais: un paso adiante logo (tamén respecto a outras disciplinas académicas) para a nova historiografía dixital e global que estamos a construir desde o espacio académico latino.

Os congresos de Historia a Debate son, desde logo, internacionalmente únicos na temática de metodoloxía histórica, historiografía, teoría da historia, historia e sociedad, problemas laborais e profesionais dos historiadores, historia inmediata[ii]... Certamente cada cinco anos celébranse felizmente os congresos de ámbito asimesmo mundial organizados polo Comité Internacional de Ciencias Históricas (nacido en 1926, vincula institucionalmente a uns 2.000 ou 3.000 historiadores), se ben responden a un enfoque máis tradicional, no sentido de empírico, e heteroxéneo, reflexo da atomización da disciplina, agravada por unha estructura fragmentada en comisións nacionais que multiplican a proposición de temas especializados, malia as intencions homoxenizadoras das últimas directivas que se renovan cada congreso, dificultandose así una orientación xeral a diferencia da rede tamática Historia a Debate, cuxa dirección está vencellada a un proxecto de investigación e recostrucción historiográfica actual. Doutra banda, os temas metodolóxicos, historiográficos, teóricos, profesionais ou de historia inmediata non se abordan usualmente nos congresos clásicos do CISH-ISCH[iii], que veñen celebrandose un ano despois dos nosos encontros mundiais en Compostela, de factura máis recente e cunha temática e orientación complementarias.

 As diferencias deste congreso cos que o precederon residen en que hoxe sabemos máis da enredada situación da historiografía internacional. HaD ten ademáis maior poder de convocatoria académica, dispoñendo de ferramentas máis axeitadas, inéditas, organizadas a partir do II Congreso con fin de articular globalmente o debate e o consenso dos historiadores:

1) Enquisa Internacional "O estado da historia", dirixida entre 1999 e 2001 a 50.000 historiadores e profesores de historia de todo o mundo[iv], cuxos resultados -colocados na web en 2002- informáronnos de que as nosas inquedanzas historiográficas son compartidas por unha ampla franxa internacional de historiadores, confirmando así o que pode representar hoxe  en día HaD está en harmonía na súa intención e contidos cos sectores máis avanzados da nosa disciplina en Europa e América, dos cales lóxicamente vense nutrindo o noso proyecto desde 1993.

2) Nos anteriores congresos non existía HaD como comunidade académica de novo tipo, foi creada en Internet a partir de 1999 por medio de dúas listas de correo electrónico (HaD e HI) que vencellan diariamente a máis de 3.000 colegas, e unha páxina web trilingüe (español, francés e inglés) que recibiu nestes primeiros cinco anos máis dun millón de visitas de historiadores, profesores e tamén estudiantes de historia. Cantidade considerable se temos en conta que ós historiadores profesionais interesados polos debates e as reflexións sobre o oficio de historiador somos unha ampla minoría, se ben decisiva nesta temática. É difícil hoxe que calquera colega que teña algunha inquietude sobre o método, a historiografía e a teoría da historia, non estea xa conectado coa nosa red historiográfica ou mantivera nalgún momento relación con ela, non soamente no ámbito latino.

3) En terceiro lugar, a explicitación dunha plataforma historiográfica, o Manifesto historiográfico de Historia a Debate, que saíu á luz xustamente o 11 de Setembro de 2001 con 18 proposicións para a escritura da historia no século que comeza, asinado ata febreiro de 2005 por 387 profesores e investigadores de historia de 34 países. Estamos á espera da selección, transcrición e publicación das Actas do III Congreso para facermos unha revisión e actualización, global e colectiva, deste Manifesto académico, cuxo texto foi redactado xa hai tres anos  contribeendo notoriamente a evitar que o temario do noso último encontro adolecese da dispersión habitual nos congresos de historia ou historiografía.

 

Dez conclusións provisorias

 

Tentaréi logo adiantar os avances, problemas,  ensinanzas para min máis significativos do congreso de xullo de 2004, sabedores polas experiencias anteriores de que os Congresos Internacionais de HaD son un excelente barómetro para medir a coyuntura historiográfica internacional, nun contexto incluso máis "académico" que os debates cotidiáns na rede –a miúdo irreverentes- e cada vez máis europeo e máis americano, alén do vello eurocentrismo pero aínda pouco representativo dos outros continentes.

O carácter aberto dos nosos congresos[v] ben producindo, no tocante a espontaneidade e representatividade, un resultado que nos sorprende desde o mesmo momento de facer as consultas previas para decidir a temática congresual, nesta ocasión sobre unha base moito máis  extensa pola existencia da nosa comunidade / rede internacional, o que nos leva á primeira das nosas conclusións.

                1)  A rampante fragmentación da historia que se escribe. En flagrante contradicción coa globalización histórica e historiográfica que estamos a vivir, observamos con inquietude que, desde 1993, non deixou de medrar o número de especialidades e microespecialidades académicas, temáticas e cronolóxicas[vi], polo efecto negativo da proliferación das vellas, novas e novísimas "formas" da historia, o que levou a un grande valeiro historiográfico de comunicación e proposición que explica, no seu anverso, a paralela e fulgurante expansión de HaD como rede global, e doutras iniciativas historiográficas de vocación global. A estas alturas temos para nós que a hiperespecialización é o meirande poblema colectivo que temos que afrontar os historiadores neste novo século, ó tempo que a maior oportunidade para alternativas historiográficas realmente novas, cuxas perspectivas dependen xa da súa contribución á resolución deste grave problema.

A globalización e a fragmentación van tan xuntas nesta  transición historiográfica e histórica que, estando no primeiro dos casos, extrañounos[vii] o número de suscritos da nosa rede temática –comprendidos membros activos e asinantes do Manifesto- que demandaron, no proceso preparatorio do III Congreso, a "inclusión" de "o seu" tema ou especialidade no programa[viii], que respondeu finalmente como é habitual en HaD –máis aínda nesta fase de maduración como tendencia- a unha temática global, xeral e transversal. A excelente resposta recibida[ix] desde as diversos países e sobre todo especialidades, tocante a globalidade, novedade e calidade das contribucións, participación física e seguimento por videoconferencia, contribuiu a unha xeralizada percepción de éxito[x], mesmo superior a que tivemos no  congreso de 1993,  beneficiado por ser o primeiro, a falla de precedentes[xi] e  a presencia naquel entón posible de "grandes figuras"[xii] de Annales e Past and Present[xiii]. Obtivemos xa que logo unha resposta global e innovadora a unha proposta global e renovadora que abre un camiño de esperanza no proceso emprendido, individual e colectivamente, de reconstrucción paradigmática desde ámbito académico latino.

O bon resultado do III Congreso alcanza toda a súa estatura se consideramos as crecentes dificultades que pode ter un historiador profesional, aínda que o desexe, para tomar parte activa como ponente nos congresos internacionais de HaD. Desde o I Congreso exclúense as ponencias puramente empíricas, independientemente da súa calidade, tendo que versar  as propostas principalmente sobre o método, a historia da historia, a  teoría, o ofico... Desde o II Congreso obrigámonos ademáis a non repetir temas xa tratados, a fin de recoller as verdadeiras novas de congreso a congreso. Desde o III Congreso, xunto co anterior, autoesiximonos trascender as puras especializacións históricas e historiográficas, intervendo desde elas nas temáticas xerais. Autoimpoñéndonos así unha dinámica de renovación permanente, reclamada pola transición historiográfica que estamos a vivir, que non todos os colegas –novos e vellos- poden seguir cun grado de protagonismo continuado: a segunda sorpresa é,  xustamente, atopar tantos historiadores dispostos a retomar a innovación historiográfica, incluso tantos colegas dispostos a seguir tirando do carro renovador tres décadas despois.

Todos nós somos historiadores que facemos traballo empírico, frecuentamos unha ou varias liñas de investigación, pertencemos a áreas académicas cronóloxicaso ou temáticas (Historia Medieval, no meu caso, segundo se dixo na presentación), participamos nos habituais congresos especializados..., e converxemos en HaD para estudiar asuntos actuais de metodoloxía, historiografía, teoría, relación historia / sociedade, historia inmediata e outros relativos ó oficio de historiador e a escritura da historia. Estamos empeñados pois, desde hai unha década, en proseguir a renovación, reestructurando no que seña preciso os paradigmas herdados da vella, nova e nóvisima historia, polo que non ten sentido –nin compensa ós organizadores o esforzo- vernos físicamente cada 5 ou 6 anos para repetirmos o xa dito anteriormente[xiv], ignorando os avances diarios nos debates e nas reflexións na rede de centos de colegas. Houbera sido un grande retroceso na globalización historiográfica que nós representados "adaptarnos" á inercia e fragmentacion académicas reinantes, os logros obtidos na reconstrucción  historiográfica han de progresar ata 2010 para facermosdo IV Congreso un novo fito historiográfico, así será coa axuda de Clio.

2) A segunda reflexión serían, polo tanto, estes avances na reconstrucción da alternativa historiográfica, que analizaremos nos restantes puntos. Sabendo que o salto que demos en xullo do 2004 verémolo máis claro cando analicemos polo miudo ponencias e debates congresuais e revisitemos o Manifesto-plataforma de 2001. Dicir de entrada que, con diferencia respecto das edicións anteriores, o temario do congreso tivo como guía un programa global de investigación e intervención historiográficas. De xeito que as aportacións recibidas serven directa e/ou indirectamente, desde o acordo ou a discrepancia[xv], a nosa intención previa de reconstrucción paradigmática. Directamente, contribúen aquelas ponencias que respostaron nunha medida apreciable –para ser  a primeira vez- a nosa "convocatoria específica" a desenvolvermos  as 18 proposicións historiográficas do Manifesto de HaD e  investigarmos a propia experiencia de HAD entre 1993 e 2004 como comunidade académica, rede temática e/ou movemento historiográfico. Indirectamente, aportan tamén o resto de textos e intervencións orales, toda vez que o programa do congreso, é consecuencias dunha estratexia orientada á reconstrucción plural do consenso historiográfico na nosa disciplina no século que comeza.

                3)  Unha parte importante desta reconstrucción alternativa reside nos adiantos feitos na definición e práctica plural dunha nova historia global. Cada vez se fala e se fai máis, desde lugares e posicións diversas pero converxentes[xvi], dunha "nova historia global". Urxida pola globalización, o concepto de "historia total" do materialismo histórico, asumido por Annales e outras correntes renovadoras nos anos 60 e 70, segue estando vixente xustamente polos seus fracasos nos ámbitos metodolóxico, historiográfico e epistemolóxico, e as súas incapacidades para evitar, ou cando menos frenar, a intensa fragmentación disciplinar nas décadas finais do século XX[xvii]. No congreso de xullo de 2004 fixemos o esforzo de recoller novas iniciativas que tratan de investigar, e ofrecer ó público lector, enfoques globais dos feitos pasados, en lugar de fragmentos de historia especializada.  Polo de agora,  son tres as vías historiográficas -complementarias- que veñen reclamando a denominación "nova historia global"[xviii]: A) A  historia mixta como historia global, xurdida como desenvolvemento do punto V do Manifesto de HaD "contra a fragmentación" da historia, en proceso de experimentación, foi un dos temas de congreso, implica mextura de temas, métodos, liñas de investigación e  especializacións académicas[xix], coa intención de facer de novo unha historia total ou global. Non se busca polo tanto unha converxencia casual, circunstancial, nunha investigación concreta como unha estratexia de investigación que, desde a hipótese ata a conclusión, procure manifestamente un resultado global, non parcial, rebasando as especializacións, mexturando subxectos, obxectos, enfoques... B) A historia mundial como historia global. Xerminada en América nos anos 70 foi desenvolvida entre os historiadores –tamén en Europa- nos anos 90 ó calor da globalización. Estivo prácticamente allea ata hoxe[xx] á historiografía española e latina. Coidamos que a World History é unha verdadeira nova historiográfica. A importante e diversa representación que tivo no Congreso de Compostela axudará a darlle unha dimensión máis latina e global, alén do ámbito angloamericano. Hai que incitar a historiadores españoles e latinos a levar a cabo investigacións e reflexións históricas de ámbito máis internacional, seguindo o propio de HaD no eido das investigacións e reflexións historiográficas. A propia experiencia e proposta de HaD como historiografía mundial habería de servir para que esta historia mundial-global de base empírica, definida tradicionalmente polo seu ámbito espacio-temporal, non fique reducida a un episodio máis dos "retornos", a un simple cambio de etiqueta para resucitar á historia positivista e descriptivista de sempre, a vella "historia das civilizacións"  ou "historia universal". O "perigo" que lle vemos á nova "historia mundial", compartido con outras novas e novísimas historias, é a súa desvinculación co cambio global de paradigmas no que estamos insertos, voluntariamente restrinxidas a unha nova especialización académica que neutraliza o se futuro. ¿É menester cambiar de base os conceptos de historia e historiografía herdados, para pasar da historia nacional do positivismo (en pleno retorno), ou da historia rexional dos "novos historiadores" (con incursións macrorexionais), a unha historia de ámbito mundial? Pensamos que sí[xxi]. C)  A terceira variante destas novas historias globais emerxentes é, por descontado, a historia dixital como historia global, efecto da  globalización sobre a historiografía pola vía da informática e da revolución das comunicacións. O exemplo de Historia a Debate entre 1999 e 2005 é posiblemente único na historiografía internacional. A nosa perspectiva agora é levar este novo e consolidado ámbito mundial de sociabibilidade académica da historiografía  á historia empírica, animando "grupos internacionais de investigación en rede" ó redor de enfoques de investigación histórica e historiográfica que nos permitan seguir avanzando na definición, e posta en práctica, dunha escritura da historia afeita ó século da globalización, sen abandonar por suposto o debate e o consenso sobre o método e a teoría como orientación fundamental da nosa acción historiográfica[xxii].

 

4) A cuarta conclusión que tiraríamos sería a consolidación do que vimos chamando Historia Inmediata. Espacio historiográfico de debate sobre feitos actuais, cunha importante aportación latinoamericana, nado na nosa rede dixital en xaneiro de 2000. A Historia Inmediata de HaD vén sendo a culminación dun proceso lento de incorporación do tempo presente ó ambito dos  historiadores, iniciado no anos 70 en Francia no Institut d’Histoire du Temp Présent -fóra por tanto da escola de Annales-   se ben non lograra ata hoxe cumprir o seu obxectivo, pois non rebasaba os feitos acontecidos hai 50, 30 ou 25 anos: II Guerra Mundial, resistencia, guerra de Arxelia (franquismo e transición na versión española)[xxiii]. En xullo a Historia Inmediata de HaD logrou pasar dos debates diarios entre historiadores  (lista HI) sobre temas de actualidade, a ponencias con reflexións e resultados de investigacións históricas-historiográficas sobre a realidade máis inmediata, presente ou actual. O espacio de debate está consolidado logo de cinco anos, non foi  doado[xxiv], un dos últimos temás propostos a discusión foi conferencia de José María Aznar en Georgetown onde  relacionou a chamada Reconquista española con Bin Laden, o terrorismo internacional e o "choque de civilizacións". É fundamental que os profesionais da investigación e o ensino a historia polemicen –entre sí, pero tamén con outros profesionais, políticos ou aficionados a historia- sobre cuestións actuais de relevancia histórica ou historiográfica, ou cuestións histórico-historiográficas de relevancia presente, sen renunciar nin ó rigor histórico –opinable como ben sabemos- nin súa posición personal, historiográfica ou ideolóxica. Inauguramos pois unha vía nada frecuentada no medio académico para coñecermos e valorarmos, en tempo real, as conexións entre historiografia e sociedade,   ó tempo que aportamos os nosos coñecementos históricos á resolución dos problemas do presente. Queda, con todo, bastante camiño por andar se queremos incluir en verdade o presente no campo académico do historiadores, independentemente da súa especialización, pois todos estamos abondo formados, desde calquera especialización cronolóxica ou temática,  para investigar históricamente o tempo que estamos a vivir.

Temos por costume plantexar o problema epistemolóxico de forma inquisitiva:  ¿É posible unha Historia Inmediata? ¿É posible tratar cun mínimo de rigor histórico acontecementos actuais? O historiador venezolano José Luis Monzant emplazábanos pública e personalmente no Auditorio da Facultade de Xornalismo a sustituir xa a interrogación por un enunciado positivo. Estaríamos de acordo, desde logo, no tocante ó espacio de debate conseguido -de opinións máis o menos baseadas na historia, pero sempre académicamente siñificativas- a través de mensaxes cortos, o que non é pouca cousa, pero se falamos de investigacións históricas sobre o presente debemos recoñecer que aínda estamos nos inicios, mesmo valorando o importante paso adiante dado no III Congreso. O 26 % do programa refirese  por vez primeira –nos nosos congresos, máis aínda noutros máis clásico- a temas de actualidade. Certamente o 74 % restante corresponde a ponencias e mesas redondas de metodoloxía, historiografía e teoría de interese para colegas  de historia (mediata) antiga, medieval, moderna, contemporánea, colonial, independencia, etc. Non é mala proporción, o historiador de oficio ha de seguir concentrando o seu esforzo no pasado-pasado, polo interese que ten en si mesmo, sinon pouco poderíamos aportar á comprensión do pasado-presente e o pasado-futuro.

O máis salientable durante as xornadas de xullo para os medios de comunicación social foi o Congreso-acontecemento que nós diferenciamos do Congreso-Actas, ou sexa o 11S, o 11M, a globalización, a relación Oriente-Occidente, democracia e   dereitos humanos..., temás de hoxe enfocados desde o punto de vista histórico e historiográfico. Escollimos desta maneira, segundo criterios de actualidade, boa parte das conferencias, ponencias e mesas redondas para a transmisión en directo a través de Internet. Tanto acertamos que se xeneraron expectativas de máis: os medios pedíannos con urxencia claves non só históricas para entender os fitos do presente, tamén políticas, económicas, filosóficas ou sociolóxicas. Decatámonos que non soamente faltan congresos de historiadores –en España pero tamén fóra- para analizarmos en tempo real o acelerado acontecer  histórico que estamos a vivir, deixase notar tamén a ausencia daquelas ciencias humanas de entrada máis centradas no presente, o que coloca ós historiadores de HaD, neste e noutros aspectos como o uso académico de Internet, na vangarda das ciencias sociais.

Coido que estamos no camiño de demostrar que se poden estudiar os feitos recentes co mesmo grado de rigor, honestidade e pluralidade que os feitos do pasado remoto, contribuindo a desmentir así o mito positivista[xxv] que "asegura" que é preciso que pasen 50 anos para que podamos afrontar con "imparcialidade" un feito histórico. Temos en España, por desgracia, o claro exemplo no sentido contrario cunha guerra givil que aconteceu hai máis de cincuenta anos, e outros feitos aínda máis lonxanos da historia de España -ou da historia das nacionalidades e rexións- aínda hoxe moi polémicos. Por outra banda hai acontecementos próximos que non suscitan pola súa natureza semellante polarización ou pluralidade de enfoques e interpretacións, entre os historiadores e na opinión pública (unha cousa ben coa outra, como sabemos).

5) A quinta conclusión refírese á crecente  aceptación no ámbito académico internacional do  liderazgo latino que HaD representa, unha década despois do inicio das nosas actividades, nos debates e propostas sobre cuestións actuais de metodoloxía, historiografía, teoría da historia, relación historia-sociedade, etc. Na terceira edición dos nosos congresos houbo un incremento cuantitativo e cualitativo[xxvi] dos ponentes de fala non hispana,  especialmente chegados doutros países europeos, en menor medida doutros continentes, salvo América. A traducción simultánea español-inglés-francés permitiunos organizar interesantes  debates comúns, ó igual que nos anteriores congresos, cousa polo de agora menos fácil  nas listas de debate en Internet[xxvii].

Una boa demostración do presente poder de convocatoria da nosa  iniciativa historiográfica, española e latina, na  América anglosaxona, maís alá das nosas relacións estreitas desde sempre con académicos hispanos das universidades norteamericanas, é a entusiasta recepción que está tendo alí –e por extensión no ámbito académico anglófono- a edición en inglés dunha selección de ponencias do II Congreso de 1999, por parte da editorial The Haworth Press de Nova Iork co título History under Debate. International Reflection on the Discipline[xxviii], cuxa saída a luz fixemola cadrar coa realización do III Congreso. As reseñas de historiadores norteamericanos -ou de fala inglesa- solicitadas pola casa editorial foron unánimes o avaliaren  History under Debate como un libro important, stimulating and highly provocative, valuable and revealing... Tamén para os autores é "importante", "estimulante", "altamente provocativo", "valioso" e ante todo "revelador" que na historiografía norteamericana haxa sectores que acepten que se pode "aprender" algo[xxix] duna iniciativa académica que vén de Galicia, de España, do mundo académico latino[xxx].

A globalización historiográfica está a favorecer dúas novidades interrelacionadas, minoritarias sen dúbida pero preñadas de futuro: 1) unha historiografía norteamericana aberta e plural disposta a certo  bilateralismo nas súas relacións internacionais, con todo o valor que isto pode ter hoxe visto o lugar prominente dos EE.UU. hoxe; 2) a ruptura da tradicional dependencia das historiografías españolas e latinas, por parte dos seus sectores máis creativas, respecto das  historiografías de países política e económicamente máis potentes. Entre nós a novidade historiográfica estivo sempre vencellada ó que viña do extranxeiro, as veces con razón (auténticas innovacións),  outras sen ela (esnobismo académico) e aqueloutras ámbalas dúas cousas. A situación está cambiado radicalmente, desde hai unha década -ou máis- os antiguos  focos deixaron de irradiar novedades e os tempos revoltos da globalización fan posibles e necesarias outras relacións internacionais, máis doadas no eido académico que noutros[xxxi].

6)  O III Congreso Internacional de HaD vén a confirmar, pois, o dinamismo e a autonomía da historiografía española nesta última década. Non o dicimos só por Historia a Debate, foro e movemento historiográfico nado en 1993, xurdiron cando menos despois outras dúas importantes iniciativas españolas sobre a escritura da historia que apuntan na mesma dirección, cuxos representantes máis cualificados foron invitados, lóxicamente, ó macrocongreso de Compostela en xullo[xxxii]. Referímonos ós promotores e practicantes -desde 1996- da "Idea Histórica de España", e mailos promotores e prácticantes -desde 2000- da "Recuperación da Memoria Historica". Tres proxectos historiográficos tan distintos como   complementarios nos contidos, intereses, medios de comunicación e dimensións. Desde esta diversidade, antitética nalgúns aspectos, comparten os tres novedades no panorama historiográfico español, incluso internacional: a) desbordan a dimensión de equipa ou grupo constituindo correntes historiográficas onde participan, en diverso grado, historiadores e historiadoras de áreas e especialidades asimesmo diferentes, xenerando auténticas "tendencias  historiográficas actuais" (con peculiaridades especiais no caso da RMH en canto a composición); b) responden a acciones académicas españolas ou de orixe español con perfiles propios, autocentrados, non miméticos ainda que conectados se queira ou no con tendencias larvadas –organizada no caso de HaD- do panorama mundial; c) constitúen tres formas diferentes da recuperación  actualizada da vella idea do compromiso ético, social e político do historiador co seu tempo (precisaremos máis logo), a través dunha investigación participativa que  permite avanzar desde unha memoria pasiva, obxecto lonxano de estudio, á unha memoria activa, actual, contribuindo a amosar así a utilidade cultural, social e política da investigación histórica e historiográfica.

7) No III Congreso visibilizouse por conseguinte  algo que xa agromara no II Congreso, para desconcerto dalgúns: o retorno do compromiso historiográfico, se ben con novos xeitos, o que non estaba tan claro en 1999, de aí algunhas rasgaduras de vestiduras (académicas). Cando se fala, para ben ou para mal, de "compromiso" tense na mente o concepto e a experiencia militantes vividos nos anos 60 e 70. O caso é que a historia e a historiografía cambearon enormemente nestes últimos 30 ou 40 anos, tendo abandonado a maioría dos historiadores as "absorventes" militancias ou simpatías, historiográficas e  políticas, daquel entón. O compromiso dos historiadores rexurde por tanto con renovados rasgos que cómpre recoñecer:  A)  O novo compromiso do historiador tende a realizarse desde a profesión, incluso entre os historiadores cunha práctica máis politizada, sexa coas instutucións sexa coa sociedade civil. A separación esquizofrénica -por irreal e inútil- entre prácticas historiográficas e inquietudes extraacadémicas, que seguiu a crise nas novas historias, está sendo sustituida[xxxiii] por novos xeitos de facer historia que demostran a compatibilidade (diversa) entre o rigor profesional e a utilidade pública da historia investigada e ensinada. B) O  compromiso que se impón entre os historiadores máis avanzados é democrático, pluralista, tolerante co "outro" historiográfico, máis interesado en convencer que en "vencer", en contraste co compromiso a miúdo sectario, pola vía das tendencias historiográficas, políticas ou de ambas, herdado das pasadas vanguardias. É da meirande  importancia para o presente e o futuro da historia, que precisa da reconstrucción dos seus  paradigmas compartidos, aceptar dun xeito natural a lexítima multiplicidade de enfoques historiográficos e ideolóxicos, do debate e do consenso, sen renunciarmos á propia posición, individual ou colectiva, polo xeral nada neutral pero desvencellada dunha disciplina "blindada" cun partido ou tendencia. Falamos sempre desde a nosa propia experiencia como red tematica "especializada" no debate e na reflexión historiográfica. Máis de 6.000 historiadores conectados connosco diariamente, a través da web e das nosas listas, evidencian a posibilidade hoxe de normalizar o respeto mutuo os interlocutores nos debates historiográficos, mesmo ideolóxicos, máis comprometidos, sen menoscabo dos consensos productivos. C) Nas súas versións máis adiantadas esta nova forma de entender o compromiso historiográfico tende a ser solidaria seguindo o signo dos tempos. Os que non queremos -nin debemos facelo, por cuestión de rigor-  exercermos o oficio de historiador á marxe da realidade histórica vivida, temos que asumir activamente a globalización ou universalización hoxe dos grandes valores da paz e da xusticia, da igualdade e da democracia, escribindo unha "historia con valores"  (punto XVI do Manifesto de HaD). Desde unha aportacíón fundamentalmente profesional e académica, a universidade está a colaborar en España (voluntariado, Prestige, guerra do Irak, etc.), e noutros lugares do mundo, coas grandes causas humanitarias. A aportación específica de HaD, como se poido ver con último congreso e de cotío na rede, consiste en operar como unha sorte de "historiadores sen fronteiras", o que case non ten precedentes, priorizando a solidariedade colectiva cos colegas historiadores que poidan sofrir persecución en calquera parte do mundo  no exercicio da súa profesión, o que vimos chamando e practicando como Academia Solidaria.

Nas Actas do III Congreso que sairán a luz neste ano de 2005 atoparemos máis elementos, que en calquera outro congreso nacional ou internacional de historiadores, menos que nos anteriores congresos de HaD, sobre estas novas maneiras de levar a cabo o de compromiso historiográfico[xxxiv], reactivadas e redefinidas polo novo presentismo da globalizadora sociedade da información e o dinamismo dun oficio centenario. Un dos grandes logros de HaD está sendo investigar e dar a coñecer as comunidades de historiadores como realmente son, non soamente como din ser segundo discursos historiográficos que forman asimesmo parte importante das nosas realidades académicas.

8) Nos cinco días de xullo que compartimos en Compostela evidenciouse un adianto, insuficiente pero significativo, sobre todo no plano da miña consciencia historiográfica e doutros colegas, na tarefa urxente de ampliarmos a comunidade e historiadores á investigación histórica non universitaria. Unha das señas de identidade de HaD en Internet é a participación activa de historiadores non vinculados a institucións superiores de ensino e  de investigación -que conforman,  en todo caso, a maior parte da nosa comunidade académica internacional-. Participarción extrauniversitaria sempre máis sinxela na redes dixitais que nos congresos, aínda sendo tan pouco convencionais como os nosos. De congreso a congreso estamos acadado algunhas participacións, cada vez máis, dos investigadores que traballan no ensino medio ou noutros lugares. A clara insuficiencia desta incorporación activa, que diferenciamos da simple asistencia, anímanos a elevar esta necesidade á conclusión pos-congresual  co fin de ir estirando o concepto de historiador máis alá do profesorado universitario, achegando paseniñamente a historiografía oficial á historiografía real. Unha parte nada despreciable da investigación histórica –ademáis da didáctica e da divulgación- faise xa fóra das plantillas docentas das universidades e dos escasos centros de investigación[xxxv]. En moitos casos estes historiadores non profesionais –no sentido da que gañan a vida con outra profesión- teñan unha cualificada formación universitaria e historiográfica, ademáis dun acusado carácter vocacional e comprometido[xxxvi], algo do que estamos moi precisados.  Historia a Debate non é o unico exemplo de apertura, compartimos con outros grupos, redes e  movementos historiográficos esta nova experiencia de abrirnos desde a universidade a outros historiadores, profesores ou "aficionados" pola historia. A diferencia reside en que, a partir do III Congreso, queremos transformar esta práctica espontánea en teoría conscente, reinvindicando a (re) inclusión da historiografía non universitaria nas novas comunidades e paradigmas que estamos a precisar nas universidades, nos institutos e nas múltiples asociacións, fundacións, webs, listas e outras organizacións ou redes de historia -con ningunha ou escasa relación coa academia- que xurdiron como fungos nos últimos anos en España e  noutros países.

9) A penúltima ensinanza que inferimos do noso encontro internacional é a demostración, por terceira vez no tocante a congresos, da nosa vontade de non facer táboa rasa do que foron as vangardas do século XX,  nin de ningunha outra tradición historiográfica que aportara algo á definición -sempre en construcción, aínda que algúns non o saiban- do oficio de historiador desde os remotos tempos de Leopold von Ranke. De aí que a conferencia inaugural fose encomendada a Etienne Bloch, xuíz retirado, historiógrafo non profesional, fillo do cofundador de Annales, grande coñecedor e albacea da súa obra.  Na recepción oficial da Universidade de Santiago de Compostela no Pazo de Fonseca, berce da nosa universidade hai cincocentos anos, puxémonos en pé para cantarmos a Marsellesa un 14 de xullo, cando os franceses celebran a toma da Bastilla, en homaxe a Marc Bloch, exemplo imperecedero de historiador innovador e asemade comprometido co seu tempo, xustamente no sesenta cabodano da seu fusilamento polos nazis en Lyon. Outras dúas conferencias plenarias foron impartidas por André Gunder Frank e Ciro Flamarión Cardoso, inesquecibles representantes latinos –o primeiro por adopción- dese materialismo histórico que tanto nos aportou nos anos 60 e 70, referente historiográfico hoxe para afrontar os retos do presente e do futuro da historia, sobre todo da man dos escasos colegas daquela xeración que seguen a interesarse polos cambios e o porvir. É complicado, xa o dixemos[xxxvii], atopar personalidades das correntes da época dourada que estean  aínda disponibles na procura de máis renovacións e compromisos. Unha das excepcións é André Gunder Frank, historiador e teórico, sociólogo e politólogo, profesor emérito de universidades de varios países, que amósanos coa súa proposta ReOrient (1998) tanto a necesidade de reorientar a escrita da historia e das ciencias sociais, como o papel sobranceiro que vai a xogar Oriente na historia do século XXI, nun exercicio de historia inmediata e prospectiva, de historia e historiografía mundiais, de orde  diversa á súa aportación antolóxica á teoría da dependencia nos militantes anos 70. Evolución exemplar logo que xustifica a súa relevante participación no III Congreso de HaD, incluidos naqueles debates nos puido intervir. Nada máis ilustrativo logo da forza colectiva das tendencias que fixeron posible no século pasado estas "grandes figuras", está por ver se no século que estamos seremos capaces de repetir a experiencia, desde HaD estamos por suposto a facer o posible por xerar esos novos movementos historiográficos de base o que fagan realidade.

Sen embargo, estamos noutro tempo, noutra tesitura historiográfica. Precisamos unha "nova nova historia" que, sen deixar de asumir (auto)críticamente as incapacidades pasadas e os retos presentes, reivindique o que tiña de xusto e necesario aquela "revolución historiográfica do século XX". É por iso que procuramos no noso último congreso ir recuperando e actualizando debates e reflexiones sobre historia total, formacións sociais e transicións, estado e sociedade civil, "grandes homes" e suxeitos colectivos na historia,  "grandes historiadores" e tendencias colectivas, compromisos historiográficos e fins da historia.... De primeiras, tal como esperábamos o resultado desigual, pero signficativo. Cómpre deixarmos claro que os historiadores marxistas e annalistes non se trabucaron tanto hai 30, 40 ou máis anos, como se pretende hoxe desde posicions extremas neorankeanas ou posmodernas. Temos para nós que a recuperación da memoria histórica non será eficaz nin completa[xxxviii] ata que sexamos quén de recobrarmos tamén a memoria historiográfica, sabendo como sabemos que non se trata, por suposto, nin de "repetir" a historia nin de "repetir" a historiografía, senón de implementar unha memoria historiográfica e históricas activas, integradas nas tarefas do presente e alumbradores dun futuro simplemente mellor.

10) Termino por facer unha reflexión pensando non soamente que participaron no evento de 2004, presencial ou dixitalmente, sin tamén nos que esteades a seguir este analise provisorio escoitando a conferencia ou lendo este texto, visualizando o video gardado na web ou estudiando as súas Actas: ¿qué interese teñen os nosos traballos congresuais cara a sociedade? Cuestión pertinente precisamente agora que se está ampliando enormemente a nómina dos interesados pola historia en España e noutros países. Veño de dicir nunha emisora de radio, que pediume un adianto do que íamos departir aquí, que unha cousa son os "veraneantes" da historia e outra os que nos quedamos nela todo o ano. Se cadra fun un pouco lixeiro,  pero hai no dito algo de verdade, é preciso distinguir. Para a nosa disciplina, teóricamente sen saídas profesionais, é moi bo que desde gobernos é outras institucións, políticos, auténticos aficionados e outros profesionais se interesen, falen e escriban sobre la historia, que non é nin debe ser monopolio de ninguén, tampouco dos historiadores. É ben  positivo que  determinados medios de comunicación social[xxxix] estean dispostos a publicar cousas de historia[xl]. É moi bo que as grandes editoriais, e tamén algunhas pequenas, debezan polas biografías dos "grandes persoeiros" da historia, novelas históricas e outras demandas do mercado máis o menos reais. Toda esta recente atención pública sobre a historia[xli], non exenta de pluralidade e novidade serve desde logo, como pasou noutros períodos históricos, para formar a ciudadanía –outra cuestión e o debate dos contidos- e xenerar vocacións de historiadores[xlii], pero tamén hai que denunciar os seus efectos perversos ó  "obrigar" ó historiador a traballar "por encargo", condicionando sen disimulo non soamente os temas históricos a escribir, senón tamén os enfoques historiográficos, cando non as interpretacións históricas[xliii]. A pasada crise das novas historias, e a subseguinte aceleración fragmentadora, levounos a historia a unha situación de debilidade que fixo posible que os poderes externos exerzan unha influencia sobre unha parte sustancial da historia académica que non coñecíamos desde o século XIX[xliv]. Debater e consensuar entre historiadores o perfil do noso oficio neste novo século é capital para restaurar a  nosa autonomía, decidindo libre e colectivamente o que, o como e o porque da  nosa aportación desde a historia á historia que estamos a vivir, tentando desenvolver motu propio iniciativas académicas e públicas que máis conveñan á historia como disciplina. Non foi eso o que pasou cando o "debate das humanidades" que seguíu a victoria do Partido Popular nas eleccións de 1996, produxo centos de artigos de prensa, tamén de historiadores, xulgando a intención gubernamental de incrementar a presencia da historia, a filosofía e as línguas clásicas, no ensino medio. Iniciativa política institucional que tivo os seus mellores resultados atraendo a importantes historiadores –marxistas,  annalistes e neopositivistas-, editoriais e media, á tarefa de recuperar a "idea histórica de España" e as súas  "grandes figuras",  sen lograr claramente potenciar o ensino e menos aínda a investigación da historia en España, fóra das citadas "grande figuras".

Gustaríanos que este remozado interese público pola historia se mantivera co cambio de goberno do 14 de marzo de 2004[xlv]  de xeito menos instrumental, pero esto esixe por moito máis da nosa parte: utilizar a liberdade de cátedra para decidir o que debe ser hoxe en día a responsabilidade cultural, social e política do historiador, nos diferentes ámbitos territoriais e sociaiis. O III Congreso vai axudar, sen dúbida, para que  escritura académica da historia sirva mellor ó conxunto da sociedade, que financia cos seus impostos a maior parte da historia investigada e ensinada. Sobre unha base común deontolóxica os enfoques han de ser plurais e heteroxéneos, tamén na súa relación política,  institucional e social,  pero tamén dicimos que é preciso unha "discriminación positiva" a favor la relación da historia académica e a sociedade civil, pois está manfiestamente desiquilibrada en favor das institucións políticas, mediáticas e editoriais, o que se traduce historiograficamente nun abandono dos suxeitos colectivos en favor das "grandes figuras". Repondendo, en resume, a pregunta que encabezaba esta décima conclusión final sobre HaD III, dicir que o que nós podemos ofrecer, reflexionando e actuando colectivamente, cara afóra é o rigor e a  honestidade no tratamento dos datos dunha vella profesión con vocación de servicio social e (re)asunción de valores, no cadro da  autonomía que lle é propia a universidade –institución aínda máis vella que o Estado (moderno)- respecto dos diferentes poderes, a fin de que a historia, e os seus practicantes e actores, disfrute neste novo seculo dunha nova primavera. Moitas gracias.                        



*  Conferencia dictada as 20 horas do 17 de novembro de 2004 na Biblioteca da Deputación Provincial de A Coruña (Galicia, España) no cadro dos actos do V Premio de Ensaio "Manuel Murguía" (arquivo de audio en "Presentaciones" nº 52 de www.h-debate.com).

 

[i] Coidamos que no momento en que esto se difunda o CESGA haberá colocado xa de xeito permanente o video do congreso na nosa páxina web.

[ii] Escribimos "historia inmediata" no sentido máis riguroso: toda investigación e interpretación que trate de xeito histórico ou historiográfico relevantes feitos ou procesos contemporáneos ó propio historiador.

[iii] O actual presidente do CISH-ISCH (www.cish.org), Jürgen Kocka, foi membro do Comité Científico do I e do II Congreso Internacional Historia a Debate (1993 e 1999), está a continuar os esforzos de actualización emprendidos polo seu predecesor, François Bédarida, engadindo algúns "grandes temas" históricos de interés actual, sen que as análisis polo de agora cheguen ata o presente.

[iv] Ó longo da pasada década fumos elaborando unha base de datos coas direccións postales e electrónicas de decenas de miles de colegas, que vén funcionando ó xeito dunha vasta lista de distribución (coa posibilidade individual e continua de se borrar dela) con  varios mensaxes ó ano para difundirmos as nosas grandes iniciativas.

[v] A partir do II Congreso a presentación de ponencias está aberta a calquera colega, con independencia do seu estatus académico ou nacionalidade, en igualdade de condicións polo tanto cos restantes relatores, sempre e cando naturalmente a proposta se adapte o noso temario.

[vi] A cuestión non é tanto de fragmentación académica como de fragmentación mental, coidamos que pódese –mesmo débese- "estar" nunha especialidade historiográfica pensando e traballando globalmente.

[vii] A toma de conciencia da gravidade deste atranco historiográfico determinou o contido da nosa conferencia plenaria: Historia a Debate, un paradigma global para la escritura de la historia  (no prelo nas Actas do III Congreso).

[viii] A razón académica –promoción curricular- que se pode aducir para comprender a agudización da tendencia (posmoderna) ó individualismo historiográfico, logo da "caída" das "grandes   escolas" do século XX, semellanos  así e todo insuficiente, cando máis se falamos dunha comunidade académica tan socializada como HaD: o problema de fondo é metodolóxico, historiográfico e  -antes que nada- epistemolóxico.

[ix] A elevada cantidade de ponentes inscritos permitiunos una escolleita coherente coa pertinencia temática e asemade co nivel das propostas.

[x] Confirmando ampliamente a nosa percepción, un ano antes da  realización do congreso, de que íamos levar a cabo "el congreso más importante" (vexase a "Preconvocatoria" do 31 de xullo de 2003, no apartado adicado o III Congreso na nosa web).

[xi]  Fallaron tamén outros continuadores de certa entidade, por causa da concentración do interese pola historiografía en HaD e pola cativez e discontinuidade dalgunha que outra tentativa, por ausencia sempre de proxecto historiográfico, global e teórico.

[xii] Once anos despois a meirande parte das figuras representativas das vangardias xa pasadas no están entre nós, teñan problemas para viaxar e  participar en grandes eventos ou, no peor dos casos, perderon logo de tantos anos o interese polo presente e o futuro da innovación, salvo excepcións como os conferenciantes plenarios do III Congreso ou Eric J. Hobsbawm (1917) encarnación viva da historiografía marxista occidental.

[xiii] Hobsbawm vén de criticar en novembro de 2004, na clausura dun congreso británico sobre a historiografía marxista,  á escola de Annales por teren renunciado (os seus herdeiros institucionais) á "reconstrucción da razón" historiográfica e histórica, nunha sorte de Manifiesto individual pola renovación da historia (publicado en "Mensaxes Listas" 4/1/05), que tantas semellanzas  ten co noso Manifesto colectivo de 2001: ogallá atope (Hobsbawm) seguidores  pola renovación entre os herdeiros actuais de Past and Present.

[xiv] Temos xa nove volumes publicados de actas de congresos sobre investigaciones e reflexións historiográficas, que pronto serán doce, segundo os esquemas positivistas resucitados, estaría todo dito, demostrar congreso a congreso que non é así forma parte da revolución historiográfica que HaD está a implementar conscientemente (cando menos desde a súa dirección).

[xv] Dícimolo así para sermos pedagóxicos, en realidade para nós é o mesmo o acordo e o desacordo, nutríimos o consenso do debate e o disenso, practicamos de xeito cotidiá o que en galego se chama ‘trasacordo’.

[xvi] Cómpre insistir que interésannos tanto neste tema e neutros as ideas "propias" como as ideas "alleas", susceptibles de aportar algo –malia as acostumadas deficiencias teóricas derivadas da especialización- ó novo consenso (paradigma) que pretendemos.

[xvii] Cómpre recordar que a "historia total como horizonte utópico" valeu sobre todo de coartada teórica para  justificar o fraccionamento estructural dos novos historiadores.

[xviii] O problema non é tanto de palabras como de contidos, reemplazamos usualmente "total" por "global" pola finitude, realismo e actualidade do segundo término, cuxos diversos usos dilucídanse doadamente segundo o contexto, o mesmo que calquera outra entrada  do diccionario.

[xix] A proposta é asimismo consecuencia da miña experiencia personal, véxase "Historia social y mentalidades: nuevas perspectivas", Medievalisme: noves perspectives, Lleida, 2003, pp. 81-108

[xx] O 12 de xaneiro de 2000 abrimos un debate "Historia mundial / historia global" que se pode consultar na nosa web, case non tivo seguimento, agardamos que o III Congreso o reanime.

[xxi] O mesmo acontece coa historia inmediata, coa  recuperación da memoria histórica ou  -retrocedendo máis no tempo - coa historia oral, a historia das mulleres ou a historia ecolóxica: encerradas nas especilizacións empíricas, academicistas, van perdendo pouco a pouco a súas potencialidades innovadoras.

[xxii]  HaD é ante todo un proxecto metóloxico e historiográfico, o que nos distingue dos partidarios do retorno a Ranke que camuflan a súa aposta epistemolóxica "asegurando" que o "único que vale" na investigación histórica é a empiria; vontade teórica que nos achega ós historiadores posmodernos consecuentes, por muito que non coincidamos coa súa proposta filosófica (fin da "idea de progreso"), epistemolóxica (xiro lingüístico, narrativismo) e historiográfica (paradigma fragmentario).

 

[xxiii] A "historia do tempo presente" é máis unha ampliación ó século XX da área de Historia Contemporánea, que unha historia realmente actual, sempre algo máis comprometido, un motivo máis por tanto para empregar un término académicamente menos ambiguo como Historia Inmediata, tamén susceptible naturalmente dun uso espurio.

[xxiv]  A falta de tolerancia e de respeto ó interlocutor no debates de actualidade, amparada as veces no anonimato, é un problema constante en Internet, outros foros de historia tiveron pechar por este problema ou  renunciar á polémica reducindo as "listas de debate" a simples canles de disfusión da información académica, asimismo necesaria e que nos vimos publicando no tablón de anuncios da web.

[xxv]  O mito da "neutralidade" do historiador, teórico "notario" perante unhas fontes teóricamente "inocentes", foi nun principio –hai máis de 100 anos- positivo na loita contra a historia-ficción, pero hai moito que está a obstaculizar a adaptación da nosa disciplina a evolución histórica,  historiográfica, científica, arriscando con facernos retroceder á marxinalidade "erudita" nestes tempos de globalización presentista.

[xxvi] A mengua da presencia de "grandes figuras" que imos detectando de congreso a congreso (véxase a nota 12), veuse compensada en 2004 por unha mayor participación historiadores máis xóves e representativos das historiografías emerxentes, o que resulta vital cara o futuro de HaD.

[xxvii] Co tempo o obstáculo lingüístico desaparecerá tamén en Internet.

[xxviii] Os editores do libro fumos o profesor Lawrence J. McCrank e máis eu, pero xusto é recoñecer que o mérito principal da súa publicación e do  editor nortemericano (hispanista, medievalista,  especialista en bibliografía e información histórica dixital), da propia editorial e dos  informantes do libro profesores Georg G. Iggers (Universidade de Buffalo), Ronald W. Davis (Universidade de Michigan), David E. Thornton (Universidade de Bilkent, Turquía), a todos eles os noso agradecemento público en nome dos autores e do conxunto de HaD.

[xxix] Para atopar formas de intercambio igual non nos sirven as vangardas do  século XX: historiografías tan avanzadas como a francesa de Annales ou a inglesa de Past and Present, ensinaban máis que aprendían (no sentido que tén o verbo na língua castelá) das consideradas "periferias", países latinos e americanos, incluidos os  EE. UU., o que creou malos hábitos ("colonialistas") entre os emisores e os receptores daquel entón.

[xxx] Outra evidencia máis dos efectos positivos, democráticos, igualadores, da globalización das comunicacións, no ámbito das relacións académicas internacionais, que tan ben coñecemos: véxase "Historia a Debate, tendencia historiográfica latina y global", Aula-Historia Social, Valencia, nº 13, primavera 2004, pp. 84-90.

[xxxi] Vese mellor a excepcionalidade da experiencia de HaD, se a comparamos –fóra do ámbito académico- co intercambio desigual e  unilateral existente entre El País, La Republica, Le Monde e outros xornáis europeos co The New York Times: os primeiros están a publicar semanalmente un suplemento cunha selección de antigos do NYT que para nada corresponde  dando a coñecer nos EE. UU. as novas e opinións da prensa europea.

[xxxii]  Véxase a nota 16.

[xxxiii] Os bós historiadores saben, como M. Bloch, que  o profesional da historia, queiramos ou non, parécese  máis o seu tempo que ós seus pais.

[xxxiv]  Xunto con outras formas de compromiso menos novas, ubicadas a ambos lados do espectro historiográfico e político, que teñen dereito a expresarse e son ademáis parte esencial do debate.

[xxxv] É unha consecuencia da falla de prazas, situación que vaise aliviar na próxima década coa xubilación do profesorado da xeneración baby boom, fenómeno sinalado que afectará escasamente ós actuais historiadores non universitarios.

[xxxvi]  De seguro que non podemos decir o mesmo do espírito renovador nos métodos e nos enfoques, pero tampouco andamos moi sobrados diso agora nas universidades.

[xxxvii] Véxase a nota 12.

[xxxviii]  Eficaz no sentido de implicar máis á academia historiográfica; completa no sentido de abranguer toda a historia, non soamente o século XX.

[xxxix]  Os media tradicionais pasaron dunha función crítica como cuarto estado nos anos do Watergate á formar parte nos anos 90 do poder establecido, aínda que non todos os medios escritos e televisivos sufriron a mesma evolución, naturalmente.

[xl] Sobre todo se están enfocados ó seu gusto  historiográfico e/ou ideolóxico, o dirixismo dos medios máis influentes está cambiando -para mal- o sentido do que Gramsci chamou os "intelectuais orgánicos".

[xli]  Auxe relacionado entre nós por el retorno da historia de España, dúas décadas despois de que floreceran pendularmente as historias das nacionalidades e rexións, quedando para un futuro (inexorable) a historia mundial.

[xlii]  Formacións e vocacións con certa tendencia ó conservadurismo historiográfico que debemos combater non soamente entre os alumnos.

[xliii]  Non o foi o caso da Xunta de Galicia que financiou os nosos Congresos de Historia a Debate nos Xacobeos 1993, 1999 e 2004, sen condicionamento algún en canto a temas, enfoques, invitados, etc., como temos posto de releve en varias ocasións.

[xliv]  Esta influencia política, mediática e editorial sobre determinda historiografía  veu reemplazar á influencia doutras ciencias e movementos sociais, características do século XX, reflejando un novo presentismo institucional, que naturalmente ten outras lecturas e influencias compensatorias desde a sociedade civil e a globalización alternativa.

[xlv]  Con todo, o novo goberno do PSOE non semella ter entre as súas prioridades a historia, a diferencia do goberno anterior, coa salvedade relativa do Centenario do Quixote, non desenvolvendo ata o momento ningunha iniciativa a favor dunha historia plural de España, o que se corresponderia en apariencia co seu proxecto político, onde si cabe o seu apoio loable, non dirixista, ás asociacións pola recuperación da memoria histórica da guerra civil e do franquismo.